Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

OS AROS NA XERONTOXIMNASIA
Tódolos días polas mañás, logo de almorzar, facemos sesión de xerontoximnasia na sala de actividades.Comezamos cun pequeno exercicio de orientación á realidade a cargo da técnica.De seguido, dirixe os exercicios e realízaos unha vez a modo de exemplo para seguir coa serie de 10 repeticións con todxs nós, colocadxs en círculo e mantendo a distancia de seguridade.
Imos realizando exercicios coas distintas partes do corpo, comezando pola cabeza e chegando ata os pés.Cadaquén fai o que pode, sen mancarse.
Cando estamos cos exercicios dos brazos, collemos os aros de cores. Subímolos e baixámolos con cada man ata o chan, cambiámolos de man, agarrámolos coas dúas mans como para conducir, adiante e atrás, dereita e esquerda e ata poñemos un colar con eles no pescozo. Xogamos a erguelos cada vez que a técnica dí a cor do aro que temos na man e lanzámolos a rodar para ver ata onde son capaces de chegar, dereitiños, sen caer. Encántannos os aros e a ximnasia que nos axuda a manter en forma.
Comentarios (0) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 06-06-2020 14:56
# Ligazón permanente a este artigo
"101 ANIVERSARIO DE ANTONIA SANTIAGO"

  
Antonia Santiago Soto soprou as candeas do seu 101 aniversario na Residencia de maiores de Ortigueira, nova da que se fixo eco o xornal A Voz de Galicia.Non tódolos días se cumpren máis de cen anos!!pero a señora Antonia é un claro exemplo de envellecemento activo.Moitos parabéns, moza!!.
Antonia, naceu en Marín, lembra os seus pais e os seus oito irmáns (ela era a maior), e conta que con 13 aniños sacárona da escola para ir traballar e a mestra rifoulle á súa nai, «porque era cando mellor aprendía».
Traballou na lonxa «carrexando e envasando peixe para Madrid» e evoca os bailes de O Verxel, en Marín, e a música de Gardel -«cando cantaba baixaban as aves do seo»-.
Casou con 22 anos e aos 52 quedou viúva. Dous dos seus fillos, Manolo e Flora,xa faleceron, e as outras dúas, Finita e Mucha, viven en Marín.
O día do cumpreanos emocionouse pola vídeochamada coa súa familia. «Con estes inventos modernos poden mirar o ben que estou», dixo. Lembra dúas guerras «e a fame negra», pero xamais vivira algo semellante ao covid-19.
Tonia,de hoxe nun ano e antes moitas veces, como soemos dicir, e se pode ser botando un valse dos que tanto che gustan moitísimo mellor. Será bó sinal.
Comentarios (0) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 29-05-2020 16:56
# Ligazón permanente a este artigo
O IOGA CHEGA Á NOSA CASA!
O ioga na casa proporciona un benestar físico, emocional e mental. É unha disciplina milenaria que naceu na India hai máis de 4000 anos e que se popularizou ata chegar aos nosos días. Baséase en conectar corpo, mente e emocións empregando a respiración e as posturas corporais. Considerada para tódolos públicos, na Resi de Ortigueira puxémonos en acción, guiadxs por Laura, a nosa Terapeuta Ocupacional. Con ela realizamos algunhas sesións, co fin de pasar unhas mañás entretidas á vez que nos deu pautas para axudar a: reducir a ansiedade e o estrés, aumentar a calidade do sono e durmir mellor, fortalecer os músculos e ósos, aumentar a flexibilidade, aliviar dores crónicas e posturais, queimar calorías, respirar axeitadamente e sobre todo, manternos xoves.
O Ioga presta e beneficia a nosa saúde. Repetiremos a experiencia!!!.
Comentarios (0) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 27-04-2020 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
OBRADOIRO DE MASCARILLAS POLO 7 DE ABRIL
Popularmente coñecido é o dito "en abril, chuvias mil" e neste ano máis que nunca, coa que está caendo pola pandemia provocada polo Covid-19.
Foi en 1.948, e xa choveu dende aquela, cando a Primeira Asemblea Mundial da Saúde propuxo establecer un "Día Mundial da Saúde" para conmemorar a fundación da OMS, nun 7 de abril. Tódolos anos, escóllese un tema de saúde específico co fin de destacar unha área prioritaria de interese para a OMS.
2020 é o ano Internacional de Enfermaría e de Parteiría (persoal que representa case un 50% dxs traballadorxs sanitarixs do mundo). O obxectivo é poñer de relevo o papel fundamental que desempeñan na prestación de servizos de saúde en todo o mundo, atendendo á poboación tanto a nivel individual como a familias e comunidades, traballo fundamental para a Saúde Pública.
Dende aquí, rendémoslle unha pequena homenaxe, poñendo en valor a súa profesionalidade, a súa gran implicación ante as adversidades e o seu esforzo por traballar, en moitas ocasións, con material insuficiente e con escasa protección, expoñéndose a contaxios e a enfermar, evitando que enfermen outrxs.
De xeito simbólico e para conmemorar este día, realizamos un pequeno obradoiro de "mascarillas con papel de forno", unha das tantas iniciativas que andaban pola Rede para saír do paso, en caso de non ter o material de protección necesario, aproveitando o que hai na casa (papel de forno, gomas elásticas e grampas).
A día de hoxe non nos fixeron falta, pero "quen garda, sempre ten".
Comentarios (0) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 22-04-2020 16:34
# Ligazón permanente a este artigo
O QUEIXO

