Club de Lectura Virtual da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Benvid@s ao noso Club de Lectura Virtual!

Este Club de Lectura diríxese a todas as persoas interesadas en compartir a lectura e o comentario de obras diversas a través de Internet. Leremos unha obra ao mes e participarase deixando os comentarios no blog, e a través do chat cando sexa posible.



Contacto
biblio.publica.santiago@xunta.es
 SECCIÓNS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Marzo: O bosque dos raposos aforcados - Arto Paasilinna
Oiva Juntunen é un delincuente de pouca monta que consegue roubarlle varios quilos de ouro ao goberno de Noruega. A vida sorrille a este novo rico mentres os seus cómplices están no cárcere, pero cando estes saen e lle van reclamar a súa parte do botín, Oiva prefire fuxir ás recónditas paraxes da Laponia finlandesa antes de entregarlles un só gramo do seu prezado metal amarelo a aqueles maleantes sen estilo. Naquelas frías terras do norte coñece ao comandante Remes, militar alcólico co que acaba vivindo unha serie de estrafalarias aventuras no límite entre a realidade e o absurdo.

Arto Paasilinna (Kittilä, Finlandia, 1942) foi gardabosques, xornalista e poeta antes de converterse en novelista de culto no seu país, onde cada novo libro seu (xa máis de trinta) se vende por milleiros. A súa escrita, limpa e precisa, ten a capacidade de contar de forma cómica as historias máis tráxicas e desconcertantes, que ambienta sempre nunha natureza vista con respecto e amor, e protagonizadas polos seus prototipos de homes finlandeses, algo anárquicos e individualistas. Traducido xa a decenas de linguas, O bosque dos raposos aforcados é o primeiro libro que se verte do finlandés ao galego. [Presentación editorial]
Comentarios (0) - Categoría: LIBROS QUE VIRÁN - Publicado o 02-02-2010 12:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Non me deixes nunca
Déixovos aquí os enlaces a unha serie de críticas sobre a novela de Ishiguro que, non obstante, recomendo ler despois de ter rematada a obra posto que se fan revelacións argumentais que poden estragar a intriga e incluso condicionar o debate:


1) Unha interesante e completa recensión sobre Non me deixes nunca

2) Unha crítica pouco entusiasta de Francisco José Súñer Iglesias

3) Por último, unha recensión publicada en Literatura Fantástica

Para saber un pouquiño máis sobre o tema que aborda a novela, desde un punto de vista científico, quizais conveña botarlle unha ollada a este programa de REDES, de TVE e conducido polo divulgador científico Eduard Punset, onde aparecen aclarados algúns conceptos e explicadas algunhas cuestións que axudan a entender o alcance real das investigacións nese eido:


REDES: CLONAR… PARA QUE?



E finalmente e como complemento para despois da lectura, comentarvos que existe unha película, A illa, que fai unha proposta, salvando as distancias, parecida á de Ishiguro. O filme foi dirixido por Michael Bay e está protagonizado por Ewan Mc Gregor e Scarlett Johanson. Estreouse no 2005, xustamente o mesmo ano no que Ishiguro publica a súa novela.


Trailer do filme:



Sinopse

Lincoln Eco-Seis (Ewan McGregor) e Jordan Delta-Dous (Scarlett Johansson) atópanse entre os centos de residentes dun complexo pechado a mediados do século XXI. Do mesmo xeito que todos os habitantes desta contorna coidadosamente controlada, todo nas súas vidas cotiás está sometido a vixianza, aparentemente polo seu propio ben. A única saída , e a esperanza que todos comparten, é ser elixido para ir a "A illa", o último recuncho sen contaminar do mundo tras un desastre ecolóxico que, segundo din, cobrouse a vida de todos os habitantes do planeta, excepto a deles. Lincoln, que ultimamente ten pesadelos inexplicables, está inquedo e cuéstionase cada vez máis as restricións que lle impuxeron á súa vida. Pero a verdade impónselle con crueldade cando descobre que todo sobre a súa existencia é mentira, que a illa é un engano, e que el, Jordan, e todos aos que coñecen son máis valiosos mortos que vivos. Sen tempo que perder, Lincoln e Jordan emprenden unha arriscada fuxida a un mundo exterior que nunca coñeceron e no que teñen unha misión primordial: vivir.

Comentarios (0) - Categoría: SOBRE AS LECTURAS - Publicado o 02-02-2010 12:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Kazuo Ishiguro
Naceu en Nagasaki en 1954, mais a partir dos seis anos viviu en Inglaterra, onde recibiu unha formación académica absolutamente occidental, desde a educación primaria ata os estudos superiores, que cursou na Universidade de Kent. Posteriormente doutorouse en Escritura creativa pola Universidade de East Anglia, onde recibiu unha marcada influencia do novelista Malcolm Bradbury, quen fundara e impartira os devanditos cursos doutorais.

Kazuo Ishiguro comezou a darse a coñecer nos círculos literarios do Reino Unido a comezos da década dos oitenta, aínda que previamente xa conseguira que lle publicaran algúns artigos e relatos en varias revistas literarias.

En 1982 deu á imprenta a súa primeira narración extensa, unha novela titulada Pálida luz nos outeiros, cuxa acollida foi tan calorosa que recibiu o prestixioso premio "Winifred Holtby". A súa seguinte novela, Un artista do mundo flotante (1986), fíxose acredora doutro non menos importante galardón, o premio "Whitbread" de Literatura.

Con estes dous cartóns de presentación, non resulta estraño que a súa terceira novela, titulada Os restos do día (1989), fora recibida con grandes eloxios por parte da crítica e os lectores ingleses. Esta novela -que reportou ao mozo Ishiguro outro dos galardóns máis anhelados nos cenáculos literarios do Reino Unido, o "Booker Prize"- constitúe unha lúcida e amarga reflexión acerca da vacuidade e esterilidade de tantas vidas humanas, reflectidas na narración dun típico mordomo inglés que, en primeira persoa, vai recordando os distintos pormenores que poboaron a súa experiencia laboral, para acabar constatando como malgastou a súa vida de forma estúpida e -o que é peor- irrecuperable. [www.biografiasyvidas.com]

Esta novela foi levada á gran pantalla polo director norteamericano James Ivory en 1993, baixo o título de O que queda do día con Anthony Hopkins e Emma Thompson nos papeis protagonistas. O filme recibiu 8 candidaturas aos Premios Oscar, 4 aos Globos de Ouro e 5 aos Premios Bafta británicos.

No ano 1995 publica Os inconsolables, unha obra inclasificable e enigmática, chea de pequenas narracións que se van introducindo no labirinto da narración principal e na que cunha escritura onírica e naturalista ao tempo, conta unha historia de guerras do pasado, exilios e crueldades, relacións imposibles entre pais e fillos, maridos e mulleres, cidades e artistas.

A esta seguiralle no 2000 Cando fomos orfos, definida pola crítica como “sorte de caprichoso reflexo da obra enteira de Ishiguro”.

Non me deixes nunca, publicada no 2005, constitúe a súa última novela, quedando finalista nos Premios Arthur C. Clarke e Booker dese mesmo ano. Na actualidade está a ser adaptada para a gran pantalla polo director Mark Romanek e con Keira Knightley no papel de Kathy. A estrea está prevista para o 2010.

A súa máis recente achega está formada por un conxunto de relatos publicados o pasado maio baixo o título de Cinco historias de música e anoitecer, definido polo propio autor como unha obra de ficción en cinco movementos, e que constitúe a súa estrea na escrita de relato breve.

Desenvolve tamén unha actividade como guionista. Entre os seus traballos neste eido figuran: The saddest music in the world, do 2003, A condesa rusa, do 2005 e Non me deixes nunca, do 2009.

Kazuo Ishiguro está considerado como un dos mellores escritores anglosaxóns contemporáneos e Non me deixes nunca, a súa novela máis recente, constituirá unha excelente oportunidade para achegarnos á súa escrita.
Comentarios (0) - Categoría: SOBRE OS AUTORES - Publicado o 02-02-2010 12:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Febreiro: Non me deixes nunca - Kazuo Ishiguro
Premio Novela Europea Casino de Santiago 2006

Inglaterra, finais do século XX. No medio da idílica paisaxe campestre, un colexio exclusivo acubilla os seus alumnos, protéxeos do mundo exterior, failles crer que son especiais, auténticos seres escollidos. Mais, por que están realmente alí? Kazuo Ishiguro, autor de The Remains of the Day (O que queda do día), explora nesta novela as posibilidades da ficción a través dun relato que agacha unha verdade terrible. Non me deixes nunca é a historia dun destino inesperado, dun fado arrepiante que pon de relevo a fraxilidade do ser humano fronte a un mundo aparentemente feliz. [Presentación Editorial]

Esta obra de Kazuo Ishiguro ten sido incluída no xénero da ciencia-ficción, mais o seu autor resístese a aceptar esa catalogación, e é que o mundo que crea na novela ben podería ser o noso mundo real, un mundo alternativo posible, e por iso mesmo, arrepiante. Isto é o que leva a algúns sectores da crítica a considerar esta obra como unha distopía (o contrario dunha utopía, o mundo proposto dista moito do ideal) que lle permitiría abordar a Ishiguro un tema moi interesante e polémico que non nomearei nesta sección para non estragarvos a intriga. Sexa como for, o certo é que se trata dun libro que admite múltiples e diversas lecturas, algunhas máis literais, outras máis alegóricas, e que dará lugar, sen dúbida ningunha, a un interesante debate nas sesións.

Na entrada de “Información sobre as lecturas” atoparedes, entre outras achegas, unhas críticas moi interesantes, mais nas que se desvelan datos que poden estragar o argumento e a intriga da novela. Na miña opinión, sería mellor que as lerades unha vez rematada a obra, como complemento.
Comentarios (7) - Categoría: ESTAMOS A LER... - Publicado o 01-01-2010 17:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Narcos
Déixovos aquí algunha información complementaria que recopilou Eva e que axuda a contextualizar esta obra de Reigosa.

1) Para comezar, recoméndovos moito o visionado deste programa de A CAIXA NEGRA, da TVG, emitido o 19/05/2009 na que fan unha restrospectiva sobre A OPERACIÓN NÉCORA a través de entrevistas aos seus protagonistas:

-TELEVISIÓN Á CARTA (buscades A CAIXA NEGRA e ides ao primeiro programa emitido),

ou ben

-Facedes un copy-paste deste enderezo no voso navegador:
http://www.crtvg.es/reproductor/inicio.asp?canal=tele&hora=02/10/2009 23:14:36&fecha=19/05/2009&arquivo=1&programa=A CAIXA NEGRA&id_programa=639


2) Xulio Fariñas, xornalista galego especializado en narcotráfico, opinaba no 2004 sobre a situación de Galicia neste eido: http://www.lukor.com/not-soc/sucesos/0406/07140648.htm

3) E parece que a cousa non cambiou moito desde entón; para mostra as recentes noticias dos xornais:

O caso Dorado

Infraestruturas dos narcos

Narcotráfico en Arousa
Comentarios (0) - Categoría: SOBRE AS LECTURAS - Publicado o 01-01-2010 17:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal