Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

REMEDIOS PARA O CATARRO
Antigamente só se chamaba ao médico para cousas graves pois a sabedoría popular tiña remedios para curar os males máis comúns. Estas menciñas populares foron transmitidas de xeración en xeración e non é ben que se perdan.
Neste tempo, o máis frío do ano, é habitual que collamos catarro e para el temos varios e probados remedios.
Loliña de Couzadoiro propón que fagamos ponche feito con caña, leite e unha xema de ovo que se tomará ben quente antes de se ir á cama para quitar o trancazo; hai quen lle carga máis ao leite e quen á caña, para gustos.
Lola de Devesos fervía unto no viño tinto e unha vez temperado débese tomar varias veces ao día (ben non sabe, pero fai suar).
Na casa de Andrés facían un xarope do seguinte xeito: nun pouco de auga cocían unha cebola, unha folla de loureiro, un pouco de limón e mel, durante unha hora; despois coábase e gardábase nun tarro de cristal. Hai que tomalo a culleradas.
A nai de Baudilio facía unha infusión de ourego maduro e seco ao sol (para conservalo pódese meter nun tarro de cristal) que se tomaba pola noite.
Isabelita do Forno dinos que son moi bos os vapores de eucalipto. Farémolos coas follas do eucalipto cando xa é árbore (pois as follas do arbusto son tóxicas) ben fervidas. Coa pota fumeando imos para o cuarto, pechamos a porta e tomamos os vapores.
Angustias do Gaio comentou que co sebo de carneiro quentado nunha tixola podemos mollar un trapo e poñelo no peito, o máis quente posible, ata que arrefríe.
Moitas veces co catarro temos dor de gorxa, de oídos, de ollos ou no lombo. Para as molestias da gorxa o máis habitual é tomar o mel a culleradas, tamén había quen usaba unto (hai que coller a tona de unto mollado en aceite e colocala na gorxa tantas veces como faga falla), ou zume de limón con azucre (debemos asar os limóns no forno, despois espremer o zume e engadir azucre; hai que tomalo varias veces ao día), pero o remedio máis curioso é a infusión de chantada (férvese con auga unha herba coñecida como chantada e déixase macerar para facer gargarexos con ela).
Para a dor dos ollos é ben coñecido o uso de infusión de manzanilla ou de romeu, ben coada para lavar os ollos, pero é máis curioso o remedio con fariña de millo, hai que amasar unha pouca en auga fría, envolvela nun trapo limpo e poñela directamente nos ollos; non cura pero alivia a dor.
Para a dor dos oídos faise un remedio con aceite de oliva e unha poliña de ruda, quéntase pouco a pouco nunha tixela ata que a ruda solte un líquido que poña o aceite de cor amarela, logo empápase en algodón e ponse no oído.
María de Lucho dinos que para a dor no lombo utilizábase ruda fervida en auga cun pouco aceite; móllase un pano e frégase con el a zona que doe.
Escoitei nunha ocasión que, no caso de febre, ao doente hai que pasarlle ortigas polo lombo para logo refregarlle a zona con alcohol... Adoece, pero disque é eficaz. Este remedio non o probei, se alguén o proba é ben que nos deixe un comentario de se foi eficaz.
Comentarios (4) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 30-01-2012 10:48
# Ligazón permanente a este artigo
AS COMIDAS DAS FESTAS

