Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

O XOGO DA RA
O Xogo da Ra é un xogo tradicional de lanzamento no que a puntería e a precisión dxs xogadorxs son clave para obter unha boa puntuación.
Este xogo vén de moi antigo, xa os exipcios, gregos e romanos xogaban a algo semellante, que consistía en intentar introducir pedras pola boca dunha ánfora.
O xogo teoricamente, consiste nunha mesa de madeira que ten diferentes furados nos que se colocan a figura dunha ra coa boca aberta, uns muíños ou unhas pontes. Normalmente estas figuriñas son de fundición. Para lanzar, precisamos uns discos pequenos de ferro, chamados pellos. Na casa e en pleno confinamento, a falta do xogo da rá auténtico, co que x atemos xogado hai anos, fixemos unha variante cunha r amáis moderna, de plástico.
Cada xogador/a ten que lanzar os pellos dende unha marca sinalada no chan que non se pode pisar. Débese atinar con estes pellos dentro dalgún dos furados que terá unha puntuación previamente acordada entre xs xogadorxs. Normalmente a figura que máis vale é a ra, despois os muíños e as pontes serían os de menor valor. Nós, ao non ter os pellos para lanzar, escollemos diferentes figuras xeométricas de plástico e a cada unha démoslle diferente valor. As redondas valían 5 puntos, as triangulares 25 e as cadradas 50.
Pódese xogar de xeito individual, por parellas ou en equipos. Desta volta, nós xogamos individualmente, anotando a puntuación de cadaquén nun papel contínuo cos nomes que tiñamos pegado na parede. Pasamos unha tarde ben entretida!.

Comentarios (0) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 06-06-2020 14:58
# Ligazón permanente a este artigo
"FELIZ DÍA DAS NAIS"
Dende a Residencia de Maiores de Ortigueira quixemos felicitar a todas as NAIS, achegándolle ás familias, que seguen sen poder visitarnos, un vídeo desfrutando coa música de Xabier Díaz e as Adufeiras de salitre, do seu novo disco "As catedrais silenciadas",Coa canción "No salón das cereixas" da que o seu retrouso dí:

Miña naiciña,
meu corazón,
vente comigo
a bailar ao salón.
Ao salón si,
ao salón non,
miña naiciña
do meu corazón.

Que mellor xeito de celebrar este día, pensando sempre en positivo!!. Grazas a todas as familias pola confianza e as mensaxes de ánimo, ás persoas maiores polo aguante e o exemplo que nos dan a diario e a todo o persoal polo traballo ben feito. Agardamos que lles prestase tanto velo como a nós facélo. Deixámosvos o enlace por se queredes ollálo.
https://www.facebook.com/1377694144/posts/10217300490049088/
Apertas dende o Ortegal e bicos de salitre!!
Comentarios (0) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 29-05-2020 16:53
# Ligazón permanente a este artigo
"XUNTXS SOMOS MELLORES"
O confinamento polo Covid-19 levounos a cambiar rutinas, horarios e actividades; requeriu adaptar espazos para cumprir as medidas propostas polos expertxs e tentar así reducir ou minimizar o risco de contaxio. Desde antes incluso de decretar o estado de alarma, no centro xa nos recomendaron encarecidamente non saír ao mercado, a comer os churros ou a selar a quiniela, para evitar concentracións de xente.
A residencia é a nosa casa e ficamos nela. Unha casa grande onde se traballa arreo os 365 días do ano e moito máis nas circunstancias actuais.
Por este motivo, quixemos agradecerlle a todo o persoal a súa implicación, profesionalidade, capacidade e compromiso no  coidado das persoas maiores, na nosa atención e benestar. Pintamos unha chea de mans, coas cores dos uniformes do persoal (verde, lila, laranxa e azul), xuntámolas, escribimos en cada unha o nome dxs traballadorxs e colgámolas en forma de guirnalda nos espazos comúns. Sumámonos así ao seu berro: "xuntxs somos mellores".
Conservaremos na memoria este tempo de peche, lembrando o seu bó traballo e que grazas a elxs o becho non nos visitou. 
Comentarios (0) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 23-04-2020 17:09
# Ligazón permanente a este artigo
AS NOITES DE TOBÍAS
Mirade do que se vai enterar un a estas alturas. Seica é coñecida, entre os etnógrafos, a continencia conxugal durante un período subseguinte ao matrimonio como ?Noite de Tobías? ou as ?Tres noites de Tobías? e que toma o seu fundamento da tradición bíblica, a cal, na historia do matrimonio do xove Tobías coa súa curmá Sara, relata como o arcanxo Rafael, ao ordearlle que a obteña en nupcias e ser obxectado polo mancebo de que morreran polo demo sete maridos anteriores, dílle que para evitar esta desdita entre coa esposa en continencia e non faga senón pregar a Deus en unión a ela durante tres días, ao cabo dos cales non só fuxirá o esprito infernal, senón que Tobías será admitido no seo dos santos patriarcas e recibirá a benzón do Señor a fin de que teña fillos vigorosos. E así mesmiño fixeron. Un conto traído de Caldea, reflexo dunha práctica pagana antiga que a Igrexa quixo cristianizar.
Pois ben, nalgúns lugares de Galicia tamén existía o costume ou propósito de gardar castidade inmediatamente despois de celebrado o rito matrimonial durante un ou varios días. En Mondoñedo, mentres a noiva pasa a noite de vodas coa madriña, o noivo pásaa acompañado do padriño da ceremonia; en Celanova, os noivos recóllense nas súas respectivas casas e viven separados un do outro durante os oito ou quince días seguintes á celebración das nupcias; en Boiro, os noivos que non fan viaxe de vodas, permanecen durante tres días cada cal na súa casa sen se xuntaren. No concello de Cervantes (Lugo), no 1.968, logo de observar seis vodas recolleron que a ceremonia celebrábase cunha grande aparatosidade e durante a primeira noite prolongábase a cea ata altas horas da madrugada na casa do noivo, tras a cal este deitábase co padriño e a noiva coa madriña. Ao día seguinte marchaban as persoas convidadas e entón, o noivo convidaba, esa segunda noite, a cear tamén na súa casa a todos os que na aldea quedaran sen convidar. Os noivos non se deitaban xuntos ata a terceira noite.
Co paso do tempo hai costumes coma esta que se van perdendo. Déixaas ire!! Pois no tempo da mocedá é ben sabido que os folgos son outros e fillos dos fiadeiros, da silveira, do vento ou da Feira da Toca sempre houbo, ou do palleiro que nacían nove meses despois da seitura e non por iso deixaron de ser xente de ben nen había que agardar á noite de vodas. O que si, que daban moito que falar tantos rituais e tanto botar contas para cadrar a idade dos nenos/as, que aínda lembra a señora Avelina, de 100 anos e algo, para dar conta da importancia da transmisión oral e do saber popular e de como chegou aos nosos días:
?Marzo, marzolo e o mes que non vén solo, son tres
Abril, abrilete e o mes que se mete, son seis
San Juan e san Juanás, e o mes que nace o rapás, son nove
?.
Na foto, podedes ver un camisón de hai 82 anos, da noite de vodas de Isabel, que nos prestou a súa irmá Pilar (nora de Lola Sanjurjo), alfaias do noso pequeno museo que amosamos con agarimo a quen se achega a visitarnos. Moitas grazas Pilar e familia pola vosa contínua colaboración, de parte de todas as persoas maiores e do persoal da casa.

Comentarios (3) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 15-03-2013 13:50
# Ligazón permanente a este artigo
LEMBRANDO AS BOLBORETAS

Falando con algunhas das tripulantes deste barco, contáronme que hoxe se celebra por décimo terceiro ano o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Declarouno así a Asemblea Xeral da ONU en 1.999 para erradicar todo acto de violencia baseado no xénero que ten como resultado posible ou real un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas, a coerción ou a prohibición arbitraria de liberdade, xa sexa que se desenvolva no ámbito público ou privado.
Eu preguntei, por que este día? E me contaron que na República Dominicana, durante a chamada Era de Trujillo, un dos dictadores máis sanguinarios do século XX, houbo tres irmás que se opuxeron firmemente á súa política: Patria, Minerva e María Teresa Mirabal. Participaban na Agrupación Política 14 de xuño, onde eran coñecidas como as Bolboretas. Foron encadeadas, violadas e torturadas en varias ocasións antes de ser asasinadas o 25 de novembro de 1.960 por orde do dictador.
