|
|
|
|
| HOMENAXE A RAIMUNDO GARCÍA (BOROBÓ) |
|
EN LEMBRANZA DO MESTRE
RAIMUNDO GARCÍA DOMÍNGUEZ "BOROBÓ"
UN GALEGO BO E XENEROSO
Recibo a nova do pasamento de mestre "Borobó" na noitiña do xoves día 28 de agosto. Neses intres o meu sentimento é de mágoa e tristura ante a perda de un gran home, un galego de pro que concirne a cantos amamos os dereitos humanos. Coido que Raimundo García "Borobó" atópase entre os poucos e escolleitos que dou Galicia no século XX.
A Borobó presentoumo no seu "Pazo de Trevonzos" unha tardiña de verán o poeta Gonzalo Bouza Brey. Naquela tarde, escoitando ao Mestre, as horas facíanse minutos. Coido que aprendín máis neses intres que en tódolos anos pasados, souben valorar un pouco máis a vida, sendo este día un dos máis importantes para min. Dende que o coñecín, sempre sentín unha grande simpatía, respecto e admiración. Simpatía a súa persoa e cara ao personaxe. Respecto polo loitador integro dende as súas posicións políticas e polos valores que representaba, atento á realidade actual, cunha sensibilidade para adaptarse aos novos tempos, sen esquecer os valores esenciais do ser humano no mundo que vivimos de bafuallada cobizosa e retrincada. Admiración, en especial, por ter sufrido tan directa e cruamente a Guerra Incivil ( desta maneira lle chamaba o Mestre á Guerra Civil). A imaxe e lembranza que conservo de Borobó as teño moi marcadas, xa que podo dicir que interveu moi decisivamente na miña vida en momentos moi importantes que determinaron que os meus valores éticos e morais colleran moito máis forza. Disfrutei de case todos os seus anacos, onde por veces facía máis lene a miña tristura, todo isto me fixo ser moi afortunado en especial o legado que me deixou, como é o Limiar do libro inédito "D. Francisco del Valle-Inclán, Unha páxina da historia de Vilaxoán do século XVIII", libro que verá a luz a primeiros do ano 2004.
Ao longo destes últimos anos convidoume a unha morea de actos culturais, en especial a aquelas faladoiros en Rianxo onde Borobó doume a oportunidade de coñecer a moitos intelectuais galegos. Lembro con moita saudade o día que bautizamos en Trevonzos un castiñeiro co nome de D. Ramón del Valle-Inclán, alí estaba o Mestre Borobó presidindo a cerimonia e como testemuñas Xoán Guitián, César Lombera e Xabier del Valle-Inclan, este día foi para min moi emotivo xa que estaba todo en perfecta sintonía, foi un día de choiva, máis ben de orballo, ollando o mar de Arousa, as Torres de Oeste, Lobeira, Xiabre, Vilaxoán, Cortegada.
O mestre Borobó, nun anaco do xornal " A Nosa Terra " referíase a min cariñosamente como o "Vello Rockero", por unha anécdota que eu lle contara cando tempo atrás Rosa Aguilar (hoxe en día Alcaldesa de Córdoba) nun xantar en Vilaxoán me chamara por este sobrenome, cousa que eu xa me esquecera, pero a memoria portentosa de Borobó deixoume abrouxado. Dende aquela sempre nos chamabamos mutuamente e cariñosamente "Vellos Rockeros" .
Foise o Mestre, foise a nosa alegría. Foise para non voltar, xa non leremos aqueles anacos, xa non escoitaremos aquelas anécdotas históricas de proletarios victoriosos e de cabaleiros e políticos covardes. En Trevonzos choran os sorrisos e se marchitaron as flores, pero sempre navegaran os días no lento navío das semanas, meses e anos coas ondas das lembranzas e co recendo do salitre de Arousa, porque o mestre pertence el só aos "Vellos Rockeros" que xamais morren. O día que finou, a historia trocou, a brisa fresca do vento mareiro levouse o derradeiro suspiro, pero sementou de lembranzas e anacos todo un camiño.
Ata sempre mestre Raimundo, onde agora te atopes estarás entre os "Bos e Xenerosos".
Teo Cardalda F.
Na medieval vila de Xoán de Soutomaior, Vilaxoán de Arousa. 02-09-2003 |
|
|
|
|
| ACONTECEMENTO HISTÓRICO EN 1916 |
|

ACONTECEMENTO HISTÓRICO PROTAGONIZADO POR MARIÑEIROS DA VILA EN 1916
O nove de novembro de 1916, tivo lugar un episodio na vila que poucas veces ao longo dos anos acontece nas costas galegas, coido que moito menos na Ría de Arousa.
Eran as 13 horas do devandito día, cando os patróns de Vilaxoán: Manuel Bóveda ao mando da súa lancha “Juanita” e Francisco López da embarcación “Elena”, ollaron á deriva preto da punta do Rial un obxecto moi raro que arrandeábase coas andas do mar. Estes mariñeiros atopábanse a pescar na devandita zona, coidaron que puidera tratarse dun submarino polo cor azul moureado. Cando ían achegándose ao obxecto déronse conta que era un cetáceo, unha balea de grandes dimensións, no intre que estiveron preto das costas do animal, este dou unha arrincada e foi varar á praia das Sinas.
Os patróns e mariñeiros saltaron a terra na mesma praia e axudados por uns serradores de Corón que traballaban ao carón da Praia, votáronlle un rizón de catro puntas no oco que as baleas teñan preto da cabeza, trincándoa a terra por un longo cabo. Denantes de quedar en seco sobre as seis do serán, dou unhas fortes sacudidas ata quedar morta.
A praia das Sinas atopábase chea de xente que viña a ollar a balea, segundo as crónicas daquelas datas, era tanta a xente que acudía que aquilo máis ben parecía unha romaría. Os vellos mariñeiros comentaban que xamais lembraban semellante animal nas nosas costas, era un exemplar da súa clase dos máis grandes que se viran.
As dimensións da balea eran de 16,40 metros de longo, e desde a da boca ata o fociño era de 3,60 metros, o peso chegaba a 16.500 Quilos. Ao día seguinte foi poxada por 550 pts.
Alí estivo un persoeiro de Vilagarcia coa súa cámara de fotos, Luís Bouza Trillo, a quen lle debemos esta fotografía que acompaña a estes escritos.
Teo Cardalda F.
|
|
|
|
|
| VILAXOÁN DE AROUSA |
|
A vila atópase na banda sur da Rïa de Arousa, pertence ao Concello de Vilagarcia, sendo o núcleo máis importante da freguesía de San Martiño de Sobrán. No censo de 2004 conta con 3.562 habitantes (1.861 mulleres e 1701 homes), repartidos polos lugares de Faxilde, Renza, Riolois, Aralde, Eiviño, Piñeiro, Santamariña, Ruanova, Maceiras e a Lagoa.
Os estudios arquolóxicos de toda orde, a toponimia local e o conxunto de crenzas que se transmiten de xeración en xeración, nos levan a épocas prehistóricas, emporiso non é moi doado fixar con exactitude a época en que escomezou a poblarse este anaco de territorio galego ata formar un núcleo de poboación con un nome difinido. O certo que a antiguedade é moi remota, debido aos achados de alfarería romana, moedas dos emperadores romanos Constancio Cloro e o seu fillo Constantino, tamén apareceron moedas no adro da Igrexa de Égica e Witiza, así como sartegos antropoides no camposanto.
A vila e porto, foi fundado polo Arcediano de Reina e Sr. de Sobrán Xoan Mariño de Soutomaior, que está soterrado na Igrexa de San Martiño de Sobrán do s.XII, por estas datas o nome de esta freguesía era de San Martiño de Severana.
Conta con outros monumentos históricos como: Pazo de Sobrán do s.XV fundado por Paio Gómez de Soutomaior; Pazo de Pardiñas de finais do s.XVI; Pazo do Rial do s.XVI e Pazo da Ruanova do s.XVII, este vencellado aos Valle-Inclán, fundado polos antergos do famoso dramaturgo D.Ramón del Valle-Inclán, como son: Miguel Inclán e Rosa Malvido. Neste Pazo naceu e foi bautizado en Sobrán, D.Francisco del Valle-Inclán Santos, fundador do primeiro xornal de Galicia "El Catón Compostelano", e da primeira biblioteca pública da Universidade de Santiago.
Vilaxoán foi Concello dende 1836 ata 1913, sendo anexionado ao de Vilagacia por razóns históricas aínda non moi claras, xa que poucos datos e documentos quedan, por mor dun incendio no Concello de Vilaxoán nas derradeiras datas da anexión, parece que foi intencionado para non clarexar as trafulcadas da anexión.
dende un punto de vista económico, a maioría da poboación adícase en todo o referente ao mar: bateas de mexillón, viveiros de ameixa, pesca e outros. As industrias manufactureiras se compoñen dun secadeiro de bacallao e tres fábricas de conserva de peixe e marisco.
