| Club de Lectura Virtual da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal |
|
Benvid@s ao noso Club de Lectura Virtual!
Este Club de Lectura diríxese a todas as persoas interesadas en compartir a lectura e o comentario de obras diversas a través de Internet. Leremos unha obra ao mes e participarase deixando os comentarios no blog, e a través do chat cando sexa posible.
|
|

|
| Contacto |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
| Marzo: O bosque dos raposos aforcados - Arto Paasilinna |
|
Oiva Juntunen é un delincuente de pouca monta que consegue roubarlle varios quilos de ouro ao goberno de Noruega. A vida sorrille a este novo rico mentres os seus cómplices están no cárcere, pero cando estes saen e lle van reclamar a súa parte do botín, Oiva prefire fuxir ás recónditas paraxes da Laponia finlandesa antes de entregarlles un só gramo do seu prezado metal amarelo a aqueles maleantes sen estilo. Naquelas frías terras do norte coñece ao comandante Remes, militar alcólico co que acaba vivindo unha serie de estrafalarias aventuras no límite entre a realidade e o absurdo.
Arto Paasilinna (Kittilä, Finlandia, 1942) foi gardabosques, xornalista e poeta antes de converterse en novelista de culto no seu país, onde cada novo libro seu (xa máis de trinta) se vende por milleiros. A súa escrita, limpa e precisa, ten a capacidade de contar de forma cómica as historias máis tráxicas e desconcertantes, que ambienta sempre nunha natureza vista con respecto e amor, e protagonizadas polos seus prototipos de homes finlandeses, algo anárquicos e individualistas. Traducido xa a decenas de linguas, O bosque dos raposos aforcados é o primeiro libro que se verte do finlandés ao galego. [Presentación editorial]
Poderedes pasar a recoller o voso exemplar a partir do 1 de marzo e teredelo con vos ata o 3 de abril.
Boa lectura! |
|
|
|
|
| Febreiro: Non me deixes nunca - Kazuo Ishiguro |
|
 Premio Novela Europea Casino de Santiago 2006
Inglaterra, finais do século XX. No medio da idílica paisaxe campestre, un colexio exclusivo acubilla os seus alumnos, protéxeos do mundo exterior, failles crer que son especiais, auténticos seres escollidos. Mais, por que están realmente alí? Kazuo Ishiguro, autor de The Remains of the Day (O que queda do día), explora nesta novela as posibilidades da ficción a través dun relato que agacha unha verdade terrible. Non me deixes nunca é a historia dun destino inesperado, dun fado arrepiante que pon de relevo a fraxilidade do ser humano fronte a un mundo aparentemente feliz. [Presentación Editorial]
Esta obra de Kazuo Ishiguro ten sido incluída no xénero da ciencia-ficción, mais o seu autor resístese a aceptar esa catalogación, e é que o mundo que crea na novela ben podería ser o noso mundo real, un mundo alternativo posible, e por iso mesmo, arrepiante. Isto é o que leva a algúns sectores da crítica a considerar esta obra como unha distopía (o contrario dunha utopía, o mundo proposto dista moito do ideal) que lle permitiría abordar a Ishiguro un tema moi interesante e polémico que non nomearei nesta sección para non estragarvos a intriga. Sexa como for, o certo é que se trata dun libro que admite múltiples e diversas lecturas, algunhas máis literais, outras máis alegóricas, e que dará lugar, sen dúbida ningunha, a un interesante debate nas sesións.
Na entrada de “Información sobre as lecturas” atoparedes, entre outras achegas, unhas críticas moi interesantes, mais nas que se desvelan datos que poden estragar o argumento e a intriga da novela. Na miña opinión, sería mellor que as lerades unha vez rematada a obra, como complemento.
A partir do día 1 de febreiro podedes pasar a recoller o novo libro. Terédelo con vós ata o día 1 de marzo.
|
|
|
|
|
| Narcos - Carlos G. Reigosa |
|
O empresario vigués Mario Cendán, un pai ferido pola morte da súa filla por sobredose, encarga a Nivardo Castro –un detective madrigalego, serio, un aventureiro internacional con experiencia abonda– que fure a fondo no mundo dos narcotraficantes, un xeito de facerlles perder o sosego e a tranquilidade na que desenvolven a súa actividade. Enleado na resolución dun caso tan pouco frecuente, Nivardo coñecerá que un gran alixo de drogas vai cruzar o Atlántico para ser desembarcado na costa galega. Un xuíz teimudo está sobre aviso e disponse a interceptalo para dar un golpe de morte ó narcotráfico galego e colombiano. A trama complícase coa inesperada aparición doutro alixo en marcha e cun axuste de contas entre dous reis da fariña, herdeiros do vello amo do fume Don Orlando, que segue desde o cárcere atento ós movementos do seu negocio de contrabando de tabaco e haxis, manexado, agora, polo seu avogado Lito Ferro. Nivardo Castro e o xornalista Carlos Conde (os xa familiares personaxes de Crime en Compostela, O misterio do barco perdido e A guerra do tabaco) e a fotógrafa nova María Candea teñen un miradoiro privilexiado neste labirinto de fogos cruzados entre os Mingallos, os Castaños, os grupos de Roque Caruncho e de Eustaquio Lamote, as activas bandas do narcotráfico de cocaína, con importantes conexións internacionais, que se moven nas Rías Baixas, entre as poboacións de Vilavedra, Marmaariz, Beiramar, Vilarousa, Grobas, Illarón e Salgueiros. Mentres desenvolven a súa perigosa investigación, onde acadarán un protagonismo decisivo, a esta aliaxe inquebrantable sóbralles tempos para facer ximnasia da lingua nos seus garitos composteláns preferidos, onde nunca faltan o xornalista Darío Berdial, o fotógrafo Elpidio Bandeira, Luís do Cerne ou o concelleiro Estevo Xiráldez. Narcos posúe dende o inicio unha acción trepidante, de ritmo forte e rápido, que arrastra ó lector compulsivamente ata un final violento e imprevisto.
[Presentación Editorial]
Ola a todos!
Primeiro de nada, é un placer comezar o ano con vos, dende hoxe, coordinarei o club de lectura co desexo que continuar o marabilloso traballo levado a cabo por Eva, e de que cada día sexamos máis compartindo as lecturas.
A partir do día 2 de xaneiro podedes pasar a recoller o novo libro. Terédelo con vós ata o día 1 de febreiro.
Boa lectura, e agardo os vosos comentarios! |
|
|
|
|
| A elegancia do ourizo - Muriel Barbery |
|
 A elegancia do ourizo conta a historia da porteira dun edificio da burguesía parisina e dunha rapaza de doce anos que teñen en común a súa vida solitaria, os esforzos por vencer a desesperanza e as súas cualidades pouco comúns descoñecidas polos ricos vaidosos que moran na súa veciñanza.
Renée, a porteira do número 7 da rúa Grenelle, leva moito tempo finxindo ser unha muller corrente. É viúva, cativa e laida. E ninguén sospeita da súa extraordinaria cultura. Paloma ten doce anos e tamén oculta unha gran intelixencia. Négase a ter como destino a vacuidade e inepcia da existencia adulta. Canto faga trece anos ten pensado suicidarse. Ambas levan unha vida solitaria deica a chegada ao edificio dun home misterioso que propiciará o encontro. Xuntas irán amosándonos cun sorriso como é posible acadar unha felicidade cimentada na amizade, o amor e a arte.
«Un conto moderno, refrescante e intelixente», Le Figaro; «A nostalxia atemporal de Marcel Proust e o frescor de Philippe Delerm… Divertida, intelixente… aérea coma un haiku», L’Express; “Dicir que Muriel Barbery ten talento é quedarse curto… Ten un humor devastador», Le Nouvel Observateur.
Podedes pasar a recoller o voso exemplar a partir de mañá, día 1 de Decembro. Terédelo con vós ata o día 2 de Xaneiro.
BOA LECTURA!!! |
|
|
|
|
| Novembro: Madame Bovary - Gustave Flaubert |
|
 A historia dunha muller que rompe coas convencións impostas polo seu mundo e o seu tempo. A crónica minuciosa do seu fracaso e da súa soidade. Unha obra mestra da literatura universal.
Madame Bovary é a novela máis ambiciosa de Flaubert. Protagoniza este cativador relato Emma Bovary, unha fermosa muller de temperamento inquedo e soñador, insatisfeita coa vida de rutina provinciana que lle brinda a súa voda cun médico de carácter bondadoso e espírito prosaico. Atrapada pola saudade dun vivir que concibe como unha perpetua primavera, Madame Bovary vaise adentrar no camiño da transgresión das regras morais da súa época, enfrontándose co desprezo da sociedade e coa súa propia perdición individual.
Podedes pasar a recoller a obra pola biblioteca a partir do día 2 de Novembro. Terédela con vós ata o 1 de Decembro.
BOA LECTURA!!! |
|
|
|
|
|
|
|
|
|