Chiscando un ollo


Benedicto García Villar

2.922 Sinaturas recollidas.

O DÍA 29 DE NOVEMBRO FOI APROBADA NO CONCELLO DE SANTIAGO A RÚA PARA O ZECA AFONSO


A meirande parte dos artigos recollidos aquí foron publicados nos seguintes medios:

* "Ábaco" (revista)
* "A Página da Educação"
* "Arraianos" (revista)
* "Axencia Gelega de Noticias"(AGN)
* "Fírgoa" - USC
* "Galicia Hoxe"
* "Diario de Pontevedra"
* "El Progreso de Lugo"
* "A Peneira"
* "La Voz de Galicia"
* "Grial"
* "Tempos Novos"
* "Radio Voz"
* Semanario-e de "POLA ESQUERDA"

Tamén podes atopar estas colaboracións na sección de Opinión de VigoMetropolitano.com e nas edicións dixitais de tódolos medios citados arriba.



Deixa aquí a túa mensaxe sempre que algunha idea, algún estímulo, che veña á cabeza. Isto non ten senso só nunha dirección.
COMPARTE cos demais os teus pensamentos. Non os deixes dentro.
Escribe no lugar indicado. É máis fácil do que parece... e de calquera xeito, gracias por pasar por aquí.
Se queres "baixar" a miña música, está toda entre e-mule e A Regueifa, con iso non me roubas nada... difundes a miña música. Que che guste!

O meu perfil
benegv@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Notas Autobiográficas e Discografía
BREVES NOTAS AUTOBIORÁFICAS


* (52 - 64) Estudios escolares.

Nacín en Santiago o 7 de maio de 1947.
Asistín ás clases de “Sor Julita” nas “Horfas” desde o ano e medio ata os seis anos. Alí pisei por primeira vez un escenario ós dous anos compartindo “pizarras e pizarrines” con outros moitos nenos e nenas de Santiago como os Moralejo, Gippini e tantos outros, cos que pasaría a face-la escolarización ordinaria (elemental e bacharelato) hai algo máis de medio século, ó Col. “La Salle”. Tiven a fortuna de ter como introductor na Filosofía de “Preu” ó profesor Manteiga Pedrares quen me puxo nas mans bós libros e nos ouvidos mellor música que recordo con enorme agrado e gratitude por ter representado un primeiro achegamento a un mundo ata entón descoñecido para min. Nese último curso escolar tamén tiven a sorte de compartir, ademais da casa de Xosé Manteiga, a actividade de creación literaria e os primeiros despertares intelectuais con dous compañeiros inesquencibles: Antonio Viñal Casas e Guillermo Domínguez Santos. Este último, profesor de filosofía no IES “Xelmírez-I”, faleceu non hai moito tempo, con grande pesar da comunidade escolar.


* (64 - 65) Inicio Universitario.
Realicei o primeiro curso de Enxeñería de Telecomunicacións (entón “Selectivo”, curso común a tódalas carreiras das ramas tecnolóxicas) na Facultade de Ciencias de Santiago no curso 64-65. Alí empezaron os primeiros impulsos antifranquistas organizándome na ADE (Acción Democrática Estudiantil) grupo de carácter cristiano-demócrata que non durou moito. Participei activamente na convocatoria da primeira folga da Facultade que resultou un rotundo fracaso.


* (65 - 67) Telecos en Madrid.

Os dous cursos seguintes estudiei na Escola de Enxeñeiros de Telecomunicacións en Madrid parte (pouca) do 2º Curso, empezando a interesarme máis por outros asuntos, como a canción, primeiro en catalán e despois en galego, que me fixo, xunto co fracaso total nos estudios, voltar a Santiago.


* (68 - 70) Económicas en Santiago. Nace “Voces Ceibes”.

En Santiago iniciei a carreira de Económicas no ano 67. No inverno dese curso comecei a cantar, primeiro só, pero axiña en compañía doutros compañeiros: Xavier, Guillermo Rojo, Vicente Araguas e Xerardo Moscoso. Eses, xunto con Miro que estaba en Barcelona, foron os bimbios do primero grupo organizado que durante bastantes anos actuou no mundo da canción de autor en Galicia e fóra dela: “Voces Ceibes”. O obxectivo de “facer país” desde os valores da liberdade, a democracia e a xustiza, foi algo consciente desde o inicio. Apoiando e apoiándonos naqueles núcleos de resistencia cidadá que empezaban a aparecer no país, os cantores sabíamos do noso papel aglutinador e mobilizador asistindo alí onde alguén requería a nosa presencia.


* (70) Inicio da militancia política organizada.

No ano 70 ingresei no PCG cuns padriños de luxo: Vicente Álvarez Areces, hoxe Presidente do Principado de Asturias e Marisa Melón Rodríguez, hoxe Directora do Servicio de Publicacións da Universidade de Santiago.

A partir dese momento empezo a colaborar coas incipientes “comisións obreiras” participando en actividades de diverso tipo, relacionadas co aínda “movemento sindical”, en Ferrol fundamentalmente, ata que son expulsado da Universidade pola vía do servicio militar, ó que me obrigan a integrarme de inmediato.


* (70 - 71) Expulsión da Universidade e “mili” forzada.

Ese ano 70 pásoo entre Cáceres e Madrid, nun “regimiento disciplinario”, logo de negárseme o Certificado de “Buena Conducta”, que as autoridades académicas tiñan que expedir para poder facer a IPS. Alí entro en contacto con militantes doutras organizacións clandestinas e no ano 71.

Volto para Galicia onde me reclama o traballo de cantor. Xa non sería readmitido na Universidade de Santiago.


* (71) Primeira saída ó estranxeiro. Contactos co exilio.


Nese mesmo ano consigo saír por primeira vez do país (cousa que tiña prohibida) e entro en contacto co exilio socialista de Toulouse (Francia), personificado en Máximo Rodríguez, que morrería en Madrid sendo Decano do Congreso dos Diputados e co comunista de París, na persoa de Santiago Álvarez. Cos dous mantería contacto ata que foi posible o seu retorno a España.


* 10 de marzo de 1972; Italia.


O 10 de marzo colleunos en Milán (Italia) onde un grupo de cantores, Elisa Serna, Julia León, Xerardo Moscoso, Bibiano (que se incorporara a “Voces Ceibes” no 71) e máis eu, participábamos nunha campaña de solidariedade (coa colaboración de artistas plásticos e dos sindicatos italianos, franceses e suízos) co movemento sindical antifranquista en España. Grande lección do profundo valor da solidariedade de clase a deses días…


* (72 - 74) E alí perto, Portugal. Xosé Afonso.

En Galicia quedara só no 72 pois os outros membros de “Voces Ceibes” estaban na diáspora máis absoluta e fun contactar con Xosé Afonso a Setúbal (Portugal) pois tiña a sospeita de que detrás daquela voz extraordinaria, que coñecera dun xeito casual, tiña que haber un ser excepcional. Como así foi. E así foi como iniciamos un “tándem” inseparable durante dous anos nos que pateamos, cantando e axitando, Portugal, Galicia e Asturias e demos algún novo “salto” a Francia e Bélxica. Nesa época empezo, da súa man, a colaborar con “Amnistía Internacional” facendo de apoio a algún preso político.


* (75 - 76) Maquetando na GEG

En setembro do 74 nace a miña filla Minia e en xaneiro do 75 empezo a traballar na Gran Enciclopedia Galega na que son o responsable do departamento gráfico, facendo traballo de fotografía e, sobre todo, maquetación.


* (76 - 80) A Profesionalización. Xiras e discos.

En marzo do 76, xunto con Bibiano, que retornara a Galicia logo do seu servicio militar en Madrid, decido dedicarme profesionalmente (en exclusiva) ó traballo de cantor. Sería así ata o 80, no que deixaría de cantar e de militar no PCG.

Neses cinco anos percorro o país moitas veces e viaxo por varios outros facendo xiras: Italia, Suíza, Bélxica, Francia, Inglaterra, Venezuela e Portugal, claro. No ano 77 grabo o meu primeiro “L.P.”, “Pola Unión”, que xa desde o título trata de ser un alegato unitario, e no 78, “Os nomes das Cousas”, os dous con arranxos e dirección de Alberto Gambino.


* (77 - 84) O Sindicalismo militante.


- Na música.

Paralelamente á dedicación profesional inicio o que sería un frente constante de traballo: a organización dos traballadores do meu ámbito, neste caso, os da música, como un elemento imprescindible, ó meu entender, para a articulación do país desde un compromiso de esquerdas. Nese tempo, finais dos 70, prodúcese a “debacle” do Sindicato Vertical e a aparición das novas estructuras sindicais de clase. Desa época é A.S.P.E. (Asociación Sindical de Profesionais do Espectáculo) que logo se transformaría en S.G.M. (Sindicato Galego da Música) Nos dous casos desempeñei a responsabilidade de Secretario de Organización.

- Na escola pública.

Cando no ano 82 empecei a traballar como mestre no ensino público trasladei a miña actividade sindical ó novo ámbito profesional e así iniciei, xunto con outros compañeiros e compañeiras, as actividades da Federación do Ensino do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia, na que desempeñei as responsabilidades de organización e de relacións internacionais. Desa época data a miña participación no lanzamento e consolidación do Movemento de Renovación Pedagóxica, “Nova Escola Galega” que trataba de ser lugar de encontro e dinamización das propostas para unha escola liberadora, frente á opresión escolar do franquismo.

Desde o ano 82 e ata o 2000 formei parte, xunto con compañeiros ensinantes do Sindicato, dunha formación xenuína, heterodoxa e esperpéntica, a “Orchestra Valdeorra”, única formación polifónica de “kazoos”. Con ela fixemos moitas sesións de congresos, bodas e merendas varias. Viaxamos, como calquera orquesta “internacional” que se precie, a Portugal e Canarias, ademais de percorrer boa parte de España. Sempre cun humor que marcaba desde os textos e músicas á propia indumentaria, a televisión acolleunos en múltiples programas.


* (85 – 95) Sindicalismo “a tempo enteiro”. O AGA e a RISGA.

A partir de xaneiro do 85 e ata xullo do 95 dediqueime como “liberado” ó Sindicato. Primeiro, desenvolvendo as actividades da Federación do Ensino e a partir do ano 87, as do Secretariado (logo Comisión Executiva) do Sindicato Nacional. Nestes órganos desempeñei diferentes secretarías ou responsabilidades: Coordinación da Área Pública, Relacións Internacionais, Información e Publicacións e Política Institucional. Desde este cargo discutín e defendín a posición do Sindicato en dous elementos xurídico-sociais fundamentais na defensa dos intereses dos sectores máis desfavorecidos: o AGA e a RISGA.

No ámbito dos traballos emprendidos polo Consello Galego de Relacións Laborais ó que pertencía nese momento, discutiuse e aprobouse, coas aportacións e a aprobación de empresarios e traballadores, o AGA, instrumento xurídico que permite a resolución pacífica e negociada dos conflitos colectivos sen acudir á vía xudicial. Isto, inédito ata o momento no país, permitiu mostra-la madurez das organizacións representativas e representou un fito no camiño da concertación laboral.

A RISGA (Renta de Integración Social de Galicia) foi a plasmación das demandas dun “salario social” para aqueles sectores de poboación que quedaban fóra da cobertura ordinaria do sistema de pensións e ás persoas que non tiñan dereito ás prestacións por desemprego, que ata aquel momento (ano 90) eran suxeitos da beneficencia. Tranfórmase esta así en dereito, con obrigas polas dúas bandas: a sociedade, á que o individuo pode esixi-lo seu cumprimento diante da xustiza, e este individuo, que se compromete a realizar actividades formativas para a súa posible integración laboral. Perante o verán do 90 participei na mesa de negociación deste acordo como responsable de Política Institucional de CC.OO.


* (95 – 06) Volta á escola.


Ó reintegrarme ó traballo escolar no ano 95 ocupei diferentes responsabilidades no centro, sendo coordinador de diversos equipos de traballo, secretario do centro e director do mesmo. Ademais participo regularmente en cursos de formación da miña especialidade de matemáticas así como de informática educativa, sendo membro de AGAPEMA (Asociación Galega de Profesores de Ensino das Matemáticas).

Son membro activo das ONG’s “Amnistía Internacional” (estou na rede de Accións Urxentes) e “Paz e Solidariedade” (mantén actividades permanentes de apoio ó Frente Polisario no Sahara e ó movemento zapatista dos indígenas de Chiapas en México).

Formo parte da dirección de “Pola Esquerda”, movemento cívico unitario de participación social que dende o ano 2000 ven servindo de espacio de encontro e debate das diferentes sensibilidades das esquerdas do país. Desde o inicio delas, estamos integrados nas plataformas cidadás máis importantes e unitarias da historia recente de Galicia: “Nunca Máis” e a “Coordinadora Galega pola Paz”. Ultimamente creáronse dous instrumentos de coordinación: a “Rede Estatal de movementos de intervención cívica” e a “Rede Galega da Cidadanía”. Son membro tamén da OCU.

Neste momento participo na directiva da “Asociación de Veciños de Raíces e Casanova, O Reguiño” onde resido desde decembro do 89 e desde o ano 2002 son profesor de matemáticas do IES de Bertamiráns.


Publicando.

Fun co-fundador no ano 83, xunto con Antonio Suárez Calvo, da Editorial “Vía Láctea”, orientada á producción de libros de texto e de lectura en galego. Dirixín a revista de CC.OO. “Galicia Sindical”. Fun e sigo sendo colaborador de varias publicacións: “Chan” baixo a dirección de “Borobó” no ano 71, “Grial”, “La Voz de Galicia”, “Radio Voz”, na que participo un debate semanal, revistas “Ábaco”, “A Página da Educaçâo”, “A Peneira” e “Arraianos”, “Axencia Galega de Noticias”, cunha columna de opinión semanal, que publican “Galicia Hoxe”, ”Diario de Pontevedra” e “Progreso de Lugo”, etc. e dende o ano 2003, o semanario-e de Pola Esquerda. Imparto frecuentes conferencias en centros educativos, asociacións e centros culturais, sobre temas relacionados coa censura no franquismo, a canción “operante” en Galicia e Portugal, etc.


Premio.


O Sindicato Nacional das CC.OO. de Galicia, a través da Fundación 10 de Marzo, concedeume o inmerecido e preciado Premio 10 de Marzo na súa edición do ano 2006


BENEDICTO GARCÍA VILLAR
Raíces, abril de 2006



DISCOGRAFÍA DE BENEDICTO


Benedicto (EP, Edigsa-Xistral, XIS-3, Barcelona, 1968)
Galicia Canta (L.P. colectivo, Caracas, 1970)
• Cerca de mañana (LP colectivo. Grabado e editado clandestinamente por CC.OO., Madrid, 1972) (Reeditado en edición faxímil por la Fundación “Cipriano García”, Barcelona, 1997)
• Benedicto (EP inédito grabado para Assírio & Alvim, Lisboa, 1973)
Homenaxe a Santiago Álvarez (MC clandestina publicada polas Xuventudes Comunistas. Recital en directo 25/6/76)
Pola Unión (LP, CFE, ES-34544, Madrid, 1977)
Os nomes das cousas (LP, CFE-Guimbarda, GS-11005, Madrid,1979)
• (Sen título) (SG, CFE-Guimbarda, Madrid, 1979)
• (Sen Título – Benedicto, Bibiano e Emilio Cao) (Doble LP, CFE-Guimbarda, Madrid, 1980)
• 7 anos de canción galega (LP colectivo, Ruada, A Coruña, 1979)
• Benedicto e Bibiano (Voces Ceibes) (MC, Fonoteca 92-El Correo Gallego, Nº 1. Recital en directo 25/6/76. Santiago, 1992)
• A Gran Escolma da Música Galega (6 CD colectivos, Fonomusic, Madrid, 1993)

Ademais publicáronse, sen coñecemento do autor, varios LP’s, MC’s e CD’s, en diversos países de Europa (nomeadamente, Bélxica, Holanda e Francia) Sempre dentro de presentacións colectivas de diversos cantores galegos.

COLABORACIÓNS:

Eu vou ser como a toupeira JOSÉ AFONSO (LP, Orfeu STAT 012, Madrid, 1972)
Estamos chegando ó mar BIBIANO (LP, CFE, ES 34118, Madrid, 1976)
Llamas CLAUDINA E ALBERTO GAMBINO (LP, CFE, ES-34129, Madrid, 1978)


COMO COMPONENTE DA “ORCHESTRA VALDEORRAS”:

• Maniotas nas améndoas (CD, Bolobolo BL-296, Santiago, 1996)


OUTRAS PUBLICACIÓNS


LIBROS:

• Agora entramos nós (Textos de Bibiano e Benedicto, Akal Editor, Madrid, 1976)

• Crónica da Canción Galega 1965-1975 ( No libro colectivo O Feito Diferencial Galego na Música, Museo do Pobo Galego, Santiago, xullo, 1998)


OUTROS SOPORTES:

• “Descargas” en:

eMule e

aquí


• Grabacións e textos en:

http://www.ghastaspista.com/historia/


• Blog persoal:

http://www.blogoteca.com/chiscandounollo/


• Actividades didácticas para matemáticas con ordenador:

http://www.xtec.es/recursos/clic/cat/act/mates/act91.htm
http://www.xtec.es/recursos/clic/cat/act/mates/act49.htm
http://www.xtec.es/recursos/clic/cat/act/mates/act89.htm
http://www.xtec.es/recursos/clic/cat/act/mates/act92.htm
http://clic.edu365.com/db/act_es.jsp?id=1308
benegv@yahoo.es
http://www.blogoteca.com/chiscandounollo/
© by Abertal
Deixa aquí a túa mensaxe sempre que algunha idea, algún estímulo, che veña á cabeza. Isto non ten senso só nunha dirección.
COMPARTE cos demais os teus pensamentos. Non os deixes dentro.
Escribe no lugar indicado. É máis fácil do que parece... e de calquera xeito, gracias por pasar por aquí.
Se queres "baixar" a miña música, está toda entre e-mule e A Regueifa, con iso non me roubas nada... difundes a miña música. Que che guste!