CAVE CANEM! CLASICANDO...


CLASICANDO
CAVE CANEM

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Tema de Micenas. 1º Bac. (Resumo Baía Ed.)
MICENAS. A Civilización micénica.

En torno ao ano 2000 a.C., unha serie de pobos indoeuropeos comezan a avanzar cara a Península Helénica. Ao redor do 1600 a.C. prodúcese outra invasión indoeuropea (a dos aqueos de Homero) que se instalará definitivamente na Hélade. Da mestura destes pobos coa poboación indíxena e a influencia cretense nacerá a civilización grega.

Estes pobos crean cidades fortificadas coroadas polo palacio real.
Dentro do recinto había numerosas vivendas e almacéns.
Fóra estaban o cemiterio e os barrios de extramuros. Entre elas destacan Micenas, Corinto , Tirinto e Argos.
A sociedade micénica estaba moi xerarquizada: o “wanax” tomaba as decicións militares tras escoitar ó consello e á asamblea. Tiña papel preponderante no culto, pois se lle atribuía descendencia divina. Había reis por debaixo, os “basileis” . Un grupo privilexiado eran os “aristoi” e ademais estaban os campesiños e escravos. Xurdirá depois a clase de artesáns que chegará a ter importancia nas cidades estado (​poleis).
O pobo micénico era belicoso, gostaba da caza e da piratería. Usaban armas de bronce e o carro tirado por cabalos. No entando, adoitaron as características artísticas da civilización cretense, así coma a escritura que deu lugar ao silabario Lineal B - atopado nunhas taboíñas dos palacios micénicos. Os grandes deuses gregos atópanse testemuñados nelas, salvo Apolo, Deméter e Afrodita. Esta cultura parece ter desaparecido coas invasións dorias, ou ben a causa de conflictos internos ou desastres naturais. Hoxe en Micenas podemos ver Sepulturas, o Tesouro de Atreo, máscaras funerarias e o mégaron, tipo de vivenda rectangular precedida de antecámara e pórtico. Destaca tamén a chamada “Porta dos leóns”.
H. Schliemann (1822-1890) sacou á superficie, das excavacións feitas en Micenas, unhas máscaras de ouro das tumbas dos reis micénicos. Desenterrou as murallas de Tirinto e afanou se en demostrar que Troia existira.
Comentarios (0) - Categoría: GREGO - Publicado o 12-01-2018 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
Preguntas Teóricas. ABAU 2018. O Mito de Edipo.
Edipo era fillo dos reis de Tebas: Laio e Iocasta. Un oráculo dixera que mataría ao seu pai e casaría coa súa nai.
Laio, para evitar o dito polo oráculo, abandonouno no monte Citerón despois de perforarlle os pés ( en grego o seu nome significa “pés inflamados”).

De adulto, xa recollido polo seu pai adoptivo, o rei de Corinto, un oráculo reveloulle a maldición e aconselloulle que abandonara a súa patria . Fuxindo, no camiño, tivo un enfrontameento cun home ao que matou.: ao seu pai. Sen saber que chegara á súa patria, adentrouse en Tebas onde a Esfinxe devoraba a todos os que pasaban polos seus dominios despois de plantexarlles enigmas imposibles de responder. Edipo resolveu o seguinte: “ que animal ten catro patas pola mañá, dúas a mediodía e tres pola noite?” A resposta era "o home" ( na infancia, de adulto e de vello). Vence á Esfinxe e libera a Tebas, casa con Iocasta viúva e o Oráculo cúmprese.
Algún tempo despois, unha peste asolou Tebas e Edipo, que intentara averiguar qué criminal a suscitara, descubre que fóra el mesmo. Arríncase os ollos, Iocasta suicídase, os seus fillos Eteocles e Polinices expulsárono e vólvese exiliar acompañado pola súa filla Antígona.
Cerca de Atenas, en Colono, o seu rastro desapareceu.
Edipo é a personaxe central da traxedia de Sófocles “ Edipo Rey” considerada obra mestra do escritor e a peza máis importante do teatro grego.
“Edipo en Colono” é a súa continuación así coma “Antígona”.

Empregando o rostro de Edipo ( paradigma do home dobre, o home transmutado) a regra encárnase nel trocándoo totalmente e transformando ao rei diviño en chivo expiatorio. Velaquí o sentido tráxico do mito de Edipo.

Recomendamos ver o documental sobre este mito en : RTVE, “Televisión a la carta”, Edipo. Duración: 20 min.
Comentarios (0) - Categoría: GREGO - Publicado o 15-11-2017 13:47
# Ligazón permanente a este artigo
Preguntas teóricas. ABAU. O Heroe Homérico.
Características do heroe homérico

O heroe homérico destaca sobre todo pola súa capacidade para afrontar a morte e preferir a morte gloriosa antes que a vida escura. Os heroes homéricos son sensibles á gloria. As súas xestas están destinadas a preservar a súa fama no futuro.

A narración subliña o sufrimento dos heroes fronte á existencia despreocupada e feliz dos deuses. Xa o prólogo da Ilíada anuncia a morte de moitos heroes. Patroclo, Sarpedón e Héctor, amados por Zeus, achan a morte; e tamén é inminente a morte de Aquiles, que elixiu unha vida breve e gloriosa en lugar dunha longa e escura.

Unha longa parte da Ilíada está protagonizada polos sucesivos heroes que aspiran a substituír a Aquiles durante a súa ausencia da batalla . Os heroes teñen un carácter individual e seguen condutas distintas en circunstancias semellantes. Por exemplo, nos monólogos que pronuncian ao quedarse sos e rodeados de inimigos, Ulises, Agenor, Héctor e Menelao calibran as posibilidades e adoptan unha decisión persoal.

Un fenómeno característico da Ilíada é que a maioría das accións humanas teñen unha dobre motivación. Os heroes toman unha decisión e, ao mesmo tempo, un deus infunde esa mesma decisión ao heroe. Como consecuencia, os heroes teñen libre albedrío e son responsables moralmente, pero, ao tempo, os seus actos están determinados pola vontade divina.
Nunca hai conflito entre ambas decisións.
Esta combinación de responsabilidade moral e de determinismo pode reflectir un pensamento primitivo e popular ou ser o resultado dunha concepción consciente, aínda que implícita.
Comentarios (0) - Categoría: GREGO - Publicado o 15-11-2017 13:46
# Ligazón permanente a este artigo
Preguntas teóricas. ABAU. A Ilíada.
1 A Ilíada.
Fonte: Cultura Clásica.com


A Ilíada é un poema épico en torno á lendaria guerra de Troia. O seu fondo histórico é innegable hoxe día, sobre todo tralo achado do estrato denominado TROYA VII polo arqueólogo Schliemann, que se identificou coa Troia Homérica.
Narra a conquista desta cidade por parte dos gregos tras ser raptada Helena, esposa de Menelao, polo príncipe troiano Paris.

O tema inmediato da obra é a Cólera de Aquiles, o enfrontamento entre Agamenón e Aquiles -dous heroes gregos- e as súas consecuencias, enmarcado dentro doutra acción máis xeral como é a guerra de Troia. Ambas están admirablemente mesturadas con todo o aparello divino.

No Canto I preséntase a cólera de Aquiles motivada pola perda da escrava Briseida, arrebatada por Agamenón, que correspondera no reparto dun botín e a petición de axuda á súa nai Tetis, unha semideusa, quen logra de Zeus a promesa de vingar a afronta que Agamenón infrinxiu ao seu fillo, facendo que os gregos sufran descalabros.

Este plan de Zeus non se cumprirá ata o Canto XI, mentres tanto teñen lugar diversas descricións, revistas de tropas, proezas de caudillos gregos e troianos, escenas no palacio de Troia ( por exemplo a despedida de Héctor e Andrómaca do Canto VI ) ou no campamento grego, disputas entre os deuses favorecendo a uns ou outros, etc.

A retirada de Aquiles da guerra non supón inmediatamente unha derrota dos gregos, senón que ata o Canto VI son máis ben os troianos os que pasan apuros. Trás unha serie de alternativas e véndose a situación insostenible para os gregos, no Canto XI deciden enviar unha embaixada a Aquiles para rogarlle que volva ao combate, prometéndolle á súa escrava e outros agasallos, pero este négase.

Nos Cantos seguintes alternan as vitorias gregas e troianas de acordo coas axudas dos diferentes deuses. Por fin ,no Canto XVI, Aquiles permite a Patroclo, o seu amigo e compañeiro, que interveña na batalla, e logra afastar aos troianos das naves gregas ocasionando unha gran matanza de inimigos, pero este cae a mans de Héctor, fillo de Príamo ( rei de Troia ) e irmán de Paris, axudado por Apolo. Cando Aquiles se decata da morte de Patroclo, no Canto XVIII, desesperado decide volver ao combate con afán de vinganza, e así se chega ao momento culminante da acción, que é a morte de Héctor, no Canto XXII. No Canto XXIII nárranse os funerales de Patroclo e os xogos fúnebres celebrados no seu honor.
A obra termina no Canto XXIV onde o rei Príamo humíllase ante Aquiles suplicándolle que lle devolva o cadáver do seu fillo Héctor. Non obstante a guerra continua, pero os datos que nos chegaron dela son fragmentarios.


Na Ilíada, a guerra de Troia , que transcorre no seu noveno ano, preséntallenos case coa novidade do primeiro día : así, a narración dos continxentes de ambos exércitos, no Canto II ( Catálogo das naves ); ou o duelo entre Paris, raptor de Helena, e Menelao, esposo namorado dela, no Canto III; ou ben as intervencións doutros caudillos como Diomedes, Aiax, Ulises, Idomeneo, etc, cuxas aparicións constitúen auténticas narracións por separado.

Na narración abundan, ademais, pasaxes descriptivas, por exemplo da “copa de Néstor” ou do”escudo de Aquiles”, que fan crecer o suspense, por unha banda, e introducen certo relax no clima tenso das loitas. Non obstante, o conxunto da obra reflicte certa unidade, por exemplo coa idea sempre presente de que Troia caerá e será arrasada, feito que coincide co desmoronamiento e morte de Héctor.

Comentarios (0) - Categoría: GREGO - Publicado o 15-11-2017 13:43
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal