No andel


A ESCRITURA É A PINTURA DA VOZ (Voltaire)
Escribir para crear un mundo, para encher páxinas coa vida que ves, que vives, que soñas...
Ler historias doutras vidas,doutros lugares,doutros sentimentos. Ler para aprender, para comprender, para gozar coa lectura, para soñar...

O meu perfil
charovm.60@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

DONA MICAELA (baseada na "cousa" de Castelao: "Vou contarvos un conto triste...")

DRAMATIS PERSONAE:
NAI
MICAELA
DON NICANOR
ISAURA
PURA
DOUTOR
RAMÓN
FILOMENA
ANGUSTIAS
CRIADA 1

VOZ EN OFF



ACTO PRIMEIRO
Escena 1ª
( Ábrese o pano.Co escenario escuro escóitase unha música facilmente recoñecible que lembre os xogos infantís, despois un son de risas de rapazas, que xogan e que falan)
VOZ DE MICAELA: Eu son a nai! Eu son a nai!
VOZ DE RAPAZA: Non vale! Ti sempre queres ser a nai! Eu tamén quero, Micaela!
MICAELA: Déixame a min, si Rosiña? (mecosa) Déixame a min. Xa sabes o que me gusta facer de nai.
OUTRA VOZ: Si, déixaa, muller. Despois es ti.
VOZ DE RAPAZA: Bueeeeno!
MICAELA: Beeen! (con voz de nai) Ven, Rosiña, que te vou peitear.
AS OUTRAS: Si, madre!
(De novo balbordo de risas e xogos)

(Ilumínase pouco a pouco e de forma tenue o escenario no que se irán perfilando as siluetas de dúas mulleres. Unha de pé, case no proscenio, de fronte ao público e coas mans cruzadas diante, a outra, case unha nena, sentada nunha butaca coa cabeza baixa. Deben ir vestidas conforme a moda de fins do XIX dunha familia fidalga, os mobles escasos, pois o protagonismo da escena debe centrarse nas mulleres, tamén se corresponderán con este período. Durante uns instantes só se poderán ver as súas figuras estáticas, mentres soa unha peza músical (por determinar). Cando para a música (tras uns segundos) falan)
MICAELA: Pero, madre, eu non quero casar (aínda coa cabeza baixa)
NAI: (Intentando aparentar dureza . Mantendo a postura inicial, de cara ao público, fala amodo e con certa rudeza ) Micaela, non sexas teimuda. As mulleres nacemos para casar e ter fillos e ti?, ti xa tes idade de atopar un bo marido, un home cabal e de boa posición co que gozar dunha vida cómoda, sen privacións de ningunha clase.
MICAELA: (Ergue a cabeza, por primeira vez) Pero, madre?
NAI: (Segue, coma se non a escoitase) Un home de boa familia cunha boa educación que te tratará coma unha raíña.
MICAELA: Pero, madre, eu , eu non quero ser a raíña dun vello ( Volve baixar a cabeza,case saloucando)
NAI: (Achegándose á filla ata sentar ao seu carón.Cóllelle a barbela coa man para falarlle) Micaela, escoita?, don Nicanor é a nosa salvación (contrariada, malia todo). Lévache uns cantos anos, é verdade, pero non é un vello. (Érguese) Que querías, filla? Casar cun mocoso que non saiba nada da vida e cometa tantos erros aprendendo que te converta nunha desgraciada? Xa, xa sei que o teu sangue novo estache xogando unha mala pasada facéndoche desexar o que non é bo para ti, (Volve sentar ao carón da filla) pero tes que pensar no que nos convén a todos. Xa verás como non te has de arrepentir.
MICAELA: Pero, madre, eu?, eu non quero . (saloucando)
NAI: Micaela, tes que entrar en razón. Teu pai non vai pasar por menos, non che vai consentir unha negativa. Xa falou con don Nicanor. O casamento está arranxado.
MICAELA: (saloucando) Non, non?, eu non quero, madre.
NAI: (Dura) Micaela, non podes elixir, entendes? Todo está decidido. Non podes opoñerte. É o que ten que ser. É o mellor. O casamento é bo para todos (Pausa). Pero?, escoita (cóllelle as mans, agora con certa tenrura) co matrimonio han chegar os fillos, co que che gustan a ti os nenos? eh, Micaela? e eles encherán a túa vida. Xa verás!
MICAELA: Os fillos?
NAI: Si, os fillos, os fillos. A túa ledicia, xa verás.
(Escóitanse de novo as risas e xogos infantís mentres se vai escurecendo o escenario e as voces de: ?Eu son a nai, eu son a nai? e risas e choros de bebés. Escurécese o escenario)
Escena 2ª
(Novamente vaise iluminando o escenario pouco a pouco mentres se escoita unha peza musical que ambiente a escena (por determinar) . Comezan a percibirse dúas siluetas cada vez de forma máis clara. Coma na escena anterior deben permanecer estáticas durante uns intres. Nesta ocasión a colocación reproducirá a das vellas fotografías das vodas desta época, a luz que os ilumine terá ese ton sepia que as caracteriza. Cando a música deixa de soar, tras uns segundos, falan)
DON NICANOR: (Erguéndose da cadeira ao tempo que colle do brazo a Micaela para levala canda el camiñando cara adiante sinalando co bastón o espazo , que novamente terá un decorado minimalista, o importante son os personaxes. Vai elegantemente vestido. Leva bigote, que acariciará mentres fala, e bastón que loce por elegancia, non para cubrir ningunha carencia física. Micaela, que vai vestida de noiva da época, mentres fala don Nicanor mantén unha pose tímida e retraída)
Mira, Micaela, aquí gobernarás ao teu antollo. Xa ves que deposito en ti toda a miña confianza, poño a miña casa, que desde agora é tamén a túa, nas túas mans. Sei que recibiches unha esmerada educación para converterte na mellor esposa e que non me vas defraudar, aínda así son consciente da túa xuventude e polo tanto da túa pouca experiencia, así que vouche pedir que te apoies en Isaura para resolver calquera eventualidade . Ela leva nesta casa case tanto tempo coma min e serache de moita axuda.
MICAELA: (con voz apenas audible) Si, don Ni? (corríxese) Nicanor.
DON NICANOR: Non tes de que te preocupar, desde agora mesmo pasas a ser a miña dona, serás respectada e admirada como tal nos círculos máis selectos. O único que tes que facer,querida Micaela, é ser o que se espera que sexas, unha boa esposa.
MICAELA: Si, Nicanor.
DON NICANOR: E como tal debes dar mostras de discreción e saber estar, en público falarás só se se che pregunta e nunca debes chamar a atención. Lembra que es xa unha muller casada.
MICAELA: Si, Nicanor.
DON NICANOR: Ademais , en pouco tempo serás nai. (Don Nicanor mira a Micaela con tenrura) Porque imos ter moitos fillos, eh, Micaela?
MICAELA: (fala mostrando por primeira vez no seu ton a ledicia que lle produce a idea de ser nai) Si, si, Nicanor, quero? quero ter moitos. Madre? madre díxome que ao casar xa os podiamos encargar, que? que vostede (corríxese), que ti me indicarías como facelo.
DON NICANOR: Pois, claro que si (sorrí divertido), eu indicareiche o que che haxa que indicar?
MICAELA: Se hai que redactar eu podo?
DON NICANOR: Redactar? Pero como que redactar, Micaela?
MICAELA: (insegura) Eu?eu supuxen que? que habería que redactar unha petición, ou?ou algo parecido.
DON NICANOR: (Sorrindo) Unha petición! Vaia! Semella que a túa nai entrou en poucos detalles.
MICAELA: Que?que quere dicir? É?é máis complicado? Non imos poder encargalos aínda?
DON NICANOR: Non, non é iso, muller, claro que podemos encargalos.
MICAELA: Podemos? e cre?cres que será moi pronto se os encargamos mañá xa?
DON NICANOR: Que rapariga! Non, Micaela, non é moi pronto, de feito non temos que esperar a mañá. Que che parece se os encargamos agora?
MICAELA: (Non dá creto. Emocionada) De verdade? Agora?
DON NICANOR: (Conducíndoa con dozura e saíndo por un lateral) Si, Micaela, agora.
(Música. Escuro)

Escena 3ª
(Ilumínase de vagar o escenario o que permitirá ir percibindo dúas siluetas. Nesta ocasión son dúas mulleres. Unha delas é Isaura, a criada máis veterana, de pé, en actitude severa, ao lado dunha mesa; a outra é Pura, outra das criadas, detrás da mesa e cunha pequena pila de sabas dobradas diante dela, as dúas mans sobre a roupa e mirando cara Isaura. Ficarán estáticas uns segundos. Logo falan)
ISAURA: Pura, non lle tiraches todas as bonecas á señora? Como é que acabo de vela xogando con unha?
PURA: Aaai! Non me diga? Outra vez?
ISAURA: Pois si, outra vez, Pura, outra vez! e xa sabes que don Nicanor foi moi claro. Non quere ver máis bonecas na casa! E non me estraña, ben sabes o avergoñado que quedou o outro día cando chegou a visita e atopou a señora xogando cunha boneca no salón, así que non podemos permitir que volva pasar.
PURA: Pobre señorita! É tan noviña! É que non tivo tempo de deixar de ser nena.
ISAURA: De señorita, nada, Pura! É a señora e tense que comportar como tal.
(Óese a voz de Micaela que entra falando cunha boneca que trae no colo)
MICAELA: Mira que bonitiña quedaches con este peiteado, Manolita, á tarde heiche comprar un laciño para o cabelo (cando ve as criadas oculta a boneca nas costas) Ola, Isaura, ola, Pura?
PURA: Co seu permiso señori?señora (colle a roupa e sae)
ISAURA: Señora, sabe que ao señor non lle gusta que ande coas bonecas.
MICAELA: Ai, Isaura, pero o señor non está nunca na casa e eu abúrrome. Non lle fago mal a ninguén.
ISAURA: Pero, señora, vostede non pode andar xogando con bonecas coma se fose unha nena pequena. Non se dá conta que é xa unha muller casada?
MICAELA: Son unha muller casada (con resignación. Pausa. Senta con abatemento). Ai, quen me dera seguir sendo a nena que era!
ISAURA: Pero como di iso, señora? Iso non pode ser. Iso quedou atrás para sempre.
MICAELA: (Con tristura) Para sempre.
ISAURA: Ande, ande, déama a min (Estira a man para recoller a boneca. Micaela dálla con resignación) Gardarémola para cando vostede teña unha filla , que lle parece?
MICAELA: Para cando teña unha filla?
ISAURA: Claro, señora, seguro que pronto esta casa se encherá de nenos pequenos. Xa verá como, cando iso pase, non ha de ter tempo de se aburrir.
MICAELA: Pero cando? Cando vai pasar iso, Isaura? Ese era o meu único consolo. Os filliños que ía ter, os meus nenos, aos que ía coidar e encher de bicos e de mecos, pero onde están?, onde están? Canto tempo levo xa casada e non teño ningún? (senta pensativa) Sabes, Isaura, Nicanor non redactou ningunha petición e tampouco me dixo a min como había que redactala. Síntome enganada. Madre aseguroume que se casaba ía ter fillos. O meu home aseguroume que iamos ter moitos fillos, pero ningún dos dous parecía dicir a verdade.
ISAURA: Ai, vállame Deus, señora! Pero de que petición fala? O único que fai falta é cumprir co sacramento.
MICAELA: Cumprir co sacramento?
(Entra Pura que vén con Ramón, o xardineiro)
PURA: Desculpe, dona Micaela e que Ramón quere falar coa señora Isaura. (Micaela ficou pensativa dándolle voltas ao que lle acaba de dicir Isaura)
RAMÓN: Boas tardes. Señora Isaura, xa rematei de podar as árbores que me indicou, pero eu penso que lle tería que dar un repasiño á cerdeira vella tamén, e hai unhas maceiras?
ISAURA: Anda, anda, vou contigo ver o que fixeches e falamos. Desculpe, señora. (Deixa a boneca e sae con Ramón)
MICAELA: (ficou ensimismada, coa boneca de novo nas mans, sentada na cadeira) Cumprir co sacramento?
PURA: (nun ton de complicidade) Señora, quere que lle agache eu a boneca, coma as outras veces?
MICAELA: Pura, que significa cumprir co sacramento?
PURA: Como?
MICAELA: Díxome Isaura que para ter fillos só hai que cumprir co sacramento. Ti sabes a que se refire?
PURA: Pois, claro, señora.
MICAELA: Pois queres explicarmo, por favor?
PURA: Pero como, señora? Vostede tamén o ten que saber, se é unha muller casada...
MICAELA: Pois non, Pura, non o sei, por iso quero que mo expliques.
PURA: Pero como non o vai saber?.se?
( Micaela segue sen dar mostras de entender. Pura decátase de que efectivamente non o sabe)
PURA: A ver, verá? é que? é que son cousas moi íntimas, cousas do?do matrimonio e?
MICAELA: Cousas moi íntimas?
PURA: Si, mooooiiii íntimas, xa sabe, esas que pasan cando vostede e o señor, pois?, fican sós?
MICAELA: Sós? (Semella que comeza a entender)
PURA: Si, señora, soíños, o señor e vostede soíños? no leito?
MICAELA: (baixou a cabeza) Ai, Pura, estasme dicindo que iso é cumprir co sacramento?
PURA: Pois supoño que si, señora. Refírese a?
(Interrómpea)
MICAELA: Non, non, non, non fai falla que o describas, Pura. Pero entón? iso serve para encargar os fillos?
PURA: Si, señora, entre outras cousas.
MICAELA: É dicir, que xa os encargamos? E por que tardan tanto? E cantos virán? Encárgase un de cada vez?
PURA: Ai, señora, cantas preguntas? Mire eu creo que vou empezar a explicarlle polo principio, si? Resulta que os homes e as mulleres?
(Escuro)










ACTO SEGUNDO
Escena 1ª
(Soa unha música de cantiga de berce. Vaise iluminando o escenario pouco a pouco que deixará ver a silueta de Micaela sentanda nunha cadeira cosendo unha camisiña de bebé, mentres tararea a nana. Mantense uns segundos.)
MICAELA: (Detén un intre o labor e acariña o ventre. Suspira) Ah!, meu filliño, canto me vai tardar verche por fin a cariña!, canto me vai tardar poder collerte nos meus brazos e arrolarte suavemente (fai o xesto) e sentir a túa cabeciña no meu peito e tocar as túas manciñas e os teus peciños e deitarte no berce amodiño e quedar mirando caladiña como dormes!, como respiras! (fica uns segundos cun sorriso nos beizos ensimismada, logo retoma o labor de coser a camisiña). Verás, meu ben, que bonitiño vas estar con esta camisiña. Vas parecer un anxo! O meu anxo!
(Entra don Nicanor e observa con certa satisfacción e orgullo á súa dona uns intres que volveu tararear a cantiga de berce)
DON NICANOR: Dá gusto verte tan feliz, Micaela.
MICAELA: (Volvendo a cabeza cara el) Moi feliz, Nicanor. Pode haber algo máis marabilloso que levar o meu fillo no ventre? Ben, si, telo nos meus brazos, pero iso pasará dentro de seis meses xustos.
DON NICANOR: O noso fillo, Micaela, o noso fillo, e como seis meses pasan máis axiña do que parece, eu creo que hai que buscarlle un nome xa.
MICAELA: Ben? dous, non, Nicanor? Un por se é neno e outro por se é nena. Podiamos chamar? (Empeza a dar mostras de notar molestias)


DON NICANOR: (Interrómpea) Estou seguro de que será un home e chamarase Adolfo, coma o seu avó.
MICAELA: Adolfo? (Segue facendo xestos de dor)
DON NICANOR: Si, Adolfo. É un nome rexo e elegante, que inspira respecto, como corresponde á súa condición.
MICAELA: Adolfo? (ensoñando) Ah! a min inspírame moita tenrura imaxinándoo nos meus brazos e? (a dor comeza a ser máis forte) Aaaaah!, Nicanor, non sei? non sei que me pasa, aaaaah!, dóeme, dóeme moito. Aaaah! (Nicanor achégase a ela para axudala)
DON NICANOR: Onde? onde che doe, Micaela?
MICAELA: Creo, creo que é o neno, Nicanor. Aaaah! (retórcese) Chama ao doutor, Nicanor!, chama ao doutor! Aaaah!
DON NICANOR: Isaura! Isaura!
(Entra Isaura)
ISAURA: Si, señor, (ve a Micaela retorcéndose) Ai, señora, que lle pasa?
DON NICANOR: Bule, chama ao médico!
ISAURA: Si, si, señor (sae)
DON NICANOR: Micaela, ven, que te levo ao cuarto (axúdaa a camiñar e saen, ela segue queixándose)
Escuro
Escena 2ª
(Cando se volve iluminar o escenario- pouco a pouco- poderase observar a Micaela sentada tras unha mesa escribindo nun papel, diante de si un frasco de cristal do que se poderá percibir que ten algo dentro dun líquido. Mentres soa unha música-por determinar- a imaxe de Micaela permanecerá estática, igual que a de Isaura que estará de pé, preto da mesa, agardando )
MICAELA: (Escribindo. Compunxida) A..dol..fo, 12 de maio de 1887 ( mira o frasco con tristura) Ai! meu pequeno! Por que? Por que non puido ser? Que fallou? Que fixen mal? Por que? Por que me teño que conformar con verte aí? Eu que soñaba con terte nos meus brazos e encherte de bicos e agora?
ISAURA: (Achegándose a Micaela e falándolle con tenrura mentres ela pega con consternación o papeliño no frasco) Señora, non se torture. Vostede non fixo nada mal. Son cousas que pasan, pásanlle a moitas mulleres, pero xa verá como a próxima vez ha de saír ben.
MICAELA: (Ten o frasco entre as mans e acaríñao mentres fala con Isaura) A próxima vez? Ti cres que poderei, Isaura? Aaai! (volve falarlle ao frasco) Pobre Adolfiño meu! Que pequeniño quedaches! Que pouquiña cousa chegaches a ser!
ISAURA: (Botándolle as mans ao frasco) Veña, señora, déixeo xa, permítame que o garde, si? Onde quere que o poña?
MICAELA: (Que vai soltando o frasco con certa resistencia ata que tras darlle un amoroso bico permite que o colla Isaura) No armario das sabas de liño. Quero que o poñas alí.
ISAURA: No armario das sabas de liño, señora? Quere que poña o frasco no medio das sabas? Non será mellor buscar outro sitio máis apropiado?
MICAELA: Non quero que lle chames ?o frasco?, Isaura, é Adolfo e quero que lle chames Adolfo. E si, o armario das sabas de liño é para min o sitio máis apropiado porque é algo tan delicado coma elas e como algo delicado debe ser tratado, Isaura, e non quero que o poñas no medio das sabas, quero que lle fagas un sitio privilexiado dentro do armario e que alí o coloques. Cando o fagas avísame. (Retírase)
ISAURA: Como vostede diga, señora, agora mesmo (diríxese ao fondo onde será ben visible o armario das sabas de liño. Abre as portas e apartando unhas sabas libera un estante onde coloca o frasco) Ben, xa está. (Dándolle á cabeza) Deixar aquí o frasco non me parece a min? , pero en fin? Terei que advertirlle a Pura que teña coidado cando garde as sabas. (Sae)
(Entra Pura, cargada de sabas e toallas, tarareando unha canción, coma sempre. Achégase ao armario das sabas de liño, vai abrilo cando irrompe Isaura de novo)
ISAURA: Tente, Pura!
PURA: (Dá un respingo co susto) Ai!, señora Isaura, que susto me deu!
ISAURA: Atende, Pura, debes ter moito coidado cando metas as sabas e as toallas no armario. Dentro, dentro está o señorito Adolfo.
PURA: O señorito Adolfo? E quen é o señorito Adolfo e que fai metido no armario?
ISAURA: A ver, Pura, aténdeme ben que non quero volvelo repetir. O señorito Adolfo é o ? é o?o?, o señorito Adolfo é o fillo dos señores.
PURA: Pero? como que o fillo? Que fillo?
ISAURA: Ai, Pura, a ver, dona Micaela estaba esperando, non?
PURA: Si, pero?
ISAURA: E como lle ían chamar ao neno? Di.
PURA: Anda! pois Adolfo, pero?
ISAURA: Pois Adolfo está aí dentro.
PURA: Como?
ISAURA: Ai, Pura, que hai que explicarcho todo! A ver?, o que quero dicir é que aí dentro está o señorito Adolfo dentro dun frasco de augardente por expreso desexo da señora e que, polo tanto, debes ter moito coidado cando andes no armario. De acordo?
PURA: Ai, señora Isaura, que me di? que a sambesuguiña que abortou a señora está metida aí? E vou ter que andar eu no armario?
ISAURA: Moito coidado con como lle chamas, Pura, é o señorito Adolfo, nada de sambesuguiña! e claro que vas ter que andar no armario, coma sempre, pero con moito coidado, xa cho dixen, lembra a ilusión que tiña a señora con este fillo e a dor que lle produciu a súa perda: é o único que lle queda del e temos que respectalo. Seguro que ha de ter moitos fillos de verdade, pero mentres tanto?
PURA: (Con certa prevención, mesmo medo abre de vagar a porta do armario,cando queda á vista o frasco persígnase)Ai, Xesús!
(Mentres se vai escurecendo o escenario escóitase a voz en off)
VOZ EN OFF: Non vos riades porque o conto é triste.

