Como xa demos conta, recentemente presentouse no Barco o último traballo do noso compañeiro do HCV Anxo Rei, que ademais de desempeñar o seu traballo neste hospital é un cantautor recoñecido na comarca. Este disco recién presentado chámase "Ao son da auga" e contén dez cancións compostas por Anxo con letras súas, agás unha das cancións que é un poema de García Lorca.
Aproveitamos a conxuntura dunha coincidencia de quenda para facerlle unhas preguntiñas ao respecto:
Anxo, fixeches a presentación de "Ao son da auga" o pasado día 3 de decembro. Que tal foi?
Pois penso que moi ben. Foi un acto emotivo e cálido. Sentiuse o agarimo da xente, que para min é moi importante, porque non fago música con ambicións comerciais, senón simplemente para chegar á xente. Ali estaban moitas persoas coñecidas e algunhas que, sen coñecelas, fixéronseme próximas pola calidez coa que me acolleron. Sobre todo estou moi agradecido cos compañeiros e compañeiras do HCV que me arrouparon ese día.
E a presenza de Mini sempre é unha garantía.
Nesa presentación, Mini falou da importancia de poñer en valor a nosa cultura. Ti, que formas parte desa cultura, que pensas ao respecto?
Concordo plenamente coas palabras de Mini. Desgraciadamente nos últimos tempos estamos a ver como non só non se pon en valor a cultura galega, senón que mesmo chega a menospreciarse desde institucións públicas incluso. Somos un pobo culto. Un pobo cunha riqueza que non debemos deixar que se perda. A nosa lingua e as nosas manifestacións culturais, sexan musicais, literarias ou doutro tipo deben ser preservadas e difundidas. O propio Mini é un exemplo a seguir.
Cóntanos algo da elaboración do disco. Trátase dunha autoedición, non si?
Asi é. Desde as gravacións das cancións ate os retoques finais son coma quen dí caseiros. Gravei na casa as voces e despois, desde Madrid, Jorge Ojea e o resto de músicos fixeron o propio coas músicas. Despois fusiónase todo e publícase, desta volta co selo Falcatruada. Para os músicos coma min, galegos, que cantamos en galego, e cunha edición limitada, sen axudas de ningún tipo, é a solución máis axeitada.
Porqué o título de "Ao son da auga"?
Porque practicamente todas as cancións xiran ao redor da auga. Da auga do mar e da auga do río. Da auga da fonte... todas teñen un toque acuático. Mesmo a canción que compuxen co poema de García Lorca fala da chuvia. Cando me decatei dese nexo común, vin claro o título.
E porqué esa insistencia coa auga nas cancións?
Supoño que o feito de vivir ao pé dun río coma o Sil, tan importante nesta comarca, ten algo que ver. Non sei, cando compoño non penso en facer coincidir certas cousas nas cancións, simplemente van saindo. Precisamente un dos agradecementos do disco vai para o río Sil...
Si, claro, é o que digo, nesta comarca o río Sil é fundamental. Sen el non teríamos as paisaxes, os viñedos, o noso carácter vai tamén cargado deste río. Temos que coidalo.
Tamén tes palabras de agradecemento para a túa familia, os teus pais, a túa muller, o teu fillo.
Está claro que son moi importantes. Sen o seu apoio, sen as ensinanzas dos meus pais, sen a inspiración que todos eles me dan, non podería chegar a facer a música que fago. Unha das cancións do disco dediqueilla á miña muller precisamente por iso. Un desexo para o novo ano.
Que o disco guste á xente que gasta diñeiro para o mercar! E que melloren os tempos, en canto ao económico, pero tamén en canto a outros temas. A nosa lingua, por exemplo, debe de ser respectada. A nosa cultura, posta en valor. Xa son máis dun desexo, pero un sempre é pouco.
Onte levouse a cabo a presentación do novo disco do noso compañeiro o cantautor valdeorrés Anxo Rei (ao son da auga) mais adiante éntrevistarémolo para que nos fale do seu traballo, hoxe deixamos un vídeoclip dun dos temas que compoñen o seu disco.
