|
|
|
|
|
|
| DÍA DAS LETRAS |
|

Todos os pobos realizan celebracións comunais para remarcar a identidade colectiva e reforzar a cohesión da nación. Estas celebracións toman forma arredor do aniversario dunha data emblemática: o día do descubrimento de novas terras, a data en que se asina o tratado que pon fin a unha guerra, o nacemento ou a morte dun persoeiro... Pero que mellor xeito para celebrar o día das nosas Letras que a publicación dun libro: Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, hai 150 anos. Obra mestra da literatura contemporánea. Creada con valentía nun tempo no que as mulleres estaban relegadas da vida social e o galego era o idioma do pobo chan e non se consideraba con dignidade para usarse na escrita.
Este ano a Real Academia propón a homenaxe a un dramaturgo, un actor, un home de teatro: Roberto Vidal Bolaño. Mestre revivificador do teatro contemporáneo.
O venres, a xente da Casa, queremos celebrar o Día das Letras Galegas xunta Rosalía, Roberto e a veciñanza de San Claudio. Comezaremos a parola ás tres e media, despois haberá unha merenda especial e a continuación teremos a actuación do Home-orquestra de Viveiro. Ha de ser un día para gozar en boa compaña. |
|
|
|
|
| FESTA INTERXERACIONAL DOS MAIOS 2013 |
|
 Xa chega o maio florido e galán e como tódolos anos ímoslle cantar, sen bruxas nin demos, sen segas, usuras nin preitos, sen quintas nin portas, nin foros, nin cregos. Xa chega a primavera, a ledicia e a ilusión, xa chega o noso maio enchendo todo de cor, xa chega o día de San Isidro Labrador.
Velaí vén o maio de flores cuberto para facer unha alfombra, unha figura e algún boneco. Virán de Aspromor, do Instituto e do Colexio, virá a xente miúda da Escola Infantil á praza do Concello, a celebrar o maio longo todo de rosas cuberto. A Escola de Gaitas tamén animará a festa comunitaria do mércores á mañá. Os maiores da residencia agardamos por vós, para festexar o maio todos xunta nós.
Mirade o cartel, lédeo ben. Non quededes na casa, celebrade o maio, vide ser parte del. |
|
|
|
|
| FALADOIRO COA VECIÑANZA DE SAN CLAUDIO |
|

Por fin chegou o sol. Encargárono as nosas tripulantes Carmen de Alvariños e Lolita da Rocha. Con el fomos a San Claudio o pasado sábado.
Os preparativos xa comezaron os días anteriores nos que as mulleres da Casa fixeron unha gran pota de callos e os homes unhas tortas de queixo con canela e limón.
O sábado despois do almorzo encamiñámonos á parroquia de Aurorita quen ía moi emocionada. Alí nos recibiu a veciñanza de San Claudio coa directiva da asociación Libro Vivo ao fronte. Aurorita pasou o día coa súa amiga Carmiña de Pío e veu moitas veciñas e veciños que se achegaron a saudala: Teresa, Pili a perruqueira, Quica de Pereira a súa curmá, Margarita Loureiro... A Ramona tamén a viñeron ver Pila e Santos que tiñan un comercio ao pé da imprenta de Foxo onde ela traballou moitos anos. Lola Piñón tamén saudou a Luísa de Lamela e ao seu home, un matrimonio de Senra.
Carlos Breixo, o secretario de Libro Vivo, convidounos a unha visita virtual pola biblioteca e o museo que teñen no Escolar, pola que chegamos ao anos da nenez a través dos antigos libros e libretas de rotación que alí coidan. Os pupitres, os pizarriños de lousa, a gramola dos Pita-Romero, as partituras orixinais da Romaxe do Casón de Rebollar, mapas con países que a Historia fixo desaparecer e fotos da xente que nunca se irá mentres estea na nosa memoria. Lembramos a Andrés Pereira Alonso, o pai de Aurorita, co seu Diploma de Premio á Constancia do Centro Gallego da Habana de 1.919. Falamos de escolares, de indianos, da emigración, de solidariedade… De que aínda perdura a directiva do Escolar de San Claudio na Habana que cedeu en 2.002 o edificio á asociación Libro Vivo por 25 anos que con gran esforzo manteñen.
Nós tamén quixemos levar o noso gran de emoción e Aurorita presentou o vídeo que fixemos residentes, persoal, familiares e amizades en Homenaxe a Rosalía polos cento cincuenta anos da publicación de Cantares Gallegos despois de moitos séculos de escuridade para a nosa lingua.
Pero non todo foi emoción. Que non hai festa en Galicia que non se celebre cunha boa comellada. Empanada. Tortillas de chourizo e roxóns feitas por Consuelo do Peitudo que recendían a gloria e sabían a manxar do ceo; se non que lle pregunten a don José, o noso capelán, e á súa irmá. Despois chegaron á mesa os callos quentiños, do que se encargaron Luís, Kiko, Pepe e Tarzán, nos que pingamos un pan de cunco agasallo da panadería Dolan feito por Suso. De sobremesa comemos uns anaquiños da torta de queixo e unha Larpeira feita na panadería por Dolores e María José cun café de pote. Puxémonos coma quicos.
O serán foi para bailar ao son da Charanga Alborada de Cedeira, na que toca o saxo Pepulo de San Claudio. Esa tarde debutou Santiago de Miñaño ao clarinete. Nin nós cansabamos de bailar nin eles de tocar. Ana, a nora de Manolo de Lucas, dixo que era a primeira vez que vía bailar ao seu sogro e de seguro que non será a última. Nótanse as clases de baile de salón de Elvirita do Ermo e da curmá de Santiago e o seu home.
Quixemos deixar a nosa pegada no Escolar. Aurorita fíxolle entrega a Breixo dunha pomba en cerámica de Regal co poema de Rosalía Adiós ríos.
Grazas á veciñanza de San Claudio por un día fantástico. Agardamos por vós o Día das Letras para compartir máis momentos inesquecibles. |
|
|
|
|
| FALADOIROS ENTRE A VECIÑANZA |
|

Estamos a preparar unha sorpresa para Aurorita a cubana entre a xente desta casa e a asociación Libro Vivo de San Claudio.
Ela que tanto acha de menos os tempos da “escuelita” na Habana de seguro que se vai emocionar coa visita que temos preparada para o sábado 20 de abril. Iremos, ao antigo Escolar de San Claudio a pasar o día coa xente da súa parroquia. Moitas das cousas que ela gardaba de cando era nena, doounas ao museo creado pola asociación veciñal Libro Vivo e as teñen expostas con agarimo. Ademais doutras moitas doadas por xentes da parroquia.
Faremos un xantar comunitario que prepararemos aquí de véspera e teremos a gran actuación musical da Charanga Alborada de Montoxo. Pero mellor mirade o cartel que vos deixamos cunha fermosa fotografía de Aurorita antes de vir da súa Cuba natal para o seu adorado San Claudio. |
|
|
|
|
| TORTA DE QUEIXO OU OS HOMES NA COCIÑA |
|

Para facer unha boa torta de queixo primeiro de nada precísase da axuda de catro homes bos. Podemos escoller entre outros moitos a Manolo e a Lucho de Couzadoiro, a José de Horizón e a Emilio da Insua de Mañón. So con eles xa se fai bo caldo, pero imos precisar algo mais.
A Lucho ímoslle dar unhas galletas para que as machuque ben machucadiñas, e despois que as mesture cunha pela de manteiga e un pouco de leite para facer unha pasta.
Entre Manolo e José que vaian abrindo queixiños, deses da vaca que ri, que lles ha levar un cacho ter listos máis dun cento que fan falla. Mentres, Emilio pode poñerse a abrir sobres de azucre para poñerlle o punto doce á nosa torta.
Cando Lucho remate de facer a pasta, Manolo pode ir cubrindo os moldes. Mentres, Lucho que desfaga o callado nun pouco leite e José que bote o resto do leite na pota, mais a tona e o azucre.
Manolo disque ten práctica de usar un batedor cando traballaba nas obras, pois que lle vaia dando ao noso para facer o amoado. Cando estea todo ben batido prendede o lume, poñédelle a pota e a remexer ser descanso para que non se queime, se fai falla facede quendas para non cansar.
Cando levante fervor e vaia espesando un pouco, deitade o amoado cun cullerón derriba da pasta de galleta e deixade arrefriar na neveira polo menos ata o venres de paixón. Escorrentade aos lambóns e lambonas ata ese día pois ha de arrecender a gloria.
O mesmo venres facede procesión ata a cociña de novo para cubrir a torta cunha marmelada de amorodos que lle vai dar un toque de cor apaixonada.
David, anímate e bótalles unha man, a ver se che aprenden algo… e de paso che deixan lamber as culleres.
Xa me iredes contando como vai esta receita e se podemos repetir. |
|
|
|
|
| AS NOITES DE TOBÍAS |
|
 Mirade do que se vai enterar un a estas alturas. Seica é coñecida, entre os etnógrafos, a continencia conxugal durante un período subseguinte ao matrimonio como “Noite de Tobías” ou as “Tres noites de Tobías” e que toma o seu fundamento da tradición bíblica, a cal, na historia do matrimonio do xove Tobías coa súa curmá Sara, relata como o arcanxo Rafael, ao ordearlle que a obteña en nupcias e ser obxectado polo mancebo de que morreran polo demo sete maridos anteriores, dílle que para evitar esta desdita entre coa esposa en continencia e non faga senón pregar a Deus en unión a ela durante tres días, ao cabo dos cales non só fuxirá o esprito infernal, senón que Tobías será admitido no seo dos santos patriarcas e recibirá a benzón do Señor a fin de que teña fillos vigorosos. E así mesmiño fixeron. Un conto traído de Caldea, reflexo dunha práctica pagana antiga que a Igrexa quixo cristianizar.
Pois ben, nalgúns lugares de Galicia tamén existía o costume ou propósito de gardar castidade inmediatamente despois de celebrado o rito matrimonial durante un ou varios días. En Mondoñedo, mentres a noiva pasa a noite de vodas coa madriña, o noivo pásaa acompañado do padriño da ceremonia; en Celanova, os noivos recóllense nas súas respectivas casas e viven separados un do outro durante os oito ou quince días seguintes á celebración das nupcias; en Boiro, os noivos que non fan viaxe de vodas, permanecen durante tres días cada cal na súa casa sen se xuntaren. No concello de Cervantes (Lugo), no 1.968, logo de observar seis vodas recolleron que a ceremonia celebrábase cunha grande aparatosidade e durante a primeira noite prolongábase a cea ata altas horas da madrugada na casa do noivo, tras a cal este deitábase co padriño e a noiva coa madriña. Ao día seguinte marchaban as persoas convidadas e entón, o noivo convidaba, esa segunda noite, a cear tamén na súa casa a todos os que na aldea quedaran sen convidar. Os noivos non se deitaban xuntos ata a terceira noite.
Co paso do tempo hai costumes coma esta que se van perdendo. Déixaas ire!! Pois no tempo da mocedá é ben sabido que os folgos son outros e fillos dos fiadeiros, da silveira, do vento ou da Feira da Toca sempre houbo, ou do palleiro que nacían nove meses despois da seitura e non por iso deixaron de ser xente de ben nen había que agardar á noite de vodas. O que si, que daban moito que falar tantos rituais e tanto botar contas para cadrar a idade dos nenos/as, que aínda lembra a señora Avelina, de 100 anos e algo, para dar conta da importancia da transmisión oral e do saber popular e de como chegou aos nosos días:
“Marzo, marzolo e o mes que non vén solo, son tres
Abril, abrilete e o mes que se mete, son seis
San Juan e san Juanás, e o mes que nace o rapás, son nove”.
Na foto, podedes ver un camisón de hai 82 anos, da noite de vodas de Isabel, que nos prestou a súa irmá Pilar (nora de Lola Sanjurjo), alfaias do noso pequeno museo que amosamos con agarimo a quen se achega a visitarnos. Moitas grazas Pilar e familia pola vosa contínua colaboración, de parte de todas as persoas maiores e do persoal da casa.
|
|
|
|
|
| AS BOLAS DA TIXELA |
|

Onte puxémonos as botas na merenda, coma quen di. Acertadamente no obradoiro de cociña dos martes, as mulleres da Casa escolleron para facer a receita das Bólas da tixela ou Bólas da sartén. Á mañá, xa tiñan todo disposto na cociña para amasar: a fariña, a auga, un chisco de sal e a levadura. Maruja Bellas, da Insua de Mañón, comentaba que ela cando as facía preparaba formento para botarlle en lugar da levadura e as demais asentían coa cabeza, dándolle a razón. Agora mércase a levadura ata na tenda, seica, en dadiños pequenos, pero antes… eran outros tempos.
María Socorro, de Couzadoiro, contaba que a súa irmá Gloria sempre a chufaba porque tiña moi boa man coas bólas, pero ela prefería facer pan. Que ben lle saía!!. Non por nada, pero era o mellor pan de todos os da redonda.
