|
|
|
|
|
|
| OUTRA VEZ PORTUGAL |
|
 Desta volta, a visita foi a Viana do Castelo e ao curso medio do río Douro, onde se cultivan as vides que darán vida ó prezado viño de Porto. Hai que sinalar que, salvo cooperativas puntuais, a meirande parte segue estando en mans de ingleses coa presenza tamén ultimamente de inversores galegos.
Para o barqueiro da lancha que nos pasea polo río, o problema alí é a carencia de estradas “coma as galegas”, tendo como teñen unha rede delas moi importante. Claro que o problema das de pago é o custo para eles: o salario mínimo anda polos 400 euros e o medio, na metade do noso. Así están desertas as autopistas, comparado coas de aquí.
Pero tampouco van moi cheas as autovías gratuítas, o que fai pensar nun retraemento nas saídas, quedando moito nas casas. Así o confirmaba o intelixente taxista para quen o problema estaba en que habendo diñeiro, habendo capitais, estes estaban en poucas mans e esperando a ser invertidos en momentos de maiores lucros, de maior expectativa de ganancia.
Os dous informantes coincidían, lonxe do chovinismo doutros tempos, en que era preferible vivir en Galicia que alí. Conclusión semellante á do empresario portugués que comentara non hai moito que fora un erro non ter profundizado na unión territorial e política de Portugal e España, aproveitando as inercias da integración na UE.
De todos modos, aquel segue sendo un magnífico lugar para visitar. Primeiro porque os prezos continúan a ser moi baixos (pódese tomar un magnífico café por 50 céntimos ou un exquisito “bolo de nata” por 80) Pero, sobre todo, porque aquel segue sendo un país de habitantes tremendamente amables e cunha educación envexable.
Benedicto García Villar
9 de xullo de 2007
|
|
|
|
|
| A SEDUCCIÓN DE AMOR |
|

A súa última batalla foi contra a asbestose que padecía, resultado da manipulación do amianto que tantas veces, el coma outros, utilizara na construción de buques. E contra un sistema restritivo que non quería recoñece-la relación directa entre o material e a enfermidade. Acabaron dándolle a razón.
Coñecín a Manolo Amor, de pasada, nos primeiros anos setenta, cando as nosas cantarelas nos levaban por Ferrolterra a colaborar no espallamento das incipientes e clandestinas Comisións Obreiras.
Logo, no 87, propúxonos que un dos compañeiros que estabamos na dirección da Federación do Ensino pasara a formar parte do Secretariado Nacional. Alí estaban, con el, Xan Mª Castro e Xesús Abuín. Como negarse a tamaña proposta, feita, ademais, con aquela capacidade sedutora que sempre despregaba, con aquela mirada firme e transparente?
E tocoume a min a sorte, compartindo con el e cos outros aquel auténtico proceso de creación, tan interesante e tan frutífero para os traballadores e traballadoras deste país.
Naquel primeiro local, que no chegaba ós cen metros cadrados, estaban os órganos de dirección do Sindicato, ademais de varias federacións, entre elas a nosa.
Alí aprendemos de Manolo Amor moito do difícil binomio presión-negociación, básico para unha organización coma esta, que ten que ser capaz de presionar, de mobilizar, cando non se respectan os dereitos dos traballadores. Pero sempre deixando unha porta aberta para o acordo, que é o que eles esperan e precisan.
Manolo, sempre moi consciente da capacidade de concertación do Sindicato, sempre repetía: “Máis vale un mal acordo que un non acordo”.
Benedicto García Villar
2 de xullo de 2007
|
|
|
|
|
| LÍBANO NON É AFGANISTÁN |
|
 A proximidade no tempo do sucedido en Afganistán e Líbano pódenos servir para anotar algunhas diferenzas entre estes dous conflitos e sacar algunha conclusión que debera afectar a decisións sobre as tropas españolas alí destacadas.
En Afganistán había e hai unha situación clara de guerra por moito que se queira rebaixa-lo carácter da nosa presenza alí co eufemismo de “acción humanitaria”. Os últimos bombardeos de avións da OTAN castigando obxectivos civís, entre eles unha escola recén construída polos italianos, non deixa moitas dúbidas. Nestes ataques morreron 136 persoas, 57 delas civís. Esta misión non foi aprobada en Nacións Unidas e iso non aparece, se escamotea, nos comunicados oficiais., quedando sempre a dúbida.
A situación en Líbano é distinta. A misión, que nunca foi considerada como unha presenza sen riscos, trata de contribuír a estabilizar unha rexión complicada, que antes sofreu a ocupación israelí. O Consello de Seguridade da ONU aprobou a presenza dunha forza multinacional, que é á que pertence o continxente español.
