CIG-Saúde O Barco








Telf: 988 339112






















Perfil de Facebook de Cig-saúde O Barco.














BLOGS E WEBS DOUTRAS COMARCAS E ÁMBITOS DE CIG-SAÚDE














OUTRAS LIGAZÓNS INTERESANTES

















cig-saude o barco
h.obarco@cig-saude.org
 DESTACADOS
 CATEGORÍAS
 FOTOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 PARA SABER MÁIS

Esta noite, a escola de gaitas da Rúa no Alalá
Este é o estracto da web da TVG na que anuncian para esta noite o Alalá sobre Abertal, a banda de gaitas da Rúa. Poderedes velo a partir das 22:55 hs na TVG.

Hoxe, xoves, día 29/04/2010 O protagonista do conto do Alalá desta noite é Manuel Durán, que naceu preto da Rúa e cando era neno encantáballe a música dos grupos de gaitas, aínda que daquela, na Rúa, a música tradicional estaba a perderse. Desde alí emigrou a Barcelona, onde escoitando a "Fuxan os Ventos" ou a "Voces Ceibes" volveuse namorar sen remedio da música galega. Cando volveu á Rúa no ano 89, ao comprobar que non quedaban gaiteiros, dirixiuse ao concello para dicir que quería facer unha escola de gaitas, un lugar onde os nenos puidesen aprender e onde se recuperase a tradición musical.

Manuel non era mestre de música, era fontaneiro, pero aínda así fixo realidade aquel soño. Desde aquela pasaron mais de 20 anos, e Manuel Durán segue a traballar con novas xeracións de rapaces da Rúa, facendo "canteira"; aquela escola que empezou con nove rapaces ten agora arredor de cen alumnos. Neste tempo, actuaron por toda Galicia, España e Europa; gravaron dous discos e convertéronse nun referente para a música tradicional, iso si, sempre sen perder de vista as raíces, facendo música galega sen adulterar. Este é o espírito desta escola, o espírito de Abertal, o que lles aprendeu Manuel Durán.
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 29-04-2010 20:40
Queres comentar ou preguntar algo?
Éxito total do 'concertazo contra o decretazo'

noticia extraida de Vieiros:

O festival organizado por Queremos Galego en Pontevedra contou coa entrega e a emoción do público na defensa da lingua.

Máis de cinco mil persoas asistiron este sábado pola noite ao festival "Música contra o decretazo", convocado pola plataforma Queremos Galego. Dende última hora da tarde, os asistentes gozaron das actuacións de Zurrumalla, Fía na Roca, Fuxan os Ventos, Espido, García MC, RuxeRuxe, Uxía, Berrogüetto, Luar na Lubre, A Quenlla, Os Carunchos, Os Tres Trebóns e Lamatumbá, entre outros.

O acto, que tivo lugar no recinto feiral de Pontevedra, foi un berro colectivo ao dereito a vivir en galego e a escoitar música na nosa lingua. Un dos momentos máis emotivos da noite foi cando Xosé Lois "O Carrabouxo" entoou dende o escenario "Mamá, eu quero galego, quero escribilo, quero falalo, na rúa e no colexio", acendendo o ánimo do público.

O concerto estivo apoiado por diferentes organizacións culturais, políticas e sindicais, o que contribuíu, ademais do atractivo cartel, a atraer o masivo público ao 'concertazo'.

Nas redes sociais xa se comeza a comentar o éxito do festival, despois da 'resaca' do domingo pola mañá. Así, xa podemos ver algunhas fotografías, como as publicadas polo fotógrafo Óscar Martínez no seu Facebook.

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 20-04-2010 11:35
Queres comentar ou preguntar algo?
só nos faltaba dicilo cantando
noticia extraida de A nosa terra:

'CONCERTAZO CONTRA O DECRETAZO'
Un 'cartel histórico' únese a prol do ensino do galego

'Música contra o Decretazo'. Este é o slogan do concerto que a plataforma Queremos Galego organiza en Pontevedra o próximo sábado 17 de abril. Uxía Senlle e Carlos Callón presentaron o evento en Santiago.

Berroguëtto, Fía na Roca, A Quenlla, Luar Na Lubre, Fuxan os Ventos, Os 3 Trebóns, Galegoz, Os Carrunchos, Zurrumalla, Espido, Lamatumbá, García MC, Asociación de Gaiteros Galegos, e Uxía Senlle sucederanse no Recinto Feiral da cidade do Lérez a partir das 19h30.

As entradas terán un prezo 10 euros en anticipada, 12 no recinto do concerto. Pódense mercar en puntos de venda publicados na web do colectivo cidadá.

Uxía Senlle fixo de voceira dos músicos colaboradores. “Vai ser un concerto histórico pola cantidade de grupos e polo carácter simbólico do acto; agardamos unha resposta masiva (...) igual que nas distintas mobilizacións a prol do uso do galego na escola”, animou a cantante.

Senlle animou a acudir a Pontevedra en defensa dunha lingua “que abre horizontes e que nos permite estar en contacto con outros países, como Brasil ou Portugal”. Como proba da vitalidade da escena do país, a cantante argumentou que “imos poder escoitar dende o rock en galego até o folk e outras moitas expresións”. A artista destacou o carácter “lúdico” do evento para que “teñamos mil primaveras máis” a prol da lingua.


'Só nos faltaba dicilo cantando', responde Callón a Anxo Lorenzo


O voceiro da Mesa pola Normalización lembroulle ao secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que a maioría do tecido social galego pronunciouse en contra do polémico “Decreto do Plurilingüismo”. “Só nos faltaba dicilo cantando”, ironizou Carlos Callón na presentación do “concertazo contra o decretazo” cun “cartel en verdade histórico”.

Callón criticou as palabras de Lorenzo, que cualificou de “político” o rexeitamento do Consello Escolar de Galicia a nova norma.

O portavoz dixo que “hai un clamor unánime na sociedade” para manter o actual texto, que fixa nun 50 por cento as aulas galegas nalgúns cursos. Así, Callón lembrou que a práctica totalidade de asociacións de pais, alumnos e profesores rexeitaron a contrareforma impulsada polo PP.

O voceiro argumenta que os conservadores insisten en derrogar o texto do bipartito “sen importarlle a opinión nin tan sequera a opinión dos votantes do PP”. Así, recordou que varios ex-altos cargos cos gobernos de Manuel Fraga, caso do ex-conselleiro de Cultura Daniel Barata, xa se pronunciaron contra o “decretazo”.
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 10-04-2010 18:29
Queres comentar ou preguntar algo?
O Consello Escolar de Galiza solicita a retirada do proxecto de Decreto de “Plurilingüismo”

noticia extraida de Avantar

O Consello Escolar de Galiza solicita a retirada do proxecto de Decreto de “Plurilingüismo”

Unha mostra máis de que o PP, a Xunta e a Consellaría continúan sós na súa cruzada contra o galego

O pleno do Consello Escolar de Galiza, máximo órgano de participación da comunidade escolar, rexeitou o decreto contra o galego que se someteu onte a ditame e acordou pedir a súa retirada e, polo tanto, devolvelo á consellaría. O Proxecto de Decreto para o Plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza recibiu 24 votos en contra e só 16 a favor de mantelo. Cómpre salientar que deste 16, 6 eran de representantes da propia consellaría, 2 eran alcaldes do PP, 2 da Confederación de Empresarios, 2 titulares de centros privados e concertados, 2 de representantes de recoñecido prestixio nomeados directamente pola consellaría e 2 da CONGAPA (Pais e Nais de Ensino Privado e Concertado).
Para a CIG-Ensino é especialmente “lamentábel” a actitude “despreciativa e autoritaria” amosada polo Secretario Xeral de Política Lingüística quen, na súa última intervención e unha vez perdida a votación constatou, segundo explicou Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino “o seu absoluto desprezo cara este órgano ao afirmar que non estaba disposto a asumir o acordo recén aprobado”.

Diante desta actitude, Louzao afirmou que “ou ben fai caso deste órgano ou ao conselleiro non lle queda máis remedio que dimitir ao igual que ao director xeral de política lingüística, dado o desprezo que amosou cara a lingua galega”.

No Consello Escolar presentáronse 7 emendas á totalidade do Proxecto de Decreto, entre as que estaba a da CIG, que finalmente confluíron nunha única. Na súa intervención, o secretario nacional de CIG-Ensino explicou que esta proposta de decreto supón un retroceso e un ataque en toda regra ao noso idioma. Ademais afirmou que está baseado na mentira e na ausencia dun mínimo consenso, coa única pretensión de “exterminar o galego do uso social”.

Louzao sinalou ademais que se trata dun decreto contra a normalización que bota abaixo todo o conquistado e propón falsos equilibrios “imposíbeis nunha sociedade diglósica como a nosa”.

Para o secretario nacional de CIG-Ensino un dos aspectos máis graves que contén este decreto, tal e como dixo na súa intervención no Consello, é que o alumnado poderá usar nas aulas a súa lingua de preferencia, aínda que a materia se imparta en galego; que se fixan por vez primeira materias a impartir en español, precisamente as científico-técnicas e que os alumnos de Educación infantil poderán saír sen ter contacto co galego ate os 6 anos o que supón unha absoluta marxinación para os galego-falantes.

Louzao manifestou ademais que é un disparate que as familias fixen a lingua do ensino e que desapareza a denominación dos equipos de “normalización” e concluíu asegurando que o proxecto supón unha total desconsideración co profesorado e, sobre todo, unha mostra do desprezo do PP cara a normativa vixente, porque incumpre o Estatuto, a Lei de Normalización e a Carta Europea das Linguas Minoritarias.

Concentración de Queremos Galego

Coincidindo coa celebración da xuntanza do Consello Escolar de Galiza a plataforma cidadá Queremos Galego convocou unha concentración simbólica de urxencia ás portas da sede do organismo. Numerosas persoas de diferentes colectivos, entre eles a CIG, permaneceron na entrada do edifico á espera de coñecer o resultado da votación.

A emoción entre os presentes era evidente cando se fixo público o maioritario rexeitamento dos membros do Consello Escolar e á saída, os representantes dos colectivos que apoiaron a solicitude de retirada deste proxecto contra o galego foron recibidos con aplausos. Non así Anxo Lorenzo, que tivo que escoitar os apupos e as demandas de dimisión que coreaban as/os concentradas/os.

Ao remate da concentración fíxose un chamamento a participar na manifestación do 17 de maio, Día das Letras Galegas, a participar na recollida de sinaturas para a frustrada ILP e a sumarse aos actos que a plataforma cidadá vaia convocando para manifestar por toda Galiza o masivo rexeitamento que produce este ataque sen precedentes ao noso sinal de identidade máis preciado: a nosa lingua.

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 08-04-2010 12:35
Queres comentar ou preguntar algo?
remata o prazo do Cantalingua, inda estades a tempo!
O vindeiro día 10 remata o prazo de presentación de cancións ao certame Cantalingua2010. Estades a tempo de presentar a vosa ao concurso. Velaqui tendes as bases:

Bases e info.

¿Qué é o Cantalingua?

O Cantalingua é un concurso musical ideado polas entidades organizadoras do Correlingua: a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Confederación Intersindical Galega-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e os concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo, en colaboración co portal de música en galego Komunikando.net.

¿Quen se pode presentar?

Pois todos os grupos ou solistas de calquer estilo musical que manden unha canción en galego.

¿Que hai que facer?


Moi sinxelo, só tedes que enviarnos unha canción en formato MP3 [obviamente en galego] baixo licencia Creative Commons e un correo electrónico ou teléfono de contacto a correlingua@correlingua.org Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo . As cancións serán colgadas nas páxinas Correlingua.org e Komunikando.net para que poidan ser desfrutadas por todo o mundo.

Ademais do tema en formato mp3, mándanos a foto da banda e un breve texto de presentación.

Os temas deberán ser orixinais, quedando excluídas as versións. A temática das letras será completamente libre, pero ollo! non poderán ter contidos obscenos nin discriminatorios. Recordade que o Correlingua está dirixido a rapazas e rapaces menores de idade. Un pouco de sentidiño… ;)
Importante: o prazo para enviar os temas remata o 10 de abril de 2010.

Os gañadores

Os grupos ou solistas gañadores serán elexidos baixo un sistema mixto de votación popular vía Internet, mais un xurado integrado por persoas vinculadas dunha ou outra maneira ao difícil mundo da música. Os nomes dos gañadores serán coñecidos ao redor do día 15 de abril.

Pero… ¿hai premio ou non hai premio?

Por suposto que o hai! Como sabemos o difícil que é para os grupos galegos facer concertos, ese será o noso premio: 11 concertos para o Correlingua 2010, que se repartirán os tres primeiros grupos ou solistas clasificados no concurso.
Ditas actuacións terán lugar entre os días 3 e 14 de maio de 2010, e contarán cunha remuneración económica de 700 euros por actuación.

* O primeiro clasificado tocará 5 concertos
* O segundo clasificado tocará 3 concertos
* E o terceiro clasificado tocará 2 concertos

Todos os concertos serán pola mañá e terán unha duración aproximada de media hora e deberán ser integramente en galego. No caso de que algún dos gañadores non puidese participar nalgún dos concertos, a lista iría correndo ata completar todas as datas cos grupos que queden entre os 10 primeiros.
E lembrade…

Aínda que soe a tópico… no Cantalingua o importante é participar. O obxectivo non é acadar un premio, senón espallar a música das bandas galegas -a vosa música- entre o maior público posible. Por iso vos pedimos a todos os grupos amateurs e profesionáis, aos rapaces e rapazas, profesorado... ¡PARTICIPADE! Axudádenos a dar a coñecer a música en galego entre os máis novos. Todos sairemos gañando.


Podedes escoitar as cancións presentadas ata o de agora, premendo aqui.
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 05-04-2010 14:52
Queres comentar ou preguntar algo?
As cifras máxicas da lingua
Artigo traducido de el pais

FERMÍN BOUZA
As cifras máxicas da lingua


O peor que puido ocorrerlle á lingua galega é que lle tocase o seu maior castigo lexislativo en plena crise económica, que non é o mellor contexto para valorar a gravidade do que está ocorrendo. As diversas e numerosas manifestacións ocorridas desde as eleccións autonómicas tiveron unha importante función catártica, que serviu para que as diversas organizacións prolingua, e ata os partidos políticos do anterior bipartito, agora na oposición, tivesen unha inxección popular de fe e forza no seu peor momento psicopolítico. Misión cumprida no ámbito dos impulsos morais, esa clase de impulsos nos que parece que era especialista o famoso C.D. Alcoyano (Tens mes moral que l'Alcoyano), pero o problema non só segue: aumenta. O punto máis débil do novo proxecto é aquel no que se suprime calquera defensa regular ou normativizada do galego no ensino infantil (0-3-6 anos). Isto quere dicir que unha altísima porcentaxe de nenos galegos, unha absoluta maioría, seguindo a senda dos elefantes lingüísticos, aprenderá español e non galego nas idades crave para que o galego sexa idioma asumido como propio. Despois virán as obrigacións de aprendelo, pero xa fora do marco cognitivo normal e como unha imposición do sistema, imposición que non lle favorecerá ante os mozos, que volverán á senda dos elefantes a toda velocidade. Hai que dicir algo moi duro: se en Euskadi ou en Cataluña existe unha viva esperanza de resituar ás súas linguas nun lugar preferente como linguas propias, esa esperanza non se dá en Galicia. Por razóns complexas, a favorable actitude da xente ante o galego nas mellores enquisas non acaba de traducirse nunha actividade máis forte encamiñada a unha ampliación dos seus falantes nas cidades medias e grandes de Galicia. Só gobernos de progreso, seguindo as indicacións desas enquisas, poderían impulsar a rexeneración do galego e a súa devolución ao seu exacto lugar como lingua propia de Galicia.

Todo iso ocorre mentres se difunden unha serie de inexactitudes sobre esta lingua que tratamos de defender como podemos no medio deste acoso legal, e entre tales cousas non faltan as alusións a unha "maioría" contraria á política lingüística do bipartito (que foi moi contida, nada agresiva, excesivamente pacata, no meu criterio, e afastada dunha política científica máis recuperacionista): non hai tal maioría, apenas un 22,6% dos galegos maiores de idade consideran que o PP o faría mellor que o ex bipartito en políticas lingüísticas, unha porcentaxe moi por baixo do voto que o mesmo PP ten nas eleccións autonómicas (aproximadamente, uns 12 puntos menos, homologando o tipo de porcentaxes comparadas). É dicir: nin sequera o PP ofrece unha fronte unitaria nesa política regresiva cara á lingua.

Se só unha porcentaxe tan baixa, que non chega a unha cuarta parte dos maiores de idade, pode considerarse que ten unha perspectiva hostil contra as políticas recuperacionistas (que son as que impulsa a lexislación internacional sobre linguas minoritarias a través da recoñecida Carta Europea de devanditas linguas, que o Reino de España incumpre sistematicamente a pesar de telas asinado no seu momento) non debe haber inconveniente ningún en deseñar políticas de futuro para recuperar o galego a través do ensino, a Administración e a vida cotiá, como en Cataluña ou o País Vasco, e facelo apoiándose nunha maioría social que, segundo as enquisas, estaría capitaneada polas clases altas e medias-altas, nas que a cifra do 22,6% descende ao 20,5%, a máis baixa da fronte hostil se o miramos desde as clases sociais.

Podíanse pór outras cifras e acumular decenas de evidencias para pór patas para arriba o modelo nefasto que os máis hostís fronte á lingua propia difundiron e seguen difundindo. Dixéronse e dinse cousas por parte de xentes con responsabilidade nisto da lingua que dan vergoña allea a calquera académico que coñeza algo do tema central ou dos temas confluintes no tema central da lingua. Quizais a última mentira circulante é que o preproxecto en curso é paritario, equilibrado ou perfectamente bilingüe. Non hai nada disto, ao contrario: crébase calquera esperanza de recuperar a lingua galega no nivel fundamental para convertela en algo natural e naturalmente aprendido - o nivel infantil citado- o que fose a esperanza máis sólida para encarar o futuro con algún optimismo. Pero iso non é posible, e estamos condeados a seguir afirmando as evidencias estatísticas, a combater as mentiras que se botan a rodar en medios cada vez máis uniformes, e a saír á rúa de cando en vez para dicir que existimos e que estamos en condicións de facelo moito mellor nese territorio da lingua propia. E noutros moitos, por suposto.
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 03-04-2010 14:41
Queres comentar ou preguntar algo?
concerto queremos galego en Pontevedra
O próximo sábado día 17 de abril terá lugar no recinto feiral de Pontevedra un Festival en defensa da nosa lingua, que contará coa colaboración desinteresada dalgúns dos máis importantes grupos do panorama musical galego actual, mostrando o seu compromiso coa nosa lingua e a nosa cultura:

FUXAN OS VENTOS, LUAR NA LUBRE, MILLADOIRO, A QUENLLA, ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS, BERROGÜETTO, ESPIDO, FIA NA ROCA, GALEGOZ, GARCIA MC, LAMATUMBÁ, OS CARUNCHOS, OS TRES TREBÓNS, RUXE RUXE, TINO BAZ, ROI CASAL e ZURRUMALLA.

Este festival terá un importante contido lúdico e cultural mais especialmente mobilizador e reivindicativo, nun momento no que se está a intensificar o desmantelamento da oficialidade da nosa lingua, como se evidenciou coa non admisión a trámite da ILP de Queremos Galego, polo que é importantísimo a participación activa de todas cantas persoas amamos a nosa lingua e queremos para ela un futuro máis claro que o que agora se lle agoira.

A hora de inicio do Festival está fixada para as 19.30. No interior haberá diferentes barras con comida e bebida.
O prezo de venda anticipada será de 10€ e o propia día de 12€. Comentarvos que o aforo é limitado, polo que é interesante que, se tedes interese por acudir, merquedes canto antes as vosas entradas.

En Valdeorras, podedes adquirir as entradas de xeito anticipado ao prezo de 10 euros no local de CIG-Saúde situado no Hospital Comarcal Valdeorras.

Ademais, como seguramente xa saberedes, a ILP promovida pola Plataforma non foi admitida a trámite no Parlamento de Galiza. Queremos Galego vai impulsar unha recollida de sinaturas en todo o país cumprindo co procedemento estabelecido legalmente para unha Iniciativa Lexislativa Popular.

Non quededes sen asinar! Non deixedes que o PP saia coa súa!
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 30-03-2010 14:00
Queres comentar ou preguntar algo?
sinaturas a prol da lingua
noticia extraida de vieiros

Queremos Galego recollerá sinaturas a prol da lingua malia o freo do Parlamento á ILP

Para a plataforma, o bloqueo á Iniciativa Lexislativa Popular é "unha mostra máis do medio que o PP ten a que a sociedade exprese o seu apoio á lingua".

Plataforma Queremos Galego seguirá adiante co seu propósito de recoller sinaturas a prol da lingua galega entre a cidadanía, e farao logo de que a Mesa do Parlamento frease a iniciativa desta rede que agrupa a perto de 700 entidades sociais de todo o país. A Plataforma criticou este martes que a Cámara rexeitase a admisión a trámite da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) impulsada nos últimos meses, un texto co que se chamaba a garantir plenamente a posibilidade do uso do galego por parte dos cidadáns diante da administración, desenvolvendo o estabelecido na lei de normalización.

Desde Queremos Galego consideran que este freo á ILP é unha mostra máis "do medo que o Partido Popular ten a que a sociedade exprese de calquera maneira o seu apoio ao uso da lingua propia e oficial do noso país, mesmo utilizando e manipulando de xeito partidario institucións públicas como a Mesa do Parlamento e lexislación como a da Iniciativa lexislativa Popular para os seus fins". Recordan desde a plataforma que iniciativas anteriores foron tramitadas "sen lles seren aplicadas visións restritivas, con toda naturalidade, independentemente da súa aprobación final ou non".

Por este motivo, os colectivos integrantes da plataforma seguirán coas súas accións en defensa da lingua e entre elas incluirán a recollida de sinaturas "exactamente baixo as mesmas condicións que se faría coa ILP", e achegaranllas a todos os grupos parlamentarios ao final do proceso. Ademais, para asegurar as garantías xurídicas e velar polo cumprimento da legalidade, constituirase unha comisión xurídica formada por profesionais de diversos ámbitos do Dereito e a Xustiza. En nome da plataforma, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, chamou a cidadanía a mobilizarse "e non deixar pisar os seus dereitos lingüísticos e políticos", que dixo estaren "duplamente vulnerados ao negárselle admisión a trámite parlamentar á iniciativa".


Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 10-03-2010 12:42
Queres comentar ou preguntar algo?
Vilariño de Conso, NON ó decreto por unanimidade
Vilariño de Conso é parte da área sanitaria de O Barco, é moi famoso este pobo polo seu entroido, ».Os boteiros percorren o domingo de entroido as ruas acompañaos de ducias de bombos, nos que vemos dende o home mais vello do lugar ata cativos que apenas andan. Ese mesmo domingo despois do folión, ten lugar a festa do cabrito.

Podedes ver saber mais sobre o entroido deste concello, clicando aquí.

Pois ben, non sabemos se hai outros concellos no resto de Galiza que rexeitan o decreto do galego por unanimidade, pero polo menos o é na nosa área, esta é a noticia extraida de "la voz de Galicia"

DECRETO DO PLURILINGÜISMO

Vilariño de Conso, con alcalde do PP, vota en contra do decreto do galego

O concello ourensán aprobou hoxe por unanimidade unha moción presentada polo BNG e apoiada por PP e PSOE.

Vilariño de Conso situouse hoxe en contra do decreto do plurilingüismo. Este concello ourensán, con alcalde do PP, aprobou por unanimidade unha moción impulsada polo BNG na que se demanda a retirada do decreto, ínstase á Xunta a que cumpra as súas obrigacións estatutarias en normalización da lingua propia de Galicia e pídese ao Goberno galego que retome o consenso político e social que quedou consagrado coa Lei de Normalización Lingüística.
A moción do BNG foi apoiada polos votos do PP e do PSOE.
Esta iniciativa vaise a debater no conxunto dos concellos galegos e nela afírmase que «é unha agresión á dignidade dá nosa cultura que haxa un goberno dá Xunta de Galiza que maltrate e desprece a lingua propia do noso País
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 01-02-2010 14:41
Queres comentar ou preguntar algo?
velaqui eses "catro extremistas"...
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 29-01-2010 21:53
Queres comentar ou preguntar algo?
manipulación na telegaita
artigo extraido de avantar

A CIG-Ensino denuncia o uso partidista e manipulador da TVG por parte do PP no tratamento da folga do 21 de xaneiro

No CPI Tomás de Lemos de Ribadavia, centro do que destacaron a “absoluta normalidade” da xornada, o 53% do profesorado foi á folga
A CIG-Ensino denunciou publicamente o uso partidista e manipulador que o PP fixo dos informativos da TVG, un medio público de todas e todos os galegos. A TVG, ante a imposibilidade de agochar os milleiros de galegos e galegas que participaron na masiva manifestación do 21, non lle quedou outra que darlle cobertura. Porén, para minimizar o impacto da folga no ensino e contrarrestar o seguimento que tivo entre a comunidade educativa, centraron a súa información nas declaracións de mestres, pais e nais que non secundaban a folga ou que manifestaban o seu acordo coas bases do decreto do ‘plurilingüismo’, ocultando, a mantenta, a unha ampla maioría do profesorado e alumnado que si decidiu secundala.
É máis, no telexornal desa noite e do día seguinte saíron imaxes do CPI Tomás de Lemos de Ribadavia e declaracións do seu director nas que falaba da normalidade coa que se viviu a xornada de folga no seu centro.

Pois, cómpre saber que a realidade desa “normalidade absoluta” é que secundaran a folga un 53% do profesorado (34 dun claustro 64 persoas), ademais dun amplo número de alumnado que tampouco acudiu ese día ao centro. Pódese contrastar esta información co escrito asinado por docentes do CPI no que poñen de manifesto esta falacia (en pdf).

O goberno galego fixo unha manipulación vulgar e descarada dos medios de comunicación públicos, procurando un tratamento das noticias claramente partidista e non obxectivo, tentando así enviar unha mensaxe totalmente distorsionada da incidencia da folga.

A CIG-Ensino reafírmase na súa posición de esixir a retirada das Bases e recuperar o consenso do Plano Xeral de Normalización da Lingua galega de 2004 e do vixente Decreto 124/2007. Así mesmo, reiteramos o noso apoio ao profesorado para que siga impartindo as súas materias na nosa lingua.
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 29-01-2010 14:46
Queres comentar ou preguntar algo?
eufalo.tv
Acaba de nacer eufalo.tv, unha canle temática online. Eufalo.TV é un proxecto de documental colaborativo. É unha historia colectiva sobre a lingua, dende o punto de vista dos seus falantes. É, por tanto, unha historia feita a partir de pequenas historias, un discurso feito con moitos discursos diferentes e variados. Que cada quen tire as súas propias conclusións.

Deixámosvos unha mostra do traballo de eufalo.tv, un vídeo onde unha enfermeira asturiana explica nun perfecto galego porqué aprendeu a falalo.

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 27-01-2010 20:12
Queres comentar ou preguntar algo?
a praza do obradoiro quedouse pequena para o berro QUEREMOS GALEGO
Como podedes ver no vídeo de abaixo, a praza do obradoiro queuse pequena, ante a marea de xente que acudimos a defender a nosa lingua atendendo á convocatoria da plataforma queremos galego.

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 22-01-2010 18:03
Queres comentar ou preguntar algo?
ás 11,30 temos unha cita na alameda de santiago
Durme meu neno, durme,
sen máis pranto,
que o tempo de chorare,
vai pasando
Que a terra na que vives,
no quere ter bágoas,
precisa homes inteiros,
pra liberala.
Durme meu neno, durme,
colle forzas,
que a vida que che agarda,
pide loita.
Recollera-lo froito
sementado,
no inverno escuro e frio,
no que estamos.

Semente feita en sangue por un pobo
que xurde dende a hestoria, dende o sono,
un sono cheo de aldraxe e miserento,
un sono de inxusticias e silencio.
Mira a língoa que falo, despreciada,
por ser língoa de probes, língoa escrava,
son o orgullo que temos, língoa de probes.
Só neles hai verdade e máis honores.
Durme meu neno, durme, niste colo,
que esta terrra de escravos non tén odio.
Tén séculos de espranza, agardada,
que pón hoxe nos fillos que amamanta.


Hai mais de 30 anos que fuxan os ventos fixo soar a letra e música desta canción e hoxe aínda recobra mais senso ante estes heredeiros franquistas que nos gobernan.

Podedes escoitala neste enlace de abaixo:



Este decretazo ímolo tombar!!!
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 20-01-2010 23:23
Queres comentar ou preguntar algo?
Autobús Queremos Galego
Podedes anotarvos para ir o xoves á manifestación de Santiago no autobús de Valdeorras chamando ao 690 76 82 95.

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 19-01-2010 14:35
Queres comentar ou preguntar algo?
A RAG péchalle a porta ao 'decretazo'
artigo extraido de vieiros

POSICIONAMENTO HISTÓRICO


A RAG péchalle a porta ao 'decretazo'

A Academia advirte que a proposta é lesiva para a lingua e que pode infrinxir a legalidade. Pide a súa retirada e que se abra un diálogo para chegar a un verdadeiro consenso.

A proposta de decreto lingüístico para o ensino non universitario é, simplemente, inaceptábel. A emenda a totalidade non vén dende unha organización política ou social, quen así se expresa é a máxima autoridade lingüística: a Real Academia Galega. O posicionamento claro desta institución deixa o Goberno na máis absoluta soidade.

O documento de 13 páxinas, aprobado por todos os académicos, é contundente dende o primeiro punto: “As Bases que se analizan poderían producir un retroceso no proceso de normalización, que infrinxe a lexislación vixente e maila xurisprudencia emitida polos altos Tribunais e que tampouco se sustenta na mellor organización do proceso pedagóxico senón, unicamente, en promesas electorais que son de dubidosa legalidade e que, por esa razón, non parecen validables polas urnas”.

O texto, no que hai abundantes referencias á lexislación vixente, insiste en que as bases do Goberno son incoherentes con Plan Xeral de Normalización e que poden vulnerar o Estatuto de Autonomía e incluso a Constitución española. Fronte á proposta da Consellaría de Educación, a RAG recomenda abrir “un diálogo franco con vontade de concordia definitiva, porque a sociedade está cansa da duración das discordias lingüísticas e de que toda a melloría do enfermo pareza peligrosa. Todas as forzas políticas deberían facer un esforzo de pacificación e construír un diálogo sobre bases que garantan a plena normalización do galego e a plena competencia oral e escrita ao final de cada ciclo nas dúas (ou tres) linguas”.

A RAG lembra que o galego é a lingua propia do país e que os cidadáns “esperan que o seu Goberno sexa o primeiro e inequívoco defensor. Por iso se asombran e mobilizan cando perciben xestos que, polo menos, parecen ir en dirección contraria”. A máxima institución académica fai fincapé na necesidade dunha discriminación positiva “mentres a lingua galega non sexa o centro de gravidade do modelo bilingüe e estea asegurado o respecto e fomento do uso da lingua propia e cooficial desta Comunidade Autónoma para corrixir positivamente unha situación histórica de desigualdade co castelán”.

Informe completo da RAG (.PDF)

A noticia en "la voz de galicia"
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 18-01-2010 16:37
Queres comentar ou preguntar algo?
Un erro
arigo extraido de vieiros

Decreto sobre as linguas no ensino
Un erro "ético" que "prexudicará" o idioma do país, avalía a Asociación Internacional de Estudos Galegos

O presidente do Consello da Cultura reitera que "en próximas semanas" o plenario emitirá unha opinión oficial sobre a norma.

O presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos, Craig Patterson, considerou un "erro ético" e "prexudicial para o idioma nativo en Galiza" a proposta de decreto sobre o uso do idioma nas aulas elaborado pola Xunta, na que se formula impartir un terzo das materias en galego; outro terzo en castelán; e outro en inglés.

En conferencia de prensa tras asinar un convenio de colaboración co Consello da Cultura Galega (CCG), Patterson referiuse á norma proposta polo Goberno para destacar que inclúe "un problema metodolóxico" na súa forma. Deste modo, dixo que é "un erro ético e filosófico que un Goberno se expoña a facer este tipo de consulta minúscula --en referencia á enquisa aos pais-- sobre unha cuestión tan importante".

"Non o pensaron ben"
Así mesmo, sobre a representación das linguas, afirmou descoñecer "outros países do mundo en que isto ten lugar", xa que a distribución do peso de cada unha resultará "prexudicial" para a lingua nativa, é dicir, o galego. En terceiro lugar, advertiu de que a aplicación das devanditas formulacións suporá "grandes problemas loxísticos en termos de equipo de cada colexio", en alusión á introdución do inglés, e lamentou que se trata dun "asunto que a Xunta non pensou de todo ben".

Nesta liña, outro dos membros da directiva presentes no acto, Gonzalo Vázquez Pozo, referiuse á Asociación Internacional de Estudos Galegos como "a maior expresión de como son compatibles linguas distintas". "Unha global á que os nosos dirixentes aspiran, aínda que non sexan capaces de falala, como é o inglés; co coñecemento do galego e do uso do galego", explicou. Finalmente, referiuse ao galego como "unha lingua universal" que se empraza "máis alá das circunstancias políticas especificas dun Goberno", polo que "ten que vivir en pé de igualdade cos demais idiomas".

"Non comments"
Ao ser preguntado sobre o borrador do decreto proposto pola Xunta, o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, recordou que o CCG é "unha institución á que se demanda opinión oficial" e que "no seu día" expresará esa opinión formalmente, polo que evitou pronunciarse "por coherencia institucional".
"O plenario tomará unha determinación", asegurou para despois puntualizar que "en próximas semanas" o Consello da Cultura Galega emitirá unha opinión sobre o decreto. Finalmente, sobre a informe crítico co decreto que está a elaborar da Real Academia Galega e que se coñecerá durante esta semana, Villares evitou realizar valoracións. "Non comments", ironizou.