O queixo é un alimento moi antigo, anterior á historia escrita.
Eu recordo que antigamente en tódalas casas se facía queixo. En Galicia o leite máis utilizado é o da vaca pois temos moi bos pastos e excelentes vacas. Para facelos, primeiro fervíase o leite con sal, deixábase arrefriar e cando estaba morno botábaselle a auga de callar. Agora cómprase na farmacia, pero algún día callábase cun cacho do estómago dun becerro. Cando o leite estaba callado, cortábase en cachiños para quitar o soro, ata facer unha pasta grumosa. Púñase a pasta nun molde de vimbios furado, apertándoa ben para que decorrera o soro que aínda lle quedara e tapábase cun pano de liño. Así de fácil e así de natural. O malo destes queixos era que non se aguantaban moito tempo sen pórse acedos, pero como a fame era moita tampouco duraban o suficiente.
Hoxe en día, en Galicia hai catro tipos de queixo con denominación de orixe:
O queixo do Cebreiro é o que ten forma de pucha de cociñeiro. Faise con leite de vaca ó que se lle pode engadir un pouco de cabra. Disto sae unha pasta granulosa coa codia fina e un sabor lixeiramente acedo e picante. Os peregrinos a Compostela encargáronse dende vello de dalo a coñecer e hai textos que din que o rei Carlos III agasallaba á corte portuguesa con este saboroso queixo.
O queixo de Arzúa-Ulloa é o que ten forma de lentella grande. Faise só con leite de vaca e dá unha pasta branda, manteigosa e sen ollos, coa codia amarela. O máis curado e máis rico é coñecido como queixo da nabiza por estar realizado no tempo dos nabos.
O queixo de Tetilla xa vos podedes dar unha idea da forma que ten. É un queixo histórico, orixinario do centro de Galicia. Ten a codia amarela e a súa pasta é branda, manteigosa e con poucos ollos.
O queixo de San Simón da Costa é o que ten forma de teta de cabra (longa e apuntada). Procede da zona de Vilalba. A súa codia é dura, algo graxenta e de cor amarela ocre polo tempo de afumado que lle dá o sabor especial. A pasta é firme e con poucos ollos.
Outro queixo (sen denominación de orixe) é o de Pao Santo. Os monxes dun mosteiro preto de Cuntis atoparon nos documentos vellos a fórmula do queixo do século XVIII na que se usaba un pao para remover o leite callado. Está feito con leite de vaca. A codia, dura, é de cor amarela igual que a pasta. É moi manteigoso e de sabor suave.
En Galicia temos queixos de formas moi singulares e sabores con personalidade.

