Pepe Dovale, Patrón do barco
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 NA REDE

5 DE XUÑO, DÍA DO MEDIO AMBIENTE
Como cada ano, o 5 de xuño celébrase o Día do Medio Ambiente, aínda que debería de celebrarse tódolos días do ano.
Non se sabe ben o que se bota en falta desfrutar da natureza e saír ao exterior ata que nos vemos nunha situación como a actual, de confinamento. Sobre todo, cando na túa contorna, as paisaxes son dignas de admirar, un entorno rural ben coidado, cheo de vida. Nós preferimos agardar a que as cousas estean máis claras;imos con cautela e pacencia porque non queremos ter que voltar para atrás.
O que sí temos moi claro é que temos que aportar o noso grao de area e tentar manter o noso entorno limpo e coidado, para que as xeracións vindeiras non atopen máis que lixo.
Aproveitamos, neste día, as verbas que Luís O Caruncho, músico e regueifeiro, de renome de Galiza, compartíu nas súas redes sociais e coas que estamos totalmente dacordo.

?Camiñando vexo frores
danlle cor a nosa vida,
tamén vexo cousas tristes
sonche luvas, mascarillas.
Por favor humano PORCO
basta xa de porquería,
bota a merda na túa casa
nos camiños ALEGRÍA?


Luís Caruncho (FB)

Comentarios (0) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 06-06-2020 14:59
# Ligazón permanente a este artigo
DÍA DA TERRA (22/04). Poema ?Volvín?, de Carmen Penín.
Tódolos anos, polo 22 de abril, millóns de cidadáns en todo o mundo, manifestan o seu compromiso na preservación do ambiente e da sustentabilidade da Terra. Feito que cada vez resulta máis evidente e necesario, dadas as circunstancias provocadas pola pandemia do coronavirus e o cambio global que require, tanto a nivel persoal en canto a actitudes, como a nivel comunitario.
As nosa vidas están ligadas estreitamente á terra e o sentimento de pertenza a ela é grande, sobre todo, cando nos referimos á terra que nos acolle, ao territorio onde vivimos.
Aproveitamos este 22 de abril para compartir con vós un sentido POEMA, titulado ?VOLVÍN?, escrito por CARMEN PENÍN, veciña do lugar de Vilariño, de Mañón, no que reflicte o seu sentir pola terra que a viu nacer, a súa morriña ?tan galega? e o paso do tempo. Verbas coas que Josefa García, Clotilde Bellas, Antonio Álvarez, Eva Rey, Sandra Lozano e Vero Orizales, veciñxs e traballadoras da nosa Casa Grande, sentiranse identificadxs ao ser tamén de Mañón. Ou mesmo Satur Cao que ten familia alí.
Xente de ben, toda ela, da terra bañada polo río Sor, un dos sete ríos do Paraíso, como dixo Álvaro Cunqueiro hai tempo.
A continuación, desfrutade do poema:
VOLVÍN?
Volvín onte,
volvín a escoitar o asubío do vento
moi preto daquela casiña do meu nacemento.
Volvín á tarde neboenta da pena de Vilariño
tantas lembranzas vividas ¡ai, pena do meu cariño!.
Volvín a tropezar nos marcos,
atopar as silveiras,
a pasear nas eiras
e remexer noutras lareiras.
Volvín acariñar a súa man cansa,
moi cansa
aferreime a unha memoria, pra min aínda viva
chorei por dentro, ao saber que non me recoñecía
fuxira a nena que axudara a nacer no seu día.
Fuxira, e era alguén da miña sangue que volvía.
era a nai, era a neta, era a miña cara sen nome
mais volver, volver aquel aterra encantoume.
Quixen percorrer o terreo dun camiño andado,
quixen despedir a nenez que vivín ao seu lado
quixe?pero o tempo non pasou en vano
e quedou o escrito daquel amor, amor gañado.
Volvín, volvín, para quen volvín,
vida do meu pasado
volvín, volverei, alí onde fica o meu amor quedado.
Carmen Penín
Grazas pola túa solidariedade!!

Comentarios (0) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 22-04-2020 14:39
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA XOÍÑA ESQUECIDA

AUTOR: TOÑITO DO BARQUEIRO
Aínda que a miúdo pensamos que por Galicia non se dan as orquídeas de forma salvaxe, estamos nun erro, pois temos un bo puñado de especies, no Ortegal suman unhas doce.
A maioría delas escollen as zonas dunares de Morouzos, Esteiro ou Espasante, algunhas moi fermosas como a flor da abella (Ophrys apífera) 1 ou a flor da araña (Ophrys araneola) 2. Outras de formas caprichosas como a Sphiranthes spiralis 3. Outras máis pintorescas como Satirión apincarado (Dactylorhiza maculata) 4.
Pero hai unha pequerrecha coñecida pola herba das dúas follas, hai 20 anos que se viu por Ortigueira e dende aquela ningunha noticia máis dela. A pesar de saber máis ou menos por onde fora atopada, nin eu nin outros compañeiros fóramos quen de botarlle o ollo. Xa a daba por desaparecida, pero nun golpe de sorte, unha casualidade fixo que me metera nun pequeniño monte de loureiros e eucaliptos, e alí agochada apareceu a pequerrechiña Listera ovata 5.
Tan só dúas grandes follas das que nacía a súa vara floral, da cal penduran as pequenas flores de cor verde. A máis discreta e sinxela de todas as orquídeas, pero non por iso menos fermosa.
A diferenza doutras orquídeas, esta non utiliza o engano visual para atraer os insectos polinizadores, de aí as súas cores discretas, pola contra ofrece un apetitoso néctar e posiblemente un arrecendo similar ás feromonas dalgún tipo de insecto, que fai que se acheguen á flor.
Tan só catro pés manteñen a esperanza de que esta especie non desapareza do Ortegal e forman parte da escasa poboación desta singular orquídea en Galicia, da que só se coñecen cinco colonias, e algunha delas tamén con moi escaso número de exemplares.
Cómpre protexelas pois con cada retallo de natureza que desaparece da comarca, pérdese tamén parte da nosa riqueza.
Comentarios (4) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 23-01-2014 09:47
# Ligazón permanente a este artigo
ARACNOFILIA

Ana, unha das nosas tripulantes, atopou un deses tesouros naturais que tanto nos gustan e que poden aparecer tanto no exterior como no interior da casa. Desta vez foi unha araña, a Saetis Barbipes. A esta clase non lle coñecemos nome común porque ela en si é especial, pero a partir de agora chamarémoslle araña enfermeira.
A xente que sofre de aracnofobia, apuran a matar ao pobre do animaliño. Miña xoia! Pero, medo a que? A nosa amiga, aínda que saltona, é moi diminuta, as femias non pasan dos seis milímetros e os machos aínda son máis pequerrechos.
É unha das arañas máis presumidas de Europa, polas cores dos seus machos; non así as femias que teñen unha cor marrón, como un abrigo de leopardo pouco favorecedor. O que destaca máis son os fermosos ollos dos machos, verdes cunha banda encarnada sobreposta.
O seu nome científico significa pés con barba. Isto é porque, como tódolos arácnidos, ten catro pares de patas, estas con bandas negras e brancas. Porén os machos teñen o terceiro par de patas considerablemente máis grande, de cor vermella preto do corpo que vai fundíndose a negra cara á punta das patas, cuns guechos brancos que lle dan nome.
Non hai que pensar que por ser unha araña peluda significa que sexa fea. Todo o contrario. Ao macho barbipes, estas patas sonlle moi útiles para namorar a femia no cortexo nupcial. Cando un macho ve unha femia que lle cadra, non lle chega con mirala fixamente con eses catro olliños verdes. Ten que esmerarse un pouquiño mais. Entón é cando ergue as súas súper patas, abaneándoas a xeito de muiñeira, para achegarse á súa amada. Se a femia está disposta, deixarase cozar, de principio nas patas. Despois poñerase papo arriba para a cópula.
Animaliños! Talmente coma as persoas, fóra a alma!
Comentarios (6) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 27-09-2012 10:33
# Ligazón permanente a este artigo
BÉVERAS E MIGUELIÑOS