Escena 3ª
(Igual que na primeira ocasión volverá escoitarse a melodía dunha cantiga de berce, a mesma que a primeira vez, e irá iluminándose o escenario que mostrará tamén a Micalela tarareándoa sentada nunha cadeira e cosendo unha camisiña.Todo igual que a primeira vez)
MICAELA: (Detén un intre o labor e acariña o ventre. Suspira) Ai!, meu pequeno, que longa se me fai a espera! Como será a túa cariña? De que cor serán os teus ollos? A quen lle imitarás? (Fica uns segundos ensimismada).Ben, tanto ten en realidade, porque eu voute querer sexas como sexas, porque son a túa nai e para min xa es o máis importante do mundo. (continúa co labor e volve tararear a cantiga de berce, logo volve falarlle) Sabes? ás veces cando penso en ti imaxínote camiñando da miña man (érguese e camiña coma se levase o neno collido da man) dando os teus primeiros pasiños e eu protexéndote para que non vaias caer, ou animándote para que te botes ti soíño (fai o xesto) ou? ou (fai o xesto, anícase) peiteando o teu cabelo? porque?, non sei? algo me di que vas ser unha nena, a miña preciosa meniña! E xogaremos xuntas (dá voltas sobre si mesma coas mans estiradas, como se agarrase a nena. Logo volve sentar e coller o labor. Suspira). Ai! Que longa se me fai a espera!
(Escuro)




Escena 4ª
(Soa unha melodía ?por determinar- e vaise iluminando o escenario pouco a pouco deixando ver dúas siluetas masculinas unha sentada- don Nicanor- apoiando a cabeza nas mans-, a outra de pé cun maletín e en mangas de camisa- o doutor- permanecerán estáticos uns intres ata que remata a música)
DON NICANOR: (Érguese ao ver o doutor) Como? como foi, doutor?
DOUTOR: (Apoia o maletín nunha cadeira e fala mentres baixa as mangas da camisa) Lamentablemente, Nicanor, volveu perder a criatura. Non puiden facer nada por evitalo. Como é lóxico está moi afectada, pero é nova e de seguro que ha de poder ter máis fillos, quero dicir que ha de poder levar un embarazo a término sen problemas.
DON NICANOR: (Afectado) Iso espero, doutor. Micaela ten un gran instinto maternal e eu mesmo non quixera ter que renunciar a un herdeiro.
DOUTOR: Como lle dicía é moi nova e non hai razón para pensar que non sexa así.
(Entra Isaura que vén do cuarto de dona Micaela. )
ISAURA: Pobre señora, co ilusionada que estaba?
DOUTOR: Agora deben coidala moito, que descanse e que se alimente ben (vai dirixíndose cara á porta para saír. Isaura adiántase para coller a chaqueta do percheiro e darlla) Xa me comentou que quere conservar o feto malogrado, como a outra vez, se para ela é un consolo non deben contrariala, é importante que non caia no abatemento, que recupere o ánimo canto antes.
ISAURA: Por suposto, doutor, farase como vostede diga.
DOUTOR: (xa na porta) Pasarei mañá para ver como segue.
DON NICANOR: Deica mañá, doutor.
ISAURA: Deica mañá.
(Sae. Escuro)
Escena 5ª
(Volve reproducirse a mesma melodía e a mesma situación da escena 2ª)
MICAELA: (Mentres escribe no papeliño) Rosa, 7 de xaneiro de 1888 (Mira o frasco con tristura, acaríñao e bícao) Ai!, miña pequeniña! Por que? Por que ti tamén? Que estou facendo mal, Isaura? Que estou facendo mal?
ISAURA: Señora, vostede non está facendo nada mal. Non se torture. Xa verá como a próxima ha de saír ben. (Micaela pega o papeliño no frasco e logo acaríñao mirándoo con tristura) Ande, quere que o poña ao lado do señorito Adolfo?
MICAELA: Si, Isaura, (aínda con el nas mans) ao lado do seu irmán (Isaura vaino coller) Agarda que teño que poñerlle unha cousa (saca un lazo rosa do caixón e comeza a colocalo arredor do colo do frasco con moito coidado, logo volve bicalo tenramente) . Así está mellor, agora xa podes poñela ao lado de Adolfo.
ISAURA: (Collendo o frasco con coidado e colocándoo no armario das sabas de liño ao lado do outro. Teñen que ser ben visibles) Si, señora, así ao lado do señorito Adolfo poñemos á señorita Rosa
(Micaela érguese e achégase amodo ao armario das sabas de liño. Alí observa os dous frascos e dálles un bico a cada un.)
MICAELA: Meus meniños!
(Mentres se escurece o escenario escóitase de novo a voz en off)
VOZ EN OFF: Non, non vos riades porque o conto é triste.




ACTO TERCEIRO
Escena 1ª
(Antes de iluminarse o escenario escoitarase a cantiga de berce xa coñecida durante uns segundos, logo silencio e comeza a soar a melodía que precede ás escenas dos frascos. Cando se ilumine de vagar o espazo escénico verase a Micaela na mesma posición na que se puido ver as outras veces, detrás da mesa cun novo frasco de augardente entre as mans, de pé ao lado da mesa, coma sempre, Isaura agardando. Estáticas uns intres)
MICAELA: (acariñando o frasco como ida. Despois dálle unha garimosa aperta e un bico) Pon a Pedro cos seus irmáns, Isaura.
ISAURA: Si, señora (colle o frasco, ao que Micaela lle dá unha última caricia, e colócao no armario das sabas de liño, ao lado dos outros dous)
MICAELA: Podes retirarte, quero quedar a soas cos meus fillos.
ISAURA: Si?, señora. (Retírase)
(Micaela achégase ao armario e de costas ao público fica observando os frascos e logo acaríñaos de un e un e dálles un tenro bico. Finalmente pecha a porta e sae. Case ao tempo entra Pura polo lateral oposto)
PURA: (para en seco diante do armario das sabas de liño) Ai!, eu non sei que me dá ter que andar no armario sabendo que están os?os señoritos aí dentro (vai mirar abrindo a porta moi amodiño e con certa prevención) Aaah! (asustada) Xa o sabía eu, xa meteron o último. A ver (le o que pon no frasco) Pe?dr..o. Outro homiño. Vaia por Deus! Pobre dona Micaela! Non lle sae un a dereitas! (persígnase) que Deus me perdoe, pero ao mellor é por don Nicanor, como xa vai vello?! Eu?, eu non sei, pero eu non me afago a encontrar aquí estas sambesuguiñas no medio da roupa. Xa logo imos ter que sacar as sabas para que caiban eles.
(Vaise escurecendo o escenario pouco a pouco ata ficar escuro por completo)
VOZ EN OFF: Non vos riades.
Escena 2ª
(Soa unha melodía- por determinar- mentres se mantén a escena escura. Vaise iluminando de vagar e deixa ver dúas siluetas masculinas de pé. Á esquerda dos espectadores estará o doutor, co maletín na man, situado cara ao fondo, á dereita, e moito máis adiantado,sentado e apoiando a cabeza nunha man, don Nicanor. Estáticos uns intres mentres soa a música)
DOUTOR: Como lle dicía, don Nicanor, nesta ocasión a matriz quedou moi danada, vai ser moi difícil, por non dicir imposible, que dona Micaela poida ter máis?, ben, ehem, poida ter fillos.
DON NICANOR: Pero vostede aseguroume non hai moito tempo que non había ningún problema, que poderiamos ser pais, que podería ter os meus herdeiros.
DOUTOR: Si, é verdade que llo dixen, pero- querido amigo- a ciencia non é exacta, en ocasións prodúcense imprevistos? En fin, creo que a súa dona xa sufriu máis do debido, os intentos foron moitos e non conseguimos que ningún chegase a termo, e todo iso prexudicou enormemente a súa saúde. Non debemos insistir. Sería perigoso para ela.
DON NICANOR: (Erguéndose) Entón estame dicindo que teño que desistir, que teño que renunciar? E eu que busquei unha muller nova, case unha nena, para que me dese moitos fillos e que é o que conseguín?
DOUTOR: Pois?
DON NICANOR: Non, non, non diga nada, doutor, dígollo eu: nada, non conseguín nada, (corríxese) ben si, algo si , ter (abatido), ter un armario cheo de frascos de augardente aos que Micaela trata coma se fosen fillos de verdade.
DOUTOR: Se quere? pode donalos á ciencia.
(Fican estáticos e mentres se vai escurecendo o escenario escóitase a voz en off)
VOZ EN OFF: Non, non vos riades.
Escena 3ª
(Vaise iluminando o escenario mentres se escoita a voz en off e se ve a dona Micaela detrás dunha mesa na que están colocados os cinco frascos de augardente. Ficará estática agarrando un dos frascos. Cando remate de falar a voz en off comezará a moverse)
VOZ EN OFF: A boa fidalga decatouse de que non aloumiñaría endexamais un fillo verdadeiro e, cos seus grandes azos maternais adicou a vida enteira ao coidado garimoso dos frascos de augardente. Triste vida! (texto literal de Castelao)
MICAELA: (Mentres bica amorosamente os frascos) Aai!, meus amores, que bonitiños estades hoxe! É que hoxe é un día especial! A ver, Rosiña, vouche poñer ben o lazo para que esteas perfecta, a que si, miña princesiña? (faino e mira para o frasco de Alicia) Alicia, non teñas ciumes, que a ti tamén cho poño ben (faino) Ves? mira que fermosiña quedaches! Non penses que por ser un pouco máis pequena que a túa irmá te quero menos. Eu, eu quérovos a todos por igual. Meus pequeniños! Pero? non, non me esquezo, Ramón. Como me vou esquecer? (Chama a Pura) Puraa! Puraa!
(Entra Pura)
PURA: Diga, señora.
MICAELA: A ver, Pura, non sabes que día é hoxe? (con bo ánimo)
PURA: Pois? hoxe é? lu?, non, hoxe é martes, señora.
MICAELA: Si, Pura, hoxe é martes, pero que día do mes?
PURA: Do mes?
MICAELA: Si, muller, do mes. Por que cho preguntarei? Pensa? (leda)
PURA: (Mira para os frascos) Ah, señora, non me diga que xa sei. Hoxe é, hoxe é 21 de outubro e está de aniversarioo? está de aniversarioo? o señorito?, o señorito Ramón!
MICAELA: Moi ben, Pura, pois xa sabes que me tes que traer.
PURA: Si, señora, quere remudarlle a augardente, non é?
MICAELA: Pois claro!, xa sabes que cando están de aniversario remúdolle a augardente.
PURA: E vailla remudar a todos, señora?
MICAELA: Non, Pura, só lla remudo ao que está de aniversario, ou non te lembras das outras veces?
PURA: Si, señora, si que me lembro, pero como as outras veces só sacaba para fóra ao que cumpría anos e hoxe sacounos a todos, pois?
MICAELA: Ah! , xa, claro, pensaches que? Pois non, Pura, en realidade ocorréuseme que sería bo que os seus irmáns estivesen presentes, ao fin e ao cabo é unha celebración, e eles son como os seus invitados. É un costume que vou instaurar a partir de agora. Que che parece?
PURA: Ai! a min moi ben, señora. O que vostede diga.
MICAELA: POis, anda, tráeme a botella.
PURA: Agora mesmo, señora. (sae)
MICAELA: (falándolle ao frasco no que está Ramón) Escoitaches, Ramón?, meu Ramonciño! Xa verás que fresquiño vas quedar cando che remude a augardente (acariñando e bicando o frasco)
(Vaise escurecendo o escenario mentres se escoita a voz en off)
VOZ EN OFF: Non, non vos riades porque o caso é triste.




