CIG-Saúde O Barco








Telf: 988 339112






















Perfil de Facebook de Cig-saúde O Barco.














BLOGS E WEBS DOUTRAS COMARCAS E ÁMBITOS DE CIG-SAÚDE














OUTRAS LIGAZÓNS INTERESANTES

















cig-saude o barco
h.obarco@cig-saude.org
 DESTACADOS
 CATEGORÍAS
 FOTOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 PARA SABER MÁIS

FUNDACION VALDEGODOS.
Reproducimos a seguinte denuncia de CIG-Valdeorras.

Ante alarmante noticia aparecida nalgún medio de comunicación, en relación coa calidade asistencial dos centros da FUNDACIÓN VALDEGODOS, desde a CONFEDERACION INTERSINDICAL GALEGA DE VALDEORRAS ( CIG-VALDEORRAS ) queremos manifestar o seguinte:

Dende hai xa case dous anos vimos denunciando á Dirección da FUNDACION VALDEGODOS polo incumprimento do convenio colectivo, e tamén pola falta de persoal, coa reiterada advertencia de que dita falta de persoal repercutía negativa e directamente na calidade asistencial.

• En data 25-04-2008 enviamos unha carta a Vicepresidencia, informando de que a falta de persoal podería carrear graves consecuencias aos RESIDENTES.
• Posteriormente, en data 02-06-2008 denunciamos publicamente a situación na que se atopaban os residentes e alertamos as súas familias de que vixiaran de preto esta situación.
• Tamén en 02-06-2009 fixemos unha nova denuncia alertando que a falta de persoal esta a causar graves deficiencias, e unha mala atención as/os RESIDENTES.

Do mesmo xeito, vimos presentando diversas demandas ante o Xulgado do Social por incumprimento do Convenio Colectivo e en reclamación de melloras sociais e económicas para o persoal, tendo, deica o momento, gañadas todas e cada unha das Sentenzas ditadas.

Non ocorre o mesmo coas denuncias postas ante a Administración, responsábel de vixiar e garantir que a asistencia sexa digna. Aquí todas as alertas teñen caído en saco roto, polo que podemos afirmar que o Goberno da Xunta de Galicia, tanto na lexislatura anterior como na actual, son responsábeis da mala atención que se lle está a dar ás persoas que residen nos centros da Fundación Valdegodos.

Desde a CIG – Valdeorras esiximos que a Xunta realice unha investigación en profundidade das condicións nas que están os/as residentes da Fundación e o persoal que traballa nela, EN TODOS OS CENTROS en funcionamento.

Así mesmo, poñémonos a disposición dos familiares que soliciten información e asesoramento.

Reiteramos a nosa reivindicación de CENTROS PÚBLICOS que unicamente dependan da Administración, como garantía de control e de calidade asistencial.

En canto ás Fundacións, compre extremar a inspección e fiscalización pública, non vai ser que apareza outro caso como o recentemente coñecido da condena ao cárcere do cabeza visíbel da Fundación San Rosendo, Benigno Moure.
Comentarios (0) - Categoría: fundaciois 3ª idade - Publicado o 01-07-2009 16:09
Queres comentar ou preguntar algo?
Fundación Valdegodos outra volta
A CIG de Valdeorras presenta denuncia ante a Inspección polas coaccións da Fundación Valdegodos a un afiliado da central.

O persoal estuda elaborar un calendario de mobilizacións en todos os centros da empresa.

A CIG de Valdeorras vén de anunciar que presentou denuncia contra a Fundación Valdegodos ante a Inspección de Traballo, por mor dos “atropelos e represión” que están a padecer os traballadores/as deste centro, nomeadamente, desta volta un afiliado da CIG. Así mesmo, sinalaron que a vindeira semana adoptarán unha serie de medidas para denunciar publicamente a situación laboral do persoal, entre as que incluirán un calendario de mobilizacións nos centros da Fundación.

Dende a Unión Local denuncian que non é a primeira vez que a Fundación Valdegodos represalia as/os afiliados da CIG-Valdeorras, desde que a central ten representación nos distintos comités de empresa da Fundación. As coaccións, sinalan dende a CIG-Valdeorras, “véñense dando de distinta forma, desde ameazas verbais até negarlle as/os afiliadas/os os cambios de quendas, cambiarlle a quenda segundo o capricho da dirección do centro, modificarlle a carteleira para prexudicar o máximo posible as/os traballadores que están a reclamar os seus dereitos, como o pago de trienios, horas extras e condicións dignas de traballo, etc.”.
Desta volta, sinalan, as represalias céntranse no compañeiro José Rodríguez Ortega, traballador que “sempre se caracterizou pola súa dispoñibilidade a axudar o resto dos seus compañeiros/as”, estando á fronte de todas as reclamacións e reivindicacións á empresa, ademais de ser un dos impulsores da candidatura da CIG na Fundación Valdegodos.
“A dirección con esta actitude dictatorial pretende conseguir que as traballadoras e traballadores desistan das súas reivindicacións e vingarse de todas/os aquelas/es que están a reclamar os dereitos máis elementais dentro da empresa”, critican dende a CIG de Valdeorras. Non obstante, advirten que, a pesar das coaccións, o persoal manterá a súa loita.
Denuncias e mobilizacións
De feito, xa teñen presentado a correspondente denuncia diante da Inspección de Traballo polo caso do afiliado da CIG e nos próximos días achegarán aos responsábeis da Consellaría “todas as nosas queixas”. Así mesmo, anunciaron que na vindeira semana estudaranse as medidas a adoptar polos traballadores/as, entre as que incluirán un calendario de mobilizacións en todos os centros da Fundación, denunciando “os atropelos e represión da dirección da empresa” contra o persoal que está a reclamar os seus dereitos.
Comentarios (0) - Categoría: fundaciois 3ª idade - Publicado o 03-06-2009 12:18
Queres comentar ou preguntar algo?
valdegodos condenada a pagar horas extra ó persoal
A Fundación Valdegodos, condenada a pagar 22.400 euros a 24 traballadoras/es en concepto de horas extras

A Fundación Valdegodos terá que pagar 22.466,27 euros a 24 traballadoras e traballadores polo exceso da xornada realizado no ano 2007, posto que, segundo estabelece o convenio colectivo, non poden exceder as 1.800 horas anuais. Dende a CIG de Valdeorras lembran que, aínda que a sentenza non é firme, a empresa terá que ingresar dita cantidade no xulgado do social para poder recorrer a decisión. Esta resolución súmase ás 27 sentenzas que a CIG xa ten gañado á Fundación, e polas que se recoñece a antigüidade do persoal

Fundación Valdegodos vense caracterizando por ter os traballadores e traballadoras en precario e baixo a escusa de que “o negocio non vai ben” sempre se negou a pagar trienios e horas feitas a maiores, “iso que o convenio que asinaron no seu día déixao ben claro, non cumpren nin tan sequera o que eles mesmos asinan” critican dende a CIG de Valdeorras.

A respecto da negociación do novo convenio que asinaron con UGT e CCOO, dende a Unión Local sinalan que “as cousas seguen igual e nalgúns casos peor que antes”, xa que en varios centros da Fundación onde a CIG ten o apoio maioritario, “téñense tomado represalias por reclamar o que legalmente lle corresponde os traballadores e traballadoras e por non asinar este convenio que non supón ningunha mellora con respecto ao anterior”.

Miles de euros gastados en avogados

Para a CIG de Valdeorras resulta paradoxal que a Fundación Valdegodos asegure aos traballadores e traballadoras que non ten cartos, e por iso non pode asumir ningunha das melloras que a central propuxo na negociación, mentres gasta miles de euros en preitos e avogados, “pois teñen fichado a un dos bufetes máis caros de Ourense”.

“Sen contar as costas dos xuízos mais a minuta dos avogados, que sabemos que e unha contía superior, o que de momento tiveron que ingresar nos distintos Xulgados do Social polas distintas reclamacións xa suma 33.160,15 €. Desde a CIG-Valdeorras preguntámonos por que a Fundación Valdegodos prefire gastar miles de euros en preitos e non pagarlle os traballadores e traballadoras o que legalmente lles corresponde”, sinalan.

Así mesmo, adiantaron que seguirán a reclamar e esixir que se cumpra o convenio, “un convenio feito a imaxe e semellanza da Fundación, coa complicidade de UGT e CCOO” e sinalaron que lle pedirán as dúas organizacións sindicais que tamén esixan e fagan cumprir o convenio.
fonte avantar
Comentarios (0) - Categoría: fundaciois 3ª idade - Publicado o 26-03-2009 00:07
Queres comentar ou preguntar algo?
sentenza valdegodos
O centro deberá pagar 681 euros máis os intereses legais moratorios

A Fundación Valdegodos, condenada por 27ª vez a recoñecer a antigüidade a un traballador
A Fundación Valdegodos de volveu ser condenada a recoñecer a antigüidade a un traballador do centro, así como a abonar os atrasos adebedados neste concepto. Con esta xa van 27 demandas a favor das reivindicacións dos traballadores e traballadoras deste centro.


A resolución condena á Fundación a abonar polo período de abril a decembro do 2008 (dúas pagas extras incluídas) a cantidade de 681,45 euros ao traballador en concepto de complemento por antigüidade, “máis os intereses legais moratorios”.

O traballador ao que se refire a sentenza vén prestando os seus servizos como celador na Fundación Valdegodos dende o ano 1996, polo que lle correspondería cobrar tres trienios de antigüidade que a dirección do centro non quería recoñecer.

En setembro do ano pasado o Xulgado do Social número 2 de Ourense xa fallou a favor do traballador, aínda que a empresa recorreu. Agora, esta nova sentenza estabelece claramente que non cabe interpor recurso algún, polo que a Fundación deberá abonar a contía estipulada.

avantar
Comentarios (0) - Categoría: fundaciois 3ª idade - Publicado o 06-03-2009 12:11
Queres comentar ou preguntar algo?
o xuzgado non da por válido o "acordo da vergoña"
Na sección sindical de CIG-Saúde Barco non acostumbramos a criticar ó resto de sindicatos, as veces ante algunha actuación dalgún deles mordemos a lingua e calamos, solo en casos moi puntuais pola súa gravidade, criticamos posturas deles.
esta é unha desas ocasiois, imos a pegar a noticia que traia hoxe a voz de galicia, sobre unha reclamación de trienios do persoal da fundación valdegodos. os sindicatos UGT e CC.OO non solo non se puxeron ó lado do persoal para reclamar os seus dereitos, senon que asinaron un "acordo" ca empresa no cal renunciaban a reclamar os trienios ata xaneiro do 2009 non sólo os delegados e delegadas destes dous sindicatos, senon que embarcaban tamén no mentado acordo ó resto de persoal da fundación, menos mal que o persoal que acudiu á CIG para reclamar eses trienios gañou a sentenza e o xuiz non diu por válido o acordo da vergoña.

se queres ver o acordo da vendida, preme aquí

se queres ver a sentenza, preme aquí

o artigo en"la voz de galicia"

Un xulgado recoñece a vinte e un traballadores de Valdegodos o seu dereito a cobrar os trienios

A Fundación é condenada a pagar máis de 10.000 euros por este concepto

A Fundación Valdegodos (con sede en Vilamartín de Valdeorras) foi condenada polo Xulgado do social número 2 de Ourense a abonar máis de 10.000 euros a 21 dos seus traballadores en concepto de subida polos trienios. Segundo recolle a sentenza, a Fundación deixou de ingresar este concepto na nómina dos seus empregados en abril do 2007; cantidades que «han de abonárselle a todos os traballadores da empresa, con independencia do carácter temporal ou fixo da relación laboral». O diñeiro refírese ás cantidades dun ano (cifra diferente en cada caso dependendo do cargo e a antigüidade no mesmo), ás que hai que sumar o diñeiro correspondente aos meses que van desde abril á actualidade, máis o 10% «por interese de demora», segundo reza a sentenza.
No seu fallo, a xuíza desestimou a firma dun documento (por parte da comisión paritaria, o pasado mes de abril) no que os sindicatos (naquel momento Comisións Obreiras e UXT eran os únicos con representación na Fundación) aceptaban a proposta da empresa de que no caso dos contratos temporais a antigüidade non comezaría a computarse ata o próximo xaneiro. Un acordo que, recolle a sentenza, «non é vinculante e non exclúe a interpretación das normas do convenio», que recollía o pago dos trienios.
Ante a sentenza cabe interpor recurso na sala dos social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Comentarios (0) - Categoría: fundaciois 3ª idade - Publicado o 24-09-2008 20:26
Queres comentar ou preguntar algo?
Valdegodos represalia ó persoal reivindicativo
Este de abaixo é o comunicado de prensa que fixeron público @s compañeir@s da CIG da Fundación Valdegodos, dende CIG-Saúde Barco solidarízámonos con eles e arrouparemos e nos sumaremos calquera mobilización que convoquen na defensa dos dereitos do persoal e os seus representantes.

Unha vez mais, a Unión Local da Confederación Intersindical Galega (CIG) en Valdeorras vese na obriga de dirixirse á opinión pública para denunciar as agresións da Fundación Valdegodos contra os traballadores e, mais en concreto, contra os delegados de persoal electos nas listas da CIG. Actividades que se iniciaron con posterioridade á celebración das eleccións sindicais no centro de traballo de Viana do Bolo, na que os candidatos da CIG obtiveron a maioría dos votos.
Como desde este sindicato temos feito público, o incumprimento da lexislación laboral e a negativa da dirección da Fundación Valdegodos a negociar un proceso que fixera posible unha solución satisfactoria para as dúas partes, a social e a empresarial, e a elección por parte da empresa dunha escalada de ameazas e presións sobre os seus traballadores, deu lugar a que os servizos xurídicos da CIG teñan xa tramitado diante da xurisdición laboral 35 demandas coa finalidade de que a empresa cumpra o convenio colectivo no referente ao pago de trienios e dos complementos estipulados por traballar en días festivos, así como demandas en materia de horas extras. A estas demandas xa presentadas en firme, haberá que engadir as que na actualidade están pendentes de tramitación.
Temos que denunciar a persecución FEROZ que veñen sofrindo os/as nosos/as delegados/as e os/as tarballadores/as que reclaman os seus dereitos, por parte da dirección da Fundación Valdegodos en Viana do Bolo e na residencia Virgen de Los Milagros en Vilamartin de Valdeorras, estas presións e ameazas víronse incrementadas ao longo desta última semana. A razón é que o próximo xoves, 12 de xuño, terá lugar no Xulgado do Social nº 2 de Ourense, o primeiro de toda a serie de xuízos contra a Fundación Valdegodos. Chamadas a capítulo, por parellas ou individualmente, presións de diversa índole, artimañas de todo tipo e un longo etc, pero esta semana os métodos de represión sindical e contra do persoal intenficouse por parte da empresa, primeiro fixeron un escrito de recollida de sinaturas entre o persoal de Viana arroupando a xestión do seu Xerente Luciano Alvarez López.
Proba da fobia reinante entre os responsables desta Fundación foi a xuntanza que mantivero onte venres dia 30 de xuño, O PATRONTO DA FUNDACION VALDEGODOS cos membros do COMITE DE EMPRESA dos distintos centros de traballo deixando fora a CIG (que é a 2ª forza sindical na Fundación) feito que constitue un claro atentado contra a lei de liberdade sindical polo que os representantes dos outros sindicatos representados están sendo comprices da Xerencia na sua actitude, onde incluso chegan a insinuarlles a posibilidade de “pechar as residencias” para presionar as súas vontades.
Para o noso sindicato, esta actitude é a gota que desborda o vaso e que, polo tanto, traducirase nunha serie de iniciativas dirixidas a manter a defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras e a denunciar a actitude da Fundación Valdegodos :
• Entrevista con responsábeis da Consellería de Vicepresidencia do Goberno Galego, que é o órgano que ten competencias sobre as residencias da terceira idade e que ten que velar porque a calidade asistencial aos residentes sexa a adecuada,.ao que lle exporemos o acontecido ao longo desta última semana e a súa incidencia negativa na calidade do servizo, esta entrevista terá lugar o luns dia 2 de xuño na delegación provincial. Lembremos que xa no pasado 1º de maio fíxose entrega ao Vicepresidente don Anxo Quintana dun dossier no que se describen todos os abusos laborais que sofren os traballadores da mencionada fundación e os efectos negativos sobre a calidade asistencial prestada aos residentes;
• ; Os servizos xurídicos da Confederación Intersindical Galega están a estudar unha demanda penal contra a Fundación Valdegodos por persecución sindical e atentado contra o exercicio de representación dos traballadores
• Iniciaremos de inmediato mobilizacións de diferente índole en apoio dos delegados e delegadas da Fundación Valdegodos que defenden os dereitos dos traballadores contra os desmáns e abusos da patronal, así como dos nosos afiliados e afiliadas na Fundación Valdegodos que faremos extensivo de persistir a situación o resto de delegados e delegadas de toda a CIG ;
• Queremos informar aos residentes nos establecementos da Fundación Valdegodos e ás súas familias que, na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras, non descartamos a posibilidade de convocar unha folga, que sen dúbida terá efectos negativos na atención prestada neses establecementos. E que da deficiente atención como resultado desta mais que posible folga os únicos responsables serán os membros do Patronato da Fundación Valdegodos que, coa súa deixadez ou pola súa propia conveniencia, permitiron ese continuado incumprimento da legalidade e por non ter tomado no seu tempo cartas no asunto e poñer no seu sitio a aqueles membros da súa organización que mais que intentar resolver os problemas os agudizan con actitudes mais propias de pequenos ditadores e caciques trasnoitados.
Unha vez mais, apelamos á dirección da Fundación Valdegodos e ao seu patronato para que abandonen esta actitude hostil coas persoas que representan aos traballadores, saiban recoñecer e aceptar as súas responsabilidades no incumprimento do convenio colectivo e se senten a negociar cos responsables da CIG.


CIG-Valdeorras


En O Barco 31 de maio de 2008


a noticia en "la Región"

a noticia en "La Voz de Galicia"
Comentarios (0) - Categoría: fundaciois 3ª idade - Publicado o 01-06-2008 21:15
Queres comentar ou preguntar algo?
escrito d@s delegad@s de valdegodos á vicepresidencia
hoxe en "la región" sale publicado a entrega dun escrito por parte do persoal da fundación valdegodos ´vicepresidente da xunta Anxo Quintana onde denúnciase unha serie de incumprimentos do convenio e a falla de diálogo da fundación ca nosa central.
xa denunciamos que durante as elecciois houbo unha forte presión por parte dos responsables da fundación e mesmo dalgún alcalde co fin de que a CIG non entrara no comité de empresa e manter un sindicato como é a UGT que nesta fundación practica un sindicalismo claramente amarelo.
a noticia en la región
foto da galeria de imaxes do 1º de maio de la voz de galicia
Comentarios (0) - Categoría: fundaciois 3ª idade - Publicado o 03-05-2008 10:47
Queres comentar ou preguntar algo?
denuncia fundación valdegodos
A CIG quer comunicar aos medios e á sociedade valdeorresa que na Fundación Valdegodos seguen coa súa política de vulnerar os dereitos mais fundamentais das traballadoras e traballadores. Neste caso queremos denunciar o incumprimento da lei no referente ao descanso mínimo que debe mediar entre xornada e xornada, que o Estatuto dos Traballadores marca nun mínimo de 12 horas.
Se o cumprimento desta norma é fundamental en calquera actividade laboral coa finalidade de previr accidentes de traballo, mais o é nunha actividade que conleva o coidado de persoas maiores, en moitos casos con mobilidade moi reducida ou, incluso, con falta de mobilidade, onde non só hai que prever a accidentalidade do traballador ou traballadora senón a da persoa maior á que se asiste.
Na Fundación Valdegodos hai traballadores e traballadoras que entre xornada e xornada só descansan sete horas, e isto durante sete días seguidos, vulnerando de forma continuada os dereitos laborais dos traballadores e os dereitos dos residentes a unha asistencia de calidade. Se a esta práctica engadímoslle os cambios semanais nos calendarios de turnos podemos atoparnos diante dun cóctel explosivo de imprevisíbeis consecuencias para a calidade asistencial dos residentes e para a saúde dos traballadores e traballadoras.
Tamén queremos anunciar publicamente que, posto que os continuados requirimentos feitos pola Confederación Intersindical Galega (CIG) á dirección da citada fundación para arreglar esta situación pola vía do diálogo e da cordura que debe imperar nas relacións laborais caeron en saco roto, o próximo luns demandaremos no Xulgado do Social á Fundación Valdegodos por varios destes abusos, amais de presentar as denuncias correspondentes na Inspección Provincial de Traballo.
Como organización sindical de clase non podemos demorar a nosa intervención diante das agresións que están a sufrir os traballadores por parte de quen dirixe a citada fundación, que o fai con maneiras mais propias dos anos corenta que con actitudes e métodos propios dos tempos actuais. Despois de tres meses de requirimentos ao diálogo por parte desta central sindical, os dirixentes da Fundación Valdegodos non quere darse conta da situación e das consecuencias que a súa actuación pode ter sobre traballadores e residentes.
As anunciadas demandas e denuncias son un primeiro paso no camiño de forzar á fundación a iniciar un camiño de diálogo. Se este non se produce e se segue a vulnerar a legalidade por parte da empresa, verémonos na obriga de actuar con todos os medios lexítimos que a organización dos traballadores pon ao noso alcance para rematar coas arbitrariedades e abusos da empresa e facer cumprir tanto o convenio colectivo polo que, na actualidade, se rexen as relacións laborais nos establecementos da Fundación Valdegodos como as leis de ámbito xeral que regulan as relacións entre empresas e traballadores.

En O Barco de Valdeorras, a 6 de marzo de2008


Adriano Brito Ferreira
(Secretario Local da CIG-Valdeorras)
Comentarios (0) - Categoría: fundaciois 3ª idade - Publicado o 07-03-2008 10:27
Queres comentar ou preguntar algo?
información fundación valdegodos
A TODOS/AS TRABALLADORES E TRABALLADORAS
DA FUNDACION VALDEGODOS


Non podemos afirmar que o proceso electoral fose limpo, xa que houbo (e segue habendo) continuas presións por parte da empresa para impedir a nosa presencia nos órgaos de representación do persoal, ao tempo que promocionaban con inusual descaro as candidaturas da UGT.

Desde que se celebraron estas eleccións sindicais na FUNDACION VALDEGODOS, o noso sindicato fixo asembleas na residencias de VIANA DO BOLO e na de VIRGEN DE LOS MILAGROS, nas que temos representación.

No caso de Viana do Bolo, onde temos maioría, xa temos acadado un principio de ACORDO no que atinxe a vacacións, libranzas e cambio de quendas, quedando por resolver outros temas como a xornada diaria e a súa adaptación ao cómputo anual que establece o convenio.

Na Residencia Virgen de los Milagros, ante a pasividade da representación maioritaria da UGT, a Dirección do Centro négase a establecer diálogo, a pesares das xestións que teñen feito os nosos Delegados e a propia Central Sindical, chegando mesmo a manter unha entrevista coa Directora na que lle fixemos chegar a nosa proposta de abrir unha Mesa de Negociación das condicións de traballo de todo o persoal, obtendo desta a calada por rersposta.

De non acceder a entablar diálogo nos próximos días, desde a CIG tomaremos as medidas de presión que estimemos oportunas, sempre que contemos co apoio maioritario dos traballadores e traballadoras, para exixir que se cumpra o estipulado no Convenio Colectivo.

Facemos un chamamento á unidade dos traballadores e aos representantes do sindicato UGT para que exerzan as responsabilidades para as que foron elexidos.

O CONVENIO DA FUNDACIÓN VALDEGODOS

Como todos sabedes, o noso Convenio foi asinado no seu momento por cinco anos, rematando a sua vixencia o 31 de decembro de 2007. Mais ao non ser denunciado (trámite legal obrigatorio pàra proceder á súa renovación) quedou prorrogado por un ano máis, até o 31 de decembro de 2008.

Agora que temos representación legal, é a oportunidade de millorar as nosas condicións de traballo, mediante unha negociación aberta, democrática e participativa.

Desde a Confederación Intersindical Galega queremos comenzar canto antes a preparar esta negociación, coa participación de todos vós.

Por isto, nas vindeiras datas convocaremos, ao traveso dos nosos delegados e delegadas, unha xuntanza cos Comités de Empresa de todos os Centros da Fundación, a fin de expoñerlle a nosa proposta e unificar criterios para ter a suficiente maioría da representación e afrontar unha negociación con garantías.

O noso Sindicato promoverá a participación asamblearia de todo o persoal, convocadas unitariamente por todos os Comités. Deberán ser os traballadores e traballadoras as que teñan a última palabra.

Aquelas persoas que queiran contactar con nós ou pedir algún tipo de información, poden facelo, ben directamente no noso local de O Barco, ou mediante a páxina web que a nosa Sección Sindical ten na Sanidade no HCV, e na que temos un apartado específico para as Residencias da Terceira Idade, no seguinte enderezo http://www.blogoteca.com/cigsaudebarco.


ORGANÍZATE E PARTICIPA

AFÍLIATE Á CIG
Comentarios (0) - Categoría: fundaciois 3ª idade - Publicado o 29-02-2008 16:03
Queres comentar ou preguntar algo?
A CIG CONTRA AS ACTITUDES ANTIDEMÓCRATICAS
A CIG CONTRA AS ACTITUDES ANTIDEMÓCRATICAS NA FUNDACIÓN VALDEGODOS

A CIG-VALDEORRAS ante os graves feitos que están acontecendo na residencia da terceira idade VIRGEN DE LOS MILAGROS en Vilamartin, pertecente a FUNDACION VALDEGODOS , manifesta que non toleraremos actitudes anti-demócraticas nen conductas revanchistas cara os traballadores e traballadoras da residencia Virgen de los Milagros ou de calqueira otra pertecente a esta FUNDACION .

A dirección da FUNDACION VALDEGODOS desde que se iniciou o proceso electoral mostrou sempre unha actitude anti-sindical contra a CIG e exerceu todo tipo de presions cos membros das candidaturas que o noso sindicato presentou en varios centros de traballo desta FUNDACION para que non conseguiramos representación na empresa. A FUNDACION VALDEGODOS utilizou metodos que xa pensabamos eran de outra epoca, feitos xa denunciados o pasado mes de decembro do ano que rematou,cando denunciamos a intromision de destacados membros do PP.
Desde aquela vimos asistindo a todo tipo de presións cara os delegados e delegadas da CIG e coas persoas que formaban parte das nosas candidaturas e tamén cos outros traballadores e traballadores que manifestaron publicamente o seu apoio aos compañeiros e compañeiras que formaban parte das candidaturas. Ditas presións estanse a dar agora por parte das direccions dos distintos centros desta FUNDACION e consisten en cambiar as carteleiras de traballo, negarse a conceder cambios de turno a xente que apoia a CIG publicamente, negarse a selar escritos que os traballadores e traballadoras presentan ante a direccion, como por exemplo xustificantes de asistencia medica ou exames, retirar do taboleiros de anuncios as comunicacións da CIG, etc Dende a CONFEDERACION INTERSINDICAL GALEGA, queremos manisfestarlle a toda opinion pública de Valdeorras que si desde a FUNDACION VALDEGODOS, non se remata con esta actitude de acoso cara os e as nosos/as delegados e delegadas e os/as afiliados e afiliadas da CIG e traballadores/as en xeral da FUNDACION, veremonos na obriga de denunciar todas estas practicas ante a Inspeccion de Traballo e tamén ante o Xulgado do Social ou mesmo ante os xulgados do penal, pero independentemente das denuncias que os nosos servicios xuridicos estimen oportunas, desde a CIG Valdeorras iniciaremos unha campaña de movilizacions contra a direccion da FUNDACION VALDEGODOS e familia que controla dita fundacion, que seran os responsabeis dos perxuizos que se poden derivar cara os usuarios de ditos centros lembremos que a fundacion presta un servicio publico a moitos cidadans.


Valdeorras, 06.02.08
asdo. Adriano Brito Ferreira
Secretario U.L. Valdeorras



Comentarios (0) - Categoría: fundaciois 3ª idade - Publicado o 06-02-2008 11:45
Queres comentar ou preguntar algo?
elecciois en valdegodos
hoxe venres dia 21 de decembro celebraronse eleccions sindicais na Fundación Valdegodos, na residencia Virgen de los milagros de Vilamartin de Valdeorras.

Elexianse un comite de 5 en dous colexos 1 delegado/a no colexo de tecnicos e administrativos, e 4 delegados/as o colexo de especialistas e non cualificados.

OS RESULTADOS FORON OS SEGUINTES:

COLEXO DE TECNICOS E ADMINISTRATIVOS, neste colexo so se apresentaba a UGT

Nº de electores..............................................14
Nº de votantes..............................................11
Nº de votos UGT...........................................10
Votos en branco.............................................1
COLEXO DE ESPECIALISTAS E NON CUALIFICADOS, neste colexo presentaba a UGT e CIG

Nº de electores........................................................................61
Nº de votantes.........................................................................55
Nº de votos brancos...................................................................1
Nº de votos nulos.......................................................................1
Nº de votos UGT......................................................................24
Nº de votos CIG.......................................................................29

O COMITE DE EMPRESA QUEDA DA SEGUINTE FORMA

UGT.................................................3

CIG....................................................2

desde a CIG queremos agradecer a confianza a todos/as os/as compañeiros/as o apoio as compañeiras que formaban parte da candidatura da CIG,, e a traballar os proximos cautro anos para acadar unhas boas condicións de traballo.

Comentarios (0) - Categoría: fundaciois 3ª idade - Publicado o 21-12-2007 19:21
Queres comentar ou preguntar algo?
a CIG gaña as eleciois na residencia de viana
a pesar das presiois feitas pola Dirección e o Partido Popular a CIG gaña as eleciois na residencia de Viana do Bolo xestionada pola fundación Valdegodos.
dos 5 delegados elexidos a CIG obten 3 e a UGT 2.
os resultados foron os seguintes:

especialistas e non cualificados:
electores 63
votantes 60

CIG 44
UGT 15
brancos 1
3 delegad@s CIG
1 delegado UGT


colexio de técnicos e especialistas

electores 9
votantes 8
CIG 2
UGT 4
brancos 2

1 delegado elexido da UGT


agradecemos a confianza posta no noso sindicato que nos fai entrar por primeira vez con representación nesta fundación, e aquí estaremos os próximos 4 anos para traballar polos dereitos do persoal posto que unha vez que rematou o proceso electoral é cando de verdade empeza o traballo a facer.