Comentaban as tripulantes que é certo que este tipo de crimes públicos e sonados teñen unha grande repercusión social. Pero tamén está o crime oculto, privado, insidioso, diario. Ese crime cometido dentro do fogar, que debería ser o lugar máis seguro, exercido pola parella, que debería ser a persoa máis cercana, e onde os xeitos de violencia moitas veces son tan sutís que non resulta doado demostralos. A súa erradicación ten peor prognóstico pois é consentido por boa parte da sociedade.
Moitas veces escoitamos, as parellas de agora non aguantan nada... xa non hai matrimonios como os de antes... As tripulantes dicían: é certo. Non aguantan e fan ben. Nunha parella hai que tolerar as diferenzas pero non aguantar as intolerancias.
Hoxe é día de lembrar as bolboretas que non son quen de voar por estar nunha gaiola ou por estar pinchadas cun alfinete nunha colección.
Eu, cada vez que chega este día recordo o conto que dicía sempre Áurea, a filla da tía Candeloria. A tía casara cun home dunha pequerrecha vila de Lugo (do nome non me recordo) e para alí foi vivir, pero regresaban polo patrón á casa paterna. Aurita sempre me viña visitar e contaba unha historia que podedes ler en Contos da Vila: Casa Pega Ultramarinos.
Comentarios (0) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 25-11-2012 03:17
# Ligazón permanente a este artigo
A FEIRA DE SAN CLAUDIO

San Claudio é unha parroquia de Ortigueira que garda lembranzas dun pasado esplendor. Aquí foi onde se celebrou a primeira e máis destacada feira do Ortegal e de toda a redonda creada pola Real Cédula de Henrique de Trastámara en 1.405. Era una feira mensual que se celebra ou cada terceiro domingo de mes nun campeiro, no lugar que aínda hoxe se coñece como Feira, ata 1.989. Nela comerciábase basicamente con gando: vacas, becerros, cabalos, burros e algún porco, que chegaban á feira a pé, en por si ou pagando un arrieiro.
O máis importante da feira era o trato. Podíase facer entre paisanos ou cun tratante, que se recoñecía pola bata azul ou gris, a boina, a vara e as tesoiras (para marcar os animais que compraba). O trato tiña un aquel de representación teatral na que cómpren a paciencia e a astucia. Iniciaba o tratante chufando o animal como se fora o mellor sobre a terra, mentres o comprador facía que non lle cadraba nada. Ningún quería empezar nin a pedir nin a ofrecer cartos. Cando algún dos dous poñía a primeira cantidade iniciábase un longo regateo, arredor do cal xurdía unha conversa na que ambos se daban a coñecer e ían arrimando pareceres. Remataba o regateo cun home bo, normalmente unha persoa de confianza para comprador e vendedor, que facía de intermediario para fixar a derradeira cantidade e promover o choque de mans, a sinatura do trato.
Na feira tamén se poñían os outros feirantes: zoqueiros con zocas e zocos, taberneiros con viño e caña, panadeiras con bolos e empanadas, rosquilleiras coas brancas e mouras, polbeiras cos seus caldeiros de cobre e ata retratistas coa súa cámara, como aquel ao que o pai de Lola de Freires a levou sendo moi nena para marchar cun recordo dela para a Habana. Tampouco faltaba quen che vendera o almanaque ou un cego pregoando os seus fantásticos romances. Nuns pendellos de cachote e tellado de lousa poñían os postos as mulleres das súas casas que levaban: fabas, patacas, verdura, froita, mel, ovos, queixos, algunha pela de manteiga... En San Claudio aínda se poden ver en pé algún destes pendellos e tamén o alpendre onde se instalou a primeira báscula de pesar gando do norte da Coruña.
Á feira íase pasar o día pois non era só un lugar de transacións económicas. Era un lugar de relación social. Xantábase cunha pouca empanada e un xerro de viño mentres se daban noticias da veciñanza e contábanse contos.
Unha vez na feira pasou un caso cun home de Moeche que era un pouco parado. Foi no tempo da fame, cando o racionamento. O home trouxo queixos e ovos de estraperlo pero os gardas vírono e collérono preso. O home empezou a berrarlle a unha veciña de Lavacengos: Lola, Lola, muller. Dille á miña nai que me levan os gardas, que me levan preso polos ?ghuevos?. E toda a feira a rir. Ben é verdade, que cada un fala da feira como lle vai nela.