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 13-01-2010 18:10
Queres comentar ou preguntar algo?
Paremos o decretazo!
Artigo extraido da web de Queremos Galego!

PAREMOS O DECRETAZO CONTRA O GALEGO!


Folga xeral no ensino. 21 de xaneiro.


A plataforma Queremos Galego convocou as comunidades educativas para un paro xeral no ensino o 21 de xaneiro, como contestación ao decretazo. A agresión é histórica, sen dúbidas a máis forte contra o idioma propio en toda a etapa democrática. Por iso é tan importante que nos impliquemos todas as persoas con sensibilidade pola nosa cultura, independentemente da lingua que falemos no día a día, para facermos do 21 de xaneiro unha data tamén histórica na resposta social.

Alberto Núñez Feijóo sabe que este decretazo non conta co respaldo nin das familias nin do profesorado nin do estudantado. Por iso o presentou no medio das vacacións, na véspera de fin de ano, á última hora do serán e mudando in extremis tamén o lugar de reunión do Consello da Xunta, por vez primeira na lexislatura. Só lle faltou facelo de noite e no medio dunha fraga perdida.

Co seu característico discurso cínico, Alberto Núñez Feijóo bautizou o disparate como “decreto do plurilingüismo”, cando a realidade é que con esta proposta non se poden mellorar as competencias comunicativas de ningún dos tres idiomas indicados.

A propaganda sobre a aprendizaxe do inglés é unha burla tremenda, porque se vende un suposto “trilingüismo” que, á marxe doutras consideracións, é imposíbel de aplicar en case toda Galiza. Así o recoñece a disposición transitoria primeira deste decreto, que sinala que mentres non haxa profesorado capacitado para dar aulas nesta lingua foránea, iso non se fará. Esa disposición adicional acaba anulando todo o dito no resto do articulado. Coas falacias sobre o inglés o que tentan é confundir á opinión pública e camuflar esta navallada contra o idioma de Galiza.

No caso do castelán e do galego, é obriga do Goberno garantir que os estudantes finalicen cada etapa educativa con competencias nas dúas linguas oficiais. No entanto, iso non se está a conseguir para o idioma propio, tal e como o corroboran estudos e informes realizados polo Consello Escolar de Galiza, o Instituto Nacional de Estatística, o Consello da Cultura Galega ou a Real Academia Galega.

O último censo de poboación e vivendas sinalaba que un 20% dos rapaces e rapazas entre 14 e 19 anos son analfabetos funcionais en galego. A Xunta, en lugar de axudar a resolver este gravísimo problema, profúndao e crea outros novos. Como se pode entender que, ante esta situación, o que se propoña sexa xusto reducir a presenza da lingua propia no horario escolar?

O outro eixo da propaganda deste decreto é que disque ofrece a “liberdade” dos pais para escolleren que materias se impartirán en que linguas a través de consultas. Así, a Xunta fai deixadez das súas funcións, trasladando as súas responsabilidades ás comunidades educativas, abrindo unha fonte de enormes conflitos mesmo entre familias.

Mais se non nos guiamos pola cínica grandilocuencia da Xunta e imos ao texto do decreto veremos en que consiste iso en realidade. En educación infantil, disque a maioría decidirá a lingua vehicular e non se sabe que é o que pasará coas familias que saian perdedoras desa votación. Ademais, as consultas ás nais, aos pais ou aos titores serán cada catro anos, de forma que un opina sobre a educación dos fillos dos demais e viceversa. Un auténtico disparate.

Fronte á imposición unilateral de Núñez Feijóo, as comunidades educativas reclamamos que se escoite a nosa voz. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a federación de ANPAs públicas, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica. O seu decreto contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento. Se non o lembra, lembrarémosllo o 21 de xaneiro.

O 21 de xaneiro, FOLGA no ensino e
Manifestación Nacional (11:30 hs, Alameda de Santiago de Compostela)

Este decretazo ímolo tombar!
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 09-01-2010 21:02
Queres comentar ou preguntar algo?
Castelao, seis décadas de ausencia
artigo extraido de vieiros

No 60º cabodano da súa morte, a súa figura é reivindicada como referente do nacionalismo no difícil momento que atravesa a lingua e a identidade galegas.

Velahí por qué eu, no día de hoxe, denuncio como traidores a cantos sementan a discordia na nosa coleitividade, inxuriando e calumniando ao galeguismo, co único obxeto de servir aos nemigos da República democrática e liberal".

Así falaba Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no seu derradeiro discurso, escrito en 1949, no ano que sería o da súa morte. Unhas palabras que cobran especial actualidade 60 anos despois, inmersos como estamos nun continuo debate político sobre a identidade, o galeguismo e, aínda máis, sobre a cuestión lingüística.

Un cancro de pulmón levaríao á morte tal día coma hoxe no actualmente polémico Hospital Galego de Arxentina, de onde foi trasladado ao cemiterio da Charcita de Bos Aires, no medio de grandes mostras de solidariedade e admiración por parte dos bonaerenses e dos exiliados galegos. Foi a mesmo respecto e cariño que lle amosaron 35 anos despois os galegos, no seu traslado a Galiza (ver vídeo).

Máis alá da utilización duns e doutros da súa figura, a obra de Castelao ofrécenos hoxe un amplo abano de manifestacións artísticas, a xeito de novela, debuxos, caricaturas, pinturas ou ensaios. Teórico da arte e político, atopamos no seu facer un indiscutíbel compromiso co galeguismo e coa solidariedade que cómpre revisar.

Este xoves, Rianxo acollerá precisamente un acto público en recoñecemento do traballo do comprometido intelectual. Á lectura de loas e discursos por parte dos responsábeis do Bloque Nacionalista Galego (BNG) sumarase a tradicional ofrenda floral no busto de Castelao, no paseo da Ribeira da vila rianxeira.

Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 07-01-2010 14:18
Queres comentar ou preguntar algo?
O fondo e a forma, artigo de Carlos Callón
Reproducimos polo seu interese un artigo de Carlos Callón en Galicia Hoxe:

O fondo e a forma
Sobre o debate normativo do galego


"É que o galego sempre está a cambiar". Esa idea pódese escoitar ben de veces como xustificación que dan moitas persoas para non o utilizaren como instrumento normal de comunicación, ou para explicaren por que está ausente de moitos ámbitos. Como todo prexuízo, ten unha certa base real da que parte para resultar verosímil e estenderse, mais calquera reflexión pola súa volta esnaquizaríao.

Como é sabido, o galego tivo un proceso de fixación normativa moi recente, dificultada pola súa proscrición durante séculos de calquera ámbito de poder e transmisión culta, así como pola incomunicación de Galiza cos outros territorios do seu sistema lingüístico, nomeadamente Portugal. Así, é un idioma ferido na súa estrutura polo castelán, o cal conleva un letal proceso de hibridación. Isto só pode evitarse logrando situar ben as balizas entre un idioma e outro, así como desnaturalizando todos os españolismos que, a forza de se repetiren, nos poderían parecer "de toda a vida", cando na realidade son síntomas derivados dunha historia de sufocante imposición.

O proceso de restauración pode levar a ter unha sensación de estrañamento, mesmo de certo rexeitamento, por algunhas formas escollidas á hora de estandarizar a lingua galega. Mais a verdade é que esta situación non é unha causa, senón unha consecuencia da discriminatoria desigualdade que padece o noso idioma. Ou é que alguén pensa que se puidésemos ver e ouvir estas formas con normalidade non nos resultarían habituais sen ningún tipo de problema?

No entanto, tanta suposta mudanza non se corresponde coa realidade. A última modificación normativa foi en 2003, froito dun amplo consenso propiciado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, no cal participaron a Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega e os departamentos de galego das nosas tres universidades. Hai, pois, seis anos xa dese cambio, que lamentabelmente non tivo unha explicación nin divulgación necesaria por parte dos poderes públicos, ficando reducida ás deformacións caricaturescas pola corrección da forma "grazas".

A nosa precariedade faise máis evidente cando comparamos o desdén sobre o asunto por parte da Xunta coa inmensa campaña levada a cabo pola Generalitat de Catalunya a comezos dos 80 para divulgar o seu estándar baixo o nome "Soc la Norma". A través desa acción, trasladaban non só as regras do catalán, senón sobre todo a idea de por que era necesario aprendelas, a pesar do esforzo que, en maior ou menor grao, supón todo cambio ou calquera novo coñecemento.

Que haxa mudanzas, ademais, é o agardábel en calquera lingua viva, aínda que en ningún caso se chega á deformación utilizada nalgúns grupos galegófobos, que aseguran que o estándar do noso idioma resulta "incomprensíbel" para moitos "falantes de toda a vida", que por exemplo disque non entenden a RTVG. É unha desas lendas negras creadas sobre todo para consumo externo e para presentar a nosa lingua como un invento, algo artificial creado por maquiavélicos nacionalistas para perturbar o natural, inmutábel e eterno castelán.

É importante que non haxa loitas cainitas entre persoas e grupos partidarios da defensa do galego, con independencia dos lexítimos postulados de cada quen. Se algo nos demostra a historia é que con enfrontamentos dese tipo só gañan os inimigos da nosa cultura.

Iso non quita que o debate intelectual sobre a estandarización deba permanecer aberto. Así mesmo o recoñece a disposición adicional da Lei de normalización lingüística, aprobada en unanimidade en 1983, que sinala que a normativa "será revisada en función do proceso de normalización do uso do galego". Neste proceso, tales revisións futuras, tamén necesarias, sería bo que se realizasen no camiño de ir aproximándonos máis ás outras variantes do sistema lingüístico galego-portugués, algo especialmente importante nun mundo cada vez máis intercomunicado.

Ademais, como ten dito Xosé Ramón Freixeiro Mato, pódese ser reintegracionista na normativa oficial. Trátase de escollermos, entre aquelas formas que admiten duplicidade de solucións, aquelas que máis nos acheguen ao conxunto do sistema lingüístico galego-portugués, utilizarmos correctamente o futuro de subxuntivo ou o infinitivo persoal, aínda tan presente en moitos falantes espontáneos, porén difícil de achar en moitos textos, orais ou escritos, en galego estándar.

Nos anos máis crus do debate normativo foise asentando o principio apaciguador de "primeiro normalizar, logo normativizar". Isto, que foi útil para evitar crispacións, non deixa de ser unha verdade a medias. Non é que o conflito normativo vaia parello ao conflito lingüístico entre galego e castelán: o conflito normativo depende deste último e del fai parte.

Tamén é normalizar escribir un galego máis libre das ataduras do español, un galego máis xenuíno e menos deturpado. Outra cousa é que o proceso de normativización, o proceso de normalización en definitiva, pode ir máis ou menos pausado, mais vainos o futuro en que sexa nunha dirección clara: a de non sermos satélites culturais, senón parte de pleno dereito no intersistema lingüístico e cultural galego-luso-afro-brasileiro.

Que ninguén agarde diso, no entanto, ningunha solución máxica aos nosos problemas. Ninguén dubida de que o español de Puerto Rico é español e non por iso padece menos exclusións nin unha deturpación menor por parte do inglés. O problema cultural de Galiza ten raíces políticas e económicas na falta de soberanía do país e é aí onde pode ter a súa verdadeira solución.
Comentarios (0) - Categoría: lingua e cultura - Publicado o 29-12-2009 13:58
Queres comentar ou preguntar algo?
© by Abertal


free web counter



O Tempo no Barco de Valdeorras - Predición a 7 días e condiciois actuais.


Estadisticas Gratis