O noso compañeiro Luis Nogueira ven de revalidar en Lathi (Finlandia) o título de campión mundial de lanzamento de xabalina na categoría M50 cunha marca de 67.69 m.
Parabéns ao noso campión, haberá que recibilo como se merece cando volva, e haberá que repetir esta foto (que lle fixemos o ano pasado para esta entrevista), esta vez coas dúas medallas.
nodo 50
O vindeiro sábado 17 de xaneiro vaise a celebrar en Compostela unha homenaxe popular a Ramom Muntxaraz, histórico militante da esquerda independentista galega.
Recollemos unha síntese do seu traballo e militancia, algúns dos seus artigos e a convocatoria á homenaxe.
"Na lembrança, com agarimo e com intençom de fazer do seu compromisso um modelo e estandarte, vaias esta pequena homenagem do seu povo ao companheiro e irmao que deixa em nós um vazio irreparável"
[Extraído e traducido do texto da convocatoria á homenaxe popular]
Resulta imposible resumir en palabras o que significa a vida dunha persoa para aquelas que a amaron, para as que con ela compartiron loitas, soños e combates ou, ata, para a historia dun pobo. Esta tarefa vólvese aínda máis complexa se o obxecto a sintetizar é a peripecia vital dun ser tan rico e multifacético como Ramón Muntxaraz, poliédrico en dedicacións e intereses, irredutible aos rótulos simlificadores e tan difícil de abarcar nesa humilde inmensidade que o caracterizaba.
Con todo, faremos o esforzo de síntese e diremos que Ramom foi un home que se fixo galego por propia vontade e decisión, que se identificou con este País e amou e loitou por Galiza con firmeza e paixón; diremos tamén que foi un namorado da clase traballadora, particularmente, da clase traballadora galega, á que tributou boa parte da súa vida, reflexións e esforzos, e diremos finalmente que como bo comunista odio toda inxustiza, toda marxinación e toda opresión, e identificouse vitalmente con l@s que as padecían e utilizou o seu labor profesional como martelo para combatelas.
Chega a Galiza
Ramom nace en Toledo, estuda en Salamanaca e traballa en Madrid.
En 1980 aquel mozo contestatario de complexión forte, formación marxista e mirada incisiva, inimigo radical dos privilexios e disposto a facer da sanidade unha fronte de loita política e social máis, chega a Galiza para traballar no Hospital de Conjo. O Hospital de Conjo, en Compostela, vive unha intensa conflitividade laboral. Muntxa incorpórase desde o primeiro momento como parte activa. Afiliarase á ING, ao sindicalismo nacionalista.
Loita independentista e militancia contra a represión
Muntxaraz milita na UPG (Unión do Povo Galego) ata o V Congreso en 1986. É nesta data cando, á vista de derívaa institucionalista e autonomista que adopta definitivamente este partido, abandónao e participa con centenas de militantes na constitución do PCLN (Partido Comunista de Liberación Nacional), organización comunista e independentista. Baixo esta decisión atopábase a posición que sempre mantivo revolucionaria e marcadamente clasista, a súa absoluta liberdade de criterio e o rexeitamento ás estratexias de acomodamiento, tanto ao sistema como ás xerarquías partidarias.
En 1988 participa na creación da FPG (Fronte Popular Galega), unha organización frontista resultante dos esforzos do PCLN e Galiza Ceive-OLN. As diefrentes posicións existentes no seo da FPG ante o desenvolvemento das accións armadas do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC) farán que se produza a escisión da que nacerá a Assembleia do Povo Unido (APU). Novamente, Muntxa é parte dos escindidos e será membro fundador da APU en 1989. O seu fillo Iñaki, aínda neno, espremendo inconscientemente a coherencia estratéxica do seu pai sóltalle un bo día "Papá: mudas muito de partido, mais sempre levas a mesma bandeira".
Son tempos esperanzadores mais duros para o independentismo. Como é lei, o desenvolvemento da loita trae aparellada a intensificación da represión e decenas de militantes son detenid@s, torturad@s e encarcerades. Moncho está desde o primeiro momento á beira dos que coñecen en primeira persoa a tortura, a dispersión e o cárcere; participa na constitución de Comités Anti-represivos vinculados ás detencións de persoas concretas e, posteriormente nas Xuntas Galegas pola Amnistía (JUGA) nas que xoga un destacado papel. Será o promotor esencial para a constitución do colectivo Sanitários pola Amnistía e contra a Tortura (SAT).
Froito desta síntese inusual entre militante revolucionario e profesional do medicamento, Ramom Muntxaraz percorrerá decenas de veces a xeografía do estado para visitar aos presos e presas independentistas nos cárceres de dispersión e ofrecer a súa atención médica. Mostra desta implicación no traballo anti-represivo é o amplísimo arquivo persoal que construíu sobre esta materia e do que son parte traballos médicos, publicacións, definicións de estrategoias, etc. Unha constante que manterá ata marchar de entre nós e que o levou a implicarse nos labores de solidariedade cos actuais presos independentistas galegos.
"Reorganizar o movemento"
Preocupación permanente do monstro intelectual que foi Ramom Muntxaraz, sempre dedicado á reflexión sobre as máis diversas esferas do saber e da acción política, foi reorganizar o independentismo galego. Recordemos que en 1995 a APU, que contribuíu a fundar, acorda auto-disolverse. Muntxa, que sempre reparou na necesidade de organización e disciplina, rexeita o feito de que o movemento quede orfo de referente político e, sendo motor fundamental do proceso, impulsa a constitución do Comité Independentista Galego Provissório (CGIP) que fai pública a súa Declaración Política e Ideolóxica en outubro de 1995 e que actúa ata finais de 1996, dando paso ao Grupo Organizativo de Base e ao Foro Independentista. Durante 1996 e 1997, Muntxaraz desprega unha intensa actividade dirixíndose a AMI (Assembleia dá Mocidade Independentista), ás JUGA (Xuntas Galegas pola Amnistia), ás MNG (Mulheres Nacionalistas Galegas) e a decenas de independentistas non organizados ou militando noutras estruturas para "reorganizar o movemento".
O seu esforzo non alcanza finalmente concreción organizativa, pero se que estende a percepción de que o MLNG débese dotar de estrutura política referencial. Moi crítico coas vangardas por decreto, co absentismo sindical e cos procesos de construción política sen cimentos de base, distánciase do Processo Espiral e mantén a súa militancia independentista colaborando con multitude de organizacións, asosicaciones e colectivos, e desenvolvendo o traballo sindical que tan esencial considera.
Informaçon Obreira
Da vocación de Moncho para vincular reflexión e análise con militancia e loita política, así como da súa profunda preocupación por impulsar a participación da clase traballadora no MLNG, é mostra a publicación de Informaçom Obreira. IO sae á luz en marzo de 1994 como iniciativa dun grupo de independentistas e continúa ata 1999, publicando 25 números correntes e dous especiais. Esta colección que é froito dun intenso traballo teórico e analítico é fundamental para o estudo do sindicalismo e do nacionalismo galego contemporáneos. Informaçon Obreira é memoria histórica en estado puro pero non só como unha mirada ao pasado, senón procurando nela leccións para o futuro.
Psiquiatría e compromiso
O percorrido profesional de Muntxa, que nesta síntese separamos gratuitamente do político e militante por razóns de claridade expositiva, dános a evidencia máis clara da súa actitude vital.
Muntxa foi psiquiatra, ao longo da súa traxectoria tivo numerosos conflitos laborais por situarse humanamente á beira dos internos e por reclamar unhas condicións de traballo dignas.
Antes de viaxar a Galiza traballou no Hospital Psiquiátrico Alonso Veiga de Madrid, de alí foi despedido por apoiar aos 10 internos en folga de fame que reivindicaban poder pasear polo xardín interior do centro e poder comer con tenedor e coitelo.
Xa en Galiza, traballando no hospital de Conjo, afronta un novo despedimento en 1983, esta vez por denunciar ante os medios de comunicación da TVE a deterioración da asistencia psiquiátrica nese centro. Gaña o conflito e tivo que ser readmitido por sentenza do Tribunal Constitucional, pero en 1987 é novamente despedido por negarse a acatar as ordes de Dirección de manter permanentemente pechada a unidade na que traballaba. Readmitido por sentenza do Tribunal Supremo, finalmente solicitou a baixa neste centro polo acoso laboral e por non poder desenvolver o seu traballo baixo unhas condicións profesionais minimamente dignas.
En 1986 pon en marcha en Lugo a primeira Unidade de Saúde Mental (USM) da provincia, e organiza a Uniom de Trabalhador@s dá Sanidade de Galiza (UTSG)
Entre 1991-1995 traballa na Unidade de Psicóticos Jovens do hospital psiquiátrico de Rebulhom. A UPJ é mostra da súa estratexia terapéutica: funciona asambleariamente e por consenso, enfermos e equipo sanitario reúnense a diario para debater e tomar decisións, o equipo médico reúnese cada mes coas familias para analizar a evolución dos enfermos, etc. A revista Maxi, editada nesta etapa será o punto de encontro entre enfermos e sociedade.
Moncho trata de estender a nivel nacional a experiencia de Rebulhom. En 1992 reúne a enfermos de varias comarcas do país, traballadores da saúde mental e persoas preocupadas con esta situación. Nace a Asociación Gaiola, presidida polo histórico nacionalista Antón Moreda, que desde mediados dos 60 está interno no psiquiátrico de Castro de Ribeiras de Lea. Esta asociación edita a revista Gaiola Aberta, organiza charlas e combate a invisibilización da marxinalidade social dos enfermos.
Actualmente Aluvión, A voz de Lenda e Gaiola Aberta -nas que Muntxa participou- son as únicas revistas galegas feitas por enfermos como experiencia de rehabilitación da saúde mental, programadas, deseñadas e escritas integramente en idioma galego.
Tras o hospital de Rebulhom Muntxa traballará noutros centros: a Associaçom de Familiares de Doentes Mentais de Redondela, no hospital do Barco de Valdeorras... En 2005 aproba a primeira oposición á que se presenta e regresa a Conjo. Aos psiquiatras oficiais non lles agrada o seu regreso. Felizmente para todos terá que viaxa a Povoa do Caraminhal.
Muntxa percorreu milleiros de quilómetros para desprazarse xunto aos independentistas dispersos pola xeografía carcelaria do estado.
[O apartado Psiquiatría e compromiso non está traducido por completo do texto convocatoria á homenaxe, senón que é unha síntese do mesmo acompañada dalgúns datos complementarios]
Muntxaraz, un home galego
Sinalabamos ao principio a dificultade de sintetizar en palabras o significado da vida dun ser humano e con este fin faise máis complexo cando, como ocorre neste caso, ese ser ten as dimensións e a calidade humana de Muntxa. A síntese que presentamos como homenaxe ao militante, ao irmán, ao home galego, que foi Muntxaraz, non pode esquivar unha alusión á súa enorme humanidade e humildade, ao amor profundo e exemplar que profeso por esta vella nación e á loita pola súa liberación nacional e social, á súa sinxeleza, ao odio que nel suscitaba a inxustiza, á súa extraordinaria capacidade para captar a esencia das persoas...
Presenta ata que lle foi posible nas mobilizaciones importantes do país e sempre ávido por saber o que pasaba nas que xa non podía estar, Muntxaraz abandonounos como sempre quixo, con orgullo militante, con determinación e valor, animándonos a "nom perder ou tempo" visitándoo se iso supuña relegar tarefas militantes e, como se di vulgarmente "com as botas postas".
No recordo, con agarimo e con intención de facer do seu compromiso un modelo e estandarte, vai esta pequena homenaxe do seu pobo ao compañeiro e irmán que deixa en nós un baleiro irreparable.
Homenagem Popular na Galiza
17 de Janeiro 2009, 17:00. Auditorio dá Galiza, Compostela
e este de abaixo é o video que montamos, de cando foi a súa despedida do HCV, nél podese aprecia a gran persoa que era e o moito que amaba esta terra de Galiza que era a dél.
no día de onte finou en Compostela o noso compañeiro Ramom Muntxaraz que estivo durante varios anos desenvolvendo a sua profesión de psiquiatra no HCV, onde deixou unha profunda pegada en todos os que o coñecimos, como compañeiro e como médico.
Muntxaraz era desas persoas que nos serve de referencia tanto no seu plano profesional como no humano. Un home de principios que abría a sua consulta ás 8 e media da mañá e a pechaba as 10 da noite, sen cobrar peonadas nin horas extras nin retribución extra ningunha, simplemente pola súa vontade de estar ó servizo do paciente que o reclamaba a calquera hora do día ou da noite.
No seu paso por Valdeorras con moitos dos seus pacientes (mais que pacientes, amigos) montou a agrupación cultural Aluvión, na que seguiu participando despois da sua marcha a Compostela.
Pero Ramom tamén foi un home moi implicado na loita en defensa de Galiza, tanto no terreo sindical como no político, pero diso falaremos noutra ocasión.
Mañá dende a CIG de Valdeorras fretaremos un autobus que sairá ás 9 da mañá da entrada do HCV e parará en A Rua e diante da Subdelegación do Goberno en Ourense ás 10,45 de onde partirá para o tanatorio Apostol de Bertamiráns en Compostela para acompañar o noso compañeiro Ramom Muntxaraz.
Aquela xente que se queira apuntar para ir no autobus pódese poñer en contacto con:
sección sindical de CIG-Saude no HCV 988 339112
local de CIG en O Barco 988 321511
local de CIG en Ourense 988 233134
O noso compañeiro Luis Nogueira vén de ganar a medalla de ouro nos Campionatos do Mundo de Veteranos, en Italia. Ao pouco de volver, concedeunos esta entrevista, e poidemos velo coa medalla posta, xa que lle pedimos que posara para este blog con ela. Velaqui o que nos dixo:
Canto tempo levas traballando neste hospital?
Levo 20 anos, desde o 1987.
Como compatibilizas a tua ocupación no hospital coa túa faceta deportiva? Sen ningún problema. Ao traballar en quendas rotatorias teño tempo libre de abondo para adestrar. De cara ás competicións se fai falla non teño problemas para cambiar cos compañeiros.
Facilítanche as cousas desde a dirección do hospital para participar en eventos deportivos?
A verdade é que nunca o pedin, e penso que nin sequera están enterados de que son deportista de certo nivel, ninguén da dirección me tén comentado nunca nada ao respecto.
Como foron os teus comezos no atletismo? Sempre competiches en xabalina?
Empecei aos 17 anos en Barcelona en saltos de lonxitude e triple salto, onde acadei as mellores marcas de España naquel ano en idade xuvenil. Máis tarde viñen vivir a Galiza deixando de practicar atletismo, ata que aos 28 anos empecei outra vez, desta volta con lanzamento de xabalina.
E porqué a xabalina?
Nun principio parecía que estaba máis dotado para os saltos, pero logo, por necesidades dunha competición do clube, posto que un xabalinista se lesionou, adestrei para suplilo e descubrin que estaba capacitado e que me fascinaba o que tiña de primitivo e o voo da xabalina cruzando o espazo.
Recentemente gañaches a medalla de ouro dos Campionatos do Mundo de Veteranos de Atletismo en Riccione (Italia). Cóntanos como foi.
