CIG-Saúde O Barco








Telf: 988 339112






















Perfil de Facebook de Cig-saúde O Barco.














BLOGS E WEBS DOUTRAS COMARCAS E ÁMBITOS DE CIG-SAÚDE














OUTRAS LIGAZÓNS INTERESANTES

















cig-saude o barco
h.obarco@cig-saude.org
 DESTACADOS
 CATEGORÍAS
 FOTOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 PARA SABER MÁIS

proposta sergas pacto de contratación
Deixamos a proposta do sergas sobre o novo pacto de contrataciois, aínda non falamos co persoal que participou na reunión para aclarar varias cousas, en canto teñamos toda a información a publicaremos neste mesmo post, de momento deixámosvos a proposta, posto que sabemos estades pendente dela, en canto nolo permita o traballo (hoxe estamos saturados) intentaremos contactar coa a xente que participou na reunión para ver que pasa coas posibles convocatorias de listas e outros aspectos do pacto que non nos quedan claros.

1º borrador sergas pacto de contratación

__________________________________________________________________


Despois de poñernos en contacto coa a xente que participou na reunión comunícanos os seguinte:

INFORMACIÓN DA REUNIÓN DE NEGOCIACIÓN PACTO DE VINCULACIÓNS TEMPORAIS CELEBRADA O DÍA 27 DE ABRIL.

Nesta reunión o SERGAS fíxo entrega do documento que se xunta. Temos que facer as alegacións correspondente, a próxima reunión será na segunda quincena de maio, é por iso que o grupo de traballo de contrataciois de CIG-Saúde reunirase o próximo dia 6 de maio para analizar o documento presentado polo SERGAS e posicionarse cara a reunión co SERGAS na segunda quincena de maio.

Entre outras cousas CIG-Saúde planteou incluir no ámbito de aplicación todas as categorías de saúde Pública. Estas listaxes están se renovar desde o ano 2002. O SERGAS tiña o compromiso de incluílas no novo pacto.

Incluír no pacto a selección temporal dos facultativos hospitalarios, isto xa estaba acordado no plano de estabilidade do 2006.

Substituír comisións periféricas por comisións de área. A Admón di que recollen o das comisións periféricas en espera da nova estrutura da área. Como CIG-SAÚDE comentamos que nós non vinculabamos as comisión de seguimento de área a futura estrutura, se non que, baseándonos no Decreto de estrutura do SERGAS pode ser competencia do Director de RRHH da área a selección temporal e polo tanto o seu seguimento.

Reiteramos a nosa solicitude de listaxes de ámbito hospitalario para CEE, Barbanza e Verín.

Na próxima reunión que convoque o SERGAS, ademais de ver as alegacións a este texto falaremos de:

a.-Listaxes de curta duración: o Sergas adiantou que a súa intención era convocar unha única listaxe de primaria especializada , pero que non tería puntuación adicional. A Admón di que a compensación por estar nesta listaxe xa se produce pólo nº de días que traballan.
b.- Xestión de chamamentos.
c.- Suspensión e penalizacións.
d.-Baremos e compatibilidade das listaxes.

Con respecto á convocatoria de novas listas o SERGAS mantén a súa proposta de convocar co novo pacto as categorias que levan mais tempo en vigor (celadores, tecnicos, psx, aux administrativos, pinches etc; non habria convocatoria ata a seguinte OPE das que levan menos tempo en vigor, TCAE, DUE, cociñeiras, etc). Polo tanto dende CIG-Saúde temos que tomar posicionamento sobre este tema.
Aquí en O Barco convocaremos unha asemblea de persoal para o martes 4 de maio para levar as propostas o grupo de traballo de CIG-Saúde, imaxinamos que no resto das áreas faranse asembleas ben de afiliad@s ou ben de todo o persoal para posicionarse tamén sobre a proposta.

OUTRAS INFORMACIÓN DE INTERES.

