CAVE CANEM! CLASICANDO...


CLASICANDO
CAVE CANEM

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ORATORIA. CICERÓN.
ORATORIA. MARCO TULIO CICERÓN.

1.- Notas biográficas.

Arpino, 106 a.C. Pertencía a unha familia acomodada do ordo equester pero ningún dos seus membros interviñera en política.

O intelectual.

Enviado co seu irmán Quinto a Roma, estuda Oratoria. Toma a toga viril aos 16 anos e aos 19 alístase no exército. Aos 25 anos intervén no seu primeiro proceso xudicial (Pro Quinctio) e triunfa sobre Hortensio, un dos avogados máis famosos de Roma. Márchase a Rodas e Atenas para perfeccionar a súa formación.

O político.

Inicia a súa carreira política en Roma e, a pesar de ser un homo novus, alcanza a categoría de senador. Durante o seu consulado tivo lugar a Conxuración de Catilina, un intento de golpe de estado protagonizado por Lucio Serxio Catilina.

Toma partido por Pompeio na Guerra Civil entre este e César. Vencedor César, foi perdoado e afástase da vida política. Tras o asasinato deste, intentou volver enfrontándose a Marco Antonio (Filípicas) o que lle custou a vida ( 7 de Decembro de 43 a.C.)

2.- Obra literaria de Cicerón.

Obra fundamentalmente en prosa, na que cultivou tres xéneros: Oratoria, Epistolografía e Filosofía.

2.1 . A Oratoria.

Cicerón iníciase na avogacía aos 25 anos. Grazas ao paciente labor do seu escravo que tomaba nota dos discursos que o seu amo pronunciaba e grazas tamén ao interese que o propio Cicerón tiña na súa publicación, conservamos un amplo número de discursos completos.

Discursos xudiciais.

Verrinas: contra C. Verres, 7 Orationes (discursos). Só pronunciou un, pois Verres,

véndose perdido, desterrouse voluntariamente.

Pro Milone: en defensa de Milón, asasino de Clodio, o máis encarnizado inimigo de

Cicerón.

Pro Marcello e Pro Ligario: en defensa de dous inimigos de Xulio César.

Pro Archia Poeta
: no que aproveita para facer un eloxio das letras.

Discursos políticos:

Catilinarias: catro discursos ante o Senado e o pobo denunciando a conspiración de L.S. Catilina. Acadou tal éxito que obtivo o título de Pater Patriae aínda que posteriormente lle valeu o desterro e confiscación dos seus bens, rehabilitado todo iso na revisión do proceso.

Filípicas : para moitos, os seus mellores discursos, 14 contra Marco Antonio, herdeiro político de César e polo que pagou o prezo da súa vida.

Ademais dos discursos citados e doutros moitos ata completar o número de 55 conservados, Cicerón deixounos tamén unhas interesantes obras sobre a oratoria, a súa técnica e a súa historia.

Brutus: historia da Oratoria romana desde as súas orixes ata o propio Cicerón e oradores da súa época. Inclúe tamén un resumo da oratoria grega. Está escrito en diálogo entre Bruto , Ático e o propio Cicerón.

De oratore: expón o seu concepto do orador ideal.

Orator: estudo acerca dos diversos estilos da oratoria. Na súa opinión, o orador ideal debería dominar todos os estilos e usalos segundo as circunstancias.

Ademais de nestes discursos, noutras obra teorizou sobre retórica ( De optimo genere oratorum, Partitiones oratoriae, Topica):

Para a elaboración de discursos é imprescindible o coñecemento dos distintos recursos oratorios:

*Inventio: trata sobre o contido das ideas e das argumentacións.

*Dispositio: estuda a disposición ou ordenación das ideas do discurso.

*Elocutio: esta terceira parte da retórica refírese á expresión lingüística do discurso; á elección e colocación das palabras, ó ritmo condicionado por estas e á correcta utilización de figuras retóricas. O orador céntrase nela .

Hai no discurso unhas virtudes e vitia que afectan á elocutio:

- Aptum ou decorum: armonización de todos os elementos do discurso externos (público, situación, lugar) e internos (expresión).

- Puritas ou latinitas ou sermo purus: corrección do idioma atendendo á norma,
aínda que se admiten figurae; opónselle o barbarismo e o solecismo.

- Perspicuitas: claridade das ideas e da expresión; os defectos que se lle opón son a obscuritas e a ambiguitas.

- Ornatus: atende á estética do discurso, das ideas, da expresión e da adecuación entre ambas.

As figuras e os tropos forman parte do ornatus. O vicio por defecto é a oratio
inornata
; por exceso, a affectatio.

a) Relacionados coas virtutes e co tema do discurso están os estilos ou genera dicendi, tamén chamados genera elocutionis:

- Genus humile: nos discursos cuxa finalidade é docere ou probar; débese insistir na perspicuitas e o decorum e evitar as figuras e tropos.

- Genus medium: para delectare; convén o ornatus usado con moderación.

- Genus sublime: a finalidade é movere ( conmover) os afectos do auditorio;

o ornatus debe usarse intensamente.

*Memoria: propuña pautas para memorizar.

*Actio: desenvolvía técnicas para a declamación.

b) Segundo a finalidade do discurso distinguíanse tres xéneros de elocuencia:

- genus laudativum: era utilizado nos discursos pronunciados en cerimonias

relacionadas coa relixión (laudationes funebres e elogia).

- genus deliberativum: era o propio da oratoria política.

- genus iudiciale: propio dos discursos de acusación e defensa ante os tribunais.

c) Partes dun discurso:

- Exordium: ou introdución para atraer a atención do público e facelo benévolo (captatio benevolentiae).

- Narratio: exposición do asunto obxecto do discurso.

- Argumentatio: probatio/confirmatio, ou exposición razoada dos argumentos e refutatio, rexeitamento das obxeccións reais ou posibles.

- Peroratio: conclusión final, resumo do discurso e procura do favor do público.

A finalidade dos discursos é docere, delectare et movere.

Despois de Cicerón, a retórica refuxiouse nas escolas.

Comentarios (0) - Categoría: Literatura Latina - Publicado o 16-10-2012 20:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal