CAVE CANEM! CLASICANDO...


CLASICANDO
CAVE CANEM

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Lírica
1. NACEMENTO DA LÍRICA. CONTEXTO HISTÓRICO.
Entre o séculos VII e VI a.C. (Época arcaica) floreceu en Grecia un xénero de poesía que, a pesar da súa grande variedade formal, foi definido como “lírica” (lurikh/), unha poesía destinada a ser cantada ante un público co acompañamento dun instrumento musical.
As principais características deste xénero son:
* É unha poesía composta para ser cantada acompañada por un instrumento musical, a lira ou o aulós (frauta simple ou dobre). Deste acompañamento musical non temos nada conservado. Probablemente o canto tamén iría acompañado de danza.
* As súas orixes parecen estar relacionadas ca festa. Non temos noticia das manifestacións preliterarias anteriores ao século VIII a.C. A aparición das grandes festividades gregas neste século (como os Xogos Olímpicos, celebrados por primeira vez no 776 a.C.)e no século posterior, contribuíu ao desenvolvemento da lírica nas súas diversas formas. Os primeiros versos que conservamos son de Arquíloco, de mediados do século VII a.C.
* A temática é moi variada, dende cantos de voda ata exhortacións guerreiras e, sobre todo, amorosa.
* As composicións son xeralmente breves.
* O carácter da poesía lírica é individual e persoal (o poeta fala en primeira persoa e expresa a súa propia experiencia subxectiva).
* A lírica é un xénero moi amplo e variado. A primeira clasificación que facemos diferencia a lírica monódica da lírica coral.
A LÍRICA MONÓDICA.
a. A poesía mélica.
Fundamentalmente de tema amoroso, está ligada á illa de Lesbos, onde viviron dous dos seus máximos expoñentes: Safo e Alceo. O outro autor representativo é Anacreonte, de Xonia.
A poesía mélica lesbia está escrita en dialecto eolio e reflicte o ambiente da sociedade aristocrática (á que pertencen ambos autores) da época. Emprega, como a mélica xonia, estrofas breves e métrica variada.
A poesía mélica xonia é máis intimista, con poemas de ton festivo. Está escrita en dialecto xonio.
Comentarios (0) - Categoría: GREGO - Publicado o 17-11-2018 16:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal