Como sabedes, levamos tempo insistindo para que se contraten as ausencias correspondentes polas listas das novas categorías de técnico en documentación, técnico de farmacia e técnico en dietética e nutrición.
O SERGAS ante unha pregunta nosa, envíanos esta resposta coas instruccións que foron enviadas ás xerencias a este respecto:
De acordo coa conversa telefónica sostida, achégase copia do arquivo de word referente ao recordatorio efectuado desde esta subdirección xeral aos centros de xestión e direccións provinciais do organismo, lembrando a plena operatividade das listaxes de selección temporal de técnicos/as especialistas en documentación sanitaria e técnicos/as especialistas en dietética e nutrición.
Un saúdo.
Subdirección Xeral de Políticas de Persoal
Copia do documento:
Refª: Apertura listas técnico/a especialista en documentación sanitaria e técnico/a especialista en dietética e nutrición.
O pasado 15 de decembro de 2008 foron obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e nos taboleiros de anuncios das direccións provinciais e institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, así como páxina web do Organismo, as listaxes definitivas de aspirantes a vinculacións temporais en diversas categorías sanitarias e de xestión e servizos, correspondentes á convocatoria do 28 de xuño de 2007 deste centro directivo (DOG núm. 140, do 19.7.2007). Entre as categorías de referencia, todas elas de ámbito de área sanitaria, encóntranse os colectivos profesionais de técnico especialista en documentación sanitaria e técnico especialista en dietética e nutrición.
Arestora encóntranse en fase de tramitación os proxectos normativos (Decretos) polos que se configura e introduce a especialidade en documentación sanitaria e a especialidade en dietética, na categoría de técnico especialista do Servizo Galego de Saúde.
No entanto e con independencia das datas de entrada en vigor dos correspondentes Decretos, desde a indicada data do 15 de decembro de 2008, as listaxes de selección temporal de técnico especialista en documentación sanitaria e técnico especialista en dietética e nutrición encóntranse plenamente operativas para a oferta e formalización de vinculacións temporais que os centros poidan precisar, para a cobertura das súas necesidades asistenciais no ámbito destas especialidades, cos integrantes destas listas, segundo a súa orde de prelación e de conformidade coa regulación establecida no pacto sobre selección temporal vixente (DOG núm. 104, do 1.6.2004).
Estas vinculacións xa teñen o seu precedente, no que atinxe á primeira das especialidades citadas, na convocatoria formalizada pola resolución do 10 de xuño de 2004, da División de Recursos Humanos, para a selección de aspirantes a vinculacións temporais en réxime estatutario na categoría de técnico especialista coa especialidade de documentación sanitaria, na área sanitaria de Pontevedra-Norte (DOG núm. 116, do 17.6.2004).
Os vínculos temporais que se formalicen imputaranse na categoría xenérica de técnico especialista (Código orzamentario S-C1-01), de conformidade coa normativa sobre confección de nóminas vixente.
Con base no que antecede, ínstase dos órganos superiores individuais de dirección de cada centro, así como das direccións provinciais, a remisión do presente escrito para os efectos oportunos, aos servizos de persoal ou recursos humanos e de atención ao público de cada institución, de xeito particular no que atinxe á xestión de persoal e á información das persoas interesadas neste particular, respectivamente.
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2009
O subdirector xeral de Políticas de Persoal
Francisco Javier Pena Corredoira
|