Do queixo non che me queixo,
que o queixo ben che me sabe;
quéixome de quen o vende,
que non mo deixa de balde.
Comentarios (0) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 27-11-2013 10:30
# Ligazón permanente a este artigo
AS BOLAS DA TIXELA

Onte puxémonos as botas na merenda, coma quen di. Acertadamente no obradoiro de cociña dos martes, as mulleres da Casa escolleron para facer a receita das Bólas da tixela ou Bólas da sartén. Á mañá, xa tiñan todo disposto na cociña para amasar: a fariña, a auga, un chisco de sal e a levadura. Maruja Bellas, da Insua de Mañón, comentaba que ela cando as facía preparaba formento para botarlle en lugar da levadura e as demais asentían coa cabeza, dándolle a razón. Agora mércase a levadura ata na tenda, seica, en dadiños pequenos, pero antes? eran outros tempos.
María Socorro, de Couzadoiro, contaba que a súa irmá Gloria sempre a chufaba porque tiña moi boa man coas bólas, pero ela prefería facer pan. Que ben lle saía!!. Non por nada, pero era o mellor pan de todos os da redonda.
Logo de deixar a masa levedar e feitas as comprobacións pertinentes, comezou a tarefa de cortala en anacos e estiralos para darlles forma. Unha vez quencido o aceite, á tixela, volta para un lado e volta para o outro e, hala!, lista a bóla. Isabelita do Forno, vaia se ten xeito ca tixela!!.
Moito prestan estes obradoiros de cociña farturentos (co permiso de Ana, a enfermeira).
Grazas a Matilde e Margarita, traballadoras do centro, por colaborar e que non perdan as mañas; a Maruja, María e Isabel polo esmero que puxeron e a Lucho por acompañarnos.
E moitos parabéns para Saturnino que convidou a un cafeíño de pota, que tanto nos sabe, para celebrar o seu aniversario. Houbo quen dixo: ?De hoxe nun ano e antes, moitas veces?.
Bo proveito!!
Comentarios (5) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 13-03-2013 09:15
# Ligazón permanente a este artigo
PASEO TERAPÉUTICO A LADRIDO

Nestes meses de verán, nos que os días de calor son abondosos, compre saír ben preparados ao exterior a dar un paseo que resulta do máis terapéutico. Non debemos de expornos ao sol moito tempo, debemos estar ben hidratados e protexidos coa crema solar e buscar unha sombriña xeitosa.
Sen saír ás horas centrais do día, podemos aproveitar igual o beneficio deste tempo, sobre todo, se a saída faise en boa compaña. Así, sentíronse Satur, Chuco e Paco, pois fixeron onte o seu particular paseo terapéutico a Ladrido, pautado por Ana, a enfermeira. Escolleron ben o guía pois, foi David, o noso psicólogo paxareiro, quen aproveitou para falarlles da riqueza natural da Ría de Ladrido e Ortigueira e amosoulles algunha fauna local (camaróns, cangrexos, gaivotas choronas, Gabitas e ata as cabuxas de Manolo, o irmán de Satur).
Non hai máis que ver a cara de Paco para saber que de seguro repiten a saída.
Comentarios (2) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 29-08-2012 16:01
# Ligazón permanente a este artigo
EMPANADA DE BERBERECHOS DE RAMONA