Á hora de escribir este comentario aínda se descoñece se a autoría do atentado cunha furgoneta-bomba hai que atribuírlla a Al Qaida ou a Fatah al-Islam. É sintomático, aínda que non sexan de fiar as súas verdadeiras intencións, que Hezbolá condenara a morte dos militares españois.
En resume, é hora de que se dé por finalizada a presenza, que nunca se debeu producir, das tropas españolas en Afganistán e que se manteña, por un mínimo de coherencia e co-responsabilidade coa comunidade internacional, representada por Nacións Unidas, no Líbano.
Benedicto García Villar
25 de xuño de 2007
|
|
|
|
|
| QUE MOZOS ERAMOS! |
|
Hai trinta anos eu tiña trinta anos xustos. Aquela primeira experiencia electoral do 15 de xuño viña se-lo inicio de algo descoñecido e esperado, logo de case dez anos de militancia organizada contra o franquismo.
Había que cambialo todo e eramos poucos, naquela navegación contra corrente. Ademais da conquista das liberdades, así, en plural, estaban os outros cambios, desde o xeito de vestir, ata o xeito de crer, ou descrer, en deuses redentores, pasando pola relación cos demais e ata a nosa lingua. Algúns, tamén poucos, moitos menos dos que agora parece, optamos, militantemente, por unha lingua familiar que non era a nosa, que ata entón era o castelán.
A defensa do colectivo pasaba a substituír ou prevalecer sobre a do individual e os valores sobre os que queriamos construí-la nova sociedade estaban cimentadas na solidariedade.
Pero para construí-la nova sociedade había que concertar, había que acordar con outros que non tiñan as mesmas prioridades ca nós e se fixeron renuncias. Sabiamos que era inevitable. A aceptación da monarquía e da bandeira non foron das menos dolorosas e difíciles.
O acordo, a negociación, pasou a ocupa-lo lugar que ata entón tivera a imposición desigual. A nosa historia ata aquela era a de que sempre era unha das partes, a que detentaba o poder e estaba amparada polo medo, polo terror das armas, a que impoñía os seus ditados á cidadanía.
Tratábase, polo tanto, de cambiar ese estado de cousas e facer que a razón da forza fora vencida pola forza da razón. Eis a clave deste invento, imperfecto, que tanto custou construír.
Benedicto García Villar
18 de xuño de 2007
|
|
|
|
|
| ISAAC NON É UNHA ESTAFA |
|

Habelas, hainas, e algunhas de moi mal talante, como as que se deberon confabular estes días para facer aparece-la miña sinatura, mira ti, ó pé dun libelo intolerable co título de “Historia dunha estafa”. O tal escrito pon en solfa, dun xeito cruel e disparatado, o traballo, a obra inmensa, de Isaac Díaz Pardo, de quen sempre me considerei admirador crítico.
E coma xa o dixen noutras ocasións, terei que insistir en que é un luxo para este país ter un empresario que é quen de combinar, dun xeito maxistral, arte con técnica, creatividade con ciencia e converter unha humilde pedra de caolín en obra artística e utilitaria, cunhas marcas coñecidas e recoñecidas nos cinco continentes.
E todo isto desenvolvendo un concepto de empresa que navega polos mares da Utopía máis que polos dos intereses da acumulación capitalista. Dando vida, cunha forza centrífuga imparable, a múltiples e complementarias iniciativas de carácter cultural e artístico, sempre bañadas das máis absolutas galeguidade e universalidade. Tal parece unha Consellería de Cultura en pequeno.
Hai uns días tivemos ocasión de acudir ó Castro de Samoedo, en Sada, un grupo de amigos e accionistas (eu pertenzo ós dous grupos) á chamada de Isaac. Foi un reencontro informal e entrañable cunha ampla representación da Galicia máis activa.
Alí deixamos constancia e palpámo-lo grande apoio que Isaac e a súa obra teñen nuns momentos que non son os mellores precisamente. Pero alí, de fraude, nada de nada.
Benedicto García Villar
9 de xuño de 2007
|
|
|
|
|
| O COSTE DE NON QUERER PARELLA |
|
 Non por repeti-la mesma mentira mil veces esta se converte en verdade. Non por moito dicir que a terra é cadrada deixa de ser redonda.
Ven isto a conto da insistencia dos homes e mulleres da dereita, de Feijóo a Corina Porro ou Rajoy, de facerse pasar polas vítimas dun illamento só a eles debido.
