Choposcarballo


Usuari@s do CRLP "Os Chopos" de Carballo da asociación APEM(Asociación Pro Enfermos Mentais)da Coruña.







¿QUEN SOMOS?
choposcarballo@yahoo.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDAMOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O FÚTBOL NOS CHOPOS. MÁIS CA UN DEPORTE
Unha das actividades que máis atractivo ten para os usuarios do centro “Os Chopos” de Carballo é o fútbol sala xa que desde hai un ano temos un equipo que participa no campionato que se celebra en distintas localidades de Galicia.
O pasado ano, o equipo aínda estaba en fase de formación e os resultados non foron os esperados xa que no primeiro partido da eliminatoria final tocounos xogar contra un equipo moi forte que finamente sería o campión.
Este ano adestramos a un bo ritmo, o equipo estase volvendo máis compacto e o xogo mellorou notablemente. Melloramos moito a defensa que nos permite saír ó contraataque con máis facilidade ca antes e ter máis ocasións de gol. Como consecuencia de todo isto os resultados foron bastante bos xa que gañamos máis partidos que o ano anterior e conseguimos unha boa clasificación na primeira fase do campionato.
Para a final de Narón, que é a cita máis importante do ano e onde compiten tódolos equipos de Galicia, esperabamos poder chegar nunha boa posición que nos permitira ter menos partidos e así obter mellor rendemento do noso xogo e acadar un bo resultado final pero pouco puidemos facer contra os equipos do sur, Lenda e Lar, que un ano máis acadaron os dous primeiros postos.
Ademais do puramente deportivo, o fútbol sala é unha actividade que nos permite a todos os que participamos nela mellorar a nosa condición física e sobre todo mellorar como persoas. Xa de todos é sabido que o deporte é o mellor antidepresivo que existe e basta converter o pensamento positivo en acción positiva, cando menos á hora de desenvolvernos no campo.
Tamén ten unha función lúdica e pedagóxica que nos enriquece moito como persoas, ensínanos a competir(gañar e tamén a perder), a respectar unhas normas, a facer equipo, etc. Ademais, coñecemos outros lugares, outros equipos e moitos compañeiros que coma nós teñen os mesmos problemas.
Os desprazamentos a outras localidades permítennos coñecer sitios novos e danos a oportunidade de facer máis vida social ó relacionarnos con persoas coas que non temos un trato diario. Pero o mellor de todo é divertirnos practicando un deporte que nos conforta, sexa cal sexa o resultado final dos partidos.
FOTO:LENDA de Redondela.Campión 2009
Comentarios (0) - Categoría: REVISTA "AMENCER" - Publicado o 21-10-2009 11:21
# Ligazón permanente a este artigo
V ENCONTRO DE FAMILIAS
XORNADA DE ENCONTRO DE FAMILIAS

A V Xornada de Encontro de Familias celebrada o pasado día 17 de Outubro no Pazo da Ópera da Coruña foi un éxito de participación e nós, como non podía ser menos, acudimos coas nosas familias para disfrutar dunha xornada chea de emocións e entretenemento.
A xornada foi inaugurada por distinguidos políticos do ámbito local, provincial e autonómico ademáis do presidente de Feafes Galicia, entidade organizadora xunto coa nosa asociación Apem. Por certo, esperamos que desta vez a clase política tomara nota das nosas demandas e se eforce algo máis para satisfacelas.
Logo dos discursos de inauguración e da parada obrigada para o café, gozamos dunha magnífica mesa de reflexión onde un periodista, un psicólogo social, un arquitecto e tres usuarios opinaron sobre a integración social dos enfermos mentais. Como era de esperar, e sen desmerecer as dos demáis tertulianos, as opinións e reflexións máis acertadas e por suposto as máis aplaudidas foron as dos nosos compañeiros.
A hora do xantar sempre é ben recibida e aínda máis se compartimos mesa coas nosas familias e compañeiros e compañeiras do noso e doutros centros. A comida deliciosa.
Xa pola tarde entregáronse os premios Feafes Galicia de narrativa, poesía, fútbol, blogs, etc. mentres viamos unha montaxe fotográfica da final do campeonato de fútbol celebrada en Narón no mes de Xuño.
Unha obra de teatro representada polo grupo Pinchacarneiro de Lugo foi o último acto antes de que o presidente de Feafes Galicia e o presidente de APEM D.Luis Muruzabal clausuraran a Xornada.
Para o ano esperamos voltar coas nosas familias e aínda que resulte paradóxico, esperamos ser moitos máis…sans.

Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 20-10-2009 12:10
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal