CIG-Saúde O Barco








Telf: 988 339112






















Perfil de Facebook de Cig-saúde O Barco.














BLOGS E WEBS DOUTRAS COMARCAS E ÁMBITOS DE CIG-SAÚDE














OUTRAS LIGAZÓNS INTERESANTES

















cig-saude o barco
h.obarco@cig-saude.org
 DESTACADOS
 CATEGORÍAS
 FOTOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 PARA SABER MÁIS

Decreto Técnicos Documentación Sanitaria
Parece que por fin se vai publicar o Decreto de creación da categoría de Técnicos en Documentación Sanitaria. Sairá próximamente no DOG. Podedes descargar de aqui o texto do mesmo.
Comentarios (0) - Categoría: espazo técnico - Publicado o 30-04-2010 10:43
Queres comentar ou preguntar algo?
publicado o decreto creación técnicos farmacia
Hoxe, por fín publícase no DOG o decreto de creación da categoria de técnicos de farmacia

Decreto 9/2010, do 21 de xaneiro, polo que se crea a categoría estatutaria de persoal técnico en farmacia no ámbito do Servizo Galego de Saúde.

No tempo transcorrido desde a creación do Servizo Galego de Saúde producíronse importantes cambios na atención sanitaria prestada nas súas institucións. O dereito á protección da saúde consagrado no artigo 43 da Constitución require dos poderes públicos unha constante adaptación das estruturas sanitarias ás novas necesidades e a incorporación a ditas estruturas, cando sexa procedente, de persoal cunha formación profesional específica para a realización de determinadas funcións.

A Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica de Galicia, prevé a realización de funcións de colaboración cos farmacéuticos por parte de persoal técnico ou auxiliar de farmacia. Así mesmo, establece que a atención farmacéutica nas estruturas de atención primaria e centros hospitalarios se levará a cabo a través de servizos de farmacia e depósitos de medicamentos e produtos sanitarios. Para a correcta xestión operativa dos servizos de farmacia é axeitada a incorporación de persoal técnico con formación específica para realizar as funcións que se desenvolven nesas unidades.

O colectivo de persoal que se axusta a estes requirimentos de labor auxiliar nos ditos servizos de farmacia e ao perfil profesional axeitado para as institucións sanitarias do organismo é o que acredita o título de técnico en farmacia establecido polo Real decreto 547/1995, do 7 abril (BOE nº 133, do 5 xuño), cuxa regulación foi substituída polo Real decreto 1689/2007, do 14 de decembro (BOE do 17 de xaneiro de 2008), polo que se establece o título de técnico en farmacia e parafarmacia e se fixan as súas ensinanzas mínimas.

En calquera caso, para fixar a titulación de acceso á nova categoría menciónase neste decreto a denominación fixada na primeira das disposicións citadas -técnico en farmacia-, sen prexuízo de atender ás equivalencias recoñecidas na disposición adicional terceira do propio Real decreto 1689/2007 entre os títulos de técnico auxiliar de farmacia, técnico en farmacia e técnico en farmacia e parafarmacia.

A creación da nova categoría, no exercicio das competencias atribuídas nos artigos 14 e 15 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e no artigo 113 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, responde ao consenso existente na Mesa Sectorial de Negociación respecto á necesidade de promover a incorporación de profesionais da área sanitaria con novas titulacións aos cadros de persoal das institucións sanitarias. Esta previsión, polo demais, xa figuraba expresada no acordo sobre mellora retributiva e profesional asinado o 1 de outubro de 2003 (DOG nº 232, do 28 de novembro). As institucións do Servizo Galego de Saúde advirten tamén da necesidade de incorporar profesionais que teñan formación adecuada ás funcións que se realizan nelas.

Por último, este decreto atende á situación actual e á traxectoria profesional do persoal que desempeña ou desempeñou as funcións atribuídas á nova categoría.

O presente decreto dítase despois da preceptiva negociación na mesa sectorial.
Na súa virtude, por proposta da Consellería de Sanidade, de conformidade co ditame número 596/2009, do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación no Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e un de xaneiro de dous mil dez,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.

Créase no Servizo Galego de Saúde, dentro do grupo de persoal sanitario de formación profesional, subgrupo de técnicos, a categoría estatutaria de persoal técnico en farmacia, e regúlase o seu réxime xurídico, réxime de acceso, funcións e dotación de cadro de persoal.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.
A relación de servizo do persoal desta categoría co Servizo Galego de Saúde regularase polo presente decreto, pola Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, pola Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e a normativa de desenvolvemento e complementaria aplicable ao persoal estatutario do organismo.

En particular, a regulación da xornada de traballo e retribucións do persoal técnico en farmacia será a vixente para o persoal xa vinculado como persoal técnico sanitario de formación profesional.

Artigo 3º.-Acceso.
1. Para o acceso á categoría de persoal técnico en farmacia será requisito indispensable estar en posesión do título de técnico/a en farmacia (formación profesional da área sanitaria). Entenderase cumprido este requisito cando se posúa calquera outro título declarado equivalente, nos termos previstos na normativa de ordenación xeral da formación profesional.

2. O acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría requirirá a superación das correspondentes probas selectivas, convocadas en desenvolvemento e execución dunha oferta pública de emprego, de conformidade coa normativa xeral vixente en materia de provisión de prazas.

3. A selección de persoal temporal da categoría estatutaria de persoal técnico en farmacia efectuarase polo procedemento establecido logo de negociación na mesa sectorial, de conformidade coa normativa vixente de provisión de prazas.

Artigo 4º.-Funcións.
Corresponde ao persoal técnico en farmacia desempeñar, con carácter xeral, os servizos complementarios e de apoio das funcións que desenvolve o persoal facultativo farmacéutico dos servizos de farmacia das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

O ámbito funcional será o adecuado ás competencias e capacidades propias do título de técnico en farmacia. De xeito específico, o persoal técnico en farmacia desempeñará as seguintes actividades:

1. Recepción, almacenamento, revisión e reposición de medicamentos, material de acondicionamento, produtos sanitarios, material sanitario e outro material utilizado nos servizos de farmacia, garantindo a súa correcta conservación e organización segundo os criterios establecidos.

2. Colaborar, baixo a supervisión do persoal farmacéutico, na dispensación de medicamentos e produtos sanitarios nas súas diferentes modalidades (reposición de botiquíns, dispensación individualizada en doses unitarias, dispensación automatizada), así como realizar a preparación e distribución das solicitudes de medicamentos e produtos sanitarios, de acordo coas normas de actuación establecidas.

3. Almacenamento, control e arquivo dos impresos e rexistros utilizados na recepción, almacenamento, conservación, custodia, dispensación e distribución de medicamentos, produtos sanitarios e demais produtos utilizados.

4. Manexo, limpeza e conservación, mantemento do bo funcionamento e posta a punto do equipamento, utensilios e demais medios utilizados para a recepción, almacenamento, conservación, custodia, dispensación e distribución de medicamentos e produtos sanitarios.

5. Preparar, pór en funcionamento e controlar os utensilios de dosificación e envasado de medicamentos co obxecto da súa dispoñibilidade en cantidade, calidade e estado operativo no momento de seren requiridos.

6. Colaborar, baixo a supervisión do persoal farmacéutico, na elaboración e control de calidade das preparacións farmacéuticas, segundo os procedementos establecidos de acordo coas normas de correcta elaboración e control de calidade.

7. Almacenamento, control e arquivo das preparacións farmacéuticas e dos seus rexistros.

8. Mantemento, conservación e limpeza dos utensilios e material requirido para levar a cabo operacións farmacéuticas.

9. Colaborar no cumprimento dos principios do sistema de xestión da calidade establecido no servizo de farmacia.

10. Manexo de aplicativos informáticos empregados no almacenamento e na dispensación de medicamentos e produtos sanitarios co nivel de acceso que se estableza.

11. Calquera outra actividade que sexa incluída, como consecuencia das innovacións tecnolóxicas e organizativas, dentro das competencias e capacidades propias do título de técnico en farmacia.

12. Todas aqueloutras funcións a que habilite o seu currículo formativo no seu ámbito funcional.

O ámbito funcional da categoría estenderase, así mesmo, ás funcións previstas para o persoal auxiliar de enfermaría das unidades de farmacia no Estatuto do persoal sanitario non facultativo aprobado por Orde do 26 de abril de 1973.

As funcións desenvolveranse baixo a dirección e supervisión do persoal facultativo farmacéutico responsable pertencente ao servizo de farmacia correspondente e dando cumprimento ás súas instrucións.

En calquera caso o persoal técnico en farmacia desenvolverá as súas funcións sen menoscabo da competencia, capacidade de supervisión, responsabilidade e autonomía dos profesionais sanitarios doutras categorías que actúan no ámbito propio dos servizos de farmacia.