Dende o inicio desta lexislatura, coa indixestión que supuxo para eles a derrota aínda non asimilada do 14-M, escoitamos sempre a mesma trécola: “o goberno non quere dialogar”. E isto vale, claro, tanto para asuntos que teñen que ver con actuacións do goberno español coma do galego. Quen excluíu aquí? Non foi a dereita a que escapou de todo acordo e buscou, teimudamente, a confrontación cos demais, con tódolos demais?
Para concordar non se pode pretender que un ten a verdade, toda, absoluta, e son os demais os que teñen que se mover cara esas posicións. Claro que todo isto é de perogrullo, pero non parece que estea de máis dicilo. Hai que repetilo tantas veces faga falla.
A soidade do PP é flagrante e total. Sexa o que sexa o ámbito territorial ou político do que se fale. Na loita antiterrorista están solos porque queren e o mesmo podemos dicir da política internacional ou a formación de gobernos autonómicos ou locais.
Claro que lles faltou tempo para ofrecerse como “partenair” do PSOE para o goberno de Navarra ou co BNG para conformar gobernos locais cos nacionalistas en Vigo, Santiago, Ourense e Pontevedra. A día de hoxe, luns catro, aínda non tiña chamado Feijóo a Quintana.Todo moi sospeitoso. Todo para a galería.
Benedicto García Villar
4 de xuño de 2007
|
|
|
|
|
| O CAMBIO CONTINÚA |
|
 Con máis ou menos velocidade da esperada, segundo as espectativas de cadaquén, o cambio iniciado nas municipais de 2003 estase a consolidar. Sen présas pero sen pausa, o chamado cambio de ciclo, outras veces mentado nesta columna, non fai máis que confirmarse.
Foise acentuando nas eleccións xerais e autonómicas e refórzase agora. As forzas de esquerda suman en España, contabilizando só o PSOE, o BNG, ERC e IU, dous millóns de votos máis que os da dereita.
En Galicia son moi importantes os cambios que se van producir nos gobernos locais de Ferrol, Ourense e Vigo así como na Deputación de Lugo. Pero nono é menos o que alumeará corporacións de esquerdas en medio cento de vilas como A Estrada, Cangas ou Gondomar, que, por novas maiorías absolutas ou polos pactos postelectorais, van mudar de cor.
O crecemento de Esquerda Unida, aínda que reducido en número, non deixa de ser significativo: naqueles lugares onde xa tiña representación pasa a ter máis. O tirón de Fajardo en Vilagarcía fai pasar de unha a tres o número de actas. E en Ferrol, Yolanda Díaz pasa de dous a catro o número de concelleiros en Ferrol.
Por outra banda, o PSOE faría ben en analiza-las causas das súas baixadas nas tres capitais en que goberna: A Coruña, Lugo e Santiago.
Iso si, xa non veremos como tal ó xa ex-alcalde polo PP de Teo, Armando Blanco, insulta-la intelixencia do persoal colocándose medallas de toda canta institución de cartón-pedra poida haber no mundo.
Benedicto García Villar
28 de maio de 2007
|
|
|
|
|
| INFORME DA 'SOCIAL' |
|
 Publica a revista Grial no último número un interesantísimo informe policial da Brigada político-social de xaneiro do 70 sobre a Nova Canción Galega. Está incluído nun artigo de Xan Fraga no que plantexa que, a xulgar polo documento, a chamada “dictabranda” do tardo-franquismo foi unha falacia.
No ano 68 foron prohibidos o 35 % dos recitais para os que se pedía permiso. Isto responde, claro está, a un interés por entorpece-lo nacemento da canción galega: “Alertadas las autoridades gubernativas de las provincias gallegas por escritos informes de esta Jefatura Superior, bien pronto se inició la cadena de dificultades que acusan los intérpretes de la nueva modalidad lírica. Y, así, les fue exigido el pertinente permiso y visado de las letras de las canciones con prohibición de publicar anuncio alguno hasta tanto que la autorización fuera firme”.
Pero sorprende no informe outra pluma que di que “las consecuencias inmediatas de este movimiento es que, por una parte, se ha producido una revalorización y popularización de la poesía gallega contemporánea, particularmente la que se muestra más cercana a la llamada “poesía social”. En Galicia, lo lírico y lo épico entretejen una problemática muy humanizada, como en el catalán Espriu de estos últimos años”, ou que “su preocupación (de Voces Ceibes) por una épica lírica, por un idioma vivido pero trascendido, y, en fin, por una Galicia popular, parece de buena ley y sujeto a grandes dificultades... Si ello podrán o no hacerlo no depende solamente de ellos, sino la nueva generación del pueblo gallego que ha de dar la pauta”.
