No andel


A ESCRITURA É A PINTURA DA VOZ (Voltaire)
Escribir para crear un mundo, para encher páxinas coa vida que ves, que vives, que soñas...
Ler historias doutras vidas,doutros lugares,doutros sentimentos. Ler para aprender, para comprender, para gozar coa lectura, para soñar...

O meu perfil
charovm.60@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A CANCIÓN DE SÁLVORA de Antón Riveiro Coello
A canción de Sálvora é unha noveliña curta que engaiola. As súas páxinas están cheas de lirismo e bo facer narrativo.
Dei con ela por casualidade. Daquela aínda non lera nada de Riveiro Coello. Foi un frechazo. Gañoume, e tras ler Laura no deserto non podo máis que reafirmarme nesa admiración.
A canción de Sálvora é moito máis que a historia de Xoán e Nereida, aínda que debo dicir que só iso sería suficiente para convertela nun deses textos que se vai coando no teu interior de vagariño, palabra a palabra, e fica alí tras gañar un posto destacado nese espazo máis ou menos visible das túas emocións.
Pero, como dicía, é moito máis. Tras descubrila decidín utilizala como libro de lectura en 1º ESO. A verdade é que me custou levar adiante a miña proposta porque a maioría dos meus compañeiros non tiñan claro que fose unha boa idea, dubidaban sobre todo da idoneidade do texto entre lectores tan noviños. Mais finalmente conseguín convencelos apelando á súa brevidade, o que permitiría lela enteira en clase e así facilitar a comprensión das pasaxes máis complexas, e, como non, tamén ás enormes posibilidades que ofrecía a súa historia: o romantismo dos amores de Xoán e Nereida, o naufraxio, a información sobre a Illa de Sálvora? En fin, que non lles quedou outra que sucumbir.
Traballei con esta noveliña ao longo de catro cursos sucesivos con lectores de 12 anos e teño que dicir que resultou unha experiencia altamente gratificante da que, creo, que todos aprendemos moito:
Non só descubrimos moitas cousas que non sabiamos da Illa de Sálvora, boa parte delas expostas xa no libro, tamén coñecemos aspectos da historia de Aguiño e Sta. Uxía de Ribeira que teñen que ver coa illa e, por suposto, co afundimento fronte ás costas de Sálvora do vapor correo Sta. Isabel o 2 de xaneiro de 1921.
Os alumnos e alumnas responderon moi ben, enganchados na historia dos dous namorados, mais así mesmo no labor de investigación sobre Sálvora e o naufraxio do Sta. Isabel que tiveron que realizar rematada a lectura (tamén doutros aspectos como a emigración a Sudamérica, Montevideo, etc. En realidade a novela é pequena , pero dá moito de si se se quere sacarlle partido)
Paréceme que textos coma este son dunha grande utilidade para o traballo na aula. É evidente que nós desexamos que os nosos alumnos/as gusten da lectura e esforzámonos en buscarlles libros que lles resulten atraentes, pero se ademais conseguimos presentarlles historias que non só os emocionen senón tamén coas que poidan aprender cousas novas, por exemplo sobre o seu entorno ( moitos nin sequera sabían da existencia da Illa de Sálvora) ou sobre feitos históricos apenas coñecidos e acontecidos ben preto, o noso esforzo terá merecido moito máis a pena.
A canción de Sálvora deixounos, creo que podo incluír á maioría deses alumnos que a leron comigo, moi bo sabor de boca. Eu líalla coa emoción que transmitían os personaxes e os feitos e eles respondían cunha atención abraiante, absolutamente entregados ao fluír das palabras.



Na categoría de TEXTOS MEUS atópase o poema que naceu desta lectura.
Comentarios (1) - Categoría: COMENTARIOS SOBRE LIBROS - Publicado o 16-01-2013 19:23
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [25]
© by Abertal
Este blog naceu coa intención de dar cabida nel a algúns textos que eu escribín e a moitos outros que forman parte de min e do meu amor pola literatura.

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0