No andel


A ESCRITURA É A PINTURA DA VOZ (Voltaire)
Escribir para crear un mundo, para encher páxinas coa vida que ves, que vives, que soñas...
Ler historias doutras vidas,doutros lugares,doutros sentimentos. Ler para aprender, para comprender, para gozar coa lectura, para soñar...

O meu perfil
charovm.60@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O NENO CAN
Este libro, escrito a favor de UNICEF e recoñecido internacionalmente polo seu tratamento da discapacidade formando parte da Lista Outstanding Books 2013, preséntanos cinco historias de cinco nenos que teñen que enfrontarse a circunstancias moi adversas; circunstancias, agás quizais a protagonizada por Carlos, que son ben diferentes das que rodean polo xeral aos nenos do mundo occidental e que poñen en evidencia ante o lector a crueza destas vidas das que están ausentes por completo os dereitos da infancia.

A narración levase a cabo a través dunha prosa sinxela, sen artificios, mais chea de lirismo, case poética:

?Do fondo dun álbum de mentiras a avoa Mayanin saca palabras brancas? (O neno can)
?O vento remexeulle os seus cabelos negros e o aire comezou a ulir a nostalxias de area? (Perla negra)

Para o título escolleuse o do primeiro relato e seguramente na elección tivo moito que ver o feito de que o can, un can cun ollo rodeado por unha mancha negra, apareza en todas as historias como compañeiro inseparable e fiel do neno protagonista: é o mesmo can e un can distinto á vez, presente en espazos distintos e distantes e con nomes diferentes (aínda que curiosamente eses nomes teñan que ver con elementos da natureza: Chuvia, Xeo, Area, Néboa e Vento), pero xogando sempre o mesmo papel de aliado e protector, converténdose nun personaxe clave que contribúe a cohesionar os relatos e á proporcionarlle maior unidade á obra.

É un libro que denuncia o inxusta que é a vida de tantos nenos do mundo, pero ofrecendo unha saída, unha luz ao final do túnel. Esa luz, nalgúns casos moi tenue, noutros máis potente soe estar representada por personaxes que xorden nos momentos máis críticos da historia para tender a súa man, para ofrecer a súa axuda, a súa solidariedade ou a súa comprensión. É verdade que son personaxes que non están exentos de certa idoneidade poética, de certo halo de irrealidade, aínda así seguramente cumpren unha función necesaria se, como parece, a través deles se quere transmitir a confianza na ?humanidade? do ser humano, en virtudes tan escasas como a solidariedade ou a xenerosidade.

A obra posúe ademais unha finalidade didáctica, non pretende unicamente denunciar a carencia dos dereitos máis elementais asociados á infancia en moitos lugares do mundo, tamén procura a reflexión dos lectores, sobre todo daqueles que, como os protagonistas das cinco historias, son tamén nenos.

Abril 2014

Comentarios (0) - Categoría: COMENTARIOS SOBRE LIBROS - Publicado o 18-04-2014 22:14
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Este blog naceu coa intención de dar cabida nel a algúns textos que eu escribín e a moitos outros que forman parte de min e do meu amor pola literatura.

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0