|
|
|
|
|
|
| O VIADUTO DE MERA |
|
 A bisbarra do Ortegal sempre careceu de infraestruturas de comunicación modernas: non hai aeroporto, nin un porto grande, nin sequera autovía ou tren de alta velocidade. É máis, a chegada do tren foi moi lenta. No século XIX comezou a demandarse unha liña ferroviaria que unise os acuartelamentos de artillería de Ferrol coas fábricas de armas e explosivos de Asturias. O que despois deu en chamarse o Tren da Costa.
Principiou o proxecto cunha lei de 1.883, na que se instaba aos enxeñeiros do goberno a realizar, coa maior brevidade, os estudos para un ferrocarril que saíse dende Ferrol pasando por Ortigueira, Viveiro e Ribadeo para chegar a Xixón. En 1.886 o Congreso dos Deputados aproba a liña férrea de vía estreita cun orzamento por quilómetro construído de 100.000 pesetas (600€), que xa era pesetas!.
En 1.902 chegaron a Ortigueira os enxeñeiros que realizaron o estudo da vía, mais, por discrepancias sobre a idoneidade do trazado, as obras non dan comezo ata 1.921, facéndose cargo das mesmas o estado español. O desastre de Annual, a guerra civil e a posguerra retardaron a obra. Inaugúrase o primeiro tramo, en Asturias, en 1.950. O tren a Ortegal aínda tardaría máis de 10 anos. O 29 de xaneiro de 1.962 inaugúrase a liña Ferrol-Mera e o 7 de setembro de 1.964 a liña Mera-Ortigueira; para chegar de Ortigueira a Viveiro tivemos que esperar a 1.966 e o proxecto rematou en 1.972. Para entón a liña de vía estreita estaba desfasada con respecto aos avances da época. Despois disto seguiuse construíndo hacia o País Vasco e hoxe a liña da costa chega ata Bilbao.
A construción das vías do ferrocarril deu traballo a moita xente da zona como Otilia Blanco. Esta muller, quen foi veciña desta casa, contaba que as mulleres colocaban o morrillo e os homes as travesas.
Para que chegara o tren tamén houbo que levar a cabo grandes obras de enxeñería (estacións, apeadeiros, pontes, viadutos ou túneles) que salvasen a complicada orografía do norte. Unha destas grandes obras foi o viaduto de Mera, construído en 1.921 polo enxeñeiro vasco Jesús Uribarri, un discípulo de Gustave Eiffel, o arquitecto da Torre de París. O alto viaduto de formigón atravesa o val do Mera no seu curso medio, pouco antes de que este forme a súa máis grande insua. Cun largo de 95 metros, consta de once arcos de medio punto que apoian en grosos piares reforzados con piastras.
Os máis vellos do lugar lembran unha historia que non sabemos canto ten de certa. Disque o construtor do viaduto se empeñou para poder levalo a termo. Como o goberno non lle aceptou o traballo en tempo, e por tanto non pagou, el viuse arruinado e parece que se suicidou tirándose do viaduto abaixo. Corenta anos despois disto comezou a pasar o tren pola súa construción e continúa hoxe en día. |
|
|
|
|
| A CASA DA VELA |
|

Nós temos un barco moi pacífico e hospitalario, pero nos mares sempre houbo de todo.
Os piratas atacaron as nosas costas dende a Idade Media, primeiro viquingos e normandos e lles seguiron ingleses, holandeses, franceses e ata bérberes. Saqueaban as vilas levando todo o que consideraban de valor. Piratas, bucaneiros, filibusteiros e corsarios parecían todos iguais: arrasaban, mataban e roubaban. Mais non era así. Os corsarios tiñan patente do goberno do seu país para exercer a piratería a cambio dunha parte das ganancias. Un dos piratas máis famosos que chegaron ás nosas costas foi o inglés Francis Drake a quen a súa raíña lle concedeu un título nobiliario polos servizos prestados á Coroa inglesa.
Os barcos piratas adoitaban ser naves lixeiras, rápidas e ben armadas para conseguir abordaxes doadas, e tamén de quilla baixa para poderse achegar á costa con facilidade. Non era estraño ver goletas, balandras ou bergantíns abordando outros barcos, poida que coas as súas adegas cheas de tesouros procedentes das guerras de Flandes.
Tamén nestas augas ocorreu un episodio da historia moderna, a Batalla de Cabo Ortegal. O 4 de novembro de 1.805, desenvólvese a derradeira acción da campaña de Trafalgar, na que un barco francés, aliado de España e capitaneado por Pierre Dumanoir foi capturado preto das costas de Ortigueira polo capitán inglés Richard Strachan.
Cando os barcos piratas vían a nosa costa entre Punta Candieira e Estaca de Bares non deixaban de temer un posible naufraxio. A zona é de moito vento do sudoeste rolando ao norte, con choiva e pouca visibilidade, que provoca forte marusía. Ademais as augas próximas á costa están cheas de cons que en marea alta son invisibles. Esta era a nosa protección natural. Pero non chegaba.
Por iso, en tempos do rei Carlos III, foron levantadas unhas pequenas casetas ao longo de toda a costa galega, no alto dos cantís. Hoxe aínda se poden ver algunhas. A súa construción é sinxela: catro paredes duns tres metros por dous, de cachote e algunha sillaría de granito nas esquinas; cuberta do mesmo cachote, a dúas augas por fóra e en bóveda no interior; unha porta, algún ventanuco e un lar no interior para facer lume. Nelas apostábanse sentinelas que mediante sinais de fume se comunicaban con outros postos. A estratéxica panorámica que contemplaban era fundamental para artellar a defensa.
No Porto de Espasante, na Punta dos Prados, atopamos unha destas construcións, a Casa da Vela. No ano 1.703 o párroco de San Xoán pediu protección ante os ataques piratas de ingleses e holandeses. Construíuse a garita a mediados dese século e contou cunha dotación militar. Dende ela, en días claros, pódense albiscar outras dúas edificacións similares a Vixía da Herbeira, na Serra da Capelada, e a Garita de Vares, no alto de Maeda, xa case agochada tras os eucaliptais.
A visión do horizonte onde se confunde ceo e mar dános a medida da natureza. |
|
|
|
|
| GRAN CINE DE ORTIGUEIRA |
|
 En Ortigueira tódalas rúas teñen dous nomes: o oficial e o coñecido pola xente. No comezo dunha das ruelas máis estreitas da Vila, case esquinado coa Estrada Xeral, atopamos un edificio singular que lle dá nome popular a esta rúa, “a dos Polos”.
Antonio Tenreiro Rodríguez foi o arquitecto que proxectou esta edificación, rematada en 1.940 e destinada a Gran Cine. Tenreiro foi un dos principais arquitectos galegos do século XX e a súa obra máis senlleira é a sé central do Banco Pastor. En 1.930 é nomeado arquitecto municipal da Coruña e en 1.937 é suspendido do seu cargo pola súa militancia republicana. Isto supuxo un atranco na súa carreira, tendo incluso que asinar o seu socio, Peregrín Estellés, algunha das súas obras como esta que nos ocupa.
Este é un valioso exemplo da primeira arquitectura moderna galega cos efectos plásticos dun edificio situado na confluencia de dúas vías principais (algo que se perdeu por unha construción posterior). Racha coa arquitectura ortegana anterior, arrincando da fachada as tradicionais galerías e empregando outros materiais como o formigón e o tixolo recebado. Con todo, o edificio ten un aire mariñeiro que o integra na contorna.
A súa planta é sinxela e o alzado consta de baixo e dous andares con solucións racionalistas á vienesa na súa fachada: no primeiro andar ábrense catro grandes vans sen apenas ornamento e no andar máis elevado os vans son máis pequenos e están situados nun grande volume voado e curvado. Remata a esquina dereita unha torre de corpo voado con catro caras iguais que se eleva en volumes escalados, rompendo a marcada horizontalidade da fachada e cunha función exterior de reclamo publicitario.
O cine deu en chamarse Cine Fojo porque o levaba esta coñecida familia. Tempo andando alugáronllo a Pepe de Pancho, de Senra. O primeiro taquilleiro foi Vicente Baamonde, o curmán de Isabelita do Forno, e cando este marchou para Dinamarca quedou no sitio o irmán desta, Pepe. Había sesións os martes, xoves, sábados e domingos, e sempre estaba cheo. Os domingos a xente xa ía coller as entradas (abaixo máis baratas que arriba) despois de misa para a sesión das cinco, das oito ou das once.
Aquí foi onde Luísa viu as películas de Sarita Montiel, moi de moda nos anos 50 e moi atrevidas para a época. Isabelita do Forno tamén as viu pois a levaba a súa nai a quen lle gustaba moito o cuplé. Di Isabelita que a película que máis pegada lle deixou é unha que fun ver coas miñas amigas, El Padrino, por Marlon Brando.
A partir dos anos 70, o Gran Cine esmoreceu e, como moitos outros, cambiou de actividade (algúns correron peor sorte e foron derribados para construír bancos, supermercados ou comercios de baratillo). Hoxe alberga a moblería dos Irmáns Polo. |
|
|
|
|
| ACEAS |
|
 Existen muíños en Galicia dende a prehistoria. Os máis antigos eran de man e requirían un gran esforzo humano. Tempo andando, na Idade Media aplicouse a tecnoloxía á produción de fariña, dando lugar aos muíños de auga ou aceas. Galicia, o país dos mil ríos, tiña capacidade para construír aceas en calquera lugar. Pola miña parroquia pasa o río Baleo e na súa beira había moitos muíños dos que quedan as súas pegadas.
Pero non tódalas aceas son iguais. Dependendo da roda poden ser de rodicio (horizontal) ou de bruia (vertical). Segundo o xeito de chegar a auga poden ser de canle (nos ríos con bo caudal) ou de cubo (onde se almacenaba auga para aumentar a presión). Os muíños de Couzadoiro adoitaban ser de rodicio e de cubo.
O edificio do muíño pode ser unha caseta que cubre a peza de moer, como case todos en Couzadoiro que acostumaban ter unha pedra albeira e outra mourenza, ou pode ser unha construción que albergue ata cinco pezas e incluso pode ser muíño e vivenda á vez como os que lles chamaban muíños de Eladio, que tiña tres pedras, dúas mourenzas e unha albeira.
Atendendo á súa propiedade podían ser muíños de maquía, nos que o dono era o muiñeiro e levaba unha parte da moenda en pago, en Couzadoiro case todos eran así: o do Carrexo, o de Requeixo, o do Cobelo e o de Baxás. Tamén había muíños de parceiros, que pertencían a varios veciños que se xuntaran para construílo e que tiñan dereito de uso por partes ou quendas e obriga de mantelo en bo estado, así eran o de Cenzo, o de Cernadiñas e o das Mestas. Por último podían ser muíños de herdeiros, iguais que os de parceiros, pero no canto de veciños eran membros da mesma familia que adquiriran o muíño por herdanza, así era o de Leopoldo, de uso propio e para os fillos.
Na acea, de abaixo para riba, podemos ver varios elementos. Na parte traseira está o inferno, a cavidade onde está o rodicio, cun oco para o billote (o lugar por onde sae a auga que fai xirar a roda), e na parte dianteira ten un ou varios ocos de saída de auga. O tremiñado é onde se fai a moenda e está dividido en dúas partes: unha co piso de madeira, pedra ou terra, e outra con esteos de granito que soportan o pé e da moa. A roda pon en movemento a peza de moer e pode ser de rodicio ou de bruia. A peza de moer ten a moega (caixa de madeira onde se bota o gran) e a quenlla (canle pola que o gran vai parar ao ollo da moa). A moa é unha roda de pedra circular que se move sobre o pé, que é outra gran roda de pedra pero fixa. Cando a moa xira escacha o gran ata convertelo en fariña que cae no farneiro. As pedras de moer podían ser albeiras, para trigo ou centeo, ou mourenzas, para o maínzo. Encastado no muro do edificio, xunta a porta, adoitaba haber un sillar de granito sobresaíndo medio metro, era o pousadoiro dos sacos de gran.
O muíño sobre todo era un lugar de relación social como amosan moitas cantigas:
O muíño non é muíño,
que é capela dos solteiros,
se encontrades a casados
botádeos polos regueiros.
Fun esta noite ao muíño
cun fato de mozas novas,
elas todas en camisa,
e eu no medio en cirolas.
|
|
|
|
|
| CEN ANOS DA DEVESANA |
|

Na aldea de San Sebastián de Devesos, no mesmo lugar do Igrexario e fronte ao templo, érguese un edificio que foi escolar e hoxe cumpre 100 anos. A súa veciñanza pode gabarse da súa historia e non debe esquecela.
A principios do século XX, o sistema educativo en España era obsoleto e deficiente. Para paliar este problema, os emigrantes en Cuba, que se decataran das dificultades de seren analfabetos, fundan e manteñen de xeito desinteresado ata once escolas indianas nas diferentes parroquias de Ortigueira.
No ano 1.907, un grupo de obreiros do tabaco naturais de Devesos, constituíron na Habana a Sociedade de Instrución e Recreo a Devesana e doaron xenerosamente boa parte dos seus ingresos para sufragar o edificio da Escola Laica. Ademais da directiva en Cuba, había outra en Ortigueira formada por José Carrodeguas Pena, José Saavedra Luaces e Vicente Sueiras, quen xestionaban a manchea de cartos que enviaban de alén mar para o sostemento do centro.
A Devesana tivo un sistema de ensino moderno co que se pretendía a consecución de personalidades libres e autónomas para a construción dunha sociedade igualitaria. Tivo mestres como Rafael Fernández Casas, quen ensinaba en galego, programaba os contidos das clases, pedía aos seus alumnos que expuxeran as súas ideas a través de redaccións e debates, facía intercambios con outras escolas de indianos...
Os plans de estudo laicos motivaron en gran medida que a Devesana chocara coa intransixencia política e relixiosa, encabezada polo párroco de Devesos. Nos anos 20, tras unha festa de Entroido, apareceu rompida unha vella cruz de madeira podre que penduraba na igrexa. O cura denunciou do estrago aos responsables da escola e, de paso, de celebrar bailes deshonestos e orxiásticos no salón de clases. A raíz deste incidente o Gobernador Civil ordenou o peche da escola. A directiva e o mestre foron defendidos de balde polos avogados Leandro Pita Romero e Santiago Casares Quiroga quen conseguiron retirar as acusacións, mais non levantar a orde de clausura do escolar.
Houbo que esperar ata a II República, na que se lle deu un gran pulo á instrución no medio rural, para a reapertura da Devesana. Por desgraza, non durou. O 18 de xullo de 1.936 comezou a Guerra Civil. Eran entón directivos da sociedade Leandro Martínez Insua e Miguel Sueiras Chao, quen temerosos de seren perseguidos, decidiron queimar co maior segredo os libros de rexistro e tódolos documentos para evitar represalias.
Os falanxistas consideraban aos mestres “envelenadores da alma popular”, segundo unha orde da Comisión de Cultura do Goberno de Burgos, presidida por José María Pemán, o que xustificou a queima da biblioteca e de varios manuscritos de Rafael Fernández Casas. Neste contexto de represión, calquera denuncia podía ser aceptada, aínda cando os seus fundamentos fosen do máis peregrino. Así un garda civil denunciou aos dirixentes da Devesana por agravios contra a España cristiá promovendo bailes nudistas, veladas inmorais, lecturas disolventes, campañas perniciosas e matrimonios civís. A denuncia provocou o novo peche da escola e a súa ocupación polos alzados para utilizala como cuartel militar primeiro e da Garda Civil despois.
Durante longos anos, a historia da Devesana caeu no esquecemento. Hai un tempo a veciñanza cedeulle o edificio ao concello de Ortigueira para a súa restauración e actualmente acolle o centro social da parroquia.
Serva a Devesana como exemplo do medo que durante séculos tiveron os grupos de poder á educación do pobo. |
|
|
|
|
| AS FONTES DA VILA |
|
 Xa non hai fontes na Vila. Coa traída perderon a súa función. Nas persoas que xa imos tendo unha idade, permanece a lembranza do son serodio da auga, as sellas, as augadeiras, as conversas…
Ir buscar auga á fonte era un traballo duro, pois había que ir varias veces no día e era moito o peso que se carrexaba. Ás veces pesaba máis a tora que a auga. Antigamente íase con sellas de madeira cos aros de metal dourado. Despois viñeron as de cinc e tamén a xente deu en reciclar os bidóns de carburo, menos pesados, polo que as sellas foron desaparecendo. Levábanse na cabeza onde primeiro se poñía o molido ou rodel (un anaco de tea retorcido e enroscado) para protexela do roce. Tempo andando xa se empregaron caldeiros de cinc ou galvanizados, levando un en cada man, pero cos acaneos do andar íamos regando o camiño todo.
A xente de carto, no canto de ir á fonte, pagaba augadeiras para transportar a auga, un oficio desenvolvido habitualmente mulleres e hoxe desaparecido. Tamén había aquela xente vida a menos, ou a quen lle gustaba aparentar, que consideraba unha baixeza ir á fonte e o facía nas primeiras horas da mañá ou de noite. Xuntábase coas máis impacientes, porque para coller auga había que esperar quenda. Moitas rifas ten habido pola xente que se colaba ou a que ocupaba os dous canos, xa que nas horas de máis concorrencia só se podía encher un recipiente de cada vez. Porén a fonte era máis un lugar de parola, mentres se esperaba o ritmo lento pero constante da auga.
No Cantón, a un ladiño do Comercio Nuevo (hoxe Galaripos) atopábase unha fonte de forxa con dous canos (da que xa non queda rastro) onde ían das casas máis podentes da Vila. Na praciña dos Anxos, esquina coa rúa Manuel Sandomingo (chamada rúa Dores), atopábase outra pequena fonte de ferro cun só cano e na que se podían ver xentes do barrio do Ponto. Na Penela, no ano 1.887, instalouse unha fonte ao desfacerse o lavadoiro das Cortes, onde antes había un canalón rústico de pedra. A fonte da Preguiza foi construída a mediados do século XX para darlles auga ás chamadas Casas Baratas, cun banquiño de pedra ao lado. Cando se asfaltou a rúa xa había traída nas casas e o banco e a fonte foron trasladados un pouco máis adiante, onde permanecen. A fonte de San Miguel, con manancial propio, aínda a podemos ver, entre a bouza, no camiño que vai a Brandaliz dende o lavadoiro de Curuxeira. E a última das fontes que lembramos é a Fonte vella, así se chamaba o lugar onde hoxe está a nosa casa e baixo ela nace este manancial que verte augas na fonte ornamental situada ao lado do lavadoiro de Curuxeira.
Agora as fontes só están de adorno e a xente xa non lle dá o mesmo valor á auga. |
|
|
|
|
| O ALTAR DA SAGRADA FAMILIA |
|

En Couzadoiro conservamos tradicións que se perden no tempo e ninguén sabe como comezaron. Unha delas é o altar móbil coa imaxe da Sagrada Familia. Non é esta unha peza da Igrexa, senón que depende totalmente da parroquia, da freguesía. É un fermoso altar cunha capeliña que se pecha para seren transportado como unha maleta. Antigamente estaba feito dunha madeira moi torneada pero ía moi gastada e vella; José Dovale (que se chama coma min pero non somos parentes) ofreceuse para levalo a Ferrol e facerlle a caixa nova, non é tan repenicada pero a madeira está boa.
No altar está representada a familia de Xesús, sendo este un neno xa escatulido. É un baixorrelevo policromado, encaixado nun relicario en madeira de castiñeiro sinxelamente gravado e cos bordes da parte superior floreados. Sobre o fondo nacarado destacan as figuras de Xosé, con tres das súas flores na man, María e o Neno, con túnica branca enfeitada con fitas douradas, no peito a representación do seu corazón e sentado sobre un trono encarnado e dourado, cunha cruz no respaldo e un crismón na alfombra verde que cubre os chanzos.
A tradición manda que o altar vaia de casa en casa por toda a parroquia. É acollido en cada fogar durante 24 horas poñéndoo nun lugar preferente da casa, a sala ou a cociña as máis das veces, e acendéndolle unha vela. Faise este rito de continuo; antigamente non chegaban os días do ano para percorrer todas as casas, pero hoxe en día pode quedar máis dun día en cada casa. Cando o veciño ou veciña que lle toca chega a outra casa co altar adóitase dicir Ave María purísima e quen recibe ten que responder Sen pecado concibida. Cando hai velorio nunha casa vaise buscar a imaxe para poñela na cabeceira do cadaleito.
Esta tradición mantense viva non só en Couzadoiro, tamén noutras parroquias de Ortigueira, en Cariño, en Cedeira... Unha imaxe do Carmen é acollida nas casas de Cuíña, a do Rosario na Vila e en San Claudio, a falta de un, teñen tres: o da Sagrada Familia, o da Milagrosa e o de San Felicísimo (este cun peto para pór esmola que se lle entrega a uns freires); na igrexa hai un taboleiro indicando o percorrido de cada un dos altares e a orde que se debe seguir. Unha das tripulantes, Patri, contounos que nunha parroquia de Arzúa, de onde é súa nai, había o mesmo costume.
Non sei se esta modalidade de culto está estendida por toda Galicia, xa me contaredes...
Parece que algo similar ocorría na antiga Roma onde existían os lares. Eran deidades de culto doméstico que coidaban da casa familiar, representadas con pequenas figuriñas. Púñanse cerca da porta principal ou na cociña, en altares chamados lararia (de aí a nosa palabra lareira) iluminados polo lume que debía permanecer aceso. Na celebración do ritual non interviña ningún sacerdote, senón que era o pai de familia quen o realizaba, ensinando á familia as oracións, himnos e cerimonias.
As nosas crenzas son públicas pero tamén teñen o seu lado máis íntimo, que ten un sentido máis tenro e sinxelo. |
|
|
|
|
| O BELÉN DA VILA DE ORTIGUEIRA |
|

Uns días antes do Nadal, ármase o belén na igrexa da Vila.
Un belén é a representación plástica do nacemento de Xesús, mediante a proxección da aldea de Belén, vista de xeito panorámico, na que se sitúan distintas figuras movibles. O primeiro belén pintouse nas catacumbas e dende aquela ata hoxe cambiou moito o conto. Agora fanse beléns de todo tipo: viventes como o de Cariño, coas figuras en movemento coma o da Orde Terceira de Ferrol e ata con materiais reciclados.
O belén da Vila está feito á maneira tradicional, sen artificios nin sorpresas, e ese é o seu encanto. Nel podemos atopar unhas corenta figuriñas con grande expresividade nas súas caras. Estas pezas foron traídas dun obradoiro de Olot a principios do século XX. Daquela nesta vila catalá había unha industria de imaxinería relixiosa con moito pulo, contando cuns 20 obradoiros e chegando a ser unha das escolas españolas máis importantes. O material empregado para estas pequenas esculturas era a pasta de cartón-madeira, material que se puido bendicir a partires dun decreto eclesiástico de 1.887, e só para os ollos utilizábase o cristal. Tiñan unha gran variedade de modelos realizados en barro por artistas do modernismo catalán.
Entre as figuriñas presentes no belén de Ortigueira atopamos a María e Xosé xunta a mula e o boi no alpendre, pastores, campesiños, lavandeiras, augadoiras, ovellas, algún can e, por suposto, os Magos de camiño cos seus camelos. Entre tódalas figuras cómpre destacar por emotiva, unha muller ben maior e xa dobradiña polos cadrís que vai adorar ao Neno; tamén hai unhas vacas rubias, herdadas do antigo nacemento da parroquia; pero a figura máis enxebre é un gaiteiro a cabalo dun burro que, como di a panxoliña:
E tiña que estar
e tiña que haber
algún galeguiño
xunta do recén.
Xunta do recén
non podía faltar
algún galeguiño
para aturuxar.
Na Noiteboa, coa misa do galo, déitase o Neno no seu berce, sen o cal o belén non tería sentido de ser.
Así e todo, o grande valor artístico deste nacemento débese ao escenario no que se sitúan as figuriñas. Está decorado con motivos bíblicos e exipcios (tan en voga a principios do século anterior) e varios panos con tres espazos de luz que representan o alpendre, o castelo de Herodes e a pousada coas montañas ao fondo. Elaborounos en 1.924 o ferrolán Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo e o escenógrafo de máis sona de Galicia. Baliño ten elaborado o decorado e escenografía de obras teatrais da época, decoracións de locais, tapices, murais, ilustracións literarias, carteis... Baliño estaba moi vencellado a Ortigueira xa que o seu pai, Germán Díaz Teijeiro, era natural desta vila.
O belén o arma tódolos anos José Manuel e o seu pai Juan da Leinova (quen o veu facendo de toda a vida) e lle axuda na parte artística Luciano.
Poderemos visitalo a partir de mañá, 22 de decembro, ata pasar o día de Reis. Merece a pena! |
|
|
|
|
| O MUÍÑO DE MARÉS DE POL |
|

Xa falamos aí atrás de muíños, que hai para dar e tomar. En Ortigueira temos outra mostra deste tipo de arquitectura popular, trátase do Muíño de marés de Pol, na parroquia de Senra, restaurado hai un ano.
A orixe dos muíños de marés é descoñecida. En Galicia o máis antigo do que se ten noticia é un que houbo en Viveiro no século IX.
Existen en Galicia grazas aos quilómetros de costa con rías, enseadas e esteiros, protexidos de mar aberto, e unha diferencia mareal duns tres metros. Este tipo de muíños non tiñan un fluxo constante de auga polo que contaban cun tempo de moenda diario limitado polo ritmo das mareas; moíase unhas 6 horas por cada ciclo de enchente ou baixante. A avantaxe era que podían funcionar aínda en épocas de seca, cando as aceas a penas tiñan caudal.
O muíño de Pol foi o derradeiro muíño de marés construído en Galicia. Foi feito a principios do século XX por José Linos, un emigrante retornado da Habana, xunto co seu irmán, na desembocadura do río Maior, no fondo da ría de Ortigueira.
O edificio do muíño era de muros de cachote e cuberta de lousa. Había dúas portas unha daba ao edificio e outra ao dique da presa. Tiña dous cubos, dos catro plantexados (hai muíños de ata 6), un con pedras albeiras, para o trigo, e outro con pedras negreiras, para o maínzo. O dique, de 60 metros de longo e metro e medio de fondo, tiña unha comporta de madeira de 3 metros de ancho e un aliviadoiro de menos dun metro. Na parte mergullada do muíño había 7 arcos que comunicaban todos os pasos da auga baixo o muíño: 4 de entrada, 2 de saída e un entre ambos vasos. Os dous rodicios eran de madeira, dun metro de diámetro e cinguidos por un cintón de ferro. A parte mecánica fíxoa Grandal, un carpinteiro do Valdoviño de moita sona.
