| Blog do Club de Lectura Virtual da Biblioteca Pública de Pontevedra |
|
Benvid@s ao Club de Lectura Virtual de Pontevedra
Este Club de Lectura, promovido pola Consellería de Cultura, diríxese a todas as persoas interesadas en compartir a lectura e o comentario de obras diversas a través de Internet. Leremos unha obra ao mes e participarase deixando os comentarios no blog, e tamén a través do chat, nas xuntanzas que faremos mensualmente e nas que poderemos contar, sempre que sexa posible, coa presenza do autor.
|
|

|
| Contacto |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
| PECHADO POR VACACIÓNS |
|
A ACTIVIDADE DO BLOG QUEDA SUSPENDIDA.
QUE PASEDES UN BO VERÁN!!! |
|
|
|
|
| Maio: Madame Bovary - Gustave Flaubert |
|
 A historia dunha muller que rompe coas convencións impostas polo seu mundo e o seu tempo. A crónica minuciosa do seu fracaso e da súa soidade. Unha obra mestra da literatura universal.
Madame Bovary é a novela máis ambiciosa de Flaubert. Protagoniza este cativador relato Emma Bovary, unha fermosa muller de temperamento inquedo e soñador, insatisfeita coa vida de rutina provinciana que lle brinda a súa voda cun médico de carácter bondadoso e espírito prosaico. Atrapada pola saudade dun vivir que concibe como unha perpetua primavera, Madame Bovary vaise adentrar no camiño da transgresión das regras morais da súa época, enfrontándose co desprezo da sociedade e coa súa propia perdición individual.
Podedes pasar a recoller o libro a partir de hoxe, 30 de abril. Terédelo con vós ata o día 30 de maio. Como sabedes, con esta lectura pechamos a andaina do noso club, así que espero que sexa do voso agrado. Boa lectura! |
|
|
|
|
| Madame Bovary |
|
Madame Bovary é unha novela tan importante dentro da literatura universal que con poñer o título no Google xa nos sae unha cantidade enorme de información, estudos e bibliografías.
Para o blog seleccionei un estudo que aparece na Wikipedia, penso que destaca os aspectos máis relevantes e significativos dun xeito sintético:
É interesante notar a ironía que mostra o autor cara aos seus personaxes. É unha das características principais da súa escrita. A voz narrativa está en sintonía co realismo. Trátase dun narrador omnisciente en terceira persoa. No primeiro capítulo, sen embargo, ao falar da infancia de Charles, sitúase nunha segunda persoa do plural que a Crítica atribuíu á voz dun anónimo compañeiro de Charles. Con todo, a achega narrativa fundamental de Flaubert é o chamado estilo indirecto libre, consistente en que, sen abandoar a terceira persoa, focaliza sobre o pensamento dun personaxe (principalmente Emma) de tal xeito que o lector non sabe se está falando o narrador ou o personaxe.
Para a análise da novela desde a súa produción ideolóxica a noción de distancia (imaxino entre "o deber ser" e "o ser") en tanto que categoría segregada desde unha ideoloxía dada (a burguesa) ofrece a vantaxe de poder incluír outras nocións que no texto son fundamentais e que convén tratar desde os mesmos parámetros de estudo. Así, o tema da viaxe estaría intimamente relacionado co da distancia en tanto que para o inconsciente ideolóxico burgués a vida concíbese como unha acumulación de experiencias , como a novela que se analiza nestas páxinas deixa ben claro na fascinación que Emma Bovary sente polos nobres que viaxan e tiveron experiencias directas en contraposición coas experiencias a través da lectura que tivo ela, lectora, por exemplo no capítulo no que Charles e Emma visitan o palacio da Vaubyessard. Nesta pasaxe hai que destacar o papel do narrador quen, no estilo libre indirecto característico da voz narrativa, parece ir describindo a través da perspectiva de Emma Bovary, pero constantemente creando unha distancia con respecto á información que presenta, funcionando como bisagra irónica entre a mirada da protagonista e a realidade sobre a que se supón que o narrador realista informa como, por exemplo, logo da descrición do duque de Laverdière, na que se subliñan máis ben os trazos de decadencia física, impotencia e soidade case moral.
Así, se a novela está dividida en tres partes, xa na primeira o narrador vai deixar clara a dinámica na que vai entrar a protagonista, o seu paso, poderíase dicir, da teoría á práctica (da literatura á vida); para nas seccións segunda e terceira, centrarse nas dúas historias cos seus dous amantes e pechar tráxicamente a historia de Emma Bovary e a súa familia e dar noticias do que ocorrerá co resto dos personaxes que van desfilando polo resto da novela.
A dinámica que se expón no texto entre teoría e práctica ou literatura e vida non é unha novidade no momento no que Flaubert escribe e o francés xa está absolutamente inscrito e escribe desde un inconsciente ideolóxico pleno, aínda que non libre de fisuras, que estableceu os seus parámetros de interpretación da realidade. O narrador suxire o estado psicolóxico da protagonista a través de accións que implican na narración un fastío (o moi debatido "ennui" de Emma Bovary), unha insatisfacción coa vida para, máis adiante, establecer as posibilidades que a protagonista ten fronte á súa moi rutineira vida doméstica: ben o convento (a morte), ben a vida plena (París). Se se le coidadosamente, sen embargo, pódese apreciar o ton irónico que o narrador aplica á escena para insinuar que as dúas saídas son igualmente estetizadas e, por outra banda, ridículas segundo o contexto establecido.
Similutedes con A Rexenta, de Clarín:
Madame Bovary e A Rexenta son novelas con certo parecido, que en calquera caso é moi superficial. Madame Bovary é unha novela moi poética, de estrutura moi pechada...todo concéntrase no personaxe de Emma. Ademais, está escrita dun xeito moi controlado. As imaxes forman unha rede moi tupida. Iso non existe na Rexenta, que é unha novela moito máis aberta, que non se centra só no personaxe de Ana Ozores, senón que máis ben é unha novela panorámica, que combina a fascinación dunha novela psicolóxica cunha novela social, porque o retrato da sociedade vetustense é magnífico. En fin, que en todos os conceptos trátase de dúas novelas tan diferentes que non resulta unha boa idea comparalas. Tamén ten un parecido con "Anna Karenina" de León Tolstoy, polo estereotipo de muller adúltera infeliz que remata tráxicamente.
Fontes: Ramón Tamames: De Flaubert a Clarín e de Madame Bovary a A Rexenta
Adaptacións cinematográficas:
Realizáronse varias adaptacións para o cine de Madame Bovary:
Dirixida por Jean Renoir (1933)
Dirixida por Carlos Schlieper (1947)
Dirixida por Vincente Minnelli (1949)
Dirixida por Claude Chabrol (1991)
Dirixida por Tim Fywell para a BBC (2000)
Déixovos aquí o trailer desta última:
O bovarismo:
Enténdese por bovarismo o estado de insatisfacción crónica dunha persoa, producido polo contraste entre as súas ilusións e aspiracións (a miúdo desproporcionadas respecto das súas propias posibilidades) e a realidade, que adoita frustralas.
O termo e moi empregado en psicoloxía e foi utilizado por primeira vez polo filósofo francés Jules de Gaultier no seu estudo Le Bovarysme, la psychologie dans l'oeuvre de Flaubert (1892), no que se refire á novela Madame Bovary de Gustave Flaubert, en concreto á figura da súa protagonista, Emma Bovary, que se converteu no prototipo da insatisfacción conxugal. |
|
|
|
|
| Gustave Flaubert |
|
 Novelista francés encadrado na escola realista, gabado pola súa obxectividade e pola perfección do seu estilo, calidades que se poden atopar en Madame Bovary, o seu traballo máis importante.
Flaubert, fillo dun médico, naceu en Rouen, Normandía, o 12 de decembro de 1821. Estudou dereito en Paris durante un curto periodo de tempo, pero a súa fráxil saúde obrigouno a abandoar en pouco tempo. Foi entón cando decidiu dedicarse a escribir. Entre 1849 e 1851 viaxou, en compañía dun amigo, por Grecia e Oriente Próximo, unha experiencia que lle inspirou os escenarios exóticos de dúas das súas novelas. Afectado por unha desorde de tipo nerviosa, pasou a maior parte da súa vida xunto á súa familia, en Croisset, preto de Rouen, onde recibía frecuentes visitas doutros importantes escritores. Alí morreu o 8 de maio de 1880.
A primeira novela de Flaubert, e a máis lida tamén, Madame Bovary, publicada por primeira vez en 1857, enfrontouse a un importante procedemento legal. Tanto o autor como o editor foron acusados pola inmoralidade da mesma. Malia ser absoltos, o escándalo empanou o lanzamento do libro, e non foi ata tempo despois que foi recoñecida como unha das obras mestras da literatura francesa, obra de referencia constante dentro do realismo.
Madame Bovary, subtitulada Costumes provincianos, é, en aparencia, unha convencional historia de adulterio, pero logra converterse nunha profunda análise da humanidade e, en concreto, nun ataque á monotonía e ás desilusións da vida burguesa.
Outras novelas tamén importantes de Flaubert son Salambó (1863) e A tentación de San Antonio (1874). A primeira delas é unha narración histórica ambientada na antiga Cartago; a segunda está baseada na lenda das tentacións ás que se tivo que enfrontar o fundador das comunidades relixiosas cristiás, San Antonio, na soidade do deserto. Aínda que estas dúas novelas son consideradas en xeral máis próximas ao romanticismo que Madame Bovary, case todas as obras de Flaubert combinan elementos tanto románticos como naturalistas.
Nas súas cartas, publicadas póstumamente, Correspondance (4 volumes, 1887-1893), Flaubert cualificou o seu traballo de “agonías da arte”. O infinito coidado que poñía en conseguir unha gran precisión nos detalles e na linguaxe fíxose lendario. A devoción de Flaubert cara á arte non podería ser posta de manifesto doutro xeito mellor que na perfección que se esixía a si mesmo.
Entre as demais obras de Flaubert é preciso destacar a novela A educación sentimental (1869), tres narracións curtas publicadas co título de Tres contos (1877), e dous traballos editados póstumamente, a inacabada novela Bouvard e Pécuchet (1881) e o Dicionario de lugares comúns (1913).
Páxina web dedicada a Flaubert: http://flaubert.univ-rouen.fr/
|
|
|
|
|
| Abril: Fin de século en Palestina - Miguel Anxo Murado |
|
 En 1998 o escritor Miguel Anxo Murado foi a Palestina enviado polas Nacións Unidas. Permanecería alí cinco anos nos que viviu toda clase de situacións dramáticas e cómicas: desde representar a Palestina nunha feira internacional de turismo a presenciar atentados e bombardeos pasando por ser o portavoz oficial durante a visita do Papa. Fin de século en Palestina é o relato autobiográfico daquela experiencia persoal na paz e na guerra, un relato auténtico, tenro, en parte tráxico e mesmo ás veces humorístico da vida nun país cheo de cor e de violencia.
Premio Libro do Ano 2008 da Asociación de Editores Galegos
"Fin de século en Palestina" libro do ano (24-12-2008)
Na Noite da Edición celebrada o pasado venres, o libro de Miguel Anxo Murado, "Fin de século en Palestina" foi distinguido como mellor libro do ano. O premio dos editores súmase aos parabéns que esta obra está a recibir de crítica e lectores.
Recolleu o premio en nome de Miguel Anxo Murado, que non puido estar esa noite en Vigo, o director literario de Galaxia, Carlos Lema, quen ademais de agradecer en nome do autor o premio, sinalou que a un editor como Anxel Casal (o premio ao mellor libro do ano é o Premio Anxel Casal) gustaríalle moito un libro como o de Murado, centrado no conflito palestino e que, dalgunha maneira, retrata ademais da traxedia dunha situación terrible, os anceios humanos pola liberdade.
Fin de século en Palestina está a ser acollido unanimemente por lectores e crítica como unha das mellores obras dos derradeiros anos. Agora, con este premio dos editores, confírmase aínda máis esa sensación. Este novo éxito de Miguel Anxo Murado súmase aos moitos premios recollidos o ano pasado pola súa obra "O soño da febre"
Podedes recoller o libro na biblioteca a partir de mañá, día 1 de Abril. Terédelo con vós ata o día 30. Boa lectura!!! |
|
|
|
|
| Fin de século en Palestina |
|
Posto que nos imos mergullar da man de Murado no conflito Palestino-Israelí, cumprirá informarnos un pouco de como xurde este enfrontamento, como foi evolucionando e os diversos factores que teñen repercusión nel. Este documental que vos deixo aquí penso que fai un percorrido nos seus 45 min que axuda a ter unha idea clara do acontecido en Palestina desde o comenzo do conflito.
(Se facedes doble click no video, podédelo ver a pantalla completa)
Outra páxina moi interesante (da que recomendo totalmente a súa lectura) na que atoparedes información sobre a cronoloxía, os protagonistas, os mapas das distintas distribucións territoriais, as minorías, as intifadas...
Oriente Próximo: seis décadas en guerra
Moitas das referencias do libro poden ser consultadas aí.
|
|
|
|
|
| Miguel Anxo Murado |
|
 Nado en Lugo en 1965, é escritor, guionista de cinema e televisión. A súa aparición no mundo literario tivo lugar con Metamorfosis benezianas (1983), novela en castelán coa que gañou ós 17 anos o Premio Café Gijón. En galego é autor dunha variada obra que inclúe narrativa (Memoria de derribos, Mércores de cinza, O soño da febre), poesía (Lapidario dos heterodoxos, Bestiario dos descontentos) e teatro (A grande noite de Fiz, Historias peregrinas). En 1991 e 1994 viaxou á ex-Iugoslavia como enviado especial, experiencia da que naceu Ruído. Relatos de guerra. En 2001 publicou o ensaio Caderno de Xapón.
En paralelo co seu traballo literario, Murado desenvolveu durante anos un labor de guionista, polo que obtivo en tres ocasións o Premio Carlos Velo para guionistas da Xunta de Galicia. Seus son os guións de películas do cinema español como La Ley de la Frontera ou Finisterre. En televisión, escribiu e realizou unha ducia de documentais sobre Xeografía, Literatura e Política, e colaborou en varias series.
Murado desenvolveu unha actividade intermitente no campo do xornalismo. É columnista habitual en diversos medios. Residiu varios anos en Oriente Medio, onde traballou sucesivamente para as Nacións Unidas, o Goberno da Autoridade Palestina e como correspondente de prensa. Experiencia da que nace Fin de século en Palestina
Páxina web do autor: http://www.miguelmurado.com/ |
|
|
|
|
| Marzo: Os ollos de K - Antón Riveiro Coello |
|
 O escritor Suso Paradela convértese involuntariamente no protagonista dunha novela que escapa ao seu control.
A presenza dun home que agarda sentado nun banco sostendo na man un tarro cun ollo é o detonante que fai estourar os límites entre realidade e ficción. Os ollos de K non é tanto a escrita dunha aventura como a propia aventura da escrita. Un texto que vira sobre si e descobre os fíos labirínticos dunha trama entretida e intrigante, na que Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) ispe o feito literario e deixa á vista dos lectores o material artístico e a función creadora.
Podedes pasar a recoller o libro a partir de mañá, día 2 de marzo. Terédelo con vós ata o día 1 de abril. Boa lectura! |
|
|
|
|
| Os ollos de K |
|
Déixovos aquí unha crítica de Héitor Mera e outra de Anxos García Fonte:
Héitor Mera
Cartafol de libros.
Xaneiro 2008
Dicía Agustín Fernández Paz na charla sobre o seu libro premiado co Frei Martiño Sarmiento que o escritor é un depredador da realidade. Insistía nesta reflexión no seu blog Francisco Castro como modus operandi dos que se dedican a escribir historias inspiradas en detalles do cotián. Posiblemente estas manifestacións a moitos lles poidan parecer mesmo obviedades, mais afondar na cuestión pode dar conclusións inesperadas, sorprendentes. Léndomos a última novela de Riveiro Coello poderemos entender moito mellor a importancia do depredador, entenderemos mellor tamén a incidencia na vida dese "depredador" e, como lectores, poderemos chegar a entender algunhas das realidades creativas destes homes e mulleres que se dedican á literatura.