Acudía coa mellor marca de todos os participantes, polo que acadar o título entraba dentro das posibilidades, pero a satisfacción máis grande foi a de conseguir bater o récord do mundo cun lanzamento de 71.01m, que era unha das aspiracións ao longo da miña traxectoria deportiva, pasar a barreira dos 70 metros.
Cóntanos algunha anécdota do mundial.
Primeiro decir que o atletismo de veteranos estase convertendo nunha manifestación deportiva cada vez máis importante. En Italia eramos case 9.000 atletas de todo o mundo e este evento pón de manifesto que é importante ter un obxectivo que nos ilusione e que invertir en deporte veterano implica un aumento no aforro en gasto sanitario.
Segundo, eu tiña intención de competir coa camiseta de Galiza, pero non me deixaron, e tiven que conformarme con poñela para recibir a medalla.
acábanos de chegar a noticia, o noso compañeiro de traballo, Luis Nogueira, acaba de gañar o campionato do mundo de veteranos en lanzamento de xabarina nas probas que se están a cerebrar en Italia cunha marca de 71,01 metros e por si fora pouco, ista marca supón un record mundial na categoria que se presentaba, o segundo lanzou o pao a 63,41 m.
Luis xa fora campion do mundo de veteranos hai 2 anos no mundial de san sebastián.
si é que este home de vello gaiteiro!!!.
a volta das suas vacaciois falaremos con él para que nos diga como foi a experiencia.
Comezamos unha nova sección onde iremos dando conta de xente que traballa ou traballou nesta área de saúde que ten algunha faceta da súa vida que nos sorprende ou nos admira.
O primeiro deles será o compañeiro Anxo Rei, cantautor ademáis de traballador do hospital. Escoitaredes algunhas das súas composicións mentres visitades a páxina.
Datos:
Nace en Rubiá de Valdeorras. Dotado de prodixioso talento para o son, de formación autodidacta, a paixón musical comenza a materializarse nas creacións a partir do ano 1974. Dende este momento ata 1990 percorre os escenarios de moitas localidades de Galiza e algunhas de Catalunya.
Tras unha longa paréntese, recupera vellas creacións e volta á composición e á interpretación. O magnífico resultado é o seu primeiro traballo discográfico,?Fronteira de Cegoñas?, con textos de Florencio Delgado Gurriarán, poeta vangardista de Valdeorras. As cancións falan da lúa, do vento, da feira, do amor, do viño, da terra, de Galiza.
Anxo Rei ten creado melodías para poemas de outros moitos autores galegos: Rosalía de Castro, Amado Carballo, Uxío Novoneyra, Celso Emilio Ferreiro, Blanco Amor, Fiz Vergara Vilariño, Antón Tovar, Darío Xohán Cabana, etc
En Agosto do 2006 presentou o seu segundo traballo ?A RABELA DA PLUMA? con textos do poeta da ?Pereira? Rairiz de Veiga, Antón Tovar. Contou con músicos da talla de Tino Di Geraldo na percusión, no baixo Peter Oteo, ao piano Iñaki García e as guitarras e arranxos de Jorge Fdez. Ojea.
Velaqui a conversa que con el mantivemos:
Canto tempo levas traballando neste hospital? Empecei no 1986. Desde entón sen parar.
Como compatibilizas a tua ocupación no hospital coa túa faceta artística? Afortunadamente os horarios deste traballo permitenme ter un tempo libre que dedico a ensaiar. Agora mesmo traballo en quenda fixa de mañás e eso supón ter as tardes libres. Ata hai pouco traballei en quendas de mañá e tarde e tiña menos tempo, e se tiña algunha actuación en fin de semana resultaba difícil cambiar a quenda de traballo, pero íao compaxinando.
Que che comentan os teus compañeiros de traballo sobre a música? Ben, no hospital fálase moito de fútbol, fálase moito de caza e pesca e outros temas, pero do que é a música fálase ben pouco; gustaríame que fose un tema máis comentado.