Logo de deixar a masa levedar e feitas as comprobacións pertinentes, comezou a tarefa de cortala en anacos e estiralos para darlles forma. Unha vez quencido o aceite, á tixela, volta para un lado e volta para o outro e, hala!, lista a bóla. Isabelita do Forno, vaia se ten xeito ca tixela!!.
Moito prestan estes obradoiros de cociña farturentos (co permiso de Ana, a enfermeira).
Grazas a Matilde e Margarita, traballadoras do centro, por colaborar e que non perdan as mañas; a Maruja, María e Isabel polo esmero que puxeron e a Lucho por acompañarnos.
E moitos parabéns para Saturnino que convidou a un cafeíño de pota, que tanto nos sabe, para celebrar o seu aniversario. Houbo quen dixo: “De hoxe nun ano e antes, moitas veces”.
Bo proveito!! |
|
|
|
|
| RUADA EN COUZADOIRO |
|

Nin medo á choiva nin á sarabia! O luns de Entroido debeu de ser un dos días máis fríos do ano, pero no Teleclub de Couzadoiro sentíase a calor da xente.
Chegamos coa Troupe do Circo da Casagrande aos poucos, facéndonos querer. Eu que o adiviñaba todo sabía que ese día había de ser especial. Alí estabades todos os meus veciños e veciñas para nos recibir cos brazos abertos. Moito había que non vía a algún de vós e que ledicia tiven por poder compartir unha tarde tan divertida.
Non se puido facer pasarrúas porque o tempo non acompañou pero fixemos desfile dentro do Teleclub e puidemos ver o circo na súa plenitude: unha gran xefa de pista que foi presentando pallasos e pallasas, arlequíns; ilusionistas, trapecistas, equilibristas e malabaristas; encantadores de serpes e faquires; magos con coellos e domadores con tigres e leóns; a muller barbuda e o home máis forte do mundo; unha exótica cíngara coas súas cabuxas e á adiviña Dovalewski, que de seguro que tiña antepasados de Couzadoiro.
Disfrazámonos os veciños e veciñas desta casa pero tamén a veciñanza de Couzadoiro. Había algún pallaso, princesas, odaliscas, unha parella de chineses e ata unha osiña rebuldeira.
Tamén viñeron disfrazados Os Rebentafoles, o grupo musical que forman Jorge (o neto da nosa Loliña de Couzadoiro), Oscar, Fernando, e Pablo. Temos que agradecerlles a súa presenza e o seu bo facer. Unha festa sen música non é o mesmo e unha gaita fai festa redonda.
Grazas Marta, María, e Erundina, miñas veciñas. Fixestes bolas e rosquiñas de merenda que estaban para chupar os dedos; non o fixemos por educación… Había tamén roscón. Non, fame non pasamos. Nós tamén levamos un biscoito de chocolate para celebrar os dous anos de andaina deste blog. Aínda me parece que foi onte cando empezamos a navegar nesta grande rede.
Toda esta festa non sería posible facela sen a colaboración tanto do Teleclub e os seus socios e socias, como da Asociación de Veciñas e Veciños de Couzadoiro que ese día me fixeron a honra de entregaren o carné de socio. Gustoume que subiran ao escenario para recibir o noso aplauso Pepe, o presidente do Teleclub, Eduardo, o presidente da Asociación, e Miro, o alcalde de barrio. Por suposto, temos que repetir, alá no verán cando quente o sol.
De momento, quedade vendo as fotos deste día que tedes na Fotoblogoteca. |
|
|
|
|
| INVITACIÓN Á RUADA EN COUZADOIRO |
|

Miñas donas e meus señores, nenas e nenos, xentes de tódalas idades, vide ver!!! O circo chega á aldea!!!
O luns de Entroido, ás catro e media da tarde, sairemos de Ruada dende o campo da festa pola parroquia de Couzadoiro ata o Teleclub. Chegará a troupe circense da nosa Casa, onde poderedes atopar a un fantástico mago coa súa axudante que, coma Tamariz, sacará un coello do seu chapeu, unha pitonisa que adiviña máis que Manolo Platas, unha cíngara que fai bailar a muiñeira á súa cabra, un encantador de serpes tan afouto coma Frank da Xungla, un faquir que veu dende Bombai cos seus afiados coitelos, unha fermosa domadora de cabalos, un forzudo que levanta unha tonelada de ilusión, un grupo de equilibristas chegadas do mesmo Pequín, unha trapecista tan grácil coma Pinito del Oro, un arriscado domador cos máis feroces leóns de Galicia, a muller barbuda que chega sen depilar e, o máis difícil aínda, os mellores pallasos e pallasas do mundo. E moito máis: domadoras de osos, equilibristas, arlequíns, vendedores do elixir da felicidade…
Despois da ruada faremos festa de Entroido no Teleclub. Falaremos, cantaremos, bailaremos e troulearemos toda a tarde.