Hai uns meses Isabelita do Forno decidiu traer unha figueira para a casa, pois achaba de menos a que houbo hai uns anos no xardín.
Na antiga Grecia, cando se fundaba unha cidade, plantábase unha figueira entre a ágora e o foro para sinalar o lugar onde se xuntarían os anciáns. Nós tamén temos a figueira plantada nun lugar de xuntanza de persoas maiores: o patio do comedor. Non é a Figueira do Meco pero para nós é unha árbore senlleira.
Nun principio non sabiamos se prendería, pero aí está. Xa ten unha pila de figuiños que non debemos arrincar, pois xa nos avisaron moito que se se lle quitan os primeiros despois seca o pau.
Aínda que as figueiras proceden de Asia aclimatáronse ben a Galicia. Non son delicadas, pódense ver xermolos ou pés medrando en vellos muros ou entre as rochas, como no arribón tras o Porto de Espasante.
Posiblemente a figueira fora o primeiro caso coñecido de agricultura na humanidade. Pero non hai que pensar que a figueira dá froito. De feito os figos son sicóns, onde están gardadas as flores da árbore, e dos que nacerán os froitos, que son as pebidas que atopamos dentro do figo.
As figueiras adoitan ter figos dúas veces no ano. No verán saen as béveras e a finais de setembro os migueliños, máis pequenos pero moito máis saborosos. Aos paxaros tamén lles saben polo que haberá que tomar precaucións.
Da figueira axou un merlo
con béveras no peteiro.
Escusa volver por outras
heinas comer eu primeiro.
Antigamente consideraban que os figos era a mellor menciña para se recuperar dunha enfermidade longa e que mantiñan ás persoas maiores con boa saúde e facéndolles parecer máis novas. Se por iso é, o ano que vén darémonos unha enchente.
Outra cousa moi importante que dá a figueira é sombra. Quen non botou unha soneca no verán despois do xantar debaixo dunha figueira, non sabe o que son os praceres desta vida. O arrecendo que teñen garante doces soños. Probade e veredes.
Comentarios (1) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 29-08-2012 15:13
# Ligazón permanente a este artigo
ESTRUGAS
De ouro, con tres penas pardas, sobre ondas de auga azur e prata, postas en situación de faixa e sumada a cada unha delas unha mata de estruga de sinople con sete follas. Esta é a descrición do escudo de Ortigueira. O ouro simboliza a nobreza do escudo, as penas representan aos Aguillóns, as ondas son as do mar e da ría, e as estrugas están presentes porque parece que son a orixe do nome do concello (en castelán son ortigas e unha ortigueira sería o sitio onde abundan).
A estruga é o nome común do xénero Urtica. Chamáronse herbas dos cegos pois son fáciles de recoñecer ao tacto, polos seus peliños que resuman unha substancia que produce picazón e inflamación da pel.
Aínda que os antigos gregos crían que era unha planta que daba valentía e tiña propiedades afrodisíacas, durante moitos séculos estivo considerada como mala herba (todas as plantas o son ata que alguén descobre as súas utilidades). Hoxe sábese que teñen propiedades vasoconstrictoras (paran as hemorraxias), favorecen as dixestións, axudan á recuperación do fígado, melloran a circulación e axudan a baixar o colesterol, aumentan a producción de leite nas nais, son antianémicas, diuréticas e depurativas, van ben para a reuma e para os problemas de tiroides, a infusión das follas reduce o estrinximento, a decocción da raíz seca é un laxante suave...
Utilízase en cosmética para eliminar as imperfeccións da pel e para previr a calvicie. Na industria úsanse os talos, que son moi fibrosos, para a elaboración de fibras téxtiles naturais.
E logo, para que non serve a estruga? Pois para alimentarse tamén, por se alguén o estaba a pensar. Xa as comían no antigo Imperio Romano. Son ricas en vitaminas e minerais, e incluso teñen proteínas. Cómense como calquera verza, xa que unha vez cocidas non pican. Os talos son moi leñosos, polo que só cociñaremos as follas. Pódense facer en sopa, en puré, en revolto, en ensalada ou en pratos doces. Para facer unha crema doce de estrugas collede medio litro de nata, 75 gramos de azucre e 100 gramos de puré de estrugas; montade todo co batedor. Quedará unha crema doce con aroma a estruga coa que podedes acompañar calquera sobremesa.
Non esquezades recollelas cando a lúa estea en Escorpio e con luvas. Non fagades como aquela pequeniña de 3 ou 4 anos que veu unhas estrugas na beira do río, case tan altas coma ela, e dixo moi contenta: Mira mamá, mira que plantiñas máis bonitiñas... Ai! Mami, pican! Nunca se lle esqueceu o nome. Estrugas.
Comentarios (8) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 03-04-2012 21:41
# Ligazón permanente a este artigo
O TOXO

Ano bisesto, promete e non dá. A ver como vai a cousa?
Por mor de ter o ano 366 días, hoxe comeza a primavera. Ven anunciada polo alecrín, a floriña amarela a xeito de bolboreta con peluxe, tamén chamada chorima. O alecrín é a flor do toxo, a nosa matogueira máis enxebre e ramalluda. É unha planta da mesma familia que as lentellas. Pode chegar ata os dous metros de altura, formando parte de toxeiras, piornedos, uceiras ou dos sotos das carballeiras. Críase en chairas e abas das terras sen cal, aguantándose en chans pobres e secos que non sexan sombrizos. Porén hai que ter coidado, xa que ten alto risco de incendio, pois acende como a gasolina.
Non pensedes que son todos iguais. Existen 3 clases: o toxo gateño (ulex nanis), o máis pequeno de todos; o toxo femia (ulex galli), chega ao metro de altura e bota flores a mediados do verán; e o toxo arnal (ulex europeaus), o máis grande e que florea na primavera.
Ten pólas cor verde escuro, con estrías ao longo moi marcadas, sen follas e con espiñas longas e recias. O froito é unha vaíña ovada, cor cinza, que contén sementes pardas que se liberan cando a estala no verán.
A utilización do toxo no agro galego vén de lonxe. Os usos tradicionais eran para forraxe do gando, para queimar nos fornos de pan ou para facer estrume que despois converteríase en esterco. Como todas as leguminosas, estes matos aportan nitróxeno ao solo e así mellorábanse as terras de labor nos períodos de barbeito. Para iso púñase o toxo en estibadas, ao final do verán, queimábanse as matas secas e estendíanse as cinzas nos terreos para fertilizar e sementar centeo. Unha vez recollida a colleita deixábase medrar de novo a toxeira.
As sementes pulverizadas, dis que teñen sona como insecticida contra as pulgas. E, de hai pouco, descubriuse que del se pode obter un combustible natural (biodiésel).
Eu sempre pensei que se o toxo non medrara en Galicia e o trouxeran, que sei eu? do Xapón, o teriamos no xardín como unha planta ornamental, coma os bonsais.
Desgraciadamente a transformación de amplas superficies de toxeiras en eucaliptais, o uso de fertilizantes inorgánicos, a desaparición da gandería extensiva, a creación de infraestruturas para coches e instalacións de enerxía eólica, a minería no subsolo e o descoñecemento actual da importancia do toxo están a perder definitivamente este tipo de sistema produtivo, máis sostible co medio ambiente que as actuais plantacións forestais.
Comentarios (5) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 20-03-2012 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
O GOLPE

