Choposcarballo


Usuari@s do CRLP "Os Chopos" de Carballo da asociación APEM(Asociación Pro Enfermos Mentais)da Coruña.







¿QUEN SOMOS?
choposcarballo@yahoo.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDAMOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DÍA DA SAÚDE MENTAL EN CARBALLO. UN ÉXITO
Éxito rotundo na celebración do Día da Saúde Mental celebrado en Carballo e organizado por APEM.
Máis de 150 persoas acudiron ó Pazo da Cultura do Concello de Carballo para coñecer as opinións de diferentes opinións de especialistas e políticos sobre a saúde mental. Psiquiatras, políticos, psicólogos,técnicos dos servizos sociais e unha representante das familias deron unha ampla información sobre a enfermidade mental e as súas consecuencias.
A xornada foi un éxito tanto a nivel participativo como a nivel informativo.
Moitas grazas por asistir
Comentarios (1) - Categoría: NOVAS - Publicado o 22-10-2010 10:12
# Ligazón permanente a este artigo
DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL EN CARBALLO
o Día 21 de Outubro celebramos en Carballo o DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL.Para este día organizamos ás 17:30 h. no PAZO da CULTURA unhas charlas informativas de técnicos e políticos que nos falarán dende diferentes puntos de vista da Saúde Mental,dos servizos dos que dispoñen os pacientes, das carencias,do rexeitamento social, dos recursos públicos que se destinan a estes enfermos e enfermas, dos servizos que presta APEM en Carballo e noutras comarcas, etc.
Ademais, ó longo da semana estamos organizando diversos actos que comezaron este luns cunha rolda de prensa no concello para dar a coñecer o acto central da celebración.A esta rolda de presa acudiu tamén o Alcalde D. Evencio Ferrero, O concelleiro de Sanidade D. Marcos Trigo,o médico psiquiatra D. Juan Carlos Díaz del Valle, e a directora de APEM Dª Esther Monterroso.Estamos tamén convidados a unha tertulia en Radiovoz Bergantiños e a outra en BerTV que se emitirán ó longo desta semana e da seguinte.
Esperamos a presencia de moitas persoas interesadas en ter máis información sobre os trastornos mentais e toda a problématica que acarrea. ¡¡¡¡AGARDÁMOSVOS!!!!
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 19-10-2010 15:29
# Ligazón permanente a este artigo
NOVOS "TROFEOS" DOS NOSOS TALLERES
Novos deseños para o noso taller de cerámica, desta vez para un encargo do Concello de Carballo. Uns trofeos moi orixinais para unha carreira ciclista que os usuarios e usuarias de APEM en Carballo crearon coas súas mans. Seguimos avanzando e innovando nos deseños e nas formas, esperamos máis encargas para mostrar do que somos capaces.
Máis fotos na fotoblogoteca.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 19-10-2010 10:53
# Ligazón permanente a este artigo
LIGA DE FÚTBOL FEAFES 2010
Deu comezo a liga de fútbol Feafes 2010 cun amplo número de equipos participantes que xogarán por toda a xeografía galega ó longo destes meses e rematará coa fase final que este ano se celebrará en Burela.
O noso equipo comezou con moita ilusión e bo pé nesta competición xa que logrou empatar na casa (3-3) co poderoso equipo de Cee. Esta semana visitamos á novidade deste ano, o equipo de Cambre, ó que logramos vencer por 8-5. A ilusión está por todo o alto e xa esperamos os próximos compromisos dos que teredes puntual información neste blogue.
¡¡FORZA!! APEM CARBALLO
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 03-03-2010 18:00
# Ligazón permanente a este artigo
ENTROIDO 2010. FESTA RACHADA
O entroido segue pasando polo noso centro e este ano fixémoslle unha gran festa con música e disfraces para celebralo e divertirnos xunto as nosas familias e amigos.
No escenario dos Chopos de Carballo déronse cita grandes artistas coma Marta Sánchez e Carlos Baute, Bonney M., o Dúo Dinámico, Rafaela Carrá, un cardenal cantando copla, Marisol, Los Manolos e moitos outros convidados a este magnífico espectáculo.
Todo saio moi ben e divertímonos moito durante as actuacións e, por suposto, ó remate onde nos esperaba unha boa merendola na compaña dos nosos familiares e amigos.
Tódolos usuarios e usuarias dos Chopos desexámosvos que pasedes un antroido divertido e o pasedes tan ben coma nos nesta festa. ¡¡DISFRAZÁDEVOS!! e rídevos por uns días de todo o que vos rodea, ademáis de ser unha tradición que non debemos perder, é moi bo para a saúde…
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 12-02-2010 13:00
# Ligazón permanente a este artigo
O TEATRO DOS CHOPOS DE XIRA
Comezou a xira do noso grupo de teatro que por fin se estreou nun escenario fóra do noso centro. Fixoo, con grande éxito, no aniversario do xeriátrico Abrente onde un numeroso grupo de maiores poideron ve-la representación da obra “Pista ou Peste” que levou o sorriso ás súas caras durante a representación.
Temos que decir que actuar fóra do centro para un público, que non son as nosas familias e amigos, foi unha experiencia nova para todos nós polo que os nervios eran un pouco maiores que noutras ocasións, pero todo saio á perfección.
A prensa local fíxose eco deste acto con foto dalgúns dos nosos actores en plena representación, esperamos seguir saindo en próximas representacións que de seguro nos ofrecerán noutros lugares do concello ou da comarca.
Tamén nos gustaría facer mención ó fabuloso trato que nos dispensaron todo o persoal do centro Abrente antes, durante e ó remate da función que nos convidaron a uns petiscos que agradecemos gustosamente.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 05-02-2010 13:09
# Ligazón permanente a este artigo
COMUNICÁNDONOS
Aínda que pareza que foi onte,cumprimos xa seis meses da nosa andanza polo mundo da internet para abrirmo-las portas e amosa-los nosos quefaceres no CRPL "Os Chopos de Carballo".

Como xa escribimos noutros artigos, utilizamos o noso blogue como unha ferramenta máis para amosar os traballos que facemos no centro, as actividades que se levan a cabo, os servicios que a nosa asociación(APEM)presta ós doentes e familiares, etc. Pero, ademais de todo esto,queremos que sirva para comunicarnos con tod@s vós,tod@s @s que estades ó outro lado do ordenador e que tedes certa curiosidade e interese polo que aquí facemos. Axudádenos a darlle un pouco de publicidade. Ademais, acabamos de instalar un contador de visitas queremos que ve-lo subir cada día.

Gustarianos tamén que esa comunicación fose recíproca e que nos comentarades os nosos artigos,escribirades as vosas reflexións, e nos propuxerades todo o que vós queirades,recordámosvos que podedes facelo en cada un dos artigos ou no noso e-mail:choposcarballo@yahoo.com seguro que vos contestaremos.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS - Publicado o 12-01-2010 17:55
# Ligazón permanente a este artigo
ENTREVISTAMOS A ...
Coma en calquera outra revista, e a nosa non podía ser menos, é a entrevista unha das partes máis interesantes e case imprescindible aínda que para os que traballamos na súa elaboración non deixe de ser unha das tarefas máis dificultosas tanto pola elección do persoeiro, a elaboración do cuestionario, etc.
Para a nosa estrea como entrevistadores escollemos a D. Xoan M. Sande Muñiz que ademais de se-lo Presidente da Comisión de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña é concelleiro do BNG no concello da Laracha e polo tanto un veciño da nosa Bisbarra.


1)Como ben saberá, polo feito de ser un enfermo mental ou sufrir outra discapacidade é moi probable que nalgún momento poidamos ser discriminados socialmente, ¿Cal é o seu punto de vista sobre este tema

Certamente, as persoas con enfermidades mentais padecen discriminación en moitas ocasións e en moitos aspectos da vida, seguramente máis incluso que outros colectivos de persoas en situación de exclusión social, pois cando se trata de persoas con algunha enfermidade mental a actitude do resto da sociedade está marcada moitas veces polos prexuízos. Penso que esta actitude se dá fundamentalmente polo descoñecemento da realidade dos enfermos e do que é a enfermidade mental. Ninguén debe ser discriminado nunha sociedade que pretende ser democrática e xusta. Neste caso, coido que a maior parte da xente non se dá conta de que enfermos mentais podemos ser calquera de nós nun momento determinado das nosas vidas.


2)¿Que poden facer vostedes como políticos dende as institucións para que os enfermos mentais poidan levar unha vida digna?¿Cre que as institucións fan bastante polos enfermos mentais?

É unha obriga das administracións atender a todos os colectivos en risco de exclusión social, e por suposto, a administración sanitaria está obrigada a atender ás persoas con algunha enfermidade. Penso que na sanidade pública o tratamento integral da enfermidade mental é unha asignatura pendente, é necesario achegar moitos máis recursos e crear máis Unidades de Saúde Mental. Por outra banda, ademáis do que é o tratamento da enfermidade, a administración tamén ten que abordar todo o que ten que ver coa integración social das persoas con enfermedades mentais, un traballo que ata o de agora están a desenvolver unicamente entidades sen ánimo de lucro como é o caso de APEM. Por suposto, a colaboración coas entidades que desenvolven este labor fundamental ten que ser tamén unha prioridade para as administracións, fundamentalmente para a administración sanitaria da Xunta de Galiza (que é a que ten as competencias e a obriga) mais tamén para outras administracións. Desde a Deputación da Coruña tratamos de colaborar, dentro das nosas posibilidades, con todas as entidades de iniciativa social da provincia, e nesa liña imos a continuar. Pero está claro que, no caso concreto da enfermidade mental, queda moito por facer.


3)Sentiuse vostede nalgún momento da súa vida discriminado por algún aspecto físico, psíquico, social, laboral, etc? Poderíanos comentar brevemente a súa sensación naquel momento?

Si, certamente ao longo da miña vida téñome sentido discriminado nalgunha ocasión, aínda que a verdade é que non son situacións comparábeis á discriminación que padecedes as persoas con enfermidades mentais nesta sociedade na que vivimos. Sendo neno, teño padecido discriminación e burlas por parte dos outros nenos polo meu sobrepeso. Desde moi pequeno, sempre fun un neno gordiño, e toda a miña vida tiven sobrepeso (cos anos cada vez máis), e xa se sabe que os nenos ás veces poden ser moi crueis neste tipo de situacións. Á marxe diso, tamén teño sentido discriminación por falar o meu idioma, o galego, en moitas ocasións. Coido que calquera persoa que fale galego, e que non renuncie nunca a empregar a nosa lingua en determinados ámbitos urbanos (por exemplo, nalgunha administración pública na Coruña, ou en comercios, etc.), tense atopado en situacións incómodas e ten sufrido certa burla ou humillación polo feito de falar galego.


4)¿Que novos proxectos teñen pensado subvencionar dende a área que preside para a nosa asociación APEM?

Os últimos proxectos de APEM que temos apoiado desde a Deputación da Coruña, aportando financiación (á marxe da convocatoria anual de subvencións) foron a adquisición dunha casa con finca no concello da Laracha e tamén unha aportación económica reflectida nos orzamentos deste ano para obras de reforma no centro “Os Chopos” da Coruña. Agora mesmo estamos a traballar nos presupostos do vindeiro ano 2010, e dentro deles estamos a mirar a posibilidade de incluír unha partida para as necesarias obras de reforma que APEM ten que abordar nun local que lle cederon na Coruña para a creación dun “Centro de Formación”.


5)¿Que o animou a vostede a entrar en política?

