CIG-Saúde O Barco








Telf: 988 339112






















Perfil de Facebook de Cig-saúde O Barco.














BLOGS E WEBS DOUTRAS COMARCAS E ÁMBITOS DE CIG-SAÚDE














OUTRAS LIGAZÓNS INTERESANTES

















cig-saude o barco
h.obarco@cig-saude.org
 DESTACADOS
 CATEGORÍAS
 FOTOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 PARA SABER MÁIS

400 persoas na concentración a prol da lingua
fonte avantar

400 persoas concéntranse diante do Parlamento en contra da modificación da Lei da Función Pública

Para a CIG a medida supón “un golpe de morte” para o noso idioma
Coincidindo co debate na Cámara galega da modificación do artigo 35 da Lei da Función Pública, máis de 400 persoas participaron na concentración desenvolta diante do Parlamento para rexeitar “o golpe de morte ao noso idioma” que vai supor a aprobación desta medida. O PP da así un paso adiante na súa obsesión por “exterminar e desprestixiar” o noso idioma, vulnerando os dereitos de todos os galegos e as galegas, que coa modificación da Lei da Función Pública nin sequera poderán exixir ser atendidos na nosa lingua diante da administración.

Arredor duns 400 delegados e delegadas de CIG, CCOO e UGT, participaron na concentración desenvolta diante do Parlamento Galego esta mañá, para rexeitar o atropelo contra o galego que vai supor a modificación da Lei da Función Pública. A protesta contou coa presenza do Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, e coa participación de A Mesa pola Normalización Lingüística e varios deputados nacionalistas, que tamén quixeron amosar o seu rexeitamento a esta medida.

A modificación do artigo 35 desta norma pretende a eliminación da obriga de realizar en galego, como mínimo, unha das probas das oposicións, de xeito que se está a furtando aos galegos e galegas o dereito a poder ser atendidos no seu idioma nas administracións públicas. “É un retroceso preautonómico”, lamentou o secretario da CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen asegurou que “esta é a suma doutras medidas contra o noso idioma. O PP ten unha obsesión co galego e todas as decisións que está a tomar van encamiñadas a exterminar, infravalorar e desprestixiar a nosa lingua”.

Obriga dos gobernos

Dende a CIG lémbrase que a obriga de calquera goberno pasa por valorar os dereitos dos cidadáns e do seu patrimonio, polo que xa se advertiu ao goberno do PP que vai ter enfronte á central, porque “non estamos dispostos a que se lexisle en contra do noso idioma”. “As decisión do PP están cargadas dun españolismo a ultranza destinado a pór en tea de xuízo o noso idioma e acabar co noso sinal de identidade máis importante”, lamentou Louzao.

Por esta razón, a central reclama á Xunta de Galiza que asuma políticas de protección e promoción do noso idioma, en lugar de deseñar estratexias cuxo único obxectivo consiste na involución lingüística e na supresión dos escasos avances neste eido acadados nos últimos anos. “A única preocupación do PP é lexislar en contra do galego”, sentenciou o secretario nacional da CIG-Ensino.

A modificación do artigo 35 é contraria tanto á Lei de Normalización Lingüística como ao Plan Xeral de Normalización, así como ao Estatuto Básico do Empregado Público. A CIG non aceptará ningún paso atrás na normalización lingüística, polo que continuará opóndose frontalmente a calquera medida destinada a tal finalidade.

Recurso contra o Decreto de Educación Infantil

Dentro das medidas que a central vai levar a cabo en contra das políticas de ataque ao galego, a CIG-Ensino vai presentar recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra o Decreto de Educación Infantil, publicado no DOG do 23 de xuño.

Tal e como se denunciou na Mesa Sectorial en que se debatía a Orde de avaliación de Educación Infantil, a única modificación introducida polo actual goberno do PP neste Decreto elaborado pola anterior Consellaría de Educación, é precisamente un ataque máis a nosa lingua, pois non recolle o que establece a actual lexislación en vigor, ou sexa o Decreto 124/2007, que si recollía o borrador modificado polo Consello da Xunta.

O borrador do Decreto de Educación Infantil que pasara pola Mesa Sectorial no seu día dicía que: “Na etapa de Educación infantil o profesorado utilizará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado progrese no coñecemento da outra lingua oficial de Galicia. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá.”

Fronte a isto o Consello da Xunta do actual goberno do PP, en que foi aprobado, modificou este apartado que segundo o publicado hoxe di soamente: “Na etapa de Educación infantil o profesorado utilizará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado adquira de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios desta etapa.”

Infracción do actual Decreto de Normalización

A CIG considera que esta modificación infrinxe o actual Decreto de Normalización Lingüística, que continúa en vixencia e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento Galego en setembro de 2004. Esta é unha involución máis das moitas que o novo goberno está a perpetrar contra o noso idioma, cunha urxencia esaxerada, que non practican para pór en marcha medidas que no seu programa electoral figuraban como prioritarias, por exemplo a redución das rateos a 15 alumnos por aula. Ou que supriman as axudas aos programas de inmersión en galego, que cumpren con todos os requisitos establecidos, mentres gastan cantidades moito maiores nunha enquisa ilexítima e amañada para reducir a presenza do noso idioma no ensino


Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 23-06-2009 21:21
Queres comentar ou preguntar algo?
Chuza! Meneame
NESTA WEB XA NON ATENDEMOS. SE QUERES PREGUNTAR ALGO OU ALGUNHA INFORMACIÓN, DIRÍXETE Á NOVA WEB: www.cig-saude.org/OBARCO
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario ou pregunta (que non sexa repetida):

(Escribe o código. Copia o texto por se non entra á primeira)
© by Abertal


free web counter



O Tempo no Barco de Valdeorras - Predición a 7 días e condiciois actuais.


Estadisticas Gratis