Imos ler o que lembra Ramona da Magdalena dunha das receitas de cociña que ela adoitaba facer hai anos.
Na Ría de Ortigueira, cando eu era nova, había de todo para quen quixera ilo coller.
Eu baixaba á ribeira, na Lagarea, a apañar berberechos, longueiróns, ameixas e mexillóns. Nos furados das pedras da ponte da Lagarea habíache congro; érache bo para facer en caldeirada, cunhas pataquiñas e un rustrido. Por Laxás, segundo ías non facías máis que pisar os cangrexos. Habíaos a montóns e tamén me sabían. Eran cangrexos verdes que ao cocer quedaban encarnados pola barriga.
Había moita cantidade de berberechos. Aínda que colleras un saco deles non se perdían. Comíase todo, pola fame e máis porque daquela non había neveira, nin conxelador para gardar a comida. O caso é que quedar non quedaban, non tiveras medo! Teño ido a apañar os berberechos e mesmo na praia comelos así, crus. Se non, voltaba para a casa, lavábaos e cocíaos.
A empanada de berberechos si que estaba boa!!
Para facela facían falla os berberechos; a cantidade era a ollo segundo o grandor da empanada. Para o rustrido botabamos nunha tixola aceite, cebola e pemento ou azafrán. A masa facíase con auga, un chisco de sal, formento e fariña de trigo. Porque haber había trigo que viña nunhas sacas grandes. De onde viña? De fóra. Quen sabe! Do inferno! Andaba unha muller cun corpazo bárbaro carretando para as tendas, levando unha saca grandísima ás costas...
Primeiro de nada, había que amasar e deixar que levedara a masa. Despois cocíanse os berberechos ata que abriran e sacábanse da casca. Nunha tixola fritíase o prebe: un pouquiño aceite, cebola picada, pemento doce ou azafrán, válenche o mesmo.
Estirábase a masa, ben estiradiña e púñase nunha bandexa. Cacharros non había tantos como agora e sempre se facía na mesma bandexa. Logo cubríase a masa co rustrido e os berberechos cocidos repartidos por riba. Por último, había que poñerlle a tapa de masa enriba, revirándolle a beira, e ao forno.
Parece que aínda me vén o sabor á boca. Agora non se fan as empanadas coma as de antes. Comíache un cachiño de boa gana?
Pois haberá que facela, Ramoniña!
Comentarios (0) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 19-07-2012 15:21
# Ligazón permanente a este artigo
HORTA TERAPÉUTICA

Non hai mal que por ben non veña. Precisabamos que un veciño enraizase na casa e a David ocorréuselle facer unha horta en parte do xardín, aproveitando que moita da xente que aquí vivimos somos de agro e achamos moito de menos as nosas hortiñas.
É esta unha actividade significativa para todos e todas nós, achéganos á natureza, ofrécenos posibilidade de conversa e intercambio de ideas, dános unha razón para baixar a diario e ver como medra, se precisa rega, se lle hai que quitar as malas herbas, se xa se pode apañar algo?
Pediunos opinións por ver que plantar: patacas, tomates, allos? Mais ao final pensamos que era mellor opción algo que puidéramos comer de sobremesa ou merenda. Decidimos poñer amorodos, unha froita típica da primavera, que se dá ben na nosa terra; de feito os careixóns, máis pequeniños e tardíos, danse nos arribóns e nas taxeas. Escollemos o amorodo tanto polo seu sabor doce e toque acedo como polo seu recendo e a súa intensa cor. Ademais de apetitosos son beneficiosos pois teñen gran cantidade de vitaminas e poucas calorías, sendo recomendables para persoas con estrinximento, hipertensión, reumatismo ou diabete.
Animámonos e plantamos romeu, menta, margaridas, caraveis, framboeseiros, e ata Mari trouxo unha oliva; tamén puxemos arbustos exóticos (a ver como van) alquexenxes e froita da paixón.
Á horta baixamos de cote, pois o tempo está bo e dá xenio estar fóra e mirar para quen traballa. José de Castro de Rei axudou a retobatar a terra, Manolo de Couzadoiro aínda puxo algún plantón, Isabelita do forno rega tódolos días (este inverno é moi seco e só choveu un día dende que se plantaron) e os demais aconsellamos da nosa experiencia.
Comentamos que non era ben poñerlles o plástico negro, porque non deixa transpirar a terra, aínda que nos medre herba; xa a quitaremos. Houbo distintas opinións sobre a conveniencia de aboar ou non; decidimos non facelo, pois o terreo estaba descansado e non fora o demo que queimáramos as raíces dos amorodos. María de Couzadoiro di que os plantóns están moi raros; xa José de Castro de Rei mandou poñelos a un pé traveso, pero o pé debe ser o do xigante da légoa. Miña xoia! A que fixo os furados nunca un raño collera, ben se ve, pero a intención é o que conta.
Despois de tres semanas comezan a asomar, un pouco acovardados, os primeiros amorodos. Xa estamos desexando ver un caravel cheo deles. Para comelos temos moitas opcións: en xeado, torta, biscoito, marmelo ou nunha cunca con nata, con leite, con iogur ou con zume. Nun instantiño pódese preparar un batido de amorodo con plátanos cun pouco leite, azucre, nata e un chisco de chocolate relado. Aínda que a min como mellor me saben é recén collidos da horta.
Comentarios (9) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 15-03-2012 09:08
# Ligazón permanente a este artigo
BOLAS E CHAOLAS