Comentarios (5) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 17-09-2012 13:17
# Ligazón permanente a este artigo
CANTOS DE CEGO

Cando non había nin radio, nin televisión, nin internet o medio máis habitual de comunicarse era cara a cara en festas, romarías, feiras e mercados, lugares habituais de reunión de xentes de varias parroquias ou concellos. Alí sabíase dos nacementos e das mortes, dos moceos e das vodas, das leas e dos acordos...
A estas xuntanzas tamén acudían persoas, moitas delas cegas, que gañaban a vida interpretando cantos e romances.
Estes cegos foron os herdeiros da tradición trobadoresca galega e os auténticos cronistas da época. Traían novas ás aldeas e vilas de xeito lúdico. Pretendían captar a atención da maioría da xente, para obter unha esmola, polo que utilizaban unha linguaxe simple e coloquial e contaban historias de interese popular cun marcado carácter sensacionalista sobre milagres, relatos de vida, valentías de homes e mulleres, amoríos prohibidos, crimes paixonais, aventuras de bandidos...
Co seu canto producían unha inconfundible ladaíña gutural ou nasal que ás veces acompañaban co son da zanfona. Para ilustrar a súa historia amosaban varias maltrañas, uns cartelóns grandes, pendurados dun cordel, con imaxes a xeito de viñetas relacionadas co canto, exemplo claro do imaxinario popular.
Podían tamén ter á venda uns caderniños dunhas poucas follas atadas cunha fina cordiña, eran os chamados pregos de cordel. Eran obras breves co texto escrito do canto ou do romance e algunhas ilustracións. Non pedían moito por elas e así fosen asequibles para tódolos petos. Era unha literatura fugaz, de usar e tirar, aínda que había quen os coleccionaba e encadernaba xuntos formando cancioneiros.
Deste xeito, creouse un subxénero da literatura popular denominado literatura de cordel, típico de España e Portugal, moitas veces con mais valor sociolóxico que literario, polo baixo nivel de instrución dos seus autores ou autoras, que tamén as había. Porén serviron como divulgadores das tradicións populares e da arte cotiá, foron sostemento dos autores locais menos reputados e axudaron a crear hábitos de lectura entre a xente máis humilde.
Contounos don José, o noso capelán, que lembraba a Antonio Lexide Fernández que era de Mondoñedo e quedara cego con oito anos a causa dunha varíola. Era coñecido polo Cego das Mirandas e acompañaba os seus cantos tocando o violín. Vendía uns relatos ben escritos e sen faltas, porque lle pedía a Cunqueiro que llos corrixira, como o Romance das dúas xemelgas, Catro nenos envelenados, Vinde mociños e mozas, Carta de Pepe a Rosa ou A tola de Cangas de Onís, que quixo comer ao seu home pola noite. Cunqueiro di presentábase o cego co recorte do xornal no que viña a nova do crime e eu non tiña máis que aderezar a historia e poñela en verso.
Comentarios (1) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 07-09-2012 12:40
# Ligazón permanente a este artigo
NATURAIS DE ORTIGUEIRA

O asociacionismo entre os emigrantes na Habana comeza xa a principios do século XIX. A comezos do século XX aparecen sociedades moi vencelladas ao lugar de procedencia, pois aínda se pensa no retorno. Eran unha estrutura de apoio na integración social dos recén chegados, prestándolles seguridade psicolóxica e sendo axentes de aculturación. Outro dos seus fins máis senlleiros é a mellora dos seus lugares de orixe, construíndo lavadoiros, fontes, camiños, pontes, escolas, bibliotecas? Para isto valíanse dunha delegación na parroquia, formada xeralmente por emigrantes retornados. As bisbarras con máis asociacións deste tipo son a Terra Cha e Ortegal.
Na Habana había un veciño da parroquia de San Adrián de Veiga, Antonio Couzo García. O 13 de xuño de 1.928, co gallo do seu santo, fixo unha reunión na súa casa. Foi moi comentado o pasamento dun coñecido que se atopara desamparado nos seus derradeiros días. Para tentar evitar estas situacións e outras, Antonio proponlles aos seus amigos a formación dunha sociedade. Reúnense novamente o 24 de xuño Daniel Rebollar, Manuel Casal, Manuel Díaz, Pedro López, Manuel Piñón, Enrique Prieto, José Antonio Prieto e Abelardo Piñón (irmán da nosa Avelina) para formar a Sociedade de Naturais do Concello de Ortigueira, elixindo como presidente ao anfitrión.