Quen dixo medo á chuvia? Vide ver!!! E vide participar!!! |
|
|
|
|
| OS MANUELES DE ORTIGHEIRA |
|
 Como manda a tradición, o día 1 de xaneiro, co fin principal de felicitar aos que na aldea se chamen Manuel ou Manuela, un grupo de roldadores, que pode estar formado por persoas de todas as idades e sexos, canta á porta dos Manueles algunha copliña tradicional e outras inventadas para a ocasión. Os agasallados teñen a obriga de convidar aos roldadores a algo de comer e beber.
Aínda que é unha tradición cristiana, as coplas non teñen que levar ningunha referencia relixiosa. Onte para homenaxear aos e ás que temos no Centro pedimos licencia para cantalos e nola deron. Parabéns para tod@s el@s que saen moi ben nesta foto e que vai acompañada da letra da nosa panxoliña, creada para a ocasión. Agardamos que vos preste:
1. NOSA CASA ESTÁ TELLADA
TELLADIÑA DE MANTEIGHA
QUE POR MOITOS ANOS VIVAN
OS MANUELES DE ORTIGHEIRA.
DEANO-LO AGHINALDO
SEÑORA POR DIOS
POR EL NACIMIENTO
DEL HIJO DE DIOS,
QUE DIOS SE LO DEA
PARA DAR A NÓS.
2. NOSA CASA ESTÁ TELLADA
TELLADIÑA DE BO COIRO
QUE POR MOITOS ANOS VIVA
MANUEL DE COUZADOIRO.
MANUEL, MANOLIÑO
DETRÁS DUNS CODESOS
DOULLE UN ALOUMIÑO] BIS
A UNHA DE DEVESOS]. BIS
3. NOSA CASA ESTÁ TELLADA
TELLADA DE CORDOBÁN
QUE POR MOITOS ANOS VIVA
MANUEL, O FERROLÁN.
MANOEL, MANOLITO
DENTRO DA TINALLA
METEUNOS A TODOS
CHAMOUNOS CANALLAS,
E DÍXOLLE AO REI
“POR QUÉ NO TE CALLAS”.
4. Á NOSA CASA CHEGHACHES
MANUEL DE “CASA LUCAS”
QUE POR MOITOS ANOS VIVAS
XA VERÁS COMO OS DISFRUTAS.
MANOEL, MANOLIÑO
DE MERA DE RIBA
COCIÑABA O CALDO
DENTRO DUNHA CRIBA,
NON HAI QUEN LLO COMA
PERO HAI ALEGHRÍA.
5. NESTA CASA TAMÉN HAI
MANOLAS OU MANOLIÑAS
ADEMAIS DUN CAN E UN GHATO
E TAMÉN DÚAS GHALIÑAS.
CON TANTO BECHIÑO
NA CASA HAI FARTURA
CO “MÍO” E CO “RÉS”] BIS
CA “PITA” E CA “CHURRA”] BIS
6. A NOSA CASA ESTÁ ABERTA
PARA QUEN QUEIRA ENTRAR-E
TRAEDE PAN E TOUCIÑO
E VIÑO PRA ACOMPAÑAR-E.
A NOSA MARÍA,
NOSO MANUEL,
CASTAÑAS ASADAS
DENTRO DUN PICHEL,
NOCES E MARMELO
FILLOAS CON MEL.
7. NOSA HORTA ESTÁ PRANTADA
PRANTADIÑA DE AMORODOS
QUE POR MOITOS ANOS VIVAN
OS NOSOS MANUELES TODOS.
DEANO-LO AGHINALDO
SEÑORA POR CRISTO
EN TODA UNHA VIDA
MOITO TEMOS VISTO,
SE NON O VÉ CLARO
ACÉNDALLE UN MISTO.
ME CAGHO NA CRISE
ME CAGHO NA TÓS
NON OBRES MÁIS ALTO
QUE NOS CAE A NÓS,
NON CAGHES MÁIS ALTO
QUE NOS CAE A NÓÓÓS....
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|