A mesa galega no martes de Entroido está presidida polo porco, dende a cachola ata o rabo, pasando polo touciño e os xamóns. Pero non ten menos importancia a sobremesa, que varía duns lugares a outros. As orellas e as filloas de leite ou de sangue son comúns a toda Galicia. No Ortegal temos dozalladas ben saborosas que debedes probar: as bolas de Ortigueira e as chaolas de Cariño, que veñen sendo algo similar. Son unha sobremesa de tixela como as filloas, as orellas, as rosquillas, os pestiños, as flores, as follas de limón, as chulas, o leite fritido...
Para elaboralas debemos facer unha masa levedada composta de dúas libras de fariña, media ducia de ovos, unha pouca manteiga, unha noz de fermento, media cunca de leite (para as chaolas) ou media cunca de auga (para as bolas), unha copiña de anís, reladura de limón, sal e por suposto azucre.
Dá traballo elaboralas pero vale a pena, tal como nos din Angustias do Gaio, que fixo chaolas toda a vida, e María de Couzadoiro, que fixo bolas. Imos ao conto. Quéntase o leite (para as chaolas) ou a auga (para as bolas) coa manteiga. Cando esta está derretida, bótanselle o anís e a reladura de limón (e para as chaolas tamén dúas culleradas de azucre, que é o que lle dá a cor máis tostada). Bátense os ovos e engádense á mestura fóra do lume removendo ben. Desfaise o fermento nunha pouca auga morna e mestúrase co anterior. Este é o momento de comezar a mesturar coa fariña; facemos con ela un volcán no mesado (de mármore se é posible); no medio bótase a mestura, xa morna, e comézase a amasar con forza e movementos envolventes ata que faga vexigas.
Cando consideremos o labor rematado, bótase a masa nunha cunca na que lle sobre espazo (xa que medrará), cóbrese cun pano de liño e déixase levedar nun lugar morno, podendo ser preto da lareira, dúas ou tres horas.
Xa temos a masa para fritir. Pártese a masa en pequenas bolas que se deixan repousar, no mármore cuberto de fariña, un cuartiño de hora. Pasado este tempo poñemos unha tixola no lume con ben de aceite. Cando estea quente botamos unha porción de masa que previamente estiraremos coa única axuda das mans. Este é o segredo das bolas e das chaolas. Se usamos rolos ou botellas, o único que conseguiremos será esmagar a masa e non quedarían esponxosas, como deben ser. A masa debe nadar no aceite e este non debe estar demasiado quente, xa que senón quedarían tostadas por fóra e crúas por dentro.
Remataremos botándolles un pouco azucre por riba, a gusto.
As bolas e as chaolas pódense mollar no café, no chocolate, en leite só ou comelas sen acompañamento, que de calquera xeito están boas.
Como vedes a única diferenza entre ambas é que as chaolas se amasan con leite e un pouco azucre e as bolas soamente con auga. Non é unha sobremesa que habitualmente se venda nas docerías da Vila ou do Porto de Cariño, pero polo ben que me saben, deberían telas todo o ano.
Comentarios (1) - Categoría: 5. A saúde VENTO EN POPA - Publicado o 21-02-2012 09:41
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0