O golpe ou raposo (Vulpes vulpes) é un carnívoro da mesma familia que os cans. Ten patas curtas, fociño estreito e afiado, orellas ergueitas e picudas e cola longa e peluda. Pesa sobre 7 quilos e mide arredor dun metro, máis a cola. É de cor rubia por riba e branca pola barriga.
Tamén se utiliza o nome de raposo na nosa lingua para denominar varias plantas e fungos: chícharo de raposo (froito da xesta), pan de raposo (cogomelos), barbas de raposo (a mala herba do toxo)...
O noso golpe é un cazador solitario de galiñas (se non están ben gardadas), algún coello, ratos, toupas, ovos de aves e, sen non hai outra, come preas, froita ou insectos (mal lle vai ao golpe cando anda aos grilos). Móvese nun espazo duns 100 ferrados dende a súa tobeira, defendéndoo doutros golpes. Se ten que escapar pode correr tanto coma un chimpín costa abaixo (case 50 quilómetros á hora).
O golpe sempre tivo unha imaxe de dúas caras, xa que por unha banda considérase unha alimaria dos pequenos animais domésticos e por outra admírase a súa beleza e a súa astucia. Dende antigo, foi protagonista de contos da literatura galega de tradición oral simbolizando a intelixencia, como aquel fopeiro e golecho que adrolou ao lobo; mais tamén houbo golpes enganados como aquel letrado deludido polo galo Coidado, a raposa engaiolada para ir ás Vodas do Ceo, a que coñeceu ben ao Tío das Calzas Vermellas ou o chamado Milmañas a quen o gato preguntaba ?ti ris ou regañas??
Hai moitas crenzas na nosa terra sobre o golpe, como que velo en xexún é sinal de bo agoiro e porén escoitar o seu ouveo pola noite anuncia a morte dalguén da veciñanza.
Se queredes escorrentalo empregade a seguinte fórmula:
Arrapa, raposa,
e avanta no toxo!
Deixa a galiña
da miña veciña,
que ten dous pitiños
que quedan orfiños.
Arrapa e arrapa,
que a dona te atrapa
e bótache os cans
correndo detrás.
Comentarios (8) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 27-02-2012 17:05
# Ligazón permanente a este artigo
PENÉLOPE É UN PARRULO ASUBIÓN

Conta a antiga mitoloxía grega que Penélope era filla de Icario, o rei de Esparta, e a esposa de Ulises, o rei de Ítaca. Era unha muller coas ideas moi claras e unha grande paciencia. O seu home marchou á guerra de Troia e botou máis de 20 anos fóra da casa. Neste tempo a fermosa Penélope tivo proposicións de moitos pretendentes que rexeitou, xa que ela non dubidaba que Ulises regresaría con ela e o seu fillo Telémaco. Un exemplo de fidelidade!
Pero, que terá que ver un parrulo con Penélope? Pois parece ser que o nome científico desta ave, Anas Penelope, se lle puxo pola súa conduta sexual. Tódolos parrulos teñen unhas relacións promiscuas, é dicir non están coa mesma femia todo o ano e moito menos toda a vida. Mais o parrulo asubión parece que lle garda máis fidelidade á súa parella que o resto; antigamente críase que era monógamo, pero agora se sabe que mantén a súa fidelidade so ata o final do período de incubación, dende finais do outono ata o inicio da primavera. Non dura tanto como a espera de Penélope por Ulises?
Despois é a femia a que se ocupa do coidado dos pitos que permanecen con ela ata que se valen por si mesmos. Vaia?, nisto xa ten máis similitudes coa nosa protagonista.
O caso é que este parrulo abunda na ría de Ortigueira nos fríos invernos, chegando a contabilizarse este mes case mil individuos. Podemos atopalo en lagoas, esteiros, marismas, costas? e cando fai o niño estará en augas doces e abertas, con vexetación de fondo pero non moita en superficie. Ide cuns bos prismáticos pola enseada de Mera e poderedes observalos sen dificultade.
Para recoñecelos debedes buscar un parrulo que mide entre 45 e 51 cm. e pesa de 450 a 850 g., non é dos máis grandes. Ten a cabeza arredondada e o peteiro curto de cor azul agrisada. A plumaxe dos machos tira a encarnada na cabeza e pescozo, castaña rosada no peito e as ás agrisadas e bordeadas de branco. A femia ten cores pardas e máis apagadas que o macho, precisamente para non chamar a atención no niño. Camiña con facilidade e cando voa dá fortes axadas, pero polo día buscádeo durmindo xunto cun gran grupo de compañeiros, xa que é un ave gregaria. Fai vida nocturna, que é cando sae a comer plantas e bichiños acuáticos. Se poñedes ben o oído, escoitaredes os berros da femia e o asubío do macho.
Na nosa comunidade non aniñan, xa que só veñen de invernada. Pero en países máis ao norte fan un pequeno oco no chan da marisma e o cobren de herbas e follas. Alí a femia pode pór sobre 8 ou 9 ovos que choca durante uns 25 días. Os pitiños teñen a pluma cor sepia con listas.
A ría de Ortigueira é un dos humidais de Galicia máis destacados tanto por número total de aves como por número de especies. As aves son censadas dende hai máis de 25 anos pola Sociedade Galega de Historia Natural, para estudar a súa bioloxía e hábitat, as rutas migratorias, os factores medioambientais que inflúen na súa pervivenza?
En Ortigueira hai unha sensibilización con respecto ás aves coas que convivimos ou que nos visitan, que se ve reflectida na asociación ornitolóxica Calidris, cuxo enlace podedes ver neste blog. Fernando Pereiras prestounos esta foto tan fermosa e tamén podedes ver o enlace ao seu blog.
Comentarios (2) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 27-01-2012 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
O PITO DA NEVE

Vai frío. Xa se nota ben o inverno e aínda faltan uns días para a súa chegada oficial. De feito, xa hai moitos sinais de invernía: os gatos de Isabelita lavan a cara dende atrás das orellas, as vaquiñas pacen todas moi xuntas aló embaixo e chegaron os primeiros bandos de pitos da neve aos prados e leiras de San Claudio e á enseada de Mera.
O pito da neve chega en tempos de moito frío, de aí que tamén se coñeza como avefría; diversos nomes hai para chamalo: ave das neves, ave do frío, pega fría...
Son paxaros cun talle dende o pico ata a cola entre 28 e 31 centímetros (como unha pomba máis ou menos), ás arredondadas, patas longas e peteiros fortes. Teñen cores vivas coa barriga branca, o peito negro, a parte superior das ás en verde-azul irisado e a punta branca.
O que o fai máis especial é a longa curupela da cabeza; noutros tempos, con esta plumaxe enfeitábanse os ostentosos sombreiros das mulleres francesas e inglesas.
Ten un son característico que se coñece como pibi. O seu vo é cun bater de ás lento, semellante ao dunha bolboreta, e visto dende abaixo vénselle dúas liñas de cor branca. Aliméntase de insectos, miñocas, caracois, limachas, arañas, algunha plantiña? que colle do chan. Atópase en bandadas e adoita criar en grupos, no chan das terras de labor, prados e humidais, poñendo 3 ou 4 ovos.
Chega a Ortigueira co frío, sobre o mes de novembro, e volta para o norte de Europa cando comeza a primavera. Xa reza o dito:
Cos bandos da avefría
chega tamén a invernía.

Prendede os lumes nas lareiras, ou acendede a calefacción, que nos quedan por diante uns meses de frío que hai que correr.

Comentarios (2) - Categoría: 7. TESOUROS naturais - Publicado o 02-12-2011 12:42
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0