Cando se abrían as comportas, a auga viña pola canle e batía contra o rodicio para polo en movemento. Este, a través do eixe, facía mover a peza de moer. Poñíase o gran na moega e de alí ía caendo pola quenlla no ollo da moa. A moa xiraba e estrullaba o gran contra o pé. Deste xeito tiñamos fariña.
José voltou para a Habana pero cada ano regresaba para supervisar os seus muíños. Foi un negocio con gran pulo onde se cobraba en maínzo ou trigo. A xente viña de lonxe en carros cargados con sacos e tiñan que pasar unha ou dúas noites esperando para moer. A moenda duraba tres horas e moíase sobre 10 ou 12 ferrados (20 quilos de maínzo ou 15 de trigo). Nos anos 70 deixou de funcionar e hoxe en día é a sé da Asociación Ornitolóxica Calidris.
Os muíños posuían un evidente valor na economía do lugar pero tamén xogaban un importante papel nas relacións sociais. Mentres se esperaba pola quenda a xente parolaba, cantaba e bailaba (de aí a nosa muiñeira); pero sobre todo era un lugar para mocear o que queda moi ben reflexado en cantigas populares como esta:
Aturuxos que vai dando
Carmen por Andresiño,
aturuxos que vai dando
cando vai para o muíño.
|
|
|
|
|
| O CRISTO DE MOURAZ |
|

Contábanos Maribel a lenda que atribúe o nome de Faladora á serra. Disque alí foi soterrada viva Hildefrida, esposa do rei Remismundo; parece que acusaron á raíña de mandar matar a un fillastro seu e o rei ordenou vinganza. Hildefrida, por ser inocente, aínda vive nas entrañas da serra e dende alí pódense escoitar os seus laios.
Se ás Pontes vas
e unha pedra oes falar
é a dona de Remismundo
co seu eterno penar.
Cando paseamos pola serra, ademais de escoitar á raíña faladora, atopamos, case sen querer, unha chea de tesouros; só temos que entornalos ollos para distinguilos.
Preto da Pena Branca, aló onde se xuntan os montes, da Panda, do Carabelote, da Penagrande e da Coriscada, podemos ver os restos do Cristo de Mouraz, entre monumentos prehistóricos, como representante da cristianización destas terras.
Dicía Federico Maciñeira, o gran historiador, que era un gran cruceiro de pedra con ampla base, que servía de marco para dividir sobre aquel ángulo as parroquias de San Sebastián de Devesos, San Cristovo de Couzadoiro, San Mamede de Grañas do Sor e Santa María de Mañón, dicíndose na localidade que sentados ao pé da cruz poden xantar os catro respectivos curas sen saír de cadansúa.
Hoxe, se non nos decatamos, pode pasar por ser un monólito perdido no medio do monte. Del só quedan a súa base e parte do brazo máis longo, descabezado, sen Cristo e entre as silvas que medran en derredor.
Hai quen di que aínda perduran as trincheiras que fixeron os mouros, contra quen loitou o Xeneral Mouraz saíndo vitorioso grazas a un “pau de dous paus” (explícame Manolo de Devesos que debía ser un mallo). En lembranza desta vitoria ergueuse o monumento.
O caso é que o Cristo de Mouraz era lugar de cita antigamente para os romeiros, tanto para os que ían en peregrinación a Teixido como para os que se dirixían a Compostela. Isto é porque está en pleno Camiño dos Arrieiros, un camiño usado ata a Idade Media, que unía o porto de Vares con A Mourela (As Pontes).
Cantos tesouros agochados temos na nosa terra. |
|
|
|
|
|
|
|
|
|