CAVE CANEM! CLASICANDO...


CLASICANDO
CAVE CANEM

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Ampliación de Xenofonte
E se queres saber máis…
Xenofonte.
Autor do século V. a. C pertencente á aristocracia.
Abandona a súa Atenas natal xa que o ambiente despois da Guerra do Peloponeso non lle era propicio.
A partir do 401 a súa vida está chea de vaivéns polo que coñece lugares coma Esparta e Persia.
Na esfera espartana obtivo gran recoñecemento chegando incluso a ser “ Próxeno”. Nunca regresaría a Atenas, morrendo en Corinto no 354 a. C.

Obras.

Aquelas que estaban relacionadas con Sócrates foron froito da súa admiración polo mestre. As Memorabilia, “Defensa” e “Simposio” son tres breves obras que describen a figura de Sócrates. A visión de Xenofonte sobre o mestre non sempre coincide coa de Platón pero é de indubidable valor.

Obras relacionadas con Oriente:
"Ciropedia": mostra no que é un tratado sobre a educación do príncipe persa a imaxe do gobernante ideal. Non é un tratado biográfico senón máis ben unha novela didáctica na que se misturan elementos reais e fantásticos.
"Anábase":
Narra en sete libros a expedición de Ciro “O Novo” contra o seu irmán Ataxerxes. O autor foi protagonista en primeira persoa xunto con dez mil homes máis. Ciro morreu e as súas tropas fuxiron. Os gregos lograron alcanzar o Mar Negro e voltar á súa patria.

Obras relacionadas con Esparta.

"Constitución dos Lacedemonios":
Ensalza os costumes do pobo espartano e a súa forma de goberno. Neste caso, Axesilao convírtese no prototipo de gobernante ideal.

Obras puramente históricas.

"Helénicas": Relato da historia de Grecia desde o 411 ata o 362 a. C. O autor foi testigo dos feitos. Traza un percorrido desde a instauración da Oligarquía ata a efímera hexemonía beocia coa batalla de Leuctra.
Comentarios (0) - Categoría: GREGO - Publicado o 26-10-2018 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
Latinismos. Parte I
Podedes consultar a explicación dos latinismos do primeiro exame no seguinte enlace...Espero.
Comentarios (0) - Categoría: 2º BAC - Publicado o 19-10-2018 17:47
# Ligazón permanente a este artigo
Xenofonte.
O presente artigo mostra de xeito resumido algúns aspectos sobre o autor e a súa obra básica.

Xenofonte é considerado una dos autores máis prolíficos da súa época ( S. V- IV a. C.) e mesmo precursor no cultivo dalgúns xéneros literarios como poden ser a Novela Histórica e a Biografía.

Aínda que era ateniense, participou activamente nos acontecementos históricos do momento e en moitos casos preto da esfera dos Espartanos.

Foi mercenario, soldado e aínda que durante un breve espazo de tempo,discípulo de Sócrates polo cal sentiría unha gran admiración. Froito dela será unha das súas obras filosóficas: "A Defensa de Sócrates"

A súa obra pode clasificarse en diferentes categorías. As máis salientables son as seguintes:

Históricas:

- Helénicas: Fonte para os acontecementos históricos de Grecia como continuación da obra de Tucídides, polo que comeza o relato onde o seu precursor o deixara. Narra os acontecementos de Grecia desde o 411 ate o 362 a. C.

- Anábase ou " Expedición dos Dez mil": relato da expedición de mercenarios gregos que no 401 se dirixen desde a costa cara o interior do Mar Negro adentrándose no Imperio Persa gobernado por Atexerxes.

Filosóficas:

- Defensa de Sócrates. Froito desa admiración polo seu mestre e indignación polas acusacións contra él e condea.

Didácticas:

- Ciropedia: vida de Ciro o Grande en ton biográfico aínda que con trazos de ficción. O tema principal era a educación do lider ideal, tema considerado de suma importancia desde o punto de vista de Xenofonte.

O seu estilo aínda que non tan elaborado coma o do seu modelo Tucídides, é claro e cercano polo que a súa obra transcendeu a nivel didáctico.
Comentarios (0) - Categoría: GREGO - Publicado o 17-10-2018 20:28
# Ligazón permanente a este artigo
A Comedia latina. Plauto.
O TEATRO EN ROMA

1. INTRODUCIÓN
1.1. DEFINICIÓN E CARÁCTER.


O teatro romano, do mesmo xeito que o seu modelo grego, era teatro en verso (de aí tamén o seu nome de poesía dramática) e contaba con partes cantadas e acompañamento musical.
É un xénero literario que versa sobre a composición de obras para a súa representación escénica.