Teño unha amiga que di que en Galicia se celebra todo comendo. Pode ser. Será porque dende sempre temos bos produtos e boas mañas. Imos recordar algunha das receitas tradicionais do Nadal, para irmos abrindo boca.
Na cea de Noiteboa era costume poñer na mesa o bacallau con coliflor, un prato de sabores profundos e contrastados, humilde e sinxelo. Facíase co bacallau salgado que era doado atopar en calquera lugar de Galicia, pois conservábase ben nas terras do interior. Da receita lémbrase ben Angustias do Gaio. Desálgase o bacallau dende o día anterior. Lávase a coliflor e as patacas e córtanse. Bótanse a cocer en auga con sal (había quen lle botaba unha folliña de loureiro). Aos 10 minutos bótanselle os toros de bacallau e déixase cocer todo uns 10 minutos máis. Mentres facemos na tixola a allada con aceite, uns allos e pimento doce. Cando temos o bacallau, a coliflor e as pataquiñas na fonte botamos a allada por derriba.
Outro prato tradicional do día de Nadal era o capón que en Vilalba segue a criarse ao xeito tradicional. O capón ven sendo un polo capado antes de galear, cara a maio ou xuño. Unha semana despois comezan o engorde ao aire libre e con produtos naturais. Por San Martiño péchanse nas capoeiras onde non se poden mover e comen o amoado, unha pasta feita con millo do país metida en auga fervendo (tamén se lle pode engadir pataca ou castañas cocidas e xema de ovo). Uns días antes da Noiteboa sacrifícanse, colócanse por pares, esplumados e eviscerados, en cestas de vimbio ou madeira, cun receheo de palla cuberto cun pano de liño branco (a cor dourada dos animais contrasta coa brancura do liño). Así preparados, os capóns véndense na feira anual do 21 de decembro que se celebra en Vilalba dende hai case dous séculos. Xa na casa o capón asábase no forno lentamente, recheo ou valeiro que xa de por si sabe ben. Púñase para encher a mesa primeiro e logo o bandullo o día de Nadal.
Para sobremesa púñanse uvas, noces, abelás, un pouco queixo con mel, pan de ovo e, dende principios do século XX, introducíronse o turrón e o mazapán. O día de Reis facíase pan de Reis mesturando fariña de trigo coa fariña de moer os reises (as espigas encarnadas de maínzo) e noces, figos e uvas pasas, un pouco azucre e canela.
Hoxe en día engadimos a estas receitas tradicionais o marisco, tan abundante e rico na nosa terra, aínda que ás veces vaia tan caro. Lagostinos, cigalas, ameixas, lumbrigante ou vieiras son algúns dos froitos mariños que aparecerán nas nosas mesas nestas festas, pois un día non son días...
BO PROVEITO!
Comentarios (1) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 14-12-2011 10:18
# Ligazón permanente a este artigo
CASTAÑAS, NOCES E VIÑO FAN A LEDICIA DE SAN MARTIÑO

