No andel


A ESCRITURA É A PINTURA DA VOZ (Voltaire)
Escribir para crear un mundo, para encher páxinas coa vida que ves, que vives, que soñas...
Ler historias doutras vidas,doutros lugares,doutros sentimentos. Ler para aprender, para comprender, para gozar coa lectura, para soñar...

O meu perfil
charovm.60@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

LOS AÑOS DE PEREGRINACIÓN DEL CHICO SIN COLOR
Haruki MurakamiLOS AÑOS DE PEREGRINACIÓN DEL CHICO SIN COLOR
de
Haruki Murakami

Volvín devorar este segundo libro de Murakami (o anterior foi 1Q84).

Gústame o seu discurso, ás veces profundamente reflexivo, sobre a sempre complexa e difícil condición humana, coándose polos recunchos menos expostos, menos visibles aos ollos dos que con frecuencia pasan pola vida na punta dos pés; coándose o suficiente como para descubrir o tupido veo que cobre a fráxil liña que separa a loucura da lucidez.

Murakami suxire outras realidades posibles (nisto entronca con 1Q84 no que non era unha mera suxestión) a través da historia de Tskuru, enxeñeiro de deseño de estacións de ferrocarril que se despraza a Tokio desde Nagoya, a súa cidade natal, para estudar na universidade, deixando alí un grupo de amigos inseparables dos que, malia ser imprescindibles para el, sempre se sentiu diferente, coma un bicho raro que o propio destino sinala ao ser o único cuxo nome non era o nome dunha cor.

Tras algún tempo en Tokio os seus amigos cortan todo tipo de relación con el. Isto supuxo un tremendo golpe para Tskuru que baseaba boa parte do seu equilibrio emocional nas súas amizades.

Dezaseis anos despois descobre a razón dese comportamento tan inexplicable, xa que por consello da súa moza Sara vai velos a Nagoya e mesmo se despraza a Finlandia para poder falar con Eri, unha das súas antigas amigas que casou alí.

En Nagoya Ao cóntalle que o motivo da súa exclusión foi que Shiro ?a máis fermosa das dúas rapazas que pertencían ao grupo- confesoulles que nunha viaxe que fixera a Tokio e na que visitara a Tskuru este violáraa. Aínda recoñecendo que non foran capaces de crer semellante historia, debido ao lamentable estado no que quedara Shiro, que nunca máis volveu ser a mesma, sentíronse obrigados a romper a relación con el.

Tskuru non pode entender como Shiro puido contar algo así cando nunca foi nin sequera visitalo. Séntese desconcertado e mesmo culpable xa que desde hai moito tempo ten soños eróticos con Shiro e Eri. Chega a pensar que unha parte escura del puido terse desdobrado e cometido semellante acto arrepiante. Mesmo que ese mesmo ser escuro puido chegar un día ao apartamento de Shiro e estrangulala, pois ese foi o triste final da súa antiga amiga.

Tskuru é un home que se ten en pouca estima, que non confía na súa valía, nin sequera cre que teña nada do que poder sentirse orgulloso. É un home solitario, que pasa moito tempo no seu traballo ou só na súa casa. O seu mundo son as estacións de tren, o seu funcionamento como unha maquinaria perfecta. Gústalle observalas en silencio durante horas.

Tamén a música ten un papel importante na súa vida, sobre todo a peza de Fran Liszt ?Los años de peregrinación?, concretamente ?Le mal du pays? que tocaba Shiro de adolescente, cando aínda eran amigos, e que quedará gravada para sempre dentro de si, coma unha tatuaxe na pel. Peza de enorme beleza, pero tremendamente triste.

Tskuru é un personaxe complexo, merecedor dunha profunda análise: a súa etapa de adolescente tímido, calado, sensato, inseguro; os anos na universidade, sobre todo tras a ruptura cos seus amigos, tempo no que se afastou da vida, no que buscaba e desexaba a morte, aínda que esta non quixo escoitalo e non acudiu no seu rescate; e finalmente a saída do túnel, dese estado de postración, o deporte, a independencia económica, mais sen abandonar totalmente o primitivo Tskuru, o home inseguro e fráxil que sempre foi. Un lugar destacado ocuparía a súa obsesión por Shiro, a amiga de extraordinaria beleza e sensibilidade á que lembraba especialmente tocando a peza de Liszt e cando o subconsciente gobernaba a súa vontade convertíase na protagonista dos seus soños eróticos.

O final da novela déixanos con ganas de saber máis. É un final aberto que pon en mans de cada un dos lectores o remate da historia de Tskuru. Non é un labor doado, é verdade que hai moitas claves ao longo da novela e que seguramente o que se pretende é que cada lector que se enfronte a ese final utilice esas claves ao seu xeito, aínda así non é fácil e desde logo sería moito maís cómodo que ese traballo se nos dese feito.

Mais cando lemos:

? A medida que se sumía no soño a súa lucidez daba os seus últimos coletazos, cada vez máis fortes, cada vez máis veloces, como o último expreso do día, ata desaparecer engulida pola noite?

non nos cabe dúbida de que finalmente Tskuru esvaécese no mundo das tebras.
Comentarios (0) - Categoría: COMENTARIOS SOBRE LIBROS - Publicado o 09-01-2014 21:40
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Este blog naceu coa intención de dar cabida nel a algúns textos que eu escribín e a moitos outros que forman parte de min e do meu amor pola literatura.

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0