Comentarios (0) - Categoría: fundaciois 3ª idade - Publicado o 19-12-2007 19:37
Queres comentar ou preguntar algo?
humor godido
Velaqui unha viñeta que foi publicada en "La Voz de Galicia" o 30 de Novembro facendo referencia á denuncia da CIG sobre as presións cara traballadores/as da Fundación Valdegodos

Comentarios (0) - Categoría: fundaciois 3ª idade - Publicado o 12-12-2007 13:03
Queres comentar ou preguntar algo?
convenio de valdegodos
para ver o convenio de empresa da fundación valdegodos, preme aquí.

mais adiante falaremos longo e tendido desta fundación da 3ª idade e de como "cumpren", ca legalidade, tamén das "facilidades" que lle están dando á CIG para presentarse as elecciois.

no seu dia tamén lembrarémoslle a vicepresidencia da Xunta que algún dos centros que rexenta esta fundación é da sua titularidade e como tal deberan velar polo cumprimento da fundación non solo nos seus deberes cara os usuarios senon tamén dos seus deberes co persoal.

Pero iso será noutro post e en base ás mañas que utilice esta fundación en canto a liberdade sindical se refire.


Comentarios (0) - Categoría: fundaciois 3ª idade - Publicado o 02-12-2007 15:35
Queres comentar ou preguntar algo?
A C.I.G. DENUNCIA PRESIÓNS SOBRE OS TRABALLADORES DA RESIDENCIA DA FUNDACIÓN VALDEGODOS EN VIANA
este de abaixo é o comunicado do secretario comarcal de CIG Etelvino Blanco, ante as presiois que se están exercendo sobre o persoal da residencia de Viana, despois de ter celebrado a CIG unha asemblea masiva cos traballadores e traballadoras deste Centro.

A C.I.G. DENUNCIA PRESIÓNS SOBRE OS TRABALLADORES DA RESIDENCIA DA FUNDACIÓN VALDEGODOS EN VIANA


Con motivo de celebrarse o proceso de eleccións sindicais nos centros de traballo da Residencia Valdegodos e para impedir que a CIG consiga presencia no Comité en Viana do Bolo, estánse producindo ameazas, coaccións e enganos sobre os traballadores-as por parte da Dirección e tamén dalgún destacado representante do Partido Popular.
A Fundación parece non ter ser asumido que os traballadores-as temos o dereito constitucional de elixir aos nosos representantes e pretenden seguir colocando no Comité a falsos delegados sindicais aos que despois manexan como marionetas, que asinan acordos que van contra os intereses dos traballadores-as, como son os que están agora.
E inadmisibel que a empresa coacione, presione e intente atemorizar aos traballadores-as por estar organizándose na defensa dos seus intereses.
A CIG ten como principal obxectivo a defensa da liberdade sindical e non vamos permitir que se ameace ou coaccione aos traballadores que opten por presentarse na nosa candidatura, polo que utilizaremos os métodos de resposta que consideremos necesarios para frear esta violación dun dereito fundamental.
Con respecto a intromisión neste proceso do Partido Popular esiximos que se poñan ao marxe do mesmo se non queren verse involucrados como partido nunha campaña de denuncia que levaremos ata onde sexa necesario.


Ourense, 23.11.07
asdo. Etelvino Blanco Rodríguez
Secretario Comarcal CIG- Ourense
Comentarios (0) - Categoría: fundaciois 3ª idade - Publicado o 23-11-2007 13:27
Queres comentar ou preguntar algo?
nova categoria: fundaciois 3ª idade
@s compañeir@s da comarca da CIG Valdeorras, pídennos que integremos na nosa páxina un apartado sobre as residencias da 3ª idade que funcionan como fundaciois, debido a que o persoal destes centros teñen moito que ver no seu traballo co do persoal de saúde, aceptamos de bon grado.
polo que habilitamos un novo apartado adicado ás fundaciois da 3ª idade; para ver os artigos publicados ou facer comentarios ou preguntas sobre este tema tedes que picar no icono da barra da esquerda e vos levará direcramente ós artigos desta categoria, as preguntas ou aclaraciois que xurdan serán contestadas ou ben por CIG-Valdeorras ou ben por CIG-Saúde Barco.
lembrade que para acceder a este apartado tedes que picar no tou igual co da imaxen na parte esquerda da pantalla.


Comentarios (0) - Categoría: fundaciois 3ª idade - Publicado o 22-11-2007 18:15
Queres comentar ou preguntar algo?
© by Abertal


free web counter



O Tempo no Barco de Valdeorras - Predición a 7 días e condiciois actuais.


Estadisticas Gratis