Escena 4ª
(Soa unha melodía e vaise iluminando o escenario. Aparecerá en primeiro plano unha dona Micaela moito máis vella (aínda que non anciá) sentada nunha cadeira e cosendo un paniño de encaixe. Atrás ao fondo unha criada (que pode ser Pura, tamén máis vella, por suposto, ou unha nova) suxeita un plumeiro na man ao lado do armario das sabas de liño. As dúas estáticas, inmóbiles ata que deixa de soar a melodía)
DONA MICAELA: Pura, bótalle un ollo aos nenos, a ver se están ben.
PURA: (Abrindo as portas do armario e mirando) Si, señora, están ben. Eu véxoos coma sempre.
MICAELA: Seguro? Mira que onte pareceume que Rosiña non tiña boa cara e iso que aínda non hai un mes que lle remudamos a augardente.
PURA: Non sei, señora, eu véxolle a mesma cara de sempre. (Para si e persignándose) Vállame Deus!
MICAELA: (Erguéndose) Déixame ver a min (achégase ao armario e observa uns segundos os frascos mentres lles fala) Meus queridiños! Meus meniños! A ver, Rosiña (arrómballe o laciño e detense un pouco máis a observala). Pois si, Pura, non ten boa cara. Véxoa algo murcha, menos vizosa que os seus irmáns.
PURA: Ai, señora, a ver se vai ser da augardente. Eu creo que última que trouxo o señor Ambrosio non era tan boa, e non é porque eu a probara, Deus me libre, pero? E, claro, foi a que lle botamos á señorita Rosa o mes pasado.
MICAELA: Ai, Pura, e como non mo dixeches antes? Pois hai que pórlle remedio sen tardanza. Pobre Rosiña!, por iso ten tan mala cara! Mira, vai á adega e colle unha botella da que ten Nicanor reservada para as grandes ocasións que lle vou remudar esa augardente canto antes. E xa falarei eu con Ambrosio.
PURA : Si, señora. (Sae)
MICAELA: (Colle ao lado do armario unha almofía e colócaa enriba da mesa, logo vai coller ao armario o frasco de Rosa, que ten un lazo verde, dirixíndose con el na man á mesa) Non te preocupes, Rosiña, vouche remudar a augardente e mañá vas encontrarte moito mellor, xa verás! (Vai cara á cadeira onde deixou o labor e recólleo gardándoo nun costureiro.)
(Entra Pura coa botella e colócaa enriba da mesa ao lado do frasco)
PURA: Aquí ten, señora, quere que a axude? (con pouca convicción)
MICAELA: Grazas, Pura, non, non é necesario, podo eu. (Volvendo á mesa) Mellor achégaste á mercería de don Frutuoso e mercas 25 cm de lazo rosa e 25 de verde, os de seda, xa sabes. Quero cambiarlles os que teñen as nenas que xa non locen coma antes.
PURA: Si, señora (volve saír)
MICAELA: (Comezando a desfacer o lazo) Que fermosas ides estar cos laciños novos! fermosísimas! (volvendo a vista cara ao armario) eh, Alicia, ti queres o rosa, verdade? Sempre che quedou mellor??? (Abre a botella de augardente e ólea quedando satisfeita, logo volve mirar cara aos frascos) Pronto será o teu aniversario, Pedro, xa verás que augardente máis boa vas levar desta vez! Eu mesma me ocuparei de encargar unha especialmente para vós. Quero que teñades a mellor. A mellor para os meus filliños.
(Vaise escurecendo e escoitándose a voz en off)
VOZ EN OFF: Non vos riades.