1.2. ORIXES E PRECEDENTES.


O teatro "regular" latino foi creado a partir do grego pero a súa orixinalidade fronte a el venlle dada pola influencia das representacións teatrais anteriores de orixe itálico.
Livio Andrónico, prisioneiro grego que acadou máis tarde a situación de liberto, levou a cabo no ano 240 a.C. a primeira representación teatral en Roma mediante a tradución e adaptación dunha obra grega. No 235 ten lugar a representación, por primeira vez, da obra dun itálico, Cneo Nevio, creador do drama nacional romano: a chamada "fabula praetexta". Ennio practica como Nevio a "contaminatio" ou mestura de obras.

Pero antes de que Livio Andrónico impuxese en Roma no s.III a.C. o drama regulado segundo o modelo grego, existían en Italia Central dramatizacións populares que constituían o embrión dun teatro italiano autóctono:

-"Versus fescennini" ou versos fesceninos (< Fescenium, cidade etrusca) : ditos xocosos en forma de diálogo, improvisados con ocasión dunha voda, do fin da colleita ou doutra celebración importante
- "Saturae": variedades, mestura de distintos versos e temas; espectáculo mixto de diálogo con música (canto) e danza
- Fabula Atellana: (< Atella, cidade osca da Campania), os actores presentaban máscaras fixas que encarnaban personaxes idénticos en todas as representacións, a saber, Dossenus, o chepudo; Bucco, o falabarato; Maccus, papón, o ; Pappus, o vello verde etc.
- Danzas etruscas: bailadas ao son da frauta polos histrións (actores profesionais).

1.3. TEMPO, LUGAR e ACTORES.

Ordinariamente, só se celebraban representacións teatrais nas festas de carácter oficial (ludi Megalenses = en abril, en honor da Magna Mater; ludi Florales = en abril ou maio, en honor de Flora e a Primavera; ludi Apollinares = en xuño, en honor de Apolo; ludi Romani = en setembro, en honor a Xúpiter; ludi Plebeii = en novembro, en honor tamén de Xúpiter).

Con carácter excepcional, celebrábanse con motivo da dedicación de novos templos ou funerais de personaxes destacados.
O aparello escénico era pobre. Ao principio había un simple estrado e o público situábase en pé no interior dun terreo acoutado; máis tarde incluíuse un chanzo, tamén de madeira e desmontable. O primeiro teatro estable, xa de pedra, non se construiría ata o ano 55 a.C. por orde de Pompeio, en Roma. O único que se conserva en Roma é o teatro Marcelo, obra de Augusto a fins do século I a.C.; en España consérvanse, en bastante bo estado, teatros magníficos como o de Mérida, Sagunto e Segóbriga.

Estes teatros eran semicirculares ( > anfiteatro = dobre teatro), con gradas ou chanzo, cavea, en cuxas primeiras filas se reservaban asentos para os senadores e outros personaxes importantes (por ex. as Vestais). Entre as gradas e o escenario, scaena, había un espazo libre, orchestra, destinado aos bailaríns.
A scaena era ancha pero pouco profunda e con entradas laterais; o fondo representaba xeralmente unha casa con tres portas que tamén servían de entrada e saída aos actores. O escenario viña ser así unha rúa na que se desenvolvía a acción.
Apenas había decorado: polo xeral só aparecía un altar e o demais tíñano que suxerir os actores cos seus xestos e palabras e facerllo imaxinar ao público. Non había telón, aínda que parece ser que se empezou a usar no ano 56 a.C. coa peculiaridade de que non subía como os actuais, senón que se afundía por unha ranura no chan do escenario.
Polo que respecta aos actores, organizábanse en compañías, greges, formadas xeralmente só por cinco, o que obrigaba moitas veces a que algún tivese que representar varios papeis dunha mesma obra. O director da compañía e case sempre primeiro actor era o dominus gregis. Todos eran homes e representaban, xa que logo, tamén os papeis femininos e sempre eran libertos ou estranxeiros pois o oficio de actor estaba moi mal considerado.
Os actores usaban máscaras de cartón pedra, como ocorría no teatro grego; levaban vestidos convencionais, segundo o tipo de personaxe (roupas chamativas para os mozos, brancas para os vellos e vermellas para os escravos). Por outra banda usaban un calzado especial : na traxedia as crepidae ou "coturnos" (con altos tacóns) e na comedia, os socci (zocos ou sandalias).



1.4.A COMEDIA ROMANA. SUBXÉNEROS.

- Fabula palliata, de ambiente grego e inspirada en obras de autores gregos; os actores vestían o "pallium", manto típico grego. A este xénero pertencen as comedias de Plauto e Terencio. Ambos adoItan elementos da Comedia Nova á que se engadiron elementos propios da tradición teatral latina e do propio autor.
- Fabula togata, de ambiente e vestido propio dos romanos, a toga simple dos cidadáns comúns, ("gens togata" = o pobo romano)
Xéneros teatrais menores, todos eles cómicos
- Atellana literaria (herdeira da atelana primitiva, cos mesmos personaxes): peza curta, improvisada e obscena de temática xocosa e satírica. unha especie de sainete bufonesco
- Mimo: composición máis libre e variada; facíase unha imitación realista da vida, de temática indecente e linguaxe máis propia de xerga. Os papeis femininos eran representados por mulleres (no teatro latino só actuaban homes) e os actores e actrices representaban sen máscaras e descalzos (planipedes)
- Pantomima, representación que elimina a expresión falada, reducíndose a imitacións, xesticulaciones e danzas de carácter máis ou menos obsceno.

1.5. PLAUTO . CARACTERÍSTICAS DA COMEDIA PLAUTINA. ORIXINALIDADE DE
PLAUTO


Cidadán libre pero pobre representa, fronte á opción aristocrática e elitista de Terencio, a tendencia democrática e popular da comedia romana.
Desenvolveu a súa actividade literaria cara ao ano 200 a.C., e foi un autor moi prolífico,do cal se conservan 21 comedias bastante completas, todas elas palliatae, é dicir, son adaptacións de obras gregas, con personaxes, lugar de acción e contido gregos.


CARACTERÍSTICAS E ELEMENTOS DA COMEDIA PLAUTINA.


PROLOGUS: , destinado a contar o argumento da comedia. Os espectadores romanos querían coñecer a trama argumental e o desenlace desde o principio, para estar tranquilos e saber que todo ía acabar ben, como así era, malia os perigos ou sufrimentos a que estivese exposto o protagonista. O prólogo recitábao un dos actores, ou o “prologus”, personificación romana.- e con frecuencia un deus ou un personaxe alegórico que non tiña ningunha outra intervención.


CONTAMINATIO: fundir nunha comedia latina dúas ou máis comedias gregas. Con todo, segue sendo Plauto orixinal polas extensas partes cantadas - líricas fronte ás partes faladas das outras.

ELEMENTOS ROMANOS: que contrastan cos gregos. Temos chistes e referencias a deuses, lugares, maxistrados romanos etc. A situación desenvólvese en lugares afastados, por exemplo, Grecia.

LINGUA: chistes e adiviñanzas, comparacións mitolóxicas, uso de nomes parlantes e mistura do rexistro vulgar e culto.

ELEMENTOS POPULARES: o engano e o equívoco: parodianse os temas serios, en particular a mitoloxía; potenciase o papel dalgún personaxe, como o escravo e o parásito e a esaxeración dos defectos alleos.

PERSONAXES:
son todos tipos genéricos:

Adulescens: mozo namorado, frecuentemente dunha cortesá (motivo que desencadea a acción). Píntase como aparvado e incapaz de solucionar os seus problemas, traspasando ao escravo as súas responsabilidades.

Senex: pai severo e rigoroso, excesivamante crédulo. Caricaturízase como vello verde que, en contrate cos seus anos e canas, rivaliza en amores có seu fillo ( motivo de disputa da comedia).

Servus: rei da comedia plautina caracterízase pola astucia, por ser hábil, mentiroso, sen escrúpulos, disposto a todo por axudar ao seu amo. Os seus chistes son a principal fonte de humor.

Puella, virgo, meretrix: frecuentemente filla de pais descoñecidos en poder dun lenón, pese a que segue virxes - como se encarga de recordarnos o escritor - para que ao final da trama ao descubrirse a súa verdadeira identidade poda casar có seu amado.

Uxor, matrona: representada baixo o prisma negativo da esposa con rica dote, altiva e derrochona, colérica, prepotente e disposta a impoñer a súa condición ao marido.
Parásito: disposto a soportar calquera humillación por conseguir un bocado. Tamén fai o papel de adulador.

Miles- Soldado: vanidoso e fanfarrón. Presume dos seus amoríos e fazañas militares que nunca existiron máis que na súa imaxinación.
Lenón: representa a máxima degradación do ser humano. É avarento, rastreiro e desleal.

As personaxes e a trama das comedias plautinas adoitan centrarse en:

- Enredos amorosos, sobre todo de mozos de familias ricas que atopan dificultades ata que acaban conseguindo o obxecto dos seus desexos.
- Pais que perden aos seus fillos pequenos e recupéranos de maiores, recoñecéndoos por algunha marca ou obxecto
- Soldados fanfarrones que quedan sempre burlados.
- Escravos astutos, encargados de solucionar os problemas amorosos dos seus novos amos, con frecuencia sacando diñeiro aos pais con argucias.
- Parásitos que adulan e adulan para lograr invitacións a comer.
- Celestinas e alcahuetes, donos a miúdo das raparigas pretendidas .

ORIXINALIDADE DE PLAUTO.

A orixinalidade de Plauto consiste en combinar as partes dialogadas e cantadas (cantica). O papel da música é especialmente importante. O instrumento literario que caracteriza as comedias de Plauto son os cantica polimétricos, é dicir: únense o metro e a palabra que, malia a musicalización, segue sendo o máis importante.
Comentarios (0) - Categoría: Literatura Latina - Publicado o 17-10-2018 10:08
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal