CIG-Saúde O Barco








Telf: 988 339112






















Perfil de Facebook de Cig-saúde O Barco.














BLOGS E WEBS DOUTRAS COMARCAS E ÁMBITOS DE CIG-SAÚDE














OUTRAS LIGAZÓNS INTERESANTES

















cig-saude o barco
h.obarco@cig-saude.org
 DESTACADOS
 CATEGORÍAS
 FOTOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 PARA SABER MÁIS

O Consello Escolar de Galiza solicita a retirada do proxecto de Decreto de “Plurilingüismo”

noticia extraida de Avantar

O Consello Escolar de Galiza solicita a retirada do proxecto de Decreto de “Plurilingüismo”

Unha mostra máis de que o PP, a Xunta e a Consellaría continúan sós na súa cruzada contra o galego

O pleno do Consello Escolar de Galiza, máximo órgano de participación da comunidade escolar, rexeitou o decreto contra o galego que se someteu onte a ditame e acordou pedir a súa retirada e, polo tanto, devolvelo á consellaría. O Proxecto de Decreto para o Plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza recibiu 24 votos en contra e só 16 a favor de mantelo. Cómpre salientar que deste 16, 6 eran de representantes da propia consellaría, 2 eran alcaldes do PP, 2 da Confederación de Empresarios, 2 titulares de centros privados e concertados, 2 de representantes de recoñecido prestixio nomeados directamente pola consellaría e 2 da CONGAPA (Pais e Nais de Ensino Privado e Concertado).
Para a CIG-Ensino é especialmente “lamentábel” a actitude “despreciativa e autoritaria” amosada polo Secretario Xeral de Política Lingüística quen, na súa última intervención e unha vez perdida a votación constatou, segundo explicou Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino “o seu absoluto desprezo cara este órgano ao afirmar que non estaba disposto a asumir o acordo recén aprobado”.

Diante desta actitude, Louzao afirmou que “ou ben fai caso deste órgano ou ao conselleiro non lle queda máis remedio que dimitir ao igual que ao director xeral de política lingüística, dado o desprezo que amosou cara a lingua galega”.

No Consello Escolar presentáronse 7 emendas á totalidade do Proxecto de Decreto, entre as que estaba a da CIG, que finalmente confluíron nunha única. Na súa intervención, o secretario nacional de CIG-Ensino explicou que esta proposta de decreto supón un retroceso e un ataque en toda regra ao noso idioma. Ademais afirmou que está baseado na mentira e na ausencia dun mínimo consenso, coa única pretensión de “exterminar o galego do uso social”.

Louzao sinalou ademais que se trata dun decreto contra a normalización que bota abaixo todo o conquistado e propón falsos equilibrios “imposíbeis nunha sociedade diglósica como a nosa”.

Para o secretario nacional de CIG-Ensino un dos aspectos máis graves que contén este decreto, tal e como dixo na súa intervención no Consello, é que o alumnado poderá usar nas aulas a súa lingua de preferencia, aínda que a materia se imparta en galego; que se fixan por vez primeira materias a impartir en español, precisamente as científico-técnicas e que os alumnos de Educación infantil poderán saír sen ter contacto co galego ate os 6 anos o que supón unha absoluta marxinación para os galego-falantes.

Louzao manifestou ademais que é un disparate que as familias fixen a lingua do ensino e que desapareza a denominación dos equipos de “normalización” e concluíu asegurando que o proxecto supón unha total desconsideración co profesorado e, sobre todo, unha mostra do desprezo do PP cara a normativa vixente, porque incumpre o Estatuto, a Lei de Normalización e a Carta Europea das Linguas Minoritarias.

Concentración de Queremos Galego

Coincidindo coa celebración da xuntanza do Consello Escolar de Galiza a plataforma cidadá Queremos Galego convocou unha concentración simbólica de urxencia ás portas da sede do organismo. Numerosas persoas de diferentes colectivos, entre eles a CIG, permaneceron na entrada do edifico á espera de coñecer o resultado da votación.

A emoción entre os presentes era evidente cando se fixo público o maioritario rexeitamento dos membros do Consello Escolar e á saída, os representantes dos colectivos que apoiaron a solicitude de retirada deste proxecto contra o galego foron recibidos con aplausos. Non así Anxo Lorenzo, que tivo que escoitar os apupos e as demandas de dimisión que coreaban as/os concentradas/os.

Ao remate da concentración fíxose un chamamento a participar na manifestación do 17 de maio, Día das Letras Galegas, a participar na recollida de sinaturas para a frustrada ILP e a sumarse aos actos que a plataforma cidadá vaia convocando para manifestar por toda Galiza o masivo rexeitamento que produce este ataque sen precedentes ao noso sinal de identidade máis preciado: a nosa lingua.

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 08-04-2010 12:35
Queres comentar ou preguntar algo?
Chuza! Meneame
NESTA WEB XA NON ATENDEMOS. SE QUERES PREGUNTAR ALGO OU ALGUNHA INFORMACIÓN, DIRÍXETE Á NOVA WEB: www.cig-saude.org/OBARCO
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario ou pregunta (que non sexa repetida):

(Escribe o código. Copia o texto por se non entra á primeira)
© by Abertal


free web counter



O Tempo no Barco de Valdeorras - Predición a 7 días e condiciois actuais.


Estadisticas Gratis