No andel


A ESCRITURA É A PINTURA DA VOZ (Voltaire)
Escribir para crear un mundo, para encher páxinas coa vida que ves, que vives, que soñas...
Ler historias doutras vidas,doutros lugares,doutros sentimentos. Ler para aprender, para comprender, para gozar coa lectura, para soñar...

O meu perfil
charovm.60@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

AS LEMBRANZAS DO AVÓ
Falar sobre o recordo do meu avó é moi difícil, sobre todo porque non é un recordo que proveña da miña propia memoria senón que chegou a min a través da dos demais, pero o peor é que o que me chegou foi sempre tan pouco que nunca puido satisfacer a miña curiosidade. Si, porque a curiosidade dunha nena que sabe que perdeu un avó do que tería aprendido tantas cousas? é unha curiosidade insaciable.

Lembro que o feito de non contar con ningún avó me incomodaba e mesmo me entristecía: eu quería ter avós, como tiñan a maioría das miñas amigas e compañeiras de escola, e custábame aceptar que me tiña que conformar con ter dúas avoas viúvas.

Lembro terlle preguntado a miña avoa Avelina por el, por como era, mais as súas respostas eran esquivas e entraban en moi poucos detalles. Supoñía que non quería falar de cousas que debían poñela triste e deixaba de insistir.

Aínda así algunhas veces falaba do bo mestre que fora, de que algo lle chegara a ensinar aos irmáns maiores de miña nai, os meus tíos Pucho e David, de que fora amigo de García Barros?, pero en cambio sobre a súa morte era moi cortante e drástica: morrera dun tumor cerebral e notábase ben que non quería deterse en explicacións, que era algo que prefería deixar aparcado nalgún recuncho amargo das súas lembranzas.

Ás veces, moi poucas, a propósito dalgún tema,agora imposible de recordar, mencionábao e dicía:? Bernardo??

Lembro que esas palabras na súa boca, polo extraordinario que era oírllas pronunciar, producían en min un efecto semellante ao que consegue un mago cando ante os ollos aglaiados duns nenos saca un coello da súa chistera: ?Bernardo??
Non podo lembrar o que viña despois, o que si lembro con absoluta claridade é como me gustaba oírlle dicir o seu nome. Era o nome do meu avó, un ser do que case nada sabía, pero que na miña mente infantil era unha especie de avó ideal, moi intelixente e elegante. A imaxe que tiña del estaba baseada nas poucas fotos que conservabamos, pero sobre todo naquela na que vestía traxe de indiano en Cuba e naqueloutra na que co rostro afable e cercano posaba ao lado da miña avoa no seu retrato de voda. Ese era o meu avó.

Sempre lamentei enormemente non telo coñecido. Sentíame moi orgullosa del, gustábame pensar que fora un mestre moi querido e iso foi algo que nos meus anos de estudante en Santiago puiden coñecer de primeira man, porque, por estas casualidades que ten a vida, o pai dun bo amigo meu fora alumno seu en Teo e tiven a oportunidade de falar con el e comprobar o enorme respecto e cariño que lle conservaba. Lembro o emocionante que foi para min esa experiencia.

Mentres viviu miña avoa o tema do meu avó era como un tema tabú. Ela nunca quixo afondar na ferida da súa morte, nunca quixo contarnos a verdade e morreu sen compartila con nós.

Hoxe, tantos anos despois, 25 trala morte da miña avoa Avelina, e sabendo o que agora si sei,podo comprender mellor os coñecementos que eran pouco habituais nunha muller labrega que vivía do cultivo da terra e da crianza de animais domésticos, como tantas outras daqueles tempos. Así por exemplo descubrín, cando xa eu era estudante en Compostela, que ela sabía ben quen fora Castelao, sabía da súa fama, dos seus debuxos?, e dos seus comentarios desprendíase facilmente que coñecía a importancia que tivera. Supoño que a súa alegría trala morte de Franco e o feito de que nas primeiras eleccións votara o PSOE, tería que ver tamén co que aprendera e vivira ao lado do meu avó Bernardo, o home intelixente e culto co que casara e co que compartiu dez anos da súa vida.

Os indesexables que lle propinaron a tremenda malleira que lle provocaría a morte foron culpables de deixar unha viúva con catro nenos pequenos aos que lles arrebataron un pai que deixaría un baleiro que nunca poderían encher.

Un deses nenos foi miña nai.

Ela tenme contado moitas veces as innumerables ocasións en que de pequena choraba polo pai perdido, polo pai nunca coñecido (só tiña tres anos cando morreu e non podía lembralo sequera).

Ela, vítima inocente das mortes inxustas das guerras, pero tamén do silencio que nace do medo, do silencio que durante case toda a súa vida lle negou o coñecemento do pai.

Non obstante gústame pensar que algo do seu legado permaneceu en nós, permaneceu en miña nai e os seus irmáns que conservaban os seus libros que conformaron unha pequena biblioteca da que se nutriron durante a súa infancia e mocidade. Miña nai animábanos a ler algúns deses libros a miña irmá e mais a min, libros que ela mesma lera xa, mesmo máis dunha vez.

Quizais eses libros que de nenas mirabamos con curiosidade, sobre todo aqueles que tiñan debuxos que acompañaban as historias, pero tamén aqueloutros de luxosas encadernacións que aínda que non podiamos entender de que trataban exercían unha atracción especial sobre nós, quizais eses libros que a min me gustaba coller, tocar e imaxinar todo o que debera saber o meu avó, eses libros que tantas veces tivemos nas nosas mans, libros que guiadas pola nosa nai lemos como lera ela, quizais foron os que me levaron un día a amar a literatura e a estudar filoloxía.

Quizais eses libros, que estiveron na miña vida desde que teño recordos, substituíron o silencio da miña avoa e dunha sociedade amedrentada, e quizais a través do tacto suave das súas vellas tapas gastadas e atacadas pola couza puidemos acariñar as mans amadas do avó perdido.

Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS MEUS - Publicado o 24-02-2014 18:32
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Este blog naceu coa intención de dar cabida nel a algúns textos que eu escribín e a moitos outros que forman parte de min e do meu amor pola literatura.

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0