Artigo 5º.-Cadro de persoal.
Correspóndelle ao Servizo Galego de Saúde, baixo a supervisión e o control da Consellería de Sanidade, determinar o número de efectivos de persoal da nova categoría que poden prestar servizos con carácter estrutural. Esta medida farase efectiva mediante as modificacións que procedan nos cadros de persoal, coas limitacións e consonte as previsións establecidas nas disposicións orzamentarias en vigor.

Os postos de traballo da categoría de técnico en farmacia contarán cun código orzamentario específico.

Disposicións transitorias

Primeira.-Situación do persoal fixo que desempeña actualmente funcións de técnicos en farmacia.

1. O persoal fixo que, á entrada en vigor deste decreto, se encontre desempeñando postos de traballo cuxo contido funcional se corresponda coas funcións que nel se asignan aos técnicos en farmacia permanecerá no seu exercicio. Unha vez que fiquen vacantes, por calquera das causas previstas legalmente, serán amortizados e transformaranse en prazas da categoría técnico en farmacia de conformidade co artigo quinto deste decreto.

2. O persoal fixo a que se refire o parágrafo anterior que, posuíndo o título de técnico en farmacia, superase o primeiro proceso selectivo que se convocase para persoal desta categoría e no momento da elección de destino permanecese no mesmo, poderá optar pola transformación do seu posto de traballo en praza da categoría técnico en farmacia ou participar na elección de destino.

Segunda.-Situación do persoal temporal que desempeña actualmente funcións de técnico en farmacia.

1. As prazas desempeñadas por persoal temporal que, á entrada en vigor deste decreto, se encontre exercendo, con carácter fundamental, as funcións que se atribúen á categoría de técnico en farmacia, serán obxecto de convocatoria pública como prazas desta categoría no primeiro proceso selectivo que se celebre. O dito persoal permanecerá no seu desempeño ata que se produza o seu cesamento pola toma de posesión dos aspirantes que superasen o proceso selectivo ou pola cobertura regulamentaria por persoal estatutario fixo da categoría técnico en farmacia.

2. O nomeamento do persoal con vínculo temporal en praza vacante que á entrada en vigor deste decreto se encontre desempeñando as funcións que nela se asignan aos técnicos en farmacia, e estea en posesión do título requirido para o acceso, será transformado nun nomeamento temporal correspondente á categoría de persoal técnico en farmacia.

Terceira.-Valoración de servizos prestados.
Os servizos prestados en desenvolvemento, con carácter fundamental, das funcións propias da categoría de técnico en farmacia, e debidamente certificados, terán a consideración de prestados na dita categoría nos procesos de selección, para persoal temporal ou fixo, que se formalicen para o acceso a prazas desa categoría.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde para adoptaren as medidas pertinentes, no ámbito das súas competencias, para o desenvolvemento e aplicación do disposto no presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xaneiro de dous mil dez.
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Pilar Farjas Abadía
Conselleira de Sanidade
Comentarios (0) - Categoría: espazo técnico - Publicado o 12-02-2010 11:50
Queres comentar ou preguntar algo?
decreto de técnicos de farmacia... por fin
Como onte estivemos todo o día en Santiago por mor da manifestación contra o decretazo contra o galego, non puidemos actualizar a información ata hoxe.

Boas tardes:

Por encargo da directora de Recursos Humanos, comunícovos que o Decreto polo que se crea a categoría estatutaria de persoal técnico en farmacia foi aprobado hoxe polo Consello da Xunta.

Saúdos,

María Ponte
Xefa de servizo de relacións laborais


Recibimos onte este correo, no que se nos indica que no Consello da Xunta de onte se aprobou o decreto de creación da categoría de Técnicos de Farmacia. Isto, unido a que, tal e como nos indicabades nos comentarios, na nova orde de nóminas xa se recolle tal categoría, lévanos a pensar que o SERGAS xa está en disposición de contratar persoal das listas de Técnicos de Farmacia, e esperamos que empece a facelo, inda que, coa política de "austeridade" que leva este goberno, veremos en qué acaba a cousa.

Non era sen tempo!


Comentarios (0) - Categoría: espazo técnico - Publicado o 22-01-2010 10:29
Queres comentar ou preguntar algo?
artigo sobre técnicos
Pegámosvos aqui un artigo que nos envía unha lectora sobre os Técnicos en Documentación Sanitaria de Fernando Ponte Hernando, que foi publicado no Correo Gallego o pasado 6 de setembro. Publicamos a tradución ao galego, e podedes ver o artigo orixinal premendo aqui.