Estamos diante dunha de tantas contradicións esquizofrénicas da ditadura e dos seus aparatos de represión?
Benedicto García Villar
19 de maio de 2007
|
|
|
|
|
| ÁS VOLTAS CO VOTO EMIGRANTE |
|

Agora que estamos en campaña veñen a conto algúns comentarios sobre o disparate do voto emigrante. E non, non só, pola mecánica do voto, de se é en furna ou non, senón polo voto en si. Para empezar, o dereito ó voto debe estar ligado ó cumprimento das obrigas emparelladas coa residencia real e efectiva: pago de impostos, empadroamento, participación cívica, etc. É dicir, dereitos con obrigas e viceversa.
Cando se adquiren dereitos plenos como cidadán nun lugar, déixanse de ter noutro, non con esta esquizofrenia dos que votan en dous lugares distintos. Isto nada ten que ver cos afectos, que aquí se confundiron cos dereitos. É iso é grave. Sempre co eterno complexo de culpa, edulcorado co paternalismo de quen ideou, do xeito máis oportunista e ventaxista posible, este curioso sistema de apañar votos.
E claro, como esa bolsa de votos está aí, tódolos partidos coma tolos a por eles. Todos facendo unha exhibición de xeitos a cal máis ruín, máis reprobable, para facerse co paquete.
De rebote, facendo carambola, conséguese que aqueles que por convicción cívica ou por necesidades prácticas: escola, vivenda, etc., están censados noutras comunidades, reclamen para si os mesmos dereitos que os emigrados no estranxeiro.
En troques, non se intenta dabondo a integración dos inmigrantes. Segue habendo moitas trabas para elo, con procesos burocráticos lentos que non facilitan a asunción dos seus dereitos cívicos plenos, único camiño para evita-lo gueto e a marxinación.
Benedicto García Villar
13 de maio de 2007
|
|
|
|
|
| SELO DO ZECA EN PORTUGAL |
|

Este deseño, basado no que fixera PEPE BARRO para a homenaxe ó ZECA de hai 20 anos, está servindo como imaxe para unha campaña nos CTT de Portugal (Correos dalí) para unha campaña de sinaturas de apoio para ese selo. Polo momento vai en cuarto lugar.
Por tanto, PEDIMOS A VOSA PARTICIPACIÓN APOIANDO ESTA INICIATIVA ASINANDO NO SEGUINTE ENLACE:
http://www.aquihaselo.com/Vote.aspx?idUser=696
É unha iniciativa de DAVIDE DACOSTA.
|
|
|
|
|
| PREMIOS DA CRÍTICA 2007 |
|
Para comezar diremos que o acto alixeirouse, perdendo parte da pesades doutros anos, en que había innumerables discursos, a cal máis interminable. Polo tanto, que hai que felicitar ós organizadores que tomaron boa nota das suxerencias realizadas.
Tratábase de premiar ós seleccionados deste ano: o programa musical da TVG, Alalá; os trinta nos de percorrido da Asociación Cultural Xermolos, de Guitiriz; a Manolo Rivas, pola súa novela Os libros arden mal; a Fundación Granell e a Ricardo Gurriarán polo seu traballo de investigación Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), xa comentado nesta columna.
En nome dos cinco premiados falou Manolo Rivas, coa calidade e calidez a que nos ten acostumados, dedicando palabras próximas e amables a cada un deles.
Por último, fíxose entrega do premio de “galego egrexio” a un descoñecido Ramón Cacabelos, que ten e dirixe un centro de enfermidades mentais en Bergondo, que nos falou, entre pinceladas de autobombo innecesarias, da iniciativa privada, a súa, como a gran marabilla. Un, que a risco de pecar de “antigo”, segue a defende-los sistemas públicos, sobre todo en sectores sensibles como son a saúde e o ensino, quedou abraiado con este discurso.
Pouco que ver coa universalidade que no firmamento galego poidan representar calquera dos premiados en anos anteriores, desde Francisco Fernández del Riego ata Xosé Manuel Beiras, primeiro e último dunha constelación de 15 figuras indiscutibles do firmamento da cultura galega.
Benedicto García Villar
7 de maio de 2007
|
|
|
|
|
| TRABALLOS DE ALUMNOS SOBRE A VIAXE A ANDALUCÍA E PORTUGAL |
|
Aquí podes descarga-la presentación co traballo de DAVID LAMAS FRANCIS:
http://www.mediafire.com/?0y0eihthz2z. |
|
|
|
|
| PASEANDO POR LISBOA |
|
 Hai uns días rematei a que probablemente sexa a miña última excursión escolar cos alumnos de segundo da ESO. En breve estarei nos sesenta e parece un momento óptimo para deixar esta actividade.
Foron oito días magníficos en que, compartindo o traballo con dúas compañeiras que xenerosamente se ofreceron a elo, visitamos Cáceres, Mérida, Isla Mágica en Sevilla, algúns dos lugares de interés da provincia de Huelva, subindo por Lisboa e Óbidos en Portugal.
A aqueles agoireiros que sempre pensan que estas iniciativas son de “tolos” direilles que dende que hai vintecinco anos comecei a facer excursións con mozos desta idade, a conclusión sempre foi máis que positiva. Non digamos para eles, que non esquecerán nunca a experiencia. Pero tamén para os “profes”, que aprendemos e disfrutamos coa súa alegría.
En Lisboa estivemos o mesmo 25 de abril e, logo de visita-lo oceanario pola mañán, chegamos pola tarde á praza do Rosío, ocupada por algúns centos de persoas, mentres os rapaces facían as penúltimas compras.
Na rúa á que dá a fachada do Hotel Mundial desfilaba, cantando a coro, un grupo alentexano, excelente. E alí coñecemos, de casualidade, a David Mesa, galego residente en Lisboa, visitante e comentarista habitual do meu blog, que non por andar nos vintetantos ten unha opinión distante da miña: os dous lamentamos o ar decadente e pobre do visto na praza; nada que ver coas manifestacións multitudinarias e populares que enchían as rúas de Lisboa nun día como aquel.
Benedicto García Villar
30 de abril de 2007
|
|
|
|
|
| SEMPRE ABRIL, SEMPRE ZECA |
|

En catro días o equipo técnico da TVG convertía, con gran profesionalidade, o escenario do pazo de congresos de Pontevedra nun gran plató. Cables, vías, focos, decorado, etc. foron transformando aquel espazo.
E o día 13 gravábase alí un programa que, co título de Sempre Abril, será emitido polas televisións públicas de Portugal e Galicia o 25 de abril. Un espectáculo que trata de render homenaxe, tributo, a Zeca Afonso.
Baixo a dirección de Suso Iglesias e realización de Manolo Abad, o programa, magnífico, recolle vídeos con declaracións e entrevistas con persoas próximas ó Zeca, tanto galegos como portugueses.
O guión, moi coidado, de Andrés Mahía, que andou un mes nesta empresa e descubriu esa personalidade xenial, para el descoñecida. A directora de programas, Ana Cermeño, desde as bambolinas, controlaba con delicadeza ata o último detalle. Un total de vintedous cantores e grupos, moitos acompañados por un grupo base de oito músicos, dirixido polo azoriano Paulo Borges interpretaron temas de José Afonso. A dirección artística, impecable, da propia Uxía. Por alí pasaron os Cantadores do Redondo, Vitorino, Luis Pastor, Faltriqueira, Xico de Cariño, Manecas Costa, Treixadura, Víctor Coyote, João Afonso, Uxía, Júlio Pereira, Zeca Medeiros, Dulce Pontes, Miro Casabella, Tito París, os irmáns Salomé, Antón Reixa, Janita Salomé, Sergio Godinho e Narf. Contaron cun público cómplice que axudou a un gran espectáculo.
Nas traseiras, animando a todos, un incansable Luis Pastor, que a todos facía cantar, producindo un “bó rollito” entre todos, mentres no escenario se sucedían as actuacións enlazadas polas felices ocorrencias do presentador, Carlos Blanco.
En resume, un espectáculo e un programa digno de lembrar. Preparade os gravadores...
Benedicto García Villar
22 de abril de 2007
|
|
|
|
|
| AS VIAXES CON GELUCO |
|
 Teño no lombo moitos quilómetros levando a Geluco en “furgona”, co equipo de amplificación, escenario, etc. para mitinear en diversas campañas electorais. Todo un luxo.
Do norte ó sur, de levante a poniente, por toda a xeografía galega, levando o seu entusiasmo inagotable, pola sociedade que estaba por vir. Unhas veces el coas “figuras” locais, outras acompañados por estrelas convidadas, como Cristina Almeida ou Julio Anguita. Eran os tempos de Esquerda Unida. Pero a teoría, e a práctica, da “pinza” co PP fixo que moitos de nós nos sentiramos incómodos naquela aventura e buscaramos novos acomodos.
