
CARTA A FUCO BUXÁN
O primeiro contacto foino, claro, coa súa poesía. Viña de acepta-lo segundo reto en pouco tempo. O primeiro fora o que me propuxeran os meus compañeiros en Madrid: facer unha canción en galego. Era algo inédito e, como tal, sentín como unha lousa sobre min. Saiu unha cancionciña, Un Home, que logo grabaría en Barcelona, en EDIGSA. Ó chegar aquí, de vacacións, no verán, Xan Facal pasoume a través de Suso G. Devesa, meu primo, o libro de Celso E., Longa Noite de Pedra, que tiña, no Limiar da primeira edición de El Bardo, un poema incendiario, Carta a Fuco Buxán. Pois ben, a proposta era poñerlle música a ese poema e convertilo en canción.
Fíxose o recado e a finais do verán cantei as dúas cancións diante deles que, sempre xenerosos na valoración, concederon aprobado “cum laude” ás dúas criaturas. Xa dende o seu nacemento, a chamada Nova Canción Galega ía ser algo colectivo, no que cadaquén tiña o seu papel a desempeñar. Eu fun o afortunado que o viviu en primeira liña. O poema, logo de face-lo repaso ás “marabillas” que se vivían na Iberia dos “labregos esfarrapados” remataba dando, como solución, aquel berro que había que entender, naquel contexto, como moi revolucionario:
Fuco Buxán, emigra!
Ese final foi mudando, a indicación de Xesús A. Montero e pola miña propia iniciativa, cara a formulacións distintas e con maior correspondencia co que o país demandaba:
Fuco Buxán, arriba!
Fuco Buxán, conspira!
Etc.
Esta canción debe te-lo récord en prohibicións. Literalmente, NUNCA poido ser cantada con autorización, aínda que lle canviarámolo “escenario” e, en vez de na Iberia, a acción transcurrise en Liberia.
CELSO E A CENSURA
Logo de feita esta canción con texto de C.E.F. presentáronme a un “mozo un pouco estrano” según me anunciaran, que tocaba, ademais da guitarra, a harmónica, soportada ó xeito “Bob Dylan” cun trebello que el mesmo fabricara. Ademais, o tal rapaz, que non era outro que Xavier, tiña como carta de presentación ter musicado media Longa Noite, que non era pouco. E así foi como fun coñecer ó autor dunha das mellores cancións do repertorio do que se deu en chamar Nova Canción Galega. A canción era a María Soliña. Os dous coincidiamos, como logo os demais membros de Voces Ceibes, en que os poemas do Celso tiñan unha facilidade innata para ser musicados, tiñan unha musicalidade interna que permitía que alguén con ningunha formación, coma nós, se atrevera á aventura de facelos cancións.
Pero é que, ademais, o poemario de Celso Emilio ofrecía unha paleta de cores inmensa en canto á temática “social” que sempre abordaba, eran contestatarios abondo como para prende-la nosa emoción reivindicadora, sen ser panfletos e, por tanto, ideais para o que buscabamos, pois tampouco eramos letristas naquel momento e urxía facer cancións de xeito. Claro que todo o dito levaba implícito que o muro da censura se cebase nos seus textos especialmente.
ENCONTRO FUGAZ
A nosa relación con el era epistolar e indirecta, sempre a través de Xesús A. M., ata a súa volta a España. Así foi posible coñecelo, en marzo do 76, nunha das dúas sesións que diariamente faciamos no “Pequeño Teatro” de Madrid, sá recoleta onde traballaba o TEI (Teatro Español Independiente) grupo no que se formaron moitos dos mellores actores e directores que actualmente funcionan no panorama teatral do país. Alí apereceu de improviso un día Celso. Alí coreou, como todo o público, as cancións que iamos propoñendo. Alí riu a cachón, como todo a mundo. Despois, como sempre sucedía, a cea e a demostrar a súa faciana máis divertida. Volveu un día máis pois aínda ampliamos a dúas semanas a nosa presencia alí, prevista, en principio para unha. E nunca máis voltamos vernos.
UN POETA DE MASAS
Nunca un poeta vendera, nun país iletrado na súa lingua coma este, tantos milleiros de libros, e menos de poesía. Nunca o título dun libro servira, como lle suceu á Longa Noite... para definir, con xeral aceptación, todo un período de sofremento como aquel. Pero a mellor e maior medida do impacto popular do poeta, que soubo falar coas palabras que ó povo lle faltaban, coa expresión desacougante que o povo merecía, foi o 28 de outubro do 79, só uns meses logo da súa morte. Foi en Santiago, nun recinto engalanado para a ocasión co traballo voluntario de ducias de mozos e mozas que prepararon o espacio durante días para aquel irrepetible encontro entre o mundo do traballo e o poeta que tan ben definira a explotación capitalista:
O patrón está rico á miña conta
Eu, á sua, estou vello...
A comisión organizadora, que tiven o privilexio de compartir, estaba formada por uns compañeiros de luxo: Arturo Reguera, Chichi Campos e Xesús Abuín. Debía ter presencia da UGT pero só veu un representante daquela central o primeiro día... Aquela Comisión, con pequenas variantes, foi a mesma que organizou moitos “eventos” dos que fan historia. Aquela comisión contaba co apoio incondicional de CC.OO. e do PCG. Era dabondo para homenaxear ó poeta socialista.
Dez mil persoas, traballadores na súa inmensa maioría, chegados en buses e coches particulares desde tódolos currunchos de Galicia, desbordaron aquel pabellón do Obradoiro, nunha homenaxe inédita, arroupando as palabras do poeta que, ora cantadas, ora recitadas, ora alabadas e festexadas, foron a constante dunha tarde que se fixo corta.
Polo escenario foron pasando ata un total de trinta e sete actuantes, cantores, poetas e oradores, presentados por Víctor Freixanes. Por alí pasaron a deixa-la súa adhesión, Ramón Valenzuela, Luis Bouza-Brey, Carlos Casares, Rafael Dieste, X. Alonso Montero, Santos Simões, Montesinos, Miro Casabella, Xavier del Valle, Bibiano, Amancio Prada, Pilocha, Antón Campelo, Suso Vaamonde, Uxío Novoneyra, Antón Tovar, Manuel Lueiro, Bernardino Graña, Xesús Rábade Paredes, Carlos Oroza, Carlos Álvarez, Emilio e X.M. Álvarez Blázquez, Narcis Comadira, Xesús Valcarcel, Álvarez Cáccamo, Cuña Novás, Rodríguez Barrio, Ánxeles Penas, Manolo Vilanova, Alfredo Conde, Xosé Sesto Novás e o grupo Rompente. Mandaron textos de apoio, entre outros moitos, Marcos Ana, Rafael Alberti, Pere Quart, M. Vázquez Montalván, Nicolás Guillén, Hernesto Cardenal, Arcadio López Casanova e Félix Vergara Vilariño.
Mentres no escenario se desenvolvía o acto, no alto, ás beiras do graderío e sobre grandes telas preparadas ó efecto, Xaime Quessada e Felipe Criado pintaban “en directo” as súas obras de homenaxe. O público que o desexaba podía entrar nunha inmensa caixa negra que representaba a Longa Noite de Pedra, obra de Iñaki Basallo. Eu tamén cantei, e todos, á saída levabamos rouca a voz e emocionadas as miradas...
Benedicto García Villar
xullo/2006
Publicado no número VI da revista ARRAIANOS. Agosto de 2006
|