CAVE CANEM! CLASICANDO...


CLASICANDO
CAVE CANEM

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Literatura latina. Tito Livio. Historia.
HISTORIOGRAFÍA. HISTORIADORES DO ALTO IMPERIO.

TITO LIVIO.

HISTORIOGRAFÍA.


Disciplina que ten por obxecto a reconstrución e interpretación dos eventos históricos.
Nace en Grecia como exposición escrita dunha investigación crítica do pasado.
Fundadores: Herodoto (S V a.C) e Tucídides (S. IV a. C).
En Roma estivo máis orientada a finalidades políticas e á exaltación patriótica que á investigación e exposición veraz dos feitos.
Ademais, para os romanos a historia era magistra vitae porque no pasado podían atoparse exemplos de conduta e podía ser vehículo adecuado para transmitir e perpetuar valores humanos.
Trazos da historiografía romana serían pois carácter patriótico, intencionalidade moral e compromiso político.

HISTORIOGRAFÍA DE ÉPOCA REPUBLICANA- ALTO IMPERIO. TITO LIVIO (59 A.c.- 16 D. C.)

Contemporáneo de Augusto, dedicouse ao estudo das letras no panorama cultural de finais da República e comezos do Imperio. A súa vida centrouse na tarefa de escribir a historia de Roma desde a súa fundación.
A súa obra titúlase Ab urbe condita e conta a historia de Roma desde as orixes ate a morte de Druso, no século I de nosa era (9 d.C.)
Constaba de 142 libros divididos en 10 grupos, chamados décadas. Só se conservan os libros do I ao X - a primeira década.- e os que van do XXI ao XLV, en total 35 libros, menos da cuarta parte da obra.
De terse conservado enteira, a obra de Livio ocuparía 10.000 páxinas actuais, a obra de toda unha vida.
En parte, a excepcional extensión fai que non se conserve enteira.
Desde moi cedo empezaron a escribirse resumos utilizados como manuais de historia. Destes compendios ou epítomes son famosos os de Floro (S. II) e Eutropio (S. IV) autor de tradución de 2º de BAC para a selectividade.

Para levar a cabo o seu traballo Livio atopou tres problemas básicos:
- Carencia de información.
- Imposibilidade de acceder aos arquivos públicos e privados.
- Carencia de formación política de tipo práctico.

Elabora así Livio a súa historia sobre materiais que, en moitas, ocasións son de segunda man, obras de autores que non coñecemos ben de onde selecciona ou elimina datos a conveniencia.

Confeccionou unha historia que non pode ser moi orixinal e crítica aínda que si completa e imparcial ata certo punto.
Dota á súa historia de sentido didáctico segundo a concepción da historia como magistra vitae.
Reflectindo a súa mentalidade nacionalista, elabora a imaxe do romano ideal, heroico, traballador, constante, amante da tradición, respectuoso cos deuses (presentes por certo na propia evolución histórica - fatum- fíos do cal parecen ser movidos polos deuses). Ás veces, os deuses son empregados para explicar determinados acontecementos. Aínda así, as súas análises e explicacións son escasas.

Estilo.

Non ten un estilo tan claro como o de César nin tan simple como o de Nepote ou complexo como o de Salustio.
Recibe influencia da retórica no seu estilo literario, non é homoxéneo.
A súa historia non é fría senón chea do ideal augusteo : mirada ao pasado, renacemento dos valores para a rexeración de Roma ( por outra banda, necesaria para saír da súa truculenta historia), patriotismo e nacionalismo...
Livio e a posteridade.
A valoración desta obra pasou por moitas vicisitudes. A súa influencia excedeu o campo da historiografía para proxectarse sobre o do pensamento político desde Dante e Maquiavelo a Montesquieu e os protagonistas da Revolución francesa.
Unha análise máis moderna achácalle defectos: pouco rigor á hora de contrastar fontes, exceso de nacionalismo, frecuentes anacronismos...
O propio autor adiántase a estas críticas e quéixase da pouca fiabilidade das súas fontes (vide. supra) ou das diferentes versións que existen sobre un mesmo feito.

VALOR DA OBRA DE TITO LIVIO.

O que ninguén discutiu é o enorme valor literario da súa obra. Para el a súa obra tiña unha función cívica e el era un cidadán do seu tempo , que dificilmente podía subtraerse ao ambiente de exaltación nacional que se vivía na Roma de Augusto.

Livio non é un historiador "científico". Non podemos consideralo, como Dante, unha fonte segura: o seu moi escaso sentido crítico, a demasía da súa subxectividade e o seu excesivo patriotismo impídennolo. De calquera xeito, poucos historiadores antigos o fixeron mellor e moitos bastante peor. O seu principal mérito consiste en ter posto na práctica, cunha arte superior, a concepción ciceroniana da historia: opus oratorium maxime. Tamén debemos destacar o feito de que logrou encarnar nun pobo e nos seus representantes unha visión moral do mundo conservadora, pero portadora dun ideal de liberdade, de uirtus, de concordia e de grandeza.
Comentarios (0) - Categoría: Literatura Latina - Publicado o 12-02-2019 13:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal