CIG-Saúde O Barco








Telf: 988 339112






















Perfil de Facebook de Cig-saúde O Barco.














BLOGS E WEBS DOUTRAS COMARCAS E ÁMBITOS DE CIG-SAÚDE














OUTRAS LIGAZÓNS INTERESANTES

















cig-saude o barco
h.obarco@cig-saude.org
 DESTACADOS
 CATEGORÍAS
 FOTOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 PARA SABER MÁIS

En defensa dos servizos públicos
As políticas económicas e sociais deseñadas e aplicadas polo sistema económico neoliberal, como é sabido, procuran a privatización e mercantilización de todo o que é público e aproveitan a actual crise económica para acelerar o desmantelamento ou privatizar, aínda máis, os servizos públicos.

O goberno do Partido Popular está aplicando políticas o máis ultraliberais posíbeis, reducindo o gasto público na educación, na sanidade e nos servizos sociais, e desviando cantidades inmensas de diñeiro público para o negocio privado, mediante o incremento dos concertos ou a privatización de diferentes servizos.

Resulta inaceptábel a abusiva privatización da xestión de diferentes servizos que os concellos están levando a cabo. Son cada vez mais os servizos que se privatizan ou se xestionan a través de concesións, de cesións ilegais de traballadores ou a través de asistencias técnicas.

A deriva neoliberal de adelgazamento da propia administración é constante e permanente. Así un ano máis, o goberno central do PSOE, mediante a Lei de orzamentos do estado, restrinxe a oferta pública de emprego en moitas áreas da administración e impide, así, cubrir diferentes servizos mediante a xestión directa. Isto implica reducir o emprego e empeorar servizos prestados, xa que ese traballo será realizado mediante empresas privadas subcontratadas ou asistencias técnicas que procurarán abaratar custes para obter o maior beneficio posíbel en detrimento do servizo e precarizando as condicións laborais.

A aposta pola privatización e mercantilización de todo tipo de servizos públicos implica diminuír a calidade do servizo ou prestación e precarizar e reducir o emprego. A empresa privada pretende o máximo beneficio co mínimo custe, a conta do rebaixe da calidade do servizo da redución do persoal, de baixos salarios, contratos temporais e precariedade laboral dos seus traballadores e traballadoras. Non hai mellor proposta para defender o público fronte ao privado que ampliar a xestión directa dos servizos e non recorrer a órganos ou empresas con menos garantías para prestar o servizo e con traballadores/as que teñen os seus dereitos laborais reducidos.

Non hai sociedade do Benestar nin xustiza social sen uns servizos públicos universais de calidade, xa que significan unha garantía para reducir as desigualdades sociais e reforzar a cohesión social. A súa calidade e eficiencia soamente é posíbel mediante a xestión pública, xa que esta busca exclusivamente o ben público e social. O público é garantía de calidade, o privado é negocio e beneficio.

Resulta inxustificábel que, neste momento de crise motivada pola aplicación de políticas neoliberais, se liquiden servizos, se despidan traballadores e traballadoras e se deixe de atender sectores sociais máis desfavorecidos que sofren de xeito máis duro as consecuencias desta situación. Por iso, rexeitamos o desmantelamento das oficinas I+B co despedimento de 61 traballadoras/es, a privatización dos centros de día e a pretensión de eliminar o carácter público do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar,como instrumento de xestión interadministrativa entre a Xunta e os entes locais para o desenvolvemento de servizos sociais comunitarios específicos comarcais acaídos ao País, asi como a entrega total á empresa privada de SOGASERSO, destinada a xestionar as Residencias de maiores.

A aposta do Partido Popular pola mercantilización do ensino, lévaos a privilexiar modelos educativos retrógrados mediante concertos educativos que segregan o alumnado por razón de xénero. A Xunta destina 259 millóns de euros, o 11% dos orzamentos de Educación, ao ensino privado, mentres o ensino público continúa con carencia de profesorado e de recursos suficientes para facer fronte ao fracaso escolar e non garante a demanda de prazas escolares de 0 a 3 anos. Esta xenerosidade do PP coa patronal do ensino concertado contrasta coa redución do orzamento da Consellaría de Educación, coa supresión da gratuidade dos libros de texto, coa negativa a reducir o número de alumnado por aula, a universalizar o servizo de comedores escolares e á gratuidade das actividades extraescolares.

A redución dos orzamentos dedicados á sanidade pública para o ano 2010 constatan a continua aposta polo financiamento da sanidade privada coa introdución do modelo de financiamento privado de obra pública para a construción do hospital de Pontevedra e Vigo que veñen a completar a privatización de numerosos servizos que hoxe xa están externizados. As listas de espera fanse insufríbeis e intolerábeis, os servizos sanitarios teñen múltiples deficiencia e carencias, mais isto non lle impide á Xunta amortizar prazas e perpetuar a precariedade laboral. A aposta pola sanidade pública comporta impedir que a saúde se converta nun negocio, ter control público, garantía e calidade.

Un capítulo á parte é a privatización e eliminación dos servizos ás explotacións agrícolas e gandeiras. As oficinas de asesoramento e de apoio ás explotacións comarcais sufriron dende hai anos recortes de persoal e de medios, perdendo o seu carácter de dinamizadoras para quedarlles encomendada só unha parte dos trámites burocráticos.

Mención à parte merece o desmantelamento da empresa pública SEAGA, privatizando a xestión agroforestal e encomendando a empresas privadas a extinción de incendios forestais, atención veterinaria, atención telefónica ao agro, etc, que comportaron o despedimento de máis de 2000 traballadores/as. Así mesmo persiste unha total incerteza na extinción de incendios de cara ao verán onde traballan arredor de 2000 persoas. Así mesmo ficaron paralisados os proxectos UXFOR e o BANTEGAL actúa co mínimo persoal.

A xestión privada tamén se apoderou dos parques comarcais de bombeiros. Desde as administracións non se rescata ningunha privatización e continúase coa vontade de que todos os que abran de novo sexan de xestión privada.


PERANTE ESTA GRAVE SITUACIÓN

ESIXIMOS:

 A mellora, reforzo e ampliación dos servizos públicos, creando emprego e transformando o temporal en estábel. Ampliación da propia administración pública como proposta de defensa do público fronte ao privado.

 A revogación progresiva dos concertos estabelecidos coas empresas privadas, nomeadamente no ensino e na sanidade, e absorción e prestación destes servizos directamente pola administración correspondente.

 A supresión de todas as fundacións constituídas para xestionar empresas, institucións ou órganos públicos, integrándoas na administración correspondente. Absorción paulatina dos servizos privatizados das diferentes administracións e supresión das asistencias técnicas.

 A eliminación da restrición da oferta de emprego imposta polo estado na Lei de Orzamentos. As Administracións galegas (autonómica e local) terán plenas competencias para, previa negociación coas OOSS, crear e ofertar o emprego necesario.

 A defensa inequívoca do ensino público, dotándoo de maiores orzamentos e suprimindo os concertos educativos.

 O mantemento e extensión das Galescolas como modelo educativo público galego para a educación infantil de 0 a 3 anos. A Administración ofertará prazas suficientes de 0 a 3 anos, na rede pública.

 A ordenación e o incremento da oferta de ciclos formativos no ensino público, satisfacendo a demanda existente para facilitar o emprego e o desenvolvemento daqueles sectores estratéxicos do tecido industrial e produtivo galego. Eliminar os concertos educativos na formación profesional

 A dotación de profesorado suficiente nos centros públicos para satisfacer as necesidades educativas dos centros, reducir a ratios, atender a diversidade, prever e actuar contra o fracaso e o abandono escolar e acadar a máxima calidade posible. Dotación, en todos os centros públicos, de administrativos e de coidadores, educadores sociais e outros profesionais nos que sexan necesarios.

 Acceso en todo o territorio a un ensino público de calidade, paralización da supresión de servizos e recuperación dos mesmos, nomeadamente no medio rural (escolas unitarias, unidades educativas, ciclos formativos...)


 O fornecemento de servizos complementarios necesarios, nomeadamente de comedores escolares, a todos os centros educativos públicos. Garantiráselle a gratuidade a todo aquel alumnado con escasos recursos. Así mesmo, a Administración facilitará a gratuidade e universalidade das actividades extraescolares nos centros públicos. Restabelecemento da gratuidade dos libros de texto a todo o alumnado do ensino infantil e obrigatorio.

 A dotación orzamentaria que permita acadar un sistema sanitario público de calidade, garantindo á poboación os principios básicos de universalidade, gratuidade e equidade no acceso ao sistema. Os orzamentos do ano 2010 para sanidade implican o seguinte: en Atención primaria un 4,2% menos, en Persoal un 3,5% menos e en Equipamentos un 2,5% menos. Con esta anemia orzamentaria só se pode esperar un empeoramento da Sanidade pública

 Unha defensa activa do sistema sanitario público. Rexeitamos a actual política de concertos coa sanidade privada, que ten como máxima pretensión crear unha confusión entre a sanidade pública e privada: incumprimento da Lei de incompatibilidades e do traballo en réxime de exclusiva. Exiximos o cumprimento do Plan de Mellora de Atención Primaria e o Plan de Saúde Mental.

 O rexeitamento de calquera intención de introducir no sistema sanitario público os modelos de iniciativa de financiamento privado (que implican segundo a OMS unha redución de camas do 30% e unha redución do persoal sanitario, médicos e enfermeiras do 38%, datos xa contrastados) onde estes modelos xa están funcionando. Exiximos que o plan directorio de infraestruturas sanitarias se financie integramente con fondos públicos, tanto na construción como na xestión destes: hospitais de Vigo e Pontevedra, posta en funcionamento do hospital de Lugo, construcións dos centros de saúde e as obras de adaptación nos distintos hospitais.

 A igualdade territorial dos recursos sanitarios e a paralización do proceso de supresión de areas sanitarias consolidadas (Barco, Monforete, A Mariña, Ferrol...) Implantación das medidas que permitan corrixir os problemas de acceso á atención sanitaria, en particular ás listaxes de espera para diagnóstico e tratamento cirúrxico, que é o problema máis grave da sanidade pública e un indicador claro do deficiente funcionamento do sistema.

 Un servizo público de servizos sociais que atenda e cubra as necesidades de poboación galega, asentados na prevención, na atención integral a persoas e enmarcados nun sistema público galego de servizos sociais. Sistema público galego que cubra as necesidades do conxunto da poboacións galega.

*Desenvolvemento da Lei 13/2008 do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia en vigor dende o 18 de marzo de 2009 na que se define aos servizos sociais como un sistema público de servizos, constituíndose no 4º piar do benestar xunto coa educación, a sanidade e a seguridade social; recoñece o dereito aos servizos sociais como un dereito subxectivo das persoas, do conxunto da poboación, e obriga a incluír nos orzamentos anuais da Xunta e das entidades locais as partidas necesarias para o financiamento do sistema galego de servizos sociais.

A consolidación dun sistema público galego de servizos sociais que garanta os equipamentos precisos para acadar uns servizos que cubran as necesidades sociais do conxunto da poboación galega – servizos aos que temos dereito, vivamos onde vivamos- co obxectivo de favorecer a cohesión social do país, reforzando os vencellos sociais e combatendo os procesos de desestruturación territorial e social, abordando, tanto as situacións de falla de autonomía persoal, como as de pobreza e exclusión social ou nas que existan menores en conflito ou desamparo.

A consolidación dos servizos sociais comunitarios dirixidos ao conxunto da poboación dun territorio determinado que teñen un carácter predominantemente local, baseado no desenvolvemento de accións preventivas, de atención integral a persoas e familias e de incorporación social e laboral, enmarcados no sistema público galego de servizos sociais estruturado en rede e coordinado cos outros servizos para o benestar: de saúde, educación, emprego, vivenda, migracións, etc.

 Un servizo de correos público galego, xa que o servizo de correos é algo necesario para impedir que o mundo rural se sinta discriminado e se poida revitalizar

 O rescate e ampliación da xestión pública en servizos que foron ou están sendo privatizados nas administracións locais como a limpeza, abastecemento de auga e depuración, parques e xardíns, escolas infantís, servizos socioculturais e administrativos, servizos provinciais de emerxencia, parque comarcais de bombeiros.


 O restabelecemento da xestión pública dos servizos que prestaba SEAGA e SOGASERSO.

 A revitalización e dotación de persoal e medios ás Oficinas Agrarias Comarcais para que volvan prestar todo tipo de servizos de asesoramento, incluído o aconsellamento, e tramitación ás explotacións, rescatando todos os servizos que xa foron privatizados

 O rexeitamento total ás recentes decisións de eliminar servizos e postos de traballo nas entidades públicas e ao traspaso de tarefas tan importantes como os traballos de prevención de incendios a empresas privadas sen ningún tipo de control.

 A xestión directa da administración en todo o relacionado coa á sanidade animal e vexetal, que só se realizarán con garantías se non están sometidas a intereses privados e particulares e se asumen dende a Administración Pública.

 Artellamento duns servizos de transporte público no medio rural acorde coas necesidades existentes, mantendo e mellorando o que xa existe, recuperando liñas, e ampliando horarios, tanto de autobuxes como de tren.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2010
Comentarios (0) - Categoría: privatización da sanidade - Publicado o 06-04-2010 13:21
Queres comentar ou preguntar algo?
Chuza! Meneame
NESTA WEB XA NON ATENDEMOS. SE QUERES PREGUNTAR ALGO OU ALGUNHA INFORMACIÓN, DIRÍXETE Á NOVA WEB: www.cig-saude.org/OBARCO
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario ou pregunta (que non sexa repetida):

(Escribe o código. Copia o texto por se non entra á primeira)
© by Abertal


free web counter



O Tempo no Barco de Valdeorras - Predición a 7 días e condiciois actuais.


Estadisticas Gratis