Escena 5ª
(Mentres está escuro comeza a escoitarse a voz en off e ao mesmo tempo irase iluminando o escenario no que aparecen varias criadas unha entrando pola esquerda cun caldeiro na man (inmóbil), outra colocando enriba da mesa sabas e toallas brancas dobradas (tamén inmóbil) e outra cun plumeiro e unhas chaves colgadas do van a carón do armario das sabas de liño (ídem). Cando remata a voz en off, comezan a moverse facendo o seu labor)
VOZ EN OFF: A boa fidalga chegou a vella e tiña criadas de tanto ben que andaban coas chaves dos armarios e gobernaban a casa.
CRIADA 1 (a que está colocando as sabas e toallas que colle dun cesto e pon enriba da mesa para ordenalas) Filomena, acaba logo de limpar o armario que teño que colocar toda esta roupa (falando cara á criada que está quitándolle o po ao armario das sabas de liño) e mira que o fagas con coidado, ben sabes o que hai que gardar como ouro en pano.
CRIADA 2 (a que está entrando co caldeiro de auga) Ai, si!, (mirando cara Filomena) mira que teñas coidado que eu o outro día levei un bo susto.
FILOMENA: (que estaba abrindo as portas do armario para limpar dentro, detense para falar) E logo, Angustias? Que che pasou? Non se movería algún dos señoritos? Porque eu dígoche que ás veces dáme a impresión de que se moven e sóbeme un arreguizo polo lombo que me deixa tesa.
CRIADA 1: Pero que dis, muller? Como se van mover? Só se moven se moves ti o frasco, e iso é completamente normal, Filomena. Mira que es medosa!
ANGUSTIAS: Non, eu non vin mover ningún, o susto foi que ao limpalos case me esvara un das mans. Pobre de min se chega a caer, non quero nin pensar en como se poñería a señora!
CRIADA 1: Ai, Angustias, e como se ía poñer? Iso sería unha gran desgraza. Xa vos teño dito moitas veces que hai que limpalos con moito tino. Antes, cando a señora era máis nova, facíao ela persoalmente, pero agora xa non ten o pulso para facelo. Pero pobre de nós se lle pasa algo a algún dos señoritos! Eu creo que a matamos do desgusto.
FILOMENA: (que comezara a limpeza dos frascos con moito nerviosismo) Non, se me estades dando un ánimo? é que me estades poñendo nerviosa.
CRIADA 1 (achégase a Filomena) A ver, muller, deixa que o fago eu. Non vaiamos ter un desgusto.
FILOMENA: (que ao adiantar o frasco para darllo esváralle das mans e cae ao chan esnaquizándose) Aaaaai!
(As outras dúas criadas levan a un tempo as mans á cabeza cun xesto de espanto. Ficarán as tres así quedas mentres se escurece o escenario)

Escena 6ª
(Soa unha melodía mentres se vai iluminando o escenario no que só se poderá ver a dona Micaela, velliña, sentada nunha cadeira (hamaca) facendo algún labor de costura ou bordado. Coma sempre durante uns intres ficará inmóbil, estática, para recuperar o movemento cando remata a melodía)
MICAELA: Este tapetiño xa é o último, cinco tapetiños para os meus cinco anxos. Que ben van lucir debaixo dos frasquiños?!
(Entra Filomena ?viña tan cortada que non podía falar?)
FILOMENA: Des?des?culpe, se?ño, se?ñora?
MICAELA: Querías algo, Filomena? (erguendo a vista do labor)
FILOMENA: (?a pobre muller tirou consigo no chan e pouco a pouco foi confesando entre saloucos?) Perdón, miña ama! (salouca) Ai, que desgraza, señora! (volve saloucar) O señorito Adolfo? (saloucando) Ai, señora, que desgraza!
MICAELA: (Micaela que pouco a pouco vai dando mostrar de fonda preocupación, érguese da cadeira, asustada e case cun fío de voz) Que?... Que?
FILOMENA: O señorito Adolfo caeume das mans e rompeuse.
(Dona Micaela, que aínda tiña o tapete nunha man, déixao caer e leva a man ao peito, coa outra agárrase forte á cadeira para non caer, senta moi lentamente como en shok e fica así. A criada quedará axeonllada coa cabeza baixa, sen moverse e no fondo do escenario un foco de luz ilumina un coro de varias nenas que recitarán o que segue)

CORO:
Tiña dona Micaela
grandes azos maternais,
día e noite, noite e día
o seu soño de ser nai,
mais ilusións abatidas
ocuparon o lugar
dos que habían ser os fillos
que ela había de adorar.
Pobre dona Micaela!
nai de frascos de cristal
que coidou toda unha vida,
que ocuparon o lugar
dos fillos que nunca tivo,
triste vida foi pasar!
FIN
Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS MEUS - Publicado o 03-11-2015 19:23
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Este blog naceu coa intención de dar cabida nel a algúns textos que eu escribín e a moitos outros que forman parte de min e do meu amor pola literatura.

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0