E así, con el sempre ó fronte, intentamos unha fórmula, Esquerda de Galicia, de efémera vida. Organización á que se lle puxo o peche, en palabras do propio Geluco, para “libera-las forzas” que había dentro e que cadaquén puidese render mellor no lugar que estimase.
Pero a nosa viaxe vital en común empezara moito antes, cando, á calor da primavera do sesenta e oito, moitos de nós empezamos a ter conciencia de que as cousas podían cambiarse, de que a dura loita para acada-las liberdades pagaba a pena.
Aquela xeneración, a da reconciliación, a da concordia, ten hoxe unha presenza notable nos centros de decisión política do país, é a que ten a responsabilidade de gobernar.
Na homenaxe tan merecida que se lle tributou en Santiago, todos destacaron o papel fundamental, imprescindible, que o PCG e Geluco en particular desempeñaron para acadarmos a sociedade que hoxe temos.
Benedicto García Villar
15 de abril de 2007
|
|
|
|
|
| A ROSEIRA |
|
¿Quén ten auga prá roseira
prá roseira do xardín?
Que un cabaleiro dourado
da súa fonte auga negou.
¿Quen ten auga prá roseira
prá roseira do xardín?
Unha nena que choraba
mar de bágoas lle deitou.
Letra e Música: Benedicto
|
|
|
|
|
| TREBOADA |
|
 De pequeno meu pai, sobre todo no verán, sacábame da casa a saborear, a gustar das tormentas. De aí virá, supoño, o meu nulo medo polo meteoro. Estabamos alí, contemplando o espectáculo ata a fase final, aquela en que se respira mellor, distinto, e os campos están máis verdes por efecto do ozono orixinado polas descargas eléctricas.
Hai uns días volvín observar, perante unha hora seguida, as descargas descomunais. Desde a atalaia da miña casa puiden segui-los raios, en tódalas direccións imaxinables. E o rebumbio, inmenso. Lembreime da máis espectacular treboada que presenciei, nun mes de agosto, na illa do Areoso, no centro da ría de Arousa. De calquera dos trescentos sesenta graos que ten a circunferencia aparecían os lóstregos, seguidos do seu trono descomunal, co eco da ría. Sobrehumano.
E pensas entón nos homes primitivos, os que habitaban nas cavernas e os de despois. Entón ten sentido, coa necesidade de transcendencia, de agarrarse a explicacións teolóxicas para entender estes e outros fenómenos, que lle deran o máximo rango nas súas mitoloxías ás deidades que representaban ó raio e ó trono. Desde o deus Thor para o trono nas culturas xermánicas e nórdicas, ata o grego Zeus, na cúspide xerárquica, para o trono e o raio.
Ou en como foron expulsados Adán e Eva do paraíso por un arcanxo que, na iconografía máis habitual levaba unha espada que non era máis ca un raio materializado...
Benedicto García Villar
9 de abril de 2007
|
|
|
|
|
| ERES TI |
|
Como merlo que asubía na alborada
dunha noite pecha sin estrelas.
Eres ti.
Como facho chantado nun penedo
a loitar co negror da treboada.
Eres ti.
Como amigo único no porto
agardando a arribada do meu barco.
Eres ti.
Como fume que denuncia unha fogueira
no camiño dun andar pesado e frío.
Eres ti.
Como amor que xurde inesperado
cando buscas amor inútilmente.
Eres ti.
Letra: Benedicto
Música: Alberto Gambino
|
|
|
|
|
| O "COMBÓIO" ASCENDENTE |
|
 Xa contei neste recanto que estiven non hai moito tempo en Porto para falar sobre o noso amigo José Afonso. Baixei desde Santiago en coche pero, por razóns que non veñen ó caso, tiven que subir en tren. Unha odisea.
Ás nove cóllese un tren na estación de São Bento en dirección norte do que hai que descender na primeira parada, na estación de Campanhã. Alí, ás carreiras, pois só hai dous minutos, dous, para percorrer varios andenes ata colle-lo tren de Vigo que está bastante apartado. Todo arrastrando como se poida a equipaxe pois non se pode facturar.
A partir de aí o tren sube, parando en case tódalas paradas. Se non o fai en todas débese ó pomposo privilexio de ser un “combóio internacional”. Bueno, internacional é, que atravesa unha fronteira.
As caras, máis que serias e circunspectas, nada teñen de parecido co que cantaba o Zeca: No combóio descendente / iva tudo a gargallada. A penas algún sorriso esvaído entre a seriedade xeral.
En Vigo, media hora ata o enlace para a capital. ¿A ninguén se lle ocorre plantexa-la redución destes tempos de espera, totalmente superables?. E, por fin, Santiago, logo de ¡cinco horas e media! para andar douscentos cincuenta kilómetros. Todo un récord.
Hai algo máis de trinta anos fixen a viaxe, daquela “descendente”, e só levara dez minutos máis que agora. Sobra calquera comentario.
Benedicto García Villar
2 de abril de 2007
|
|
|
|
|
| O FURADO |
|
Imos facer un furado na caixa,
imos facer un convite na casa.
Abran xanelas
cancelas e portas,
Entren os aires
que saian pra fóra.
Linda maracucha ven bailar (1)
nós vimos de lonxe, alén do mar
pra traballar neste lugar
traballar neste lugar
neste lugar.
De Barquisimeto un cuatro está (2)
parello ca gaita vai sonar
se ven o Meco saltará
veña, Meco, vas saltar
Meco, a saltar.
Barlovento o ritmo vai poñer (3)
de Tomiño bombos van bater
o tres por catro, o dous por tres
tres por catro, dous por tres
catro por tres.
Maripérez non pode dormir (4)
a xente non quere salir
non hai lugar prós lampantíns
van marchar os lampantíns
os lampantíns.
Letra é Música: Benedicto
(1) Maracucha: moza de Maracaibo, cidade do
noroeste de Venezuela.
(2) Barquisimeto: cidade do interlor venezola-
no, coñecida pola fabricación do "cuatro",
instrumento de catro cordas.
(3) Barlovento: rexión do norte de Venezue-
la, famosa, ó mesmo que Tomiño, pola per-
cusión de grandes bombos.
(4) Maripérez: barrio de Caracas onde está a
Hirmandade Galega.
|
|
|
|
|
| 50 ANOS DE PAZ |
|

Se ós asinantes do Tratado de Roma lles dixeran que, 50 despois, Europa estaría como está, non darían crédito. Pareceríalles unha fabulación dun iluminado, unha fabulación propia dunha mente enferma. E nada máis palpable que isto: o maior espazo de liberdades e democracia do planeta.
E, ademais de estar garantida a paz entre os estados asinantes, que declaran unanimemente o compromiso de apoio ós demais en caso necesario, comprométense á resolución pacífica dos conflitos. Isto leva por ende que sexa na práctica imposible unha involución democrática en calquera dos estados.
Pero para ser equilibrado e xusto o balance convén sinalar que aínda está por nacer unha política exterior e de defensa común na liña sinalada por moitos cidadáns de converter esta UE nunha auténtica confederación. Como tamén hai que dicir que o fracaso dos referendos en Holanda e Francia non deben tirar por terra o camiño andado noutras latitudes. Pero é urxente que se dote á Unión dun instrumento institucional que dea solvencia e capacidades ó conxunto.
Tampouco estará de máis lembrar que, ata agora, foron as rendas máis elevadas, os detentadores do capital, as que máis beneficios recibiron, as que máis se favoreceron coa riqueza colectiva.
En todo caso, uns anos de paz que merecen tal nome e non outros de infausto recordo, cando, en pleno franquismo, facíasenos celebrar aqueles “anos de paz” construídos sobre a ignominia e o terror.
Benedicto García Villar
26 de marzo de 2007
|
|
|
|
|
| GUERRA IGNOMINIOSA |
|
 Cúmprense catro anos da invasión de Iraq e, unha vez máis, os demócratas de todo o mundo manifestan, manifestamos, o rexeitamento a esta guerra, que é unha das máis devastadoras dos últimos tempos. Entre 600.000 e 850.000 mortos, segundo que fontes; e a meirande parte entre a poboación civil.
Sen o amparo de Nacións Unidas, contra toda legalidade, Bush e os seus aliados inventaron o concepto de “guerra preventiva” que conduxo a este desastre total no que 9 de cada 10 iraquís temen pola súa vida nunha mostra evidente da inseguridade na que se vive. O propio estado maior das forzas ocupantes recoñece unha situación real de guerra civil.
¿Para isto tanto sofremento? ¿Onde están as armas de destrución masiva? ¿Onde o perigo para a seguridade do mundo? Poucas veces se atentou con tanta desmesura contra a intelixencia humana; e contra o propio ser humano.
O terrorismo mundial, é unha evidencia, medrou ata cotas nunca antes alcanzadas e ten en Iraq un crisol, un perfecto campo de adestramento.
E todo co apoio, coa participación de forzas armadas do noso país, pendentes dos soños de grandeza dun presidente que se cría tocado polo dedo dalgún deus.