Rematadas as vendimas, no mes de outubro xa pingan as primeiras castañas e logo chega novembro (?castañal? para a xente do Incio), mes das esfolladas, para comer coas mozas, catro castañas asadas, segundo di o refrán. Tempo no que homes e mulleres se xuntan arredor dun lume acendido no chan, con frouma de piñeiro, botan castañas verdes nel, para que se asen, e despois cómenas, regadas con viño novo e cantares. É a festa do magosto, que se celebra arredor do San Martiño, alá polo 11 de novembro, día arriba día abaixo.
O san Martiño, patrón da nosa parroquia, mirade se é importante que ata a castaña serodia, plana e alongada leva o seu nome. Por iso, non podía faltar no noso programa das festas unha boa castañada.
A historia de Galicia non se pode explicar sen falar das castañas, e do seu pai o castiñeiro, árbore nobre, querida e venerada por moitos pobos e que deu alimento, madeira, acubillo e sombra a moitos dos nosos devanceiros. Hai que lembrar que durante os primeiros tempos do cultivo das patacas, estas recibiron aquí os nomes de castañas da terra ou castañas mariñas.
As castañas son unha importante fonte de alimentación no sur de Europa, no suroeste e no leste de Asia. Durante a Idade Media, no sur de Europa as comunidades que habitaban cerca de soutos e que tiñan escaseza de acceso á fariña cereal, utilizaban as castañas como a súa principal fonte de carbohidratos. A castaña constituíu unha importante contribución calórica para as persoas e tamén se utilizou na alimentación dos animais domésticos, xa que son ricas en graxas, proteínas, minerais e en vitamina C.
As castañas pódense comer de moitas maneiras, crúas, fervidas, asadas ou doces. Unicamente as bolecas, cagallas ou croucos, malogradas dentro do ourizo, destínanse á ceba do porco.
Recén apañadas, pódense asar nun tixolo, para comelas, ben sexa soas cun pouco de viño, ben sexa cun pouco de chourizo, ou esmigalladas en leite. Nas noites de inverno, nos pobos interiores de Galicia, é moi frecuente cear castañas asadas, con leite.
As castañas verdes, tal como veñen da árbore, tamén se poden cocer nunha pota, con auga e unhas areas de sal. Pódenselle botar tamén fiúncho, se se quere, un chourizo e logo pelalas e comelas, soas, co chourizo, con carne ou con leite. As castañas cocidas con casca chámanse zonchos.
Outro importante uso das castañas é a fariña, coa que se pode preparar pan, pasteis e pasta. O marrón glacé é ben coñecido.
As castañas para se conservaren teñen que estar completamente secas antes de retirar a cápsula espiñenta que as contén e deixalas nunha caixa ou barril cubertas de area fina.
Outra forma de come-las castañas é deixándoas secar no caínzo ou fumeiro, ó fume da lareira. Son as castañas maias, maiolas ou castañas do canizo, que se comen logo, secas e peladas, en forma de caldo de castañas. Pola zona de Ferrol chámanlles pilongas. A maior parte das castañas que se collían nos soutos galegos botábanse nos canizos das cociñas, para secalas. Tódalas lareiras galegas tiñan enriba delas un canizo. O mesmo lume da lareira, que se usaba para quentarse e para facer a comida, servía tamén para ir secando as castañas pois o teito estaba formado por travesas de madeira separadas entre elas medio centímetro, deixando espazo suficiente para que puidese subir a calor e o fume, sen que caesen as castañas que se botaban no canizo, enriba da cociña. De vez en cando había que subir ó canizo, para remexer as castañas, para que secasen todas por igual.
Cando chegaba o mes de xaneiro e as castañas estaban ben secas, era o tempo de pisalas. Collíanse e botábanse nun cesto que se baixaba para o curro. Botábanse unhas poucas dentro dun zurrón de pisar as castañas, feito coa pel dun xato, especialmente para este destino. Entre dous homes novos collían o zurrón e bourábanlle duro enriba dun tallo de madeira.
Despois bazaban a piada na criba, e outro home movía con arte a criba facendo subir as castañas ó aire, de tal xeito que as castañas volvían caer verticalmente na propia criba e as cascas voaban co vento, quedando finalmente as castañas soas, brancas, limpas e sen casca. Estas, botábanse nun cesto e logo bazábanse nunha arca onde se gardaban como un verdadeiro tesouro. Botábanse aparte os "picaños" ou "picós" (as rotas ou malas), noutro cesto ou noutra arca para dárllelas aos porcos.
Os máis vellos/as lembran que as castañas secas eran duras pero moi ricas. Daba gusto meter unha na boca e chupala pouco a pouco como se fora un caramelo. Contan tamén que se se sementa a castaña do medio (das tres que normalmente ten un ourizo) o castiñeiro que naza pode dar castañas sen necesidade de enxertalo. Pero o máis normal é enxertar os castiñeiros, cando teñen sete ou oito anos, con pugas dun castiñeiro que dea boas castañas.
O outro día contáronme que ?debaixo da sombra dos castiñeiros fixéronse os mellores poemas, déronse os mellores bicos, e dixéronse as mais fermosas palabras de amor. De madeira de castiñeiro eran as trabes das casas, as táboas do piso, as arcas, os armarios, os chineiros. De castañas estaba feito o cerne do corpo dos labregos e labregas. E da alma do castiñeiro está feito o eixe do noso espírito colectivo?.
Para tod@s vós, bo proveito!!
Comentarios (2) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 30-11-2011 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
O CALDO

O caldo é a base da alimentación campesiña xunto co pan e o leite. Outras comidas había para os días de festa, pero a diario comíase caldo e leite para xantar e leite e caldo para cear. Se era día de traballo arreo, había almorzo pola mañá cedo de leite con pan.
Tiña a súa razón de ser que fose o caldo e non outra comida o sustento diario. Tódolos produtos que o compoñen podíanse coller en calquera horta galega e o unto gardábase da matanza. Facíase o caldo con auga, fabas, unto, patacas (había quen lle botaba castañas curadas ou calabazote) e verdura. Segundo a verdura que se lle botara, o caldo podía ser de verzas, de nabizas, de grelos (o máis amargo) ou de repolo (o máis doce); tamén había quen facía caldo de verán con leituga.
Lembro cando as patacas se gardaban da colleita do ano anterior e non nacían con xeito. Chamábanse patacas da abundancia, supoño que porque saían moitas, as máis delas pequenotas e se lles daban aos porcos; non valían un patacón. Daquela saía o caldo chirlo, levaba máis auga que outra cousa. Cando viñeron as patacas da semente xa había máis fartura e se facía bo caldo, sobre todo coas baracas que eran máis fariñentas que as de canabé. Hai unha copla que fala do caldo:
Rapaza, o ben querer,
vaiche en tirar do caldo.
Para todos vas ao fondo
e para min andas nadando.

Na miña casa o caldo facíase así. De véspera púñanse as fabas a remollo, para que amoleceran. Enchíase a pota do caldo con auga e botábanse a cocer as fabas cun cacho de unto (máis grande ou máis pequeno, segundo houbera), sobre hora e media; para de aquela, o unto estaba desfeito e as fabas doadiñas. Mentres, lavábase a verdura e pelábanse as patacas ben finas, non fora a pataca na pelica, e cortábanse en cuñas delgadas (que se viran no caldo pero que non estorbaran na culler). Miña nai primeiro botaba as patacas, para que fixeran o caldo gordo ao iren desfacéndose; cando fervían botaba a verdura, rompida coa man no momento, nunca cortada a coitelo para que non se desangrara. Cocía todo unha media hora e recendía o caldo en toda a casa. Comíase cun pouco pan esmigallado e sabía a gloria.
Lembro unha historia que se contaba do caldo. Naqueles anos nos que se pasaba fame e non se podía pagar con cartos, senón con pousada e comida, disque había un criado que buscaba amo. Cando chamaba a unha porta para pedir traballo sempre preguntaba: meu amo, e vostede como arrefría o caldo? A resposta sempre era a mesma: con auga, meu filliño. El pensaba: este non é o meu amo, teño que seguir buscando. Ata que chegou a unha casa, como sempre fixo a mesma pregunta e a resposta foi: con pan, meu filliño. Ai, este é o meu amo, pensou o rapaz e alí quedou para traballar.
O caldo ademais é un alimento completo. O unto e as fabas póñenlle proteínas; as fabas e as patacas, hidratos de carbono; e a verdura, vitaminas e fibra. Que lista era a xente dalgún día!
Coñecedes a alguén quen non lle guste o caldo? Pois a quen non queira caldo, sete cuncas.

Comentarios (2) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 13-10-2011 17:27
# Ligazón permanente a este artigo
SABORES DA NENEZ

Hai sabores que están embebidos de nenez. O das amoras é un.
No final do verán, aparecían as amoras nas silveiras dos camiños e iamos a elas, despois de xogar. Tiñamos que ter coidado de non nos rabuñar as pernas ou as mans coas espiñas da silva ou, o que era peor, caer nela, pois as máis apetitosas sempre habían de estar na pola máis alta. Xa dicía a copla:
Ás amoras nunca vaias,
que a silveira ten espiñas,
non suceda que ao collelas
saques as mans feridiñas.
É curioso que unha planta tan pouco valorada como a silva dea unha froita tan vistosa e saborosa. As amoras pasan por tres cores: a verde, non hai que as coma; a encarnada, moi acedas, pero había a quen lle gustaban así; e o morado case que negro, cando están maduras e mellor saben.
Os pícaros tiñamos dous xeitos de preparación culinaria desta froita: a máis silvestre que era metela na boca directamente da silva, e a máis elaborada, colliamos unha bolsiña, enchiámola de amoras, machucabámolas ben machucadiñas e despois chuchabamos daquel zume por quendas. En calquera caso, chegabamos á casa feitos uns nazarenos. Miña nai metía a roupa no pilón e a min na tina de cinc, e refregaba ben todo.
De maiores xa aprendemos a facer licor de amoras; metíanse dous litros de caña de Holanda, un quilo de amoras, un quilo de azucre e un paíño de canela nun garrafón de vidro, deses que estaban cubertos de vimbios. Había que deixalo macerar un par de meses, batuxándoo ben cada dous ou tres días. Despois coábase ben e botábase nunha botella con tapón de corcho, para que non se lle fora a forza. Sabía a gloria un groliño despois do xantar das festas.
Tamén se podía facer marmelo de amoras e torta de amoras, pero eu nunca cheguei a tanto.
De calquera xeito as amoras son unha froita barata, accesible e sa. Hoxe os pícaros e pícaras das vilas e cidades perden estes sabores de sempre que, cando os probamos, nos traen ao pensamento os mesmos xogos e risas dalgún día.
Comentarios (3) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 30-09-2011 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
"COMER PARA VIVIR"

Os hábitos condicionan a nosa saúde a calquera idade, polo que debemos practicar exercicio e ter unha alimentación sá.
Pasados os 65 temos máis rifas para a anemia, a hipertensión, a diabete, etc. Podemos evitar estas lotarías se temos unha alimentación saudable. Como facemos?
A dieta debe cumprir tres regras: variada, moderada e equilibrada.
Debemos facer 4 comidas ao día para comer pouco de cada vez. É preferible un almorzo xeneroso con froita, lácteos e cereais; un xantar equilibrado, unha merenda suave e unha cea lixeira; é importante que pola noite ceemos pouca cantidade, xa que a necesidade de enerxía é menor.
Comeremos de todo e se non se pode mastigar pasarémonos aos purés.
Elixiremos mellor a carne de pavo ou de polo, porque ten menos graxa, que a de tenreira ou a de porco. Os embutidos e os doces tomaranse de cando en vez en pouca cantidade. Non abusaremos do café nen por suposto do alcol.
Pero entón, que comemos? Verduras, legumes, hortalizas, peixe, cereais, froitas e lácteos desnatados son os protagonistas da nosa dieta.
Algo primordial é comer con outras persoas, no noso comedor cheo de boa xente reforzamos elos sociais e emocionais.
No verán festeiro galego sempre temos comidas especiais acompañadas de café e de doces. E ben que nos gustan, pero non debemos pensar que temos que comer así todo o ano, porque pola boca entra a nosa saúde. Un día non son días, pero non o podemos facer todo o ano.
Como di Avelina Piñón (99 anos) e ela ben o sabe, ?Non hai que vivir para comer, senón comer para vivir?.
Comentarios (2) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 31-08-2011 18:31
# Ligazón permanente a este artigo
ASÍ TE PRECURAS, ASÍ DURAS

Sabiades que o noso corpo, cando somos novos, está composto dun 80% de auga e co paso dos anos descende ata un 50-60%? Cando me dixeron iso dubidei se sería verdade, Parecíame moita cantidade! Agora xa entendo a insistencia do persoal que nos coida: ?Pepe, tes que beber. Un vasiño ca comida venche ben, axúdache a facer a dixestión? ou ?Que boa pinta ten a sopa que está ben soltiña!? e xa para rematar ?Queres un pouquiño de manzanilla para quedar con bo sabor de boca??. E moitas veces, bébese sen ter sede. Pero doume conta que, co paso do tempo, a auga segue tendo a mesma importancia, ou incluso máis, para a nosa saúde, aínda que a sensación de sede vaia a menos coa idade. Non por iso podemos deixar de beber, e sobre todo no verán que as temperaturas son moi altas. As ensaladas, algunha froita, verduras, zumes tamén nos aportan gran cantidade de auga.
Na primavera e no verán saímos a dar un paseo arredor da residencia, saímos fóra e poñémonos na sombra ou un pouquiño ao sol, pero sempre con crema solar e con sombreiros. Pero temos coidado coa roupa que nos poñemos, porque se nos abrigamos moito, pódenos dar unha baixada de tensión! O mellor é poñer roupa lixeira e clara (xa que a escura atrae a calor).
Xa sabedes, precaución e a seguir disfrutando do verán!

Comentarios (1) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 30-06-2011 14:55
# Ligazón permanente a este artigo
ABARCAS
As abarcas eran o calzado que tiñan antigamente os labradores. Eran feitas de coiro polo fondo e suxeitábanse ao pé con cordas. O meu veciño Francisco Fraga Varela (72 anos) amósavos como é unha abarca cun calcetín de lá. Esta foi a escusa que usaron dúas das miñas tripulantes (Laura, terapeuta ocupacional, e Gelo, educadora social) para crear un proxecto co que nos animaran a facer exercicio.
O Proxecto Abarcas consiste nun percorrido simbólico a Compostela, que cada un o fai en función das súas posibilidades: camiñando, facendo bicicleta ou paralelas no ximnasio, movendo a cadeira de rodas... Son cousas sinxelas que fariamos porque son saudables, porque hai que encher o tempo con actividades positivas.
Como parte deste proxecto, un grupo dos participantes máis avantaxados fomos aló. En outubro do ano pasado saímos en autobús de Ortigueira rumbo a Compostela. Da viaxe recordo cousas sinxelas, os lugares dos que oíra falar e nunca vira: o Lago das Pontes que aínda está a encher, a vella ponte sobre o río Eume que une Cabanas e Pontedeume, a ría de Betanzos entre marismas e xunqueiras... Pero o que máis me impresionou foi Compostela. Había tanto que ver que non recordo tódolos detalles: a Praza do Obradoiro pechada por solemnes edificios e presidida pola gran Catedral, a Porta Santa, a fonte dos Cabalos de Praterías...
Teño no meu cuarto enmarcada a Compostelana simbólica que nos deron para non esquecer unha viaxe inesquecible.
Comentarios (1) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 20-04-2011 13:31
# Ligazón permanente a este artigo
DÍA MUNDIAL DA SAÚDE
O 7 de abril foi o día mundial da Saúde. Para conmemoralo tivemos unha merenda especial: brochetas de froita. A nosa Estrella Pallas Dubra (90 anos) ensínanola antes de dar boa conta dela.
Non é que teñamos que recordar a saúde só un día ao ano, pero é bo que nos paremos un momentiño para ver que estamos a facer pola nosa saúde. Coidarnos non é ir ao médico cando nos atopamos mal ou nos doe algo. Coidarnos é pensar tódolos días: que podo facer eu para sentirme mellor?.
Eu penso no que como, en como descanso, en como me divirto, en como me relaciono cos demais... porque a saúde non é só o corpo senón tamén a mente que dirixe o noso corpo. Para estar san o principal é sentirse ben, que a nosa cabeciña o saiba.

SEDE FELICES COMPAÑEIR@S!!!
Comentarios (0) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 20-04-2011 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
MOVÉMONOS

Din que aos vellos sempre lles veñen tódalas enfermidades. Eu non sei se será verdade. Cos anos a miña vida mellorou, agora SON MÁIS INDEPENDENTE. Cada día despois de erguerme podo decidir a onde quero ir e facelo; decido ir á sala cos meus veciñ@s a charlar, decido saír a dar unha volta e tódolos días decido ir ao ximnasio. Doume conta de que a terapia ocupacional me da independencia, saúde..., VIDA.
Comentarios (4) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 01-04-2011 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0