A verdade é que a min a política empezoume a gustar sendo moi novo, cando estudaba, e desde moi novo funme metendo pouco a pouco, cada vez máis, ata chegar a onde agora estou, ocupando esta responsabilidade no goberno da Deputación. Empecei a militar no BNG no ano 1995, mais desde antes xa estivera nalgunha organización estudiantil primeiro, e logo tamén me organizara sindicalmente. Sempre no ámbito de organizacións nacionalistas, pois sempre tiven moi clara a miña conciencia nacionalista, mesmo desde antes de ser maior de idade. Precisamente o que máis me animou a entrar en política foi esa conciencia nacionalista, de vivir nunha nación que padeceu todo tipo de aldraxes, que estivo sometida xa desde os “Reis Católicos” que iniciaron o que se coñeceu como a “doma e castración” de Galiza. Unha nación á que trataron de eliminar todos os seus sinais de identidade, e mesmo o seu idioma. En fin, coido que o que máis pesou en min á hora de decidirme a entrar en política foi a idea de intentar facer chegar á maioría das galegas e dos galegos esa conciencia de que vivimos nunha nación, Galiza, e que debemos tomar as nosas decisións por nós mesmos, por suposto, sempre desde unha visión de esquerdas.


6)Para rematar, ¿Pódenos facer unha breve valoración do actual panorama político galego?

Coido que estamos agora mesmo, en Galiza, nunha situación política delicada. Logo de catro anos dun goberno bipartito, no que por primeira vez o nacionalismo galego accedera ao goberno do país, penso que se tiñan iniciado reformas estruturais importantes e que se avanzaba cara a creación dun “Sistema Galego de Benestar”. Mais as eleccións do un de marzo, e o regreso do Partido Popular ao poder, está a ser un freo para as políticas sociais que se tiñan iniciado, como se está a ver. Para a dereita nunca as políticas sociais foron prioritarias, e penso que os orzamentos que este novo goberno ten presentado para o vindeiro ano así o evidencian. Por primeira vez, desde que existe a autonomía, os presupostos para a sanidade e a educación públicas redúcense substancialmente. Ademáis, por primeira vez, e de xeito inaudito, o goberno galego está a iniciar unha cruzada contra o noso idioma que non ten precedentes, e que resulta absolutamente incríbel tendo en conta que, tal e como establece o Estatuto de Autonomía, unha das principias obrigas da Xunta e a defensa e a promoción da nosa lingua. Por outra banda, a nivel xeral hai unha sensación entre a cidadanía de que a política está absolutamente corrompida, e penso que é moi negativo que se extenda esta idea, pois en política, como no resto da sociedade, hai moitas persoas honradas que se adican a facer o seu labor do mellor xeito, e só beneficia aos corruptos esa idea de que todos son iguais. A política é necesaria, e canta máis xente participe nela mellor. Penso que o que necesitamos é que máis persoas se impliquen políticamente, desde logo no BNG temos as portas abertas a todas aquelas persoas que teñan as nosas mesmas inquedanzas e queiran traballar por mellorar este país.



Comentarios (0) - Categoría: REVISTA "AMENCER" - Publicado o 30-12-2009 10:49
# Ligazón permanente a este artigo
O ANTROIDO NOS CHOPOS. VAIA FESTA
Coma cada ano polo Antroido celebramos no centro dos “Chopos” de Carballo unha festa para conmemorar estas datas. Este ano tivo lugar o pasado 19 de febreiro e para a ocasión decidimos montar un marabilloso espectáculo no que tódolos usuarios puidemos participar.
Fixemos actuacións con cancións dos ritmos máis variados, bailes e monólogos. Os participantes actuaron caracterizados e disfrazados segundo a canción que ían interpretar e para conmemorar unha festa típica de disfraces como é a do Antroido.
O espectáculo foi amplo e variado, interpretáronse temas tan diferentes coma coplas, rock, pop, etc.e bailes coma o da “bachata” xenialmente interpretado polos nosas bailarinas e bailaríns e todo elo mesturado con algún que outro monólogo que fixo sorrir ó público asistente.
Unha das actuacións que máis agradou, foi o da nosa folclórica particular Milagros que co seu encanto e poderío fixo rir ó público asistente e levantar dos seus asentos ós menos entregados ó espectáculo.
O que máis nos gustou a nós como participantes e máis nos encheu de ledicia foron os aplausos do público, que premiaron as nosas “dotes artísticas” e por suposto, o noso esforzo, xa que para nós, a concentración e moi difícil de acadar e manter o que nos leva a realizar un maior numero de ensaios e redobrar o noso esforzo e atención.
Este ano veu a prensa a sacar fotos das representacións, a foto representativa do periódico foi a de dous dos nosos compañerios cantando a dúo unha das cancións que interpretaron.
Ó remate do festival do Antroido o público foi convidado a degustar os pratos típicos destas datas. Nestes pinchos de filloas, orellas, roscas, etc.podíanse oír as conversas e comentarios, todos eles positivos, sobre o ben que saíran as actuacións e o moito que se riron con elas, esperando unha nova ocasión para poder disfrutar de outra festa semellante.
O festival foi adicado ó noso compañeiro Alfredo que tristemente perdemos a finais do pasado ano. Un gran compañeiro que pola boa persoa que era e polo tempo que levaba no centro, era coma un pai para moitos de nós e disfrutaba moitísimo con estes festivais. Para el foi adicado o aplauso máis forte de toda a tarde por parte do público asistente e de todos nós.
Para o próximo ano esperamos superarnos e esforzarnos un pouquiño máis se cabe e tentaremos facelo un pouco mellor se podemos. O que non nos van faltar son as gañas e esforzo para facelo e disfrutar así do éxito acadado.
Comentarios (0) - Categoría: REVISTA "AMENCER" - Publicado o 30-12-2009 10:31
# Ligazón permanente a este artigo
CALQUERA DE NÓS
Despois de catro anos nos Chopos de Carballo a miña experiencia neste centro pódoa cualificar de marabillosa.
Tras unha curta estancia no sanatorio de Oza da Coruña, e logo de receitarme o tratamento e as doses axeitadas, faláronlle a miña familia e a min dun centro en Carballo onde podería completa-la miña rehabilitación. Foi así cando tiven o meu primeiro contacto cos “Chopos”.
A primeira etapa aquí foi moi dura, xa que por problemas de transporte, tíñame que levantar moi cedo para vir e poder participar en tódalas actividades que se propoñían no centro. Agora todo mellorou un pouquiño, refírome o transporte, e non me é tan complicado asistir diariamente.
Moi lentamente doume conta que cada día que pasa vou mellorando da miña enfermidade, e culpa desta mellora téñena as actividades que realizamos no centro e o seu funcionamento diario. Todo esto lévame a seguir unhas rutinas diarias, un horario para levantar, etc, que me manteñen ocupada boa parte do día. Ademais, nun centro destas características te-la necesidade de aprender a convivir e relacionarte con outras persoas con semellanzas e diferencias a un mesmo. Por certo, moitas delas xa son boas amigas miñas.
A nivel familiar e persoal a miña vida cambiou notablemente e onde máis me dou conta é na miña autonomía persoal. Tamén adquirín moitas habilidades sociais que non tiña e mellorei outras que tiña pouco desenroladas que me permitiron ter mellores relacións sociais e mellor autoestima, así o creo eu e así o percibe a miña familia e a xente que me coñecía de antes.
Das actividades do centro gustaríame destaca-las excursións a Guarda, a Laxe, os festivais que organizamos polo Nadal, no Antroido, o teatro, ... aínda que nestas últimas debo dicir que sigo tendo algún medo á hora de saír a actuar, o medo escénico ese que vou superando pouco a pouco. As actividades diarias tamén son do meu agrado, calquera dos talleres que se desenvolven ó longo do ano son entretidos e tanto en terapia, labores ou barro podes aprender moitas cousas que che valerán para a túa vida diaria.
Respecto ó persoal do centro só teño que dicir cousas boas, unha psicóloga espléndida e unhas monitoras de talleres marabillosas o igual que tódalas outras persoas que traballaron ou fixeron as prácticas neste centro.
Antes de rematar quería facer unha mención moi especial a tódolos compañeiros e compañeiras do centro xa que, en gran medida, son culpables da miña recuperación. Para min sodes coma unha gran familia onde cada un dos membros, cos seus defectos e virtudes, trata de convivir, mellorar e superar a súa enfermidade.A todos vós,
Moitas Gracias
Comentarios (0) - Categoría: REVISTA "AMENCER" - Publicado o 30-12-2009 10:15
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3] [4]
© by Abertal