En Gran Bretaña estanse a pedir responsabilidades xurídicas a Blair e xa se pensa en encausalo nos tribunais internacionais. Non estaría de máis face-lo propio con Aznar pola súa complicidade criminal.
Triste balance o dunha guerra que nunca debeu producirse.
Benedicto García Villar
19 de marzo de 2007
|
|
|
|
|
| A FESTA |
|
É festa na miña terra;
mozos e mozas veñan pra ela.
É festa na miña terra;
mozos e mozas na carballeira.
Hai gaitas, orquestas e banda;
nin vellos nin nenos deixan de bailar.
No adro alguén vende rosquillas,
perniñas de cera e, se cadra, algo máis.
O Santo vai ben floreado
con catro tricornios da guardia local,
e o cura, con tantos devotos,
non sabe qué raios de terras comprar.
Pulpeiras, sardiñas e queixo;
quen teña cartiños xa pode estoupar.
Pra viños, están do Ribeiro,
Rosal e Albariño con auga a fartar.
Hai tracas, foguetes e bombas
e mil luminarias prá festa rachar.
Á noite, xesteiras e fentos,
segredos de amores terán que gardar.
Letra e Música: Benedicto |
|
|
|
|
| TRES ANOS DA GRAN MENTIRA |
|
A extrema dereita que goberna, por diante e por detrás, na cúpula do PP, desde hai un tempo, fracasou estrepitosamente hai tres anos á hora de xustifica-los atentados do 11-M. Á hora de xustifica-la identidade dos autores, materiais e intelectuais. Por ningures apareceron pegadas nin conexións con ETA.
Pero está tendo un certo éxito á hora de oculta-lo desenvolvemento do xuízo por aquela masacre. Logo de tres semanas de iniciadas as sesións, apenas se fala delas. Esta, que sería a ocasión de desmontar para a cidadanía de boa fe a “teoría da conspiración” por eles deseñada, pode pasar, está pasando a un segundo plano.
Mentres, faise barullo na rúa pois o illamento parlamentario, reflexo do illamento social, impídelles presentar unha moción de censura, que é a forma prevista para recupera-lo poder político agora, que é o único polo que suspiran e devecen desde o 14-M.
O goberno debera ter resortes para poder dirixirse, falar á cidadanía, do que está feito, que non é pouco, e do que está por facer, que tampouco é escaso. En troques estamos asistindo a este espectáculo de estira-la corda, de aumenta-la tensión artificialmente, ata límites dificilmente soportables.
E mentres a dereita segue, tres anos despois, coa mesma hipocrisía, coas mesmas mentiras, co mesmo cinismo, tratando de romper un país que xa non está para se deixar manipular, que non se deixa romper.
Benedicto García Villar
12 de marzo de 2007
|
|
|
|
|
| HAI VINTE ANOS QUE SE FOI |
|
 Veño de ler na rede unha entrevista con António dos Santos e Silva, que acaba de escribir un libro, que se adviña imprescindible para o mundo “afonsino” e que se titula Zeca Afonso, antes do mito. Compañeiro en Coimbra cando os dous eran estudantes, achéganos aspectos pouco coñecidos do noso amigo, pero en todo coincidentes coa personalidade que tanto admiramos e queremos.
Fala así daquel home extraordinario como alguén fóra do mundo e adiantado ó seu tempo, perfectamente inútil para as cousas concretas. O Zeca era incapaz de fritir un ovo ou facer unha cama ou guiar un coche. Pero era un ser xeneroso en extremo e cun sentido do humor pouco ou nada habitual no seu país.
Agora, cando se cumpren vinte anos da súa desaparición física, chéganme as fotos, tremendas, feitas por un entón xovencísimo xornalista, Emanuel Valente, que dan fe do que foi a manifestación popular de dolor, cívica e laica, con ducias de milleiros de persoas ateigando as rúas de Setúbal, camiño do cemiterio.
Alí estabamos, aquel 24 de febreiro do 87, levando a pesada caixa, cuberta por unha simple bandeira vermella, por desexo expreso da familia, os seus amigos cantores. Turnámonos alí, naquela dolorosa encomenda, Sérgio Godinho, Zé Mário Branco, Quico Pi de la Serra, Xico Fanhais, Luis Cilia e máis eu, ademais doutros amigos, a quen abría paso Manolo Bello, galego-portugués de Lisboa. Diante, a Banda de Grândola tocando o seu himno, no medio dun profundo silencio.
A súa obra e a súa presenza seguen vivos vinte anos despois
Benedicto García Villar
5 de marzo de 2007
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|