CAVE CANEM! CLASICANDO...


CLASICANDO
CAVE CANEM

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Literatura Latina. Épica de Virxilio.
ÉPICA

1.- CARACTERÍSTICAS DO XÉNERO

Orixes.

Manifestación literaria de carácter narrativo que conta cunha linguaxe solemne e maxestuosa as fazañas lendarias de heroes ou as orixes míticas dun pobo. Xorde nas culturas primitivas vinculada coa tradición oral: son composicións que se transmiten oralmente, xeralmente con acompañamento musical e que non teñen nin un único autor nin un texto fixo. A este estadío pertencen as dúas grandes epopeas da India - o Ramayana e o Mahabarhata - e os poemas homéricos.

Precisamente a enorme influencia que exerce en toda a civilización occidental a cultura grega fai que, a partir da Ilíada e a Odisea, a épica se convirta nun xénero literario con características ben definidas. Xorde desta forma o poema épico. En orixe e desenvolvemento do xénero épico en Roma podemos observar tres características fundamentais:

Influencia homérica.

Utilización da historia nacional como argumento épico.

Influencia da poesía alexandrina.

Características xerais da Épica.

A palabra epos significa narración. As principais características que a identifican como xénero son:

A súa orixe: na maior parte das culturas comezou sendo oral e cantada, feito que non se produce na latina.

Forma: en verso e con versificación maxestuosa e lenta. Empregouse o hexámetro.

Tema: normalmente canta as vitorias e as fazañas dos seres heroicos máis recoñecidos pola comunidade (na grega e latina, dos heroes gregos e troianos).

Figuras heroicas: que encarnan os valores morais e as actitudes sociais apreciadas pola cultura que os creou.

Figuras retóricas: utilízanse unhas fórmulas que permiten ao rapsodo unha mellor memorización, que se repiten nun mesmo esquema métrico, e que serven como epítetos para caracterizar personaxes. Tamén os símiles e comparacións imprimen viveza e plasticidad ademais de relaxar a atención tras momentos de tensión.

Precedentes.

Os dous poemas homéricos son o punto de arranque de toda a épica occidental. En Roma Livio Andrónico, poeta tarentino do século III a. de X.C., traduciu a Odisea en versos saturnios. Exerceu unha enorme influencia e foi utilizada nas escolas. Desde época moi temperá os autores latinos substitúen os elementos míticos e lendarios polas súas propias xestas históricas como tema dos seus poemas épicos. As primeiras obras orixinais de xénero épico son epopeas nacionais e, en certo sentido, así poden ser considerados tamén os dous grandes poemas épicos que se nos conservaron completos: A Eneida e A Farsalia.

O primeiro poeta que escribe unha obra destas características é Nevio, que a fins do século II a. de C. publicou co título de Bellum Punicum un poema en versos saturnios sobre a primeira guerra púnica na que participara persoalmente.

Entre os poetas que cultivaron o xénero épico con anterioridade a Virxilio destaca pola súa importancia Ennio, con quen a épica latina seconsolida definitivamente. O seu poema Annales é considerado como a epopea nacional romana ata a aparición da Eneida. Era unha obra en 18 libros, dos que só se conservan fragmentos, Ennio foi o primeiro en utilizar o hexámetro, verso tomado do grego e do que a épica toma o nome, senón tamén porque foi o creador dunha linguaxe épica en Roma. Toda a obra de Ennio contén un sentimento tipicamente romano: un gran amor e admiración por Roma e polas fazañas dos seus heroes.

2.- VIRXILIO, O POETA DO PRINCIPADO

Biografía


Publio Virxilio Marón naceu nunha aldea próxima a Padua no ano 70 a. de C. e pertenceu a unha familia de clase media. Foi educado en Cremona e Mediolanum (Milán), estudando con posterioridade filosofía e retórica en Roma. Morreu en Brindisi, o 19 a. de C., ao regreso dunha viaxe a Grecia que realizara para coñecer "in situ" os lugares nos que se desenvolvía a Eneida. Foi levado a Nápoles e enterrado nos arredores desta cidade. Viviu unha época de profunda crise no mundo romano e asistiu aos cambios que supuxo o goberno de Augusto, colaborando activamente e de bo grao neles.

A ENEIDA

Tema e Estrutura


Virxilio adica os dez últimos anos da súa vida, do 29 ao 19 a. de C.- a escribir a Eneida, un poema épico en hexámetros que ía eclipsar todas as obras épicas precedentes de escritores romanos e ía fixar as características do xénero para os escritores épicos posteriores. Neste poema ensálzase a orixe e crecemento do poder romano. Cando comeza a escribir a Eneida prodúcense os feitos centrais que inician o principado de Augusto: a paz no imperio é total, Roma vive uns momentos de gloria que puideron inducir ao poeta a lanzarse polos camiños da épica.

Ao parecer, o desexo de Mecenas e do círculo de intelectuais próximo a Augusto era que o poema se centrase na figura do propio emperador; o logro de Virxilio foi prescindir da glorificación persoal e unir os destinos de Roma e de Augusto na glorificación das orixes míticas da cidade. Para iso sérvese da lenda de Eneas, pai mítico de Roma e, ao mesmo tempo, antepasado divino de Augusto.

O tema central do poema é, pois, a lenda de Eneas: o heroe troiano que sobreviviu por mandato dos deuses á destrución de Troia e, tras unha longa viaxe, fundou un asentamento troiano en Italia.

A intencionalidade política da Eneida é evidente xa na elección do tema. Escollendo a lenda de Eneas como fundador de Roma, Virxilio relacionaba esta definitivamente coa cultura grega. Por outra banda, facíase descender "a gens Iulia", á que Augusto pertencía, de Iulo, o fillo de Eneas; desta forma, como segundo a lenda Eneas era fillo da deusa Venus, establecíanse unhas orixes divinas para o emperador.

Virxilio presentaba así o réxime de Augusto como o herdeiro natural do glorioso pasado romano: Roma e Augusto quedaban deste xeito identificados de forma moito máis sutil e eficaz.

Como obra literaria a Eneida é un poema dunha extraordinaria complexidade.

Sen dúbida, Virxilio inspirouse nos poemas homéricos, pero ao mesmo tempo, abandonando a súa primeira vinculación cos "poetae novi", aproxímase á épica arcaica de Ennio e de Nevio, que ensalzaran aos heroes da súa historia nacional mesturando feitos históricos con aspectos lendarios.

Virxilio logra unir no poema o presente e o pasado, a historia e a lenda con gran habilidade; as fazañas de Augusto e os logros e aspiracións da súa recentemente nado Principado aparecen no poema, non expostos directamente como materia narrativa, senón en forma de disgresión profética ou fabulosa: no libro I, Xúpiter pasa revista á historia de Roma ata a época de Augusto; no libro VI a sombra do seu pai, Anquises revela a Eneas o destino de Roma como dominadora e civilizadora de pobos; para rematar, Virxilio aproveita o recurso épico da descrición das armas, tomado directamente de Homero, para realizar unha descrición da historia de Roma que culmina coa vitoria de Accio e o triunfo de Octavio Augusto.

A Ilíada e a Odisea suxeríronlle a composición do poema en dous partes: os seis primeiros libros, nos que se narra a peregrinación de Eneas desde a destrución de Troia ata a súa chegada a Italia, recollen o modelo da Odisea; os outros seis, que recollen as alternativas na loita pola conquista de Italia, recordan á Ilíada. Á influencia homérica débese tamén a presenza dos deuses e as súas interferencias na vida humana.

Por outra banda, Virxilio mantense na Eneida fiel ao concepto romano de épica: é un poema nacionalista no que non só Roma senón tamén Italia forma parte dos acontecementos. Xunto á maquinaria mitolóxica, tomada do mundo homérico, aparecen no poema, tratadas con gran respecto, antigas crenzas e prácticas relixiosas, que estaban profundamente ancoradas na tradición romana.

É un poema que enaltece os sentimentos de piedade e relixión, trazos característicos da antiga Roma e que Augusto intentaba restaurar. Eneas preséntaseenos guiado paso a paso pola vontade dos deuses na súa tarefa de establecer os "Penates" troianos en Italia.

Virxilio, aínda recoñecendo a súa débeda con Homero, soubo imprimir á súa obra un profundo selo de "romanidade": pretendeu reflectir os principios da restauración relixiosa e moral que se estaba realizando durante o Principado de Augusto.

Lingua e estilo da Eneida

Desde o punto de vista da evolución do xénero épico, a Eneida distánciase de todos os poemas anteriores: por primeira vez nun poema épico insérense na narración recursos e tons literarios dramáticos e líricos. O estilo da Eneida é novo; Virxilio varía o ton do poema segundo os momentos e alterna con gran naturalidade a solemnidade épica co lirismo máis puro e con momentos de forte dramatismo. Probablemente non alcanza a grandeza de Homero, pero constrúe unha obra de gran humanidade; este é o trazo máis característico de Virxilio: o poeta canta ao home que sofre para obedecer ó seu destino e non ao guerreiro que combate. Aínda que Virxilio imita a Homero e se inspira nel, a súa concepción da poesía é xa moi distinta. Virxilio é un poeta erudito: a súa obra é produto dun intenso estudo da fontes e dos modelos tanto gregos como latinos.

Argumento.

O poema comeza cando Eneas e os seus compañeiros levan xa algúns anos vagando en busca da terra onde, segundo o mandato dos deuses, han de fundar unha nova cidade. Eneas, cos Penates da destruída Troia, co seu pai Anquises e o seu fillo Ascanio vaga, asistido pola súa nai Venus, durante moito tempo polo mar, cando unha tempestade os arroxa ás costas de África. Alí, estase a levantar Cartago - a futura rival de Roma. Recibido hospitalariamente pola raíña Dido, Eneas fai un relato da destrución de Troia e dos acontecementos posteriores.

Narra a continuación Virxilio os amores de Eneas e Dido, que ven obstaculizados por Xúpiter, quen recorda a Eneas a misión encomendada polos "fados"; Eneas parte e Dido quítase a vida. Estes episodios ocupan os primeiros catro libros e destacan entre eles a destrución de Troia, narrada con ton verdadeiramente épico no libro II, e os amores de Dido e Eneas, que ocupan todo o libro IV dun gran valor dramático e centrado ao redor da figura de Dido, un dos personaxes máis logrado do poema.

A primeira parte do poema termina co descenso de Eneas ao inferno, narrado no libro VI; alí contempla os espíritos de persoas desaparecidas e recibe do seu pai Anquises unha visión profética sobre os seus descendentes. É este un libro dunha gran beleza formal e dotado, ao mesmo tempo, dun importante contido ideolóxico e filosófico; nel reflíctense as ideas de Virxilio, tomadas do Neoplatonismo, acerca da vida de ultratumba e da reencarnación.

Os seis libros seguintes, de maior contido narrativo e ton épico, narran a chegada a Italia de Eneas e os seus compañeiros e as súas loitas principalmente cos Rútulos polo dominio de Italia. Destacan nestes libros algúns episodios, como o de Niso e Euríalo (libro IX) de gran valor dramático, o ataque das amazonas dirixidas por Camila e, moi especialmente, o combate final entre Turno e Eneas que termina coa vitoria deste último.

Personaxes.

Un dos aspectos máis criticados do poema virxiliano é o tratamento dos personaxes, en concreto o de Eneas. Acúsase a Virxilio de crear un personaxe excesivamente frío, atento soamente á vontade dos deuses e con pouca vida.

O trazo máis característico de Eneas é a "pietas" e é máis un heroe humano que un heroe guerreiro como os homéricos. O segundo personaxe en importancia é Dido, cuxos amores con Eneas son o centro do libro IV; Virxilio preséntanola como unha vítima dos deuses. A figura de Dido desmente a quen consideran que Virxilio era demasiado brando como para crear carácteres fortes; é Dido, quizá, a figura máis lograda da Eneida e está chea de forza e paixón humana.

A Eneida é unha obra de extraordinaria perfección estilística e métrica, aínda que o seu autor pediu no seu testamento que se destruíse por considerala inacabada. A pesar dos desexos do poeta, Augusto deu orde de que se publicase sen engadir nada, por ese motivo atopamos versos incompletos.1

Virxilio é o creador dunha linguaxe poética clásica de extraordinaria perfección formal. O seu estilo caracterízase pola xa comentada variedade de tons e pola coidada selección de termos: alterna a utilización de neoloxismos e de arcaísmos que dan solemnidade ao texto. Logrou ademais unha perfecta adaptación do hexámetro á lingua latina.








1. Eva Castro Caridad, catedrática de Filoloxía Latina da Universidade de Santiago de Compostela (USC) descubriu unha serie de peculiaridades no Libro V da Eneida que outras teorías consideraban erros na composición poética e que converten a este texto na columna vertebral de toda a obra.
Comentarios (0) - Categoría: Literatura Latina - Publicado o 16-10-2012 19:10
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal