Choposcarballo


Usuari@s do CRLP "Os Chopos" de Carballo da asociación APEM(Asociación Pro Enfermos Mentais)da Coruña.







¿QUEN SOMOS?
choposcarballo@yahoo.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDAMOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ENTREVISTAMOS A ...
Coma en calquera outra revista, e a nosa non podía ser menos, é a entrevista unha das partes máis interesantes e case imprescindible aínda que para os que traballamos na súa elaboración non deixe de ser unha das tarefas máis dificultosas tanto pola elección do persoeiro, a elaboración do cuestionario, etc.
Para a nosa estrea como entrevistadores escollemos a D. Xoan M. Sande Muñiz que ademais de se-lo Presidente da Comisión de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña é concelleiro do BNG no concello da Laracha e polo tanto un veciño da nosa Bisbarra.


1)Como ben saberá, polo feito de ser un enfermo mental ou sufrir outra discapacidade é moi probable que nalgún momento poidamos ser discriminados socialmente, ¿Cal é o seu punto de vista sobre este tema

Certamente, as persoas con enfermidades mentais padecen discriminación en moitas ocasións e en moitos aspectos da vida, seguramente máis incluso que outros colectivos de persoas en situación de exclusión social, pois cando se trata de persoas con algunha enfermidade mental a actitude do resto da sociedade está marcada moitas veces polos prexuízos. Penso que esta actitude se dá fundamentalmente polo descoñecemento da realidade dos enfermos e do que é a enfermidade mental. Ninguén debe ser discriminado nunha sociedade que pretende ser democrática e xusta. Neste caso, coido que a maior parte da xente non se dá conta de que enfermos mentais podemos ser calquera de nós nun momento determinado das nosas vidas.


2)¿Que poden facer vostedes como políticos dende as institucións para que os enfermos mentais poidan levar unha vida digna?¿Cre que as institucións fan bastante polos enfermos mentais?

É unha obriga das administracións atender a todos os colectivos en risco de exclusión social, e por suposto, a administración sanitaria está obrigada a atender ás persoas con algunha enfermidade. Penso que na sanidade pública o tratamento integral da enfermidade mental é unha asignatura pendente, é necesario achegar moitos máis recursos e crear máis Unidades de Saúde Mental. Por outra banda, ademáis do que é o tratamento da enfermidade, a administración tamén ten que abordar todo o que ten que ver coa integración social das persoas con enfermedades mentais, un traballo que ata o de agora están a desenvolver unicamente entidades sen ánimo de lucro como é o caso de APEM. Por suposto, a colaboración coas entidades que desenvolven este labor fundamental ten que ser tamén unha prioridade para as administracións, fundamentalmente para a administración sanitaria da Xunta de Galiza (que é a que ten as competencias e a obriga) mais tamén para outras administracións. Desde a Deputación da Coruña tratamos de colaborar, dentro das nosas posibilidades, con todas as entidades de iniciativa social da provincia, e nesa liña imos a continuar. Pero está claro que, no caso concreto da enfermidade mental, queda moito por facer.


3)Sentiuse vostede nalgún momento da súa vida discriminado por algún aspecto físico, psíquico, social, laboral, etc? Poderíanos comentar brevemente a súa sensación naquel momento?

Si, certamente ao longo da miña vida téñome sentido discriminado nalgunha ocasión, aínda que a verdade é que non son situacións comparábeis á discriminación que padecedes as persoas con enfermidades mentais nesta sociedade na que vivimos. Sendo neno, teño padecido discriminación e burlas por parte dos outros nenos polo meu sobrepeso. Desde moi pequeno, sempre fun un neno gordiño, e toda a miña vida tiven sobrepeso (cos anos cada vez máis), e xa se sabe que os nenos ás veces poden ser moi crueis neste tipo de situacións. Á marxe diso, tamén teño sentido discriminación por falar o meu idioma, o galego, en moitas ocasións. Coido que calquera persoa que fale galego, e que non renuncie nunca a empregar a nosa lingua en determinados ámbitos urbanos (por exemplo, nalgunha administración pública na Coruña, ou en comercios, etc.), tense atopado en situacións incómodas e ten sufrido certa burla ou humillación polo feito de falar galego.