A Admón non informa que a partires do día 29 de abril vaise producir un cambio no aplicativo para corrixir o seguinte:

a.- Trienios interinos. Van a corrixir o programa informático para que automaticamente recolla o vencemento dos próximos trienios de interinos. Até o de agora o persoal eventual tiña que facer unha nova solicitude cando cumpría un novo trienio; agora o recoñecemento será automático como para o persoal fixo.

b.- Modificación da nómina en situación de IT.
A partires do mes de maio a inspección ea intervención obriga ao SERGAS a modificar as nómina s das/os traballadoras/es en situación de I.T.
Como sabedes na Admón temos recoñecido o complemento en situación de I.T , a empresa paga a diferenza entre o que marca a Seguridade Social (60 ou75% ) até completar o 100% das retribucións básicas. Até o de agora o SERGAS na nómina non diferenciaba o que te corresponde por IT, segundo os días de baixa, e o complemento que ela paga .
Desde o mes de maio virá diferenciado en dúas nóminas:
Unha nómina na que corresponde a retribucións en función da I.T
Unha segunda nómina co completo que paga o SERGAS para completar o 100% das retribucións.
Comentarios (0) - Categoría: a vosa opinión - Publicado o 28-04-2010 12:18
Queres comentar ou preguntar algo?
Miles de persoas maniféstanse en Compostela contra a privatización dos servizos públicos
noticia extraida de vieiros

Miles de persoas maniféstanse en Compostela contra a privatización dos servizos públicos


A actriz Isabel Risco foi a encarga de ler o manifesto conxunto ao remate da mobilización
Baixo o lema ?En defensa dos servizos públicos?, miles de persoas percorreron o domingo 25 de abril as rúas de Compostela en contra das políticas de ?privatización e mercantilización de todo o que é público?. Convocada por CIG, BNG, IU, SLG, FRUGA, Plataforma en Defensa dos Servizos Sociais Públicos, AS-PG e Nova Escola Galega, a marcha saíu da alameda arredor das doce e media e rematou na Praza da Quintana, onde a actriz Isabel Risco deu lectura ao manifesto conxunto no que denunciou a diminución da calidade das prestacións públicas, a precarización e o recorte do emprego implícitos a toda privatización.


MANIFESTO

En defensa dos servizos públicos


As políticas económicas e sociais deseñadas e aplicadas polo sistema económico neoliberal, como é sabido, procuran a privatización e mercantilización de todo o que é público e aproveitan a actual crise económica para acelerar o desmantelamento ou privatizar, aínda máis, os servizos públicos.

O goberno do Partido Popular está aplicando políticas o máis ultraliberais posíbeis, reducindo o gasto público na educación, na sanidade e nos servizos sociais, e desviando cantidades inmensas de diñeiro público para o negocio privado, mediante o incremento dos concertos ou a privatización de diferentes servizos.

Resulta inaceptábel a abusiva privatización da xestión de diferentes servizos que os concellos están levando a cabo. Son cada vez máis os servizos que se privatizan ou se xestionan a través de concesións, de cesións ilegais de traballadores ou a través de asistencias técnicas.

A deriva neoliberal de adelgazamento da propia administración é constante e permanente. Así un ano máis, o goberno central do PSOE, mediante a Lei de orzamentos do estado, restrinxe a oferta pública de emprego en moitas áreas da administración e impide, así, cubrir diferentes servizos mediante a xestión directa. Isto implica reducir o emprego e empeorar servizos prestados, xa que ese traballo será realizado mediante empresas privadas subcontratadas ou asistencias técnicas que procurarán abaratar custes para obter o maior beneficio posíbel en detrimento do servizo e precarizando as condicións laborais.

A aposta pola privatización e mercantilización de todo tipo de servizos públicos implica diminuír a calidade do servizo ou prestación e precarizar e reducir o emprego. A empresa privada pretende o máximo beneficio co mínimo custe, a conta do rebaixe da calidade do servizo da redución do persoal, de baixos salarios, contratos temporais e precariedade laboral dos seus traballadores e traballadoras. Non hai mellor proposta para defender o público fronte ao privado que ampliar a xestión directa dos servizos e non recorrer a órganos ou empresas con menos garantías para prestar o servizo e con traballadores/as que teñen os seus dereitos laborais reducidos.

Non hai sociedade do Benestar nin xustiza social sen uns servizos públicos universais de calidade, xa que significan unha garantía para reducir as desigualdades sociais e reforzar a cohesión social. A súa calidade e eficiencia soamente é posíbel mediante a xestión pública, xa que esta busca exclusivamente o ben público e social. O público é garantía de calidade, o privado é negocio e beneficio.

Resulta inxustificábel que, neste momento de crise motivada pola aplicación de políticas neoliberais, se liquiden servizos, se despidan traballadores e traballadoras e se deixe de atender sectores sociais máis desfavorecidos que sofren de xeito máis duro as consecuencias desta situación. Por iso, rexeitamos o desmantelamento das oficinas I+B co despedimento de 61 traballadoras/es, a privatización dos centros de día e a pretensión de eliminar o carácter público do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, como instrumento de xestión interadministrativa entre a Xunta e os entes locais para o desenvolvemento de servizos sociais comunitarios específicos comarcais acaídos ao País, asi como a entrega total á empresa privada de SOGASERSO, destinada a xestionar as Residencias de maiores.

A aposta do Partido Popular pola mercantilización do ensino, lévaos a privilexiar modelos educativos retrógrados mediante concertos educativos que segregan o alumnado por razón de xénero. A Xunta destina 259 millóns de euros, o 11% dos orzamentos de Educación, ao ensino privado, mentres o ensino público continúa con carencia de profesorado e de recursos suficientes para facer fronte ao fracaso escolar e non garante a demanda de prazas escolares de 0 a 3 anos. Esta xenerosidade do PP coa patronal do ensino concertado contrasta coa redución do orzamento da Consellaría de Educación, coa supresión da gratuidade dos libros de texto, coa negativa a reducir o número de alumnado por aula, a universalizar o servizo de comedores escolares e á gratuidade das actividades extraescolares.

A redución dos orzamentos dedicados á sanidade pública para o ano 2010 constatan a continua aposta polo financiamento da sanidade privada coa introdución do modelo de financiamento privado de obra pública para a construción do hospital de Pontevedra e Vigo que veñen a completar a privatización de numerosos servizos que hoxe xa están externizados. As listas de espera fanse insufríbeis e intolerábeis, os servizos sanitarios teñen múltiples deficiencia e carencias, mais isto non lle impide á Xunta amortizar prazas e perpetuar a precariedade laboral. A aposta pola sanidade pública comporta impedir que a saúde se converta nun negocio, ter control público, garantía e calidade.

Un capítulo á parte é a privatización e eliminación dos servizos ás explotacións agrícolas e gandeiras. As oficinas de asesoramento e de apoio ás explotacións comarcais sufriron dende hai anos recortes de persoal e de medios, perdendo o seu carácter de dinamizadoras para quedarlles encomendada só unha parte dos trámites burocráticos.

Mención a parte merece o desmantelamento da empresa pública SEAGA, privatizando a xestión agroforestal e encomendando a empresas privadas a extinción de incendios forestais, atención veterinaria, atención telefónica ao agro, etc, que comportaron o despedimento de máis de 2000 traballadores/as. Así mesmo persiste unha total incerteza na extinción de incendios de cara ao verán onde traballan arredor de 2000 persoas. Así mesmo ficaron paralisados os proxectos UXFOR e o BANTEGAL actúa co mínimo persoal.

A xestión privada tamén se apoderou dos parques comarcais de bombeiros. Desde as administracións non se rescata ningunha privatización e continúase coa vontade de que todos os que abran de novo sexan de xestión privada.

PERANTE ESTA GRAVE SITUACIÓN

ESIXIMOS:

A mellora, reforzo e ampliación dos servizos públicos, creando emprego e transformando o temporal en estábel. Ampliación da propia administración pública como proposta de defensa do público fronte ao privado.

A revogación progresiva dos concertos estabelecidos coas empresas privadas, nomeadamente no ensino e na sanidade, e absorción e prestación destes servizos directamente pola administración correspondente.

A supresión de todas as fundacións constituídas para xestionar empresas, institucións ou órganos públicos, integrándoas na administración correspondente. Absorción paulatina dos servizos privatizados das diferentes administracións e supresión das asistencias técnicas.

A eliminación da restrición da oferta de emprego imposta polo estado na Lei de Orzamentos. As Administracións galegas (autonómica e local) terán plenas competencias para, previa negociación coas OOSS, crear e ofertar o emprego necesario. A defensa inequívoca do ensino público, dotándoo de maiores orzamentos e suprimindo os concertos educativos.

O mantemento e extensión das Galescolas como modelo educativo público galego para a educación infantil de 0 a 3 anos. A Administración ofertará prazas suficientes de 0 a 3 anos, na rede pública.

A ordenación e o incremento da oferta de ciclos formativos no ensino público, satisfacendo a demanda existente para facilitar o emprego e o desenvolvemento daqueles sectores estratéxicos do tecido industrial e produtivo galego. Eliminar os concertos educativos na formación profesional

A dotación de profesorado suficiente nos centros públicos para satisfacer as necesidades educativas dos centros, reducir a ratios, atender a diversidade, prever e actuar contra o fracaso e o abandono escolar e acadar a máxima calidade posible.

Dotación, en todos os centros públicos, de administrativos e de coidadores, educadores sociais e outros profesionais nos que sexan necesarios.

Acceso en todo o territorio a un ensino público de calidade, paralización da supresión de servizos e recuperación dos mesmos, nomeadamente no medio rural (escolas unitarias, unidades educativas, ciclos formativos...)

O fornecemento de servizos complementarios necesarios, nomeadamente de comedores escolares, a todos os centros educativos públicos. Garantiráselle a gratuidade a todo aquel alumnado con escasos recursos. Así mesmo, a Administración facilitará a gratuidade e universalidade das actividades extraescolares nos centros públicos. Restabelecemento da gratuidade dos libros de texto a todo o alumnado do ensino infantil e obrigatorio.

A dotación orzamentaria que permita acadar un sistema sanitario público de calidade, garantindo á poboación os principios básicos de universalidade, gratuidade e equidade no acceso ao sistema. Os orzamentos do ano 2010 para sanidade implican o seguinte: en Atención primaria un 4,2% menos, en Persoal un 3,5% menos e en Equipamentos un 2,5% menos. Con esta anemia orzamentaria só se pode esperar un empeoramento da Sanidade pública

Unha defensa activa do sistema sanitario público. Rexeitamos a actual política de concertos coa sanidade privada, que ten como máxima pretensión crear unha confusión entre a sanidade pública e privada: incumprimento da Lei de incompatibilidades e do traballo en réxime de exclusiva. Exiximos o cumprimento do Plan de Mellora de Atención Primaria e o Plan de Saúde Mental.

O rexeitamento de calquera intención de introducir no sistema sanitario público os modelos de iniciativa de financiamento privado (que implican segundo a OMS unha redución de camas do 30% e unha redución do persoal sanitario, médicos e enfermeiras do 38%, datos xa contrastados) onde estes modelos xa están funcionando. Exiximos que o plan directorio de infraestruturas sanitarias se financie integramente con fondos públicos, tanto na construción como na xestión destes: hospitais de Vigo e Pontevedra, posta en funcionamento do hospital de Lugo, construcións dos centros de saúde e as obras de adaptación nos distintos hospitais.

A igualdade territorial dos recursos sanitarios e a paralización do proceso de supresión de areas sanitarias consolidadas (Barco, Monforete, A Mariña, Ferrol...) Implantación das medidas que permitan corrixir os problemas de acceso á atención sanitaria, en particular ás listaxes de espera para diagnóstico e tratamento cirúrxico, que é o problema máis grave da sanidade pública e un indicador claro do deficiente funcionamento do sistema.

Un servizo público de servizos sociais que atenda e cubra as necesidades de poboación galega, asentados na prevención, na atención integral a persoas e enmarcados nun sistema público galego de servizos sociais. Sistema público galego que cubra as necesidades do conxunto da poboacións galega.

? Desenvolvemento da Lei 13/2008 do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia en vigor dende o 18 de marzo de 2009 na que se define aos servizos sociais como un sistema público de servizos, constituíndose no 4º piar do benestar xunto coa educación, a sanidade e a seguridade social; recoñece o dereito aos servizos sociais como un dereito subxectivo das persoas, do conxunto da poboación, obriga a incluír nos orzamentos anuais da Xunta e das entidades locais as partidas necesarias para o financiamento do sistema galego de servizos sociais.

? A consolidación dun sistema público galego de servizos sociais que garanta os equipamentos precisos para acadar uns servizos que cubran as necesidades sociais do conxunto da poboación galega -servizos aos que temos dereito, vivamos onde vivamos- co obxectivo de favorecer a cohesión social do país, reforzando os vencellos sociais e combatendo os procesos de desestruturación territorial e social, abordando, tanto as situacións de falla de autonomía persoal, como as de pobreza e exclusión social ou nas que existan menores en conflito ou desamparo.

? A consolidación dos servizos sociais comunitarios dirixidos ao conxunto da poboación dun territorio determinado que teñen un carácter predominantemente local, baseado no desenvolvemento de accións preventivas, de atención integral a persoas e familias e de incorporación social e laboral, enmarcados no sistema público galego de servizos sociais estruturado en rede e coordinado cos outros servizos para o benestar: de saúde, educación, emprego, vivenda, migracións, etc. Un servizo de correos público galego, xa que o servizo de correos é algo necesario para impedir que o mundo rural se sinta discriminado e se poida revitalizar

O rescate e ampliación da xestión pública en servizos que foron ou están sendo privatizados nas administracións locais como a limpeza, abastecemento de auga e depuración, parques e xardíns, escolas infantís, servizos socioculturais e administrativos, servizos provinciais de emerxencia, parque comarcais de bombeiros.

O restabelecemento da xestión pública dos servizos que prestaba SEAGA e SOGASERSO.

A revitalización e dotación de persoal e medios ás Oficinas Agrarias Comarcais para que volvan prestar todo tipo de servizos de asesoramento, incluído o aconsellamento, e tramitación ás explotacións, rescatando todos os servizos que xa foron privatizados

O rexeitamento total ás recentes decisións de eliminar servizos e postos de traballo nas entidades públicas e ao traspaso de tarefas tan importantes como os traballos de prevención de incendios a empresas privadas sen ningún tipo de control.

A xestión directa da administración en todo o relacionado coa á sanidade animal e vexetal, que só se realizarán con garantías se non están sometidas a intereses privados e particulares e se asumen dende a Administración Pública.

Artellamento duns servizos de transporte público no medio rural acorde coas necesidades existentes, mantendo e mellorando o que xa existe, recuperando liñas, e ampliando horarios, tanto de autobuses como de tren.

Convocan

CIG, BNG, IU, SLG, FRUGA, Plataforma en Defensa dos Servizos Sociais Públicos, AS-PG e Nova Escola Galega.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2010
Comentarios (0) - Categoría: a vosa opinión - Publicado o 26-04-2010 11:41
Queres comentar ou preguntar algo?
Pradolongo, primeiro filme galego que chega ao circuito comercial portugués
noticia extraida de Vieiros:

'Pradolongo', primeiro filme galego que chega ao circuito portugués de cine comercial

A película de Ignacio Vilar estrearase a vindeira semana en Braga, posteriormente percorrerá outras cidades lusas. A película poderá verse na versión orixinal en lingua galega.

Por vez primeira unha película feita en Galiza e na nosa lingua chegará ao gran público portugués. As salas Cinemax de Braga (Centro Comercial Bragashopping) proxectarán dende o vindeiro sábado 17 de abril o film 'Pradolongo', do director Ignacio Vilar. Posteriormente, a película vai poderse ver en cines comerciais doutras cidades do país veciño, entre elas na propia Lisboa.

A estrea non deixa de ser un fito importante na historia do noso cine, xa que nunca unha película rodada en galego tiña sido exhibida nos circuitos comerciais lusos. O propio Ignacio Vilar salienta o feito de que os espectadores van poder ver o filme no idioma propio de Galiza, ou máis ben como matiza con humor en ?galego de Valdeorras?.

A estrea vén acompañada dun esforzo por parte dos directores e dos actores por achegarlle a obra ao gran público. Para iso, Ignacio Vilar, Rubén Riós, Tamara Canosa e Roberto Porto teñen previsto achegarse até o outro lado da Raia para promocionar o filme en actos organizados por institutos e asociacións das diferentes cidades. En Braga, os actos contarán co apoio da Universidade do Minho, do Centro de Estudos Galegos, Bragashopping e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.


Comentarios (0) - Categoría: a vosa opinión - Publicado o 11-04-2010 23:04
Queres comentar ou preguntar algo?
concentración contra o decretazo
artigo extraido de avantar

Queremos Galego convoca unha concentración contra o decretazo no ensino coincidindo coa reunión do Consello Escolar
A CIG-Ensino fai un chamamento a participar na mobilización, o mércores día 7 de abril, ás 16:15 horas

A Plataforma cidadá Queremos Galego, na que está integrada a CIG, convoca para o próximo mércores, día 7 de abril, ás 16:15 horas, unha concentración ante a sede do Consello Escolar (Rúa San Roque, 2, a carón da galescola, no antigo Hospital de San Roque), en Santiago de Compostela. A convocatoria coincide coa xuntanza deste organismo consultivo, que se pronunciará nesta xuntanza sobre o anteproxecto de decreto contra o galego no ensino non universitario. A CIG-Ensino fai un chamamento a participar nesta concentración simbólica.

Queremos galego convoca esta concentración d eurxencia co obxectivo de ?reiterar cantas veces sexa preciso? o rexeitamento unánime que suscitan nos diferentes sectores do ensino e na sociedade en xeral ?os plans de demolición da lingua propia polo Partido Popular?.

A plataforma cidadá chama especialmente á participación dos diferentes axentes da comunidade educativa para que ?tanto dentro como fóra? da reunión do organismo consultivo ?fagan sentir a voz que a consellaría de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística está tratando de silenciar por todos os medios posíbeis?.

O movemento cívico de entidades a prol do idioma propio do país pretende que a sociedade ?non albergue a máis mínima dúbida? sobre a ?natureza antidemocrática? dunha norma que non ten máis apoios que os ?debuxados na imaxinación do Partido Popular?.
Comentarios (0) - Categoría: a vosa opinión - Publicado o 06-04-2010 14:36
Queres comentar ou preguntar algo?
pechados comentarios
Ó final tivemos que facer algo que non nos gusta, que é pechar os comentarios do post de aclaraciois do novo pacto de contrataciois. Nós temos sofrido neste blog todo tipo de ataques polo noso traballo, pero nunca ata o de agora a xente se tivo ensañado co persoal temporal e interino do SERGAS do xeito que se estaba facendo nese post.

Esperamos pola moita xente que entra a informarse, preguntar ou a dar a súa opnión dun xeito respectuoso aínda que choque coa nosa, que este tipo de comentarios non volten a aparecer noutros post, posto que iremos desactivando a opción comentarios a medida que vaian entrando insultos, fallas de respecto ou calquera forma de expresión que non cumpra unhas mínimas normas de educación e respecto.

E de verdade que nos doe moito ter que facer isto, pero algunha xente non nos da mais opción.
Comentarios (0) - Categoría: a vosa opinión - Publicado o 04-03-2010 23:20
Queres comentar ou preguntar algo?
© by Abertal


free web counter



O Tempo no Barco de Valdeorras - Predición a 7 días e condiciois actuais.


Estadisticas Gratis




Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0