Unha das actividades que máis atractivo ten para os usuarios do centro ?Os Chopos? de Carballo é o fútbol sala xa que desde hai un ano temos un equipo que participa no campionato que se celebra en distintas localidades de Galicia.
O pasado ano, o equipo aínda estaba en fase de formación e os resultados non foron os esperados xa que no primeiro partido da eliminatoria final tocounos xogar contra un equipo moi forte que finamente sería o campión.
Este ano adestramos a un bo ritmo, o equipo estase volvendo máis compacto e o xogo mellorou notablemente. Melloramos moito a defensa que nos permite saír ó contraataque con máis facilidade ca antes e ter máis ocasións de gol. Como consecuencia de todo isto os resultados foron bastante bos xa que gañamos máis partidos que o ano anterior e conseguimos unha boa clasificación na primeira fase do campionato.
Para a final de Narón, que é a cita máis importante do ano e onde compiten tódolos equipos de Galicia, esperabamos poder chegar nunha boa posición que nos permitira ter menos partidos e así obter mellor rendemento do noso xogo e acadar un bo resultado final pero pouco puidemos facer contra os equipos do sur, Lenda e Lar, que un ano máis acadaron os dous primeiros postos.
Ademais do puramente deportivo, o fútbol sala é unha actividade que nos permite a todos os que participamos nela mellorar a nosa condición física e sobre todo mellorar como persoas. Xa de todos é sabido que o deporte é o mellor antidepresivo que existe e basta converter o pensamento positivo en acción positiva, cando menos á hora de desenvolvernos no campo.
Tamén ten unha función lúdica e pedagóxica que nos enriquece moito como persoas, ensínanos a competir(gañar e tamén a perder), a respectar unhas normas, a facer equipo, etc. Ademais, coñecemos outros lugares, outros equipos e moitos compañeiros que coma nós teñen os mesmos problemas.
Os desprazamentos a outras localidades permítennos coñecer sitios novos e danos a oportunidade de facer máis vida social ó relacionarnos con persoas coas que non temos un trato diario. Pero o mellor de todo é divertirnos practicando un deporte que nos conforta, sexa cal sexa o resultado final dos partidos.
FOTO:LENDA de Redondela.Campión 2009