4)¿Que novos proxectos teñen pensado subvencionar dende a área que preside para a nosa asociación APEM?

Os últimos proxectos de APEM que temos apoiado desde a Deputación da Coruña, aportando financiación (á marxe da convocatoria anual de subvencións) foron a adquisición dunha casa con finca no concello da Laracha e tamén unha aportación económica reflectida nos orzamentos deste ano para obras de reforma no centro ?Os Chopos? da Coruña. Agora mesmo estamos a traballar nos presupostos do vindeiro ano 2010, e dentro deles estamos a mirar a posibilidade de incluír unha partida para as necesarias obras de reforma que APEM ten que abordar nun local que lle cederon na Coruña para a creación dun ?Centro de Formación?.


5)¿Que o animou a vostede a entrar en política?

A verdade é que a min a política empezoume a gustar sendo moi novo, cando estudaba, e desde moi novo funme metendo pouco a pouco, cada vez máis, ata chegar a onde agora estou, ocupando esta responsabilidade no goberno da Deputación. Empecei a militar no BNG no ano 1995, mais desde antes xa estivera nalgunha organización estudiantil primeiro, e logo tamén me organizara sindicalmente. Sempre no ámbito de organizacións nacionalistas, pois sempre tiven moi clara a miña conciencia nacionalista, mesmo desde antes de ser maior de idade. Precisamente o que máis me animou a entrar en política foi esa conciencia nacionalista, de vivir nunha nación que padeceu todo tipo de aldraxes, que estivo sometida xa desde os ?Reis Católicos? que iniciaron o que se coñeceu como a ?doma e castración? de Galiza. Unha nación á que trataron de eliminar todos os seus sinais de identidade, e mesmo o seu idioma. En fin, coido que o que máis pesou en min á hora de decidirme a entrar en política foi a idea de intentar facer chegar á maioría das galegas e dos galegos esa conciencia de que vivimos nunha nación, Galiza, e que debemos tomar as nosas decisións por nós mesmos, por suposto, sempre desde unha visión de esquerdas.


6)Para rematar, ¿Pódenos facer unha breve valoración do actual panorama político galego?

Coido que estamos agora mesmo, en Galiza, nunha situación política delicada. Logo de catro anos dun goberno bipartito, no que por primeira vez o nacionalismo galego accedera ao goberno do país, penso que se tiñan iniciado reformas estruturais importantes e que se avanzaba cara a creación dun ?Sistema Galego de Benestar?. Mais as eleccións do un de marzo, e o regreso do Partido Popular ao poder, está a ser un freo para as políticas sociais que se tiñan iniciado, como se está a ver. Para a dereita nunca as políticas sociais foron prioritarias, e penso que os orzamentos que este novo goberno ten presentado para o vindeiro ano así o evidencian. Por primeira vez, desde que existe a autonomía, os presupostos para a sanidade e a educación públicas redúcense substancialmente. Ademáis, por primeira vez, e de xeito inaudito, o goberno galego está a iniciar unha cruzada contra o noso idioma que non ten precedentes, e que resulta absolutamente incríbel tendo en conta que, tal e como establece o Estatuto de Autonomía, unha das principias obrigas da Xunta e a defensa e a promoción da nosa lingua. Por outra banda, a nivel xeral hai unha sensación entre a cidadanía de que a política está absolutamente corrompida, e penso que é moi negativo que se extenda esta idea, pois en política, como no resto da sociedade, hai moitas persoas honradas que se adican a facer o seu labor do mellor xeito, e só beneficia aos corruptos esa idea de que todos son iguais. A política é necesaria, e canta máis xente participe nela mellor. Penso que o que necesitamos é que máis persoas se impliquen políticamente, desde logo no BNG temos as portas abertas a todas aquelas persoas que teñan as nosas mesmas inquedanzas e queiran traballar por mellorar este país.



Comentarios (0) - Categoría: REVISTA "AMENCER" - Publicado o 30-12-2009 10:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0