En Os ollos de K o máis interesante é a reflexión a que nos leva o personaxe principal, escritor de certo nome que combina as súas novelas coa aparición diaria dun artigo nun xornal. Exceptuando o éxito que ten en forma pecuniaria coas súas novelas, o personaxe esta construído seguindo moitas das características do escritor galego. As súas preocupacións, vaidades, miserias e virtudes son propias da realidade de calquera escritor. Riveiro Coello constrúe un personaxe arquetípico esencialmente impecable e, a partir del, todo o xogo que virá polas súas andanzas ao longo da trama(s) policiaca da obra.
O noso personaxe leva a actividade "depredadora" ata límites insospeitados e non o dicímos por ter contratado a dous homes para presentárenlle posibles historias para levalas ao papel, senón por como se desenvolve toda a acción. A raíz da aparición dun home cun ollo humano dentro dun frasco, os acontecementos reais e os artigos xornalísticos do tal escritor acollen un paralelismo e unha relación causa-efecto preocupante. Mesmo chega a pensar que os acontecementos posteriores de asainatos e demais indicios que se van presentando ao longo da acción teñen que ver coa súa actividade literaria. É máis decide escribir unha novela baseándose en todo o que lles está sucedendo.
Esta decisión é o que leva ao personaxe a levar a imaxinación e a realidade a campos pouco claros con paralelismos e desviacións dos mesmos que rozan a esquizofrenia creativa, pois o noso narrador chega a pensar que as respostas á realidade está na súa propia ficción.
E aquí están os límites aos que nos referíamos. Como o propio título deixa caer, límites que van ao kafkiano de xeito consciente, pero sen ningún tipo de reacción pola súa parte. O autor vencido pola súa propia fantasía que, en certa medida é a realidade que lle toca vivir, polo que se fai máis perigosa a situación.
Riveiro Coello reflexiona e presenta moitas inquedanzas creadoras. Mais non é un texto metapoético que non teña máis interese que o que o propio autor lle queira dar para si; faino atendendo a unha tensión narrativa que mantén ao lector enganchado, lendo devezoso.
Xa teño lido moitas obras de Riveiro Coello. Conclúo que artellando unha novela e dominando os ritmos, as engranaxes da mesma, hai poucos coma el. Sen desmerecer a ninguén, Riveiro Coello pasa por ser un dos nosos mellores novelistas. Dá igual o que nos conte. Ten o don de atrapar coas súas novelas, sólidas, ben feitas e, parécenos, moi, moi traballadas. Non se malinterpreten as miñas palabras. Non pretendo caer en grandilocuencias pretenciosas que fagan pensar ao lector que estamos ante unha obra mestra ou algo polo estilo. Unha moi boa novela, unha boa xeira literaria como a de Riveiro Coello non precisa de esaxeracións superfluas. Aquí o que hai é oficio, sensibilidade e sabedoría literaria.
Anxos García Fonte. Cabanas.
LG3
Febreiro 2008
Antón Riveiro Coello presenta unha novela ambiciosa e de ritmo áxil que nos conduce polos tortuosos carreiros da creación literaria dun narrador protagonista que non dubida en vender a súa alma ao diaño con tal de ter unha historia que contar.
O protagonista, Suso Paradela, é un escritor solitario, habitante dun Ourense desdebuxado envolto na néboa e cuberto de neve, que parece sufrir unha perpetua crise creativa: a urxencia do pequeno relato que debe escribir diariamente no xornal agudiza esa angustia e pon de manifesto que o baleiro existencial do escritor e a dificultade para tomar iniciativas na súa vida persoal están moi relacionados coa incapacidade de crear e imaxinar historias. Por esa razón decide ofrecer diñeiro nunha entrevista do xornal a quen lle proporcione historias. O chamamento ten éxito e a el acoden dúas persoas: en primeiro lugar un tal Pastor, personaxe que se move no mundo marxinal de Ourense e, logo, Dimitrie Lupescu, un romanés misterioso que rematará por acaparar todo o protagonismo do novo proxecto de Suso Paradela.
O escritor, intentando poñer a andar o argumento para unha nova novela, curiosamente provocando a ficción a través da realidade, encárgalles por separado a Pastor e a Dimitrie que localicen un exemplar, roubado o mesmo día da presentación, do seu último libro cunha dedicatoria ao editor. A partir de aquí a historia vaise complicando cunha serie de asasinatos nos que acaba véndose implicado o protagonista.
A trama fundamental está interrompida por unha serie de pequenos relatos de final truculento, cinco en total, que o protagonista escribe para a súa columna diaria no xornal. Os relatos teñen en común un asasinato no que os corpos son mutilados do mesmo xeito: arrincándolles os ollos. Todos, agás o primeiro, son resultado das historias de Dimitrie Lupescu ou ben da propia imaxinación de Suso Paradela tratando de darlle unha explicación á intriga en que se ve envolto.
Verdadeiras historias dentro da historia, estes relatos veñen a anticipar moitos acontecementos da trama principal, facendo dubidar ao escritor Suso Paradela se non estará el mesmo, sen querelo, provocando desde a ficción os sucesos que logo se producirán na realidade: “Que pensará cando lle diga que temo ser o que escribe o destino duns personaxes que se asentan na realidade, cunha vontade que corrixo dun xeito poderoso e case inconsciente?” (p.126).
A continua reflexión entre a fráxil liña que separa ficción de realidade é, se cadra, un dos aspectos máis interesantes da presente novela: "-Abóndame a imaxinación", dille un orgulloso Suso Paradela rexeitando a Dimitrie Lupescu, cando este lle ofrece as súas historias; “-A imaxinación non existe se non existe a memoria- retrúcalle o romanés- Ela é a que nos proporciona as historias (...)” (p. 24).
O protagonista chega mesmo a verse na disxuntiva de implicarse plenamente na creación literaria, o cal implicaría ter que pasar por alto moitas consideracións morais e cívicas, ou comprometerse coa realidade vital e as súas esixencias: lealdade persoal, esixencias legais, etc. Suso Paradela tenta, ata o último momento, en que os acontecementos se precipitan sobre el e ameazan con frustrar os seus proxectos tanto na realidade coma na ficción, sobrevivir nunha calculada ambigüidade: “-Eu xa vivo nunha realidade literaria.”(p. 84)
Literatura na literatura, metanarrativa, argumento de novela policiaca ao estilo trepidante dun Rubem Fonseca: fermosas mulleres que o protagonista soña seducir, asasinatos e historias de amor e violencia, unha nova con cada personaxe que entra na escena narrativa, multiplicidade de voces, cambios de espazo e tempo... e todo en apenas cinco días. Nalgunhas ocasións o lector pode verse sorprendido pola audacia das propostas argumentais e con moita razón podería acusalas de inverosímiles, mais, como Suso Paradela se encarga de lembrarnos, iso da verosimilitude non son máis que teimas dos críticos cando non teñen outra cousa mellor que argumentar e, como dicía Heráclito, citado polo propio Paradela, “debemos aprender a esperar o inesperado”, porque a realidade case sempre supera a ficción (ou era ao revés?). |
|
|
|
|
| Antón Riveiro Coello |
|
Naceu en Xinzo de Limia, no ano 1964. Cursou estudios de Dereito na Universidade de Santiago e actualmente traballa na administración autonómica. Riveiro Coello é un dos narradores máis premiados dos xurdidos na literatura galega durante a pasada década. Ademais dun gran número de relatos en libros colectivos e revistas literarias ten publicadas as novelas Valquiria (1993, premio Camilo José Cela), A historia de Chicho Antela (1997), A quinta de Saler (1999), coa que foi finalista do premio Torrente Ballester, así como as recompilacións de relatos Parque Central(1996) e Airadas de palabras (1998), onde se recollen os contos que lle foron premiados nos certames Manuel Murguía e Modesto R. Figueiredo entre os anos 1991 e 1997. Con Animalia (2000) obtivo o premio Café Dublín corrrespondente a 1999. As rulas de Bakunin recibiu o premio García Barros en 2000, ano no que tamén logrou o Álvaro Cunqueiro de Narrativa con Homónima.
Antón Riveiro Coello é tamén un dos principais promotores da Asociación Cultural Barbantia.
E para os que queirades saber un pouco máis só tedes que pinchar neste enlace: AELG. |
|
|
|
|
|
|
|
|
|