-----------------------------------------------------

Está candente un problema ao redor das cuestións laborais e de competencias do persoal especializado, nun asunto tan delicado como o da documentación sanitaria. Isto non é bo, dado que se trata dunha documentación sometida, pola súa propia natureza, a unha lexislación moi severa e específica por razóns éticas, legais, morais, científicas, e de toda índole.

Refírome a cuestións tais como a responsabilidade legal, a confidencialidade, o dereito á intimidade, á información, e mesmo á propiedade intelectual das historias clínicas e á verdade científica, dada a condición das historias clínicas de ser á vez documento de transcendencia xurídica e de utilización clínica, docente e de investigación. O manexo e xestión desta documentación, nos arquivos clínicos, esixe unha formación previa e, nestes tempos, certamente especializada. Hai que coñecer cuestións chave como normativa, vocabulario, tratamento da información, sistemas e técnicas de arquivos xerais e clínicos, codificación clínica, etc, polo que non basta co persoal administrativo convencional, senón que hai que formalo especificamente. Para iso, o xa afastado no tempo RD 555/1995, aprobaba o currículo formativo dos Técnicos en Documentación Sanitaria, como título de formación profesional de grao superior.

Son, entre outras, competencias dos Técnicos en Documentación Sanitaria: organizar e xestionar os arquivos de documentación e historias clínicas, definir e avaliar o proceso de tratamento (expurgo, escaneo) da información e documentación clínica, identificar, extraer e codificar datos clínicos e non clínicos da documentación sanitaria (admisión ou rexistro de tumores); validar e explotar os datos do Conxunto Mínimo Básico de Datos (CMBD), algo absolutamente fundamental, mediante ferramentas estatísticas, epidemiolóxicas e de control de calidade.

Outras comunidades autónomas como Andalucía, País Vasco, Navarra, Aragón, Cantabria, Canarias ou Valencia xa teñen recoñecida a categoría nos Servizos públicos de Saúde desde o ano 2000-2002, moitas delas, con Ofertas Públicas de Emprego xa resoltas, o que fixo que profesionais galegos tivesen que irse alí, para poder traballar naquelas áreas para as que estudaran con ilusión. No SERGAS, aínda está, desde 2005, ano en que ían facelo, o decreto de creación da categoría sen publicar no DOGA, xa se sabe, o goberno bipartito sempre tan dinámico e eficaz.

Até agora, baixo a dirección dos médicos do corpo de Admisión e Documentación Clínica traballa un persoal heteroxéneo, de procedencia e formación diversa, o que non garante a mesma calidade en todos os Centros Sanitarios, nesta materia. Dado que a Lei 41/2002, Básica Reguladora da Autonomía do Paciente e de Dereitos e Obrigacións en Materia de Información e Documentación Clínica, e na lei 3/2005 (ampliación da anterior) preven que estas funcións deben estar encomendadas a persoal especializado, hai que animar aos responsables do SERGAS a corrixir esta situación, recoñecendo e incorporando a categoría de Técnico en Documentación Sanitaria, da mesma forma que, no seu día, se incorporaron os técnicos de radioloxía, laboratorio ou anatomía patolóxica, para continuar avanzando na calidade do noso sistema sanitario e ademais ser coherentes coa política educativa, que non debe propor novas e interesantes áreas de formación aos nosos mozos, para telos logo, como no caso que nos ocupa, durante xa bastantes anos "a velas vir".

Comentarios (0) - Categoría: espazo técnico - Publicado o 02-10-2009 14:39
Queres comentar ou preguntar algo?
carta á directora de RR.HH do SERGAS
Pegámosvos aqui, a carta que CIG-Saúde, a través da súa secretaria nacional, Mª Xosé Abuin, ven de enviar á Directora de Recursos Humanos do SERGAS sobre a situación dos Técnicos Superiores en Dietética e Nutrición e en Documentación Clínica e dos Técnicos Auxiliares de Farmacia.


Esperanza Fernández Lago
Directora de RRHH SERGAS.


Transcorridos máis de dous anos desde o inicio da negociación para a creación no ámbito estatutario das categorías de: Técnicos Especialistas en Dietética e Nutrición, Especialista en Documentación Sanitaria e Técnico Auxiliar de Farmacia, a situación é que á data do presente escrito os Decretos da creación destas categorías están sen publicar no DOG.

Somos conscientes de que toda tramitación dun Decreto conleva un proceso administrativo complexo, pero non é menos certo que transcorrido tanto tempo desde a súa aprobación na Mesa Sectorial, os ditos decretos xa tiñan que ser unha realidade.

Na actualidade os Técnicos Superiores, aínda sen publicar o Decreto, poden ser contratados mediante selección temporal, xa que a categoría de Técnico xa está creada e ten un código orzamentario. Isto non sucede coas/os Técnicos Auxiliares de Farmacia, xa que ao ser categoría nova non poden ser contratados até que o seu Decreto estea publicado no DOG. Isto está a acarrear graves prexuízos para este colectivo, xa que a convocatoria de selección temporal de técnicos de farmacia foi publicada o dia 19-07-2007, e as listaxes definitivas foron publicadas o dia 15-12-08.

Por outra banda, a Admón debe tomar as medidas oportunas para dotar de prazas destes colectivos nos centros do SERGAS.

Documentación Sanitaria: O rexistro de datos clínicos nos Sistemas de Información Hospitais (CMBD) dota aos hospitais dunha ferramenta que permite coñecer a actividade asistencial e axuda a analisar e avaliar a utilización dos recursos disponíbeis.

Un sistema de información sanitaria adecuado supón a codificación de todas as áreas asistenciais; así como a xeneralización da codificación facilita datos para outras áreas: RRHH, área tecnolóxica, área de calidade, comparación entre hospitais e servizos... Se a prioridade desta Consellaría é traballar por procesos integrais, isto non será unha realidade se os procesos están sen codificar.

Dietética e Nutrición: As listaxes definitivas de selección temporal desta categoría tamén foron publicadas o dia 15-12-08; na actualidade é case nula a contratación deste persoal, xa que na maioría dos complexos hospitalarios este servizo está externalizado (privatizado). Esiximos da Admón o seguinte:
a.- Desenvolvemento desta categoría en todos os ámbitos para os que os capacita profesionalmente a súa formación.
b.- Que, a medida que se cumpra o período de contrata da empresa privada, estas externalizacións desaparezan. Todos os servizos de hostelaría deben de estar dotados de Dietistas seleccionados mediante as listaxes de vinculacións temporais do SERGAS.

Técnicos en coidados en Farmacia: Debe ser unha prioridade a publicación do Decreto da creación desta categoría. O devandito Decreto xa recolle no seu articulado que prazas deberán ser cubertas por este colectivo; a súa incorporación ao sistema debe ser áxil e sen dificultade algunha.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2009.

Asdo: Mª Xosé Abuín Álvarez. Secretaria Nacional de CIG-SAÚDE.

Comentarios (0) - Categoría: espazo técnico - Publicado o 27-07-2009 10:51
Queres comentar ou preguntar algo?
espazo técnico
Levamos mais dun ano esperando que o SERGAS normalice e regule via DOG a situación das categorias de técnico especialista en dietética, técnicos documentalistas e técnicos de farmacia. A situación de cada un destes grupos é distinta, posto que tanto dietistas como documentalistas poden ser contratados polos centros via listas de contratación se así o solicitan as Xerencias, non pasa así cos técnicos de farmacia que ata que saia o decreto de creación de categoria non poden ser chamados.

O problema d@s dietistas e tamén pasa nalgún centro cos documentalistas, na maior parte das Xerencias é que este servizo está privatizado ( en O Barco por sorte e tamén porque se reclamou no caso da dietista estase a tirar das listas de contratación e non hai subcontrata), dende hai tempo dende CIG-Saúde nos centros onde isto ocurre, estase a comprobar cando rematan estas contratas para presionar as xerencias que tiren de listas de contratación e eliminar deste xeito a xestión privada destes servizos.

Ante esta situación de espera e a actitude de pasotismo do SERGAS decidimos abrir este espazo onde tervos informados e ver de que xeito podémonos organizar para conquerir a publicación rápida dos decretos, e así mesmo poda ser usado por este persoal co fin de autoorganizarse ou manifestar ou transmitir o que se pensa sobre este asunto. Estamos abertos a calquera idea que poda contribuir a arranxar o problema,

Nesta semana dende CIG-Saúde enviarase un escrito instando ó SERGAS a solventar de forma áxil o problema (ó parecer debe andar pola mesa dalgún asesor xurídico polo que nos din). Unha vez sexa enviado o publicaremos no blog.
Comentarios (0) - Categoría: espazo técnico - Publicado o 22-07-2009 11:40
Queres comentar ou preguntar algo?
© by Abertal


free web counter



O Tempo no Barco de Valdeorras - Predición a 7 días e condiciois actuais.


Estadisticas Gratis




Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0