No andel


A ESCRITURA É A PINTURA DA VOZ (Voltaire)
Escribir para crear un mundo, para encher páxinas coa vida que ves, que vives, que soñas...
Ler historias doutras vidas,doutros lugares,doutros sentimentos. Ler para aprender, para comprender, para gozar coa lectura, para soñar...

O meu perfil
charovm.60@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

AL SUR DE LA FRONTERA, AL OESTE DEL SOL
Al sur de la frontera, al oeste del sol
HARUKI MURAKAMI


Esta novela introdúcenos na vida de Hajime. Vivimos con el os seus anos de infancia primeiro, de adolescencia despois, anos difíciles de inseguridades, de propósitos de enmenda, de desexos de renacer das súas cinzas, anos de insatisfaccións que comezan principalmente tras o distanciamento de Shimamoto, á que botará de menos durante todo o tempo que transcorre afastado dela, que busca en cada unha das mulleres coas que se relaciona.

Con el chegamos tamén á súa vida apacible de home casado e pai de familia que se converte nun empresario de éxito e que semella ter acadado unha vida feliz, mais cando se reencontra con Shimamoto e reanuda a relación que quedara en suspenso vinte anos antes decatarase de que esa vida feliz que cría ter era só un espexismo.

Pero esa relación xa non pode ser a mesma e vai levar a Hajime a unha encrucillada. Vai decatarse da importancia que Shimamoto tivo na súa vida, o lugar privilexiado e relevante que sempre ocupou. Decátase de que hai algo que só ela pode encher.

O final da novela móstranos un Hajime abatido, desposuído desa parte de si mesmo que se alimenta só e unicamente de Shimamoto, pero que ten que sobrevivir sen ela. Quizais é o momento no que Hajime chega ao oeste do sol, a ese lugar no que poida que non haxa nada. Talvez teña entón que tomar o consello da canción de Nat King Cole que escoitaba con Shimamoto:

Pretend you´re happy when you´re blue
It isn´t very hard to do
(Cando esteas triste finxe que es feliz
Non é tan difícil)


Unha vez máis outra novela de Murakami na que a música, a literatura, a ilusión doutra vida que puido ser, un personaxe cheo de matices, vítima unhas veces, outras verdugo, pero fráxil como a propia vida, enchen as súas páxinas.

O título é un dos elementos que levan á reflexión. Na novela o propio personaxe protagonista explica a procedencia da primeira parte do mesmo: ?Ao sur da fronteira?. Trátase dunha canción de Nat King Cole : ?South of the Border? que escoitaba con Shimamoto cando eran uns nenos de doce anos, e recoñece que para el era un auténtico enigma o que habería ao sur da fronteira, aínda que anos máis tarde descubrirá que a canción se refería a México o importante é o que significaba naquel momento: algo descoñecido, enigmático.

Case ao final da novela descubrimos o significado da segunda parte do título: ?ao oeste do sol?. Nesta ocasión é Shimamoto a que lle conta a Hajime que é un lugar que ten sentido para os campesiños siberianos que traballan de sol a sol (desde que sae polo leste ata que se pon polo oeste) e que nalgúns casos tras anos e anos de traballo un día algo se quebra neles e morre e entón deciden camiñar cara ao oeste do sol para morrer. Ela dille que alí quizais non haxa nada, pero que seguro que é algo moi distinto ao que hai ao sur da fronteira.

É talvez ao sur da fronteira onde queda para sempre Shimamoto? Lonxe, inacadable, enigmática? Un lugar a onde nunca poderá chegar Kajime para atopala? Poida que Kajime teña que sobrevivir dende ese momento ao oeste do sol porque tamén el, como os campesiños siberianos, sentiu que a súa vida se quebraba e unha parte moi importante dela morría para sempre.

Aínda así a observación do mencer dun Hajime abatido ao final da novela semella indicar un renacer desde o leste do sol.

Coma sempre, Murakami perturba e conmove.


Comentarios (0) - Categoría: COMENTARIOS SOBRE LIBROS - Publicado o 28-12-2014 23:20
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
Este blog naceu coa intención de dar cabida nel a algúns textos que eu escribín e a moitos outros que forman parte de min e do meu amor pola literatura.

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0