No andel


A ESCRITURA É A PINTURA DA VOZ (Voltaire)
Escribir para crear un mundo, para encher páxinas coa vida que ves, que vives, que soñas...
Ler historias doutras vidas,doutros lugares,doutros sentimentos. Ler para aprender, para comprender, para gozar coa lectura, para soñar...

O meu perfil
charovm.60@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A VIAXE DE ADOLFO

Había unha vez un neno moi pequerrecho que vivía feliz nunha pequena aldea rodeada de vales e montes, de bosques e regatos?. En fin, de esplendorosa natureza que para el a convertían no lugar máis fermoso da terra.

Pero os seus ollos aínda non acadaban a ver que á beira de tanta beleza acochábase tamén moita miseria, moito traballo incansable de sol a sol, moita escaseza.

El era só un neno de dous anos que vivía no mundo dos nenos, nese mundo que os maiores que os queren ben se esforzan por converter no mellor dos mundos, alleo ás suores e tristuras que os rodean.

Porén, un día descubriu no rostro serio da nai que algo ía cambiar.

Faláronlle dunha viaxe, dun lugar mellor onde ían ser máis felices. Adolfo non comprendía moi ben. Era moi pequeno e, coma a todos os nenos pequenos, asustábao a idea de deixar todo o que coñecía, que era onde se sentía seguro e a salvo. Mais? se ía estar cos seus pais?, se ía estar cos seus pais non tiña de que preocuparse, pensaba, e estaba convencido de que a aldea á que o levaban había ser tan fermosa como a que deixaban.

As sorpresas para Adolfiño comezaron cando chegaron ao porto de Vigo.

Nunca tal vira! Non sabía onde mirar do abraio que sentía!

De súpeto, os seus ollos bateron cun enorme barco que estaba ancorado no peirao e ficaron prendidos del. Os seus pais xa lle contaran que ían cruzar o mar, que era coma un río moi, moi grande, nunha especie de bañeira xigante, coma a que tiña a señora Eladia ?a señora máis rica da aldea- na súa casa e que non se ían mollar cando chovera porque tiña un teito e tamén tiña camas para durmir porque a viaxe ía durar moitos días, porque o lugar ao que se trasladaban quedaba moi lonxe e que por iso non podían ir andando, nin a cabalo, nin sequera en coche de liña.

Pero o que estaba vendo superaba todo o que conseguira imaxinar: aquilo era moitísimo máis grande que unha bañeira, aquilo era máis grande que todas as casas da aldea xuntas e moito máis alto que a igrexa co seu campanario. E o mar?, o mar? Canta auga xunta!!

Non podía deixar de observalo, non era quen de abranguelo coa vista, ata?, ata lle daba un pouco de medo?

Viu como subía moita xente e tamén algúns nenos coma el. Pensou en agarrar ben forte a man dos seus pais porque se se perdía alí non o ían atopar nunca e aínda que estaba un pouco impresionado por tantas cousas que nunca vira e polas despedidas dos que choraban preguntábase se durmir alí dentro e ir por riba de toda aquela auga sería divertido.

Non pasou moito tempo, desde que se fixeron ao mar, en descubrir que non, que non era nada divertido, porque a súa nai non facía máis que trousar e o seu pai ía moi serio, quizais pensando como sería a nova aldea que tardaba tanto en chegar. Así que só lle quedaba esperar que pasasen os días e que todos volveran ser felices.

Adolfiño nunca imaxinara que o lugar no que ían vivir agora era unha enorme cidade brasileira chamada Sao Paulo. Non se parecía nada, nada, á súa añorada aldea. Os seus ollos aglaiados non deixaban de pescudar aquí e alá, analizándoo todo. E era tan distinto!

Os seus pais alugaran un bar nun dos barrios máis humildes e alí a súa vida cambiou por completo.

Foi medrando nun ambiente no que coñeceu a liberdade de andar descalzo cos seus amigos da escola, de gozar doutra natureza ben diferente á da súa pequena aldea, mais tamén fermosa, onde nunca ía frío, aínda que ás veces chovía a máis non dar e o río anegaba as terras darredor e todo o que encontraba ao seu paso.

Non lle custou aprender a lingua: parecíase tanto á súa! e iso axudouno a sentirse case coma na casa.

Mais tamén había cousas malas, esas cousas malas que un día pesaron tanto, tanto no desacougo da nai que os meteron de novo nun barco que había facer a ruta contraria, que os había devolver á fermosa aldea, case esquecida, porque Adolfiño era moi pequeno cando a deixou e as lembranzas, aínda que non queiramos, esvaécense coma o po no deserto.

Agora tiña nove anos e na súa memoria de neno xa só gardaba a súa vida en Sao Paulo, cos seus amigos da escola, as súas aventuras con eles polo río?, pero tamén as pelexas no bar, a seu pai coa pistola para defenderse dos ladróns, os berros da nai?

En fin, agora volvían á terra que amara tanto, e que case non podía lembrar.

Agora Adolfiño sería por un tempo o neno que falaba raro e tería que acostumarse de novo á vida na aldea.

Mais no seu corazón debía gardar no recuncho dos tesouros inesquecibles o recendo da herba mollada, as carballeiras, as vacas pastando nos prados, os cans ouveando, a chuvisca, a neve? porque todo volveu ocupar o lugar privilexiado que lle correspondía.
E así volveu ser feliz.


Por Charo Valcárcel
Nadal 2012
Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS MEUS - Publicado o 28-04-2013 23:45
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal
Este blog naceu coa intención de dar cabida nel a algúns textos que eu escribín e a moitos outros que forman parte de min e do meu amor pola literatura.

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0