Constituíron unha Sociedade para prestar auxilio no caso de enfermidade, paro ou imposibilidade física, remediar situacións de indixencia e fomentar a unión e mutua protección dos orteganos e orteganas residentes en Cuba. Nutríanse das cotas sociais e voluntarias, as doazóns, bailes e veladas, festas e subscricións, tómbolas e festivais. Os cartos eran empregados do seguinte xeito: o 70% para socorros de asociados, un 5% para un Fondo de Previsión para a vellez, outro 5% para facer caridade e o 20% para gastos de secretaría.
En 1.931 o nome abréviase e pasa a denominarse Sociedade de Naturais de Ortigueira.
Tanto a crise de 1.929 como a guerra civil española fan que os residentes en Cuba decidan adoptala como nova patria. Isto provoca novas preocupacións nas sociedades. O 28 de marzo de 1.943 inaugúrase a nova sé da sociedade no 615 da rúa Gervasio; esta conta cunha biblioteca con máis de 4.000 referencias que leva o nome de Ramón Armada, o Cantor da Terriña. O 20 de xaneiro 1.952 inaugúrase no cemiterio Cristovo Colón o panteón social máis grande do mundo que consta de 3 pisos, 726 bóvedas y 5.000 osarios.
Tras a revolución cubana a dinámica da Sociedade interrómpese; tamén se crea a asociación Naturais de Ortigueira en Miami.
Nos anos 90 do pasado século, recupérase o baixo do edificio, para oficinas e escola de baile, e o primeiro andar, para o recreo de asociados e familiares.
Dende os seus inicios foi unha das asociación que máis persoas congregou chegando aos 60.000 no ano 1.960. Actualmente segue a ser a asociación galega na emigración con máis membros, uns 7.200. O seu presidente Juan Orallo Boscá considera que o reto actual da Sociedade é o seu mantemento polo envellecemento da xunta directiva e dos seus asociados e pola evidente falta de financiamento. Será precisa a incorporación da nova xeración de descendentes de galegos con novos retos e fins para non quedar no esquecemento.
Comentarios (2) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 27-08-2012 10:11
# Ligazón permanente a este artigo
O MARIÑEIRO DE ESPASANTE

Contaba unha veciña que houbo nesta casa hai anos, Dora de Espasante, unha das historias máis fermosas que eu nunca tivera escoitado. A ela contáralla o seu avó e a este o seu, polo que non sei moi ben cando ocorreu.
Foi no Porto de Espasante que había un mariñeiro, traballador coma poucos pero que nos últimos tempos non tiña boas mareas. Largara onde largara non enchía o aparello como os máis.
Nunha tarde cálida de verán, saíu ao mar na súa lancha coa brisa dándolle na cara. De súpeto, o ceo cubriuse de nubes pedresas que non tardaron en descargar os seus bandullos. A chuvia era mesta e non deixaba ver rumbo polo que o mariñeiro procurou non se afastar da costa. Amainando a treboada, entre a loaira, comezou a escoitar ao lonxe e de xeito feble unha voz doce e cadenciosa que cantaba. O mariñeiro agarrou os remos e vogou con tódalas súas forzas ata o canto. Puido ver unha das rochas do Picón arrodeada de peixes e, sentada nela, unha serea a peitear o seu longo cabelo de acibeche. Tiña o corpo branco e arredondado coma a escuma das ondas do mar. Do vao arriba ofrecía os seus peitos ao sol e do embigo abaixo unha cola cuberta de prateadas escamas. Fitou para el dende os profundos ollos azuis e o mariñeiro quedou engaiolado; nunca máis dela se separou. Peixe non lle volveu faltar nin uns brazos agarimosos que o apertasen.
No Porto ninguén soubo que pasara. O mariñeiro nunca volveu. A súa lancha atopouse escachada nos cantís de Loiba.
A partires daquel día disque apareceron dúas rochas novas no Picón. Hai quen xura que son o mariñeiro e a serea que nas cálidas loairas de verán pódense ver sentados a entoar a súa cantiga:
Mariñeiro de Espasante
cando saias faenar
cóidate ben das sereas
que estean a alucar.
Non confíes mariñeiro,
nestes intres de loaira
poida que algunha serea
veña te roubar a alma
.
Comentarios (3) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 08-08-2012 14:20
# Ligazón permanente a este artigo
ESCAPADA
Se tivera que imaxinar os nomes da parella protagonista dunha traxedia romántica, non os atoparía mellores que os de Gloria e Amando, tanto pola súa sonoridade como polas sensacións que provocan. Ela, rebuldeira e fermosa, amante da música e da lectura. El, un músico de boa planta, gaioso e enfoutado. Xente nova. Poñamos que viviran nunha aldea calquera, Cuíña, nun tempo no que a xente pasaba a vida a sementar, a segar e a mallar, indo á fonte e ao muíño, en fiadas e en esfollas. Traballaban, falaban, rían, moceaban...
A Vida sería interrompida pola Guerra. Galicia quedaría asediada nun bando, o dos alzados. En Ortigueira, o tenente da garda civil, Lobo Navascués, arrebataría a alcaldía a don Alfredo Rebollar o 21 de xullo do 36. Non habería batallas, pero anubraríanse as facianas e un profundo terror asomaría por tódolos recunchos. Represión, detencións, paseos, mortes. Toda Galicia era un cárcere.
Moitos mozos comprometidos coa República botaríanse ao monte para se agochar: os escapados. Pensarían estar uns días, pero correu o tempo máis da conta. Os irmáns Neira, José e Amandino, escaparían xunta outros mozos da veciñanza, por non seren alistados no bando nacional. Andarían ao pairo pola Panda, a Ramallosa, o Casón e os cotos de Moeche: o Ventoeiro, a Amosa, a Pena da Cabra... O goberno nacional declarounos en rebeldía. Só se achegarían ás aldeas por alimentos. Gloria, na fonte, entre xestas, silveiras e penedos, agocharía un bolo de pan de boroa, ou ovos, ou unha pela de manteiga, ou azucre; o que podía, nun tempo no que a fame era a protagonista. Sempre acompañaría a mantenza cunha aloumiñante carta para o seu Amandino e recollería a que el lle deixara. Devecerían por se ver; os seus encontros serían poucos e efémeros, nos que o doce e cálido lume dos seus peitos era un.
Os soldados falanxistas, apostados na Devesana, terían a Gloria vixiada, polos seus amores con Amandino. Un día daríanlle o alto no camiño. Rexistraríana. Atoparíanlle un neto de leite fresco e tinta. A explicación non lles cadraría. Levaríana presa. No cárcere, Gloria calaría o seu saber e defendería o seu amor; a pesar de ser golpeada e ameazada de morte, non descubriría o acubillo do mozo e os seus compañeiros.
Porén, os falanxistas, á espreita do grupo Neira, acabaríano asediando en Montemeao o primeiro día do mes de San Xoán do 39. Os irmáns Neira, xunta Pichel, Tizón, o Trancas, o Noi, Evaristo, os irmáns Franco Lamela... defenderíanse a tiros. No balbordo José e os demais lograrían pórse a salvo, pero Amandino caería, malferido. Antes de morrer, comería o retrato e as cartas da moza, para que non as tocasen outras mans. A súa partida de defunción poñería que morreu aos 26 anos por fractura de cranio a causa dun disparo de arma de fogo. Morrería por defender a Vida.
Gloria sabería da perda de Amandino estando no cárcere. A súa existencia quedaría fendida pola dor. Non esquecería xamais ao mozo de seu.
O grupo de Neira continuaría a loita sendo a partida mellor organizada de Galicia. José non aceptaría ningún control externo sabendo mandar aos seus homes. Desaparecería no 42 sen ter claro se ferido nunha rifa con algún camarada por diferenzas ideolóxicas e trasladado a Francia, se morto nun enfrontamento coa Garda Civil, se asasinado por orde da dirección comunista do exterior (que non aceptaba que o grupo Neira actuase pola súa conta).
Rematada a guerra, Gloria lograría marchar a Francia. Ao cabo dos anos regresaría á súa terra, coa súa xente. Sempre acharía en falta a Amandino.
Esta historia, que se antolla inventada, fóichevos ben certa. A propia Gloria a contaba con agarimo e dor cando viviu nesta casa antes de morrer.
Comentarios (6) - Categoría: 3. CONSERVA na memoria - Publicado o 13-06-2012 13:59
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0