Atravesando a freguesía, pasa a estrada de Vilagarcia a Cambados, estándo a dous quilometros da primeira cidade, tamén dende Vilagarcia pódese vir pola beiramar ata o mesmo porto de Vilaxoán.
PIECE OF HISTORY
Vilaxoán de Arousa village is in the sout part of her He Laughs (laugh at Arousa, it belongs (concerns) to Vilagarcia's town hall. A present it he, has 3.562 inhabitants. The village was founded by Juan Mariño de Soutomaior in the 15th century.
T.C.
|
|
|
|
|
| CASTELAO EN VILAXOÁN DE AROUSA, 1933 |
|
CASTELAO EN VILAXOÁN
1933
Por estas datas estábase preparando o Estatuto de Galicia como Comunidade Autónoma e o Partido Galeguista en Vilagarcia celebraba Xunta Xeral o 11 de xaneiro de 1933. Desta xuntanza saíron por unanimidade a directiva composta por: Presidente, Germán Quintela. Vice, Dámaso Carrasco. Secretario Xeral, Jesús Garrido. Secretario de Actas, Francisco Fernández. Tesoreiro, Leopoldo Sampedro. Vocais, Antonio Oubiña, Xoaquín M. Posse e Xoán Parada.
A primeira iniciativa da directiva era tratar de impulsar con grande actividade a propaganda galeguista, sendo o máis especial dar a coñecer o Estatuto de Galicia na bisbarra; a partir desta data organizarían conferencias en tódalas freguesías do concello e do distrito. A primeira conferencia foi en Bamio o día 15 de xaneiro, onde asistiron Xosé Giráldez, Quintela Novoa, Oubiña, Núñez Búa e Fernández del Riego.
A sociedade Agraria “La Honradez” de Vilaxoán, convocaba o día 22 de xaneiro unha conferencia sobre a Autonomía e a Cooperación Agraria pronunciada por Xosé Núñez Búa, Explicou o Sr. Búa, o fundamento das cooperativas labregas na Galicia autónoma, que foi expoñendo moi claramente con datos dabondo e estatísticas tomadas dos organismos oficiais. A conferencia foi seguida por moreas de labregos que deron mostras de civismo e aprobación co conferenciante.
O sábado día 4 de febreiro do devandito ano, celebrase no “Villajuán Cinema” o agardado mitin de Alfonso Daniel R. Castelao, foi tanta a expectación que se quedaron na rúa máis da metade do aforo do salón; a xente estaba polas portas e fiestras para escoitar á figura máis relevante da historia da Galicia do século XX.
Presentara o acto o Secretario da Agrupación Galeguista de Vilagarcia Xesús Garrido facendo unha exposición persoal dos oradores. Comezou a falar Víctor Casas, un dos fundadores do Partido Galeguista e director de A Nosa Terra en 1922, detido en 1936 en Pontevedra e despois dunha farsa xudicial franquista o condearon a morte e logo fusilado en Pontevedra. Víctor Casas falou en Vilaxoán con unha oratoria moi áxil e solta, argumentando con datos sobre o Estatuto de Galicia. O Sr. Casas acadou afervoar ao público que entusiasmado aplaudiron moito tempo.
A presencia de Alfonso Castelao foi acollida con unha ovación agarimosa, expresión deste agarimo que se lle tiña en tódolos pobos da Ría de Arousa, sabendo os mariñeiros que en el tiñan o máis entusiasta defensor. Comezou a conferencia con aquel feitizo característico que achega á xente no intre mesmo de comezar. Foi desfacendo un por un tódolos argumentos que empregaban en contra do Estatuto de Galicia polos que se chamaban republicanos. Comentando Castelao o seguinte: “ Aínda sendo republicanos, carecen do máis elemental coñecemento do que a República significa na armonía dos pobos e a base democrática de liberdade que estos o merecen”.
Falara Daniel sobre a interdependencia económica das entidades económicas mundiais ás que o uniformismo oponse sen resultado. Ao final a ovación que recolleu Daniel Castelao foi inenarrable en Vilaxoán. Facer constar que nestas datas de 1933 a conciencia política e dos problemas sociais era impresionante. A atención do público foi dun respecto absoluto, o que demostraba o interesante que era o tema do estatuto da autonomía para Galicia.
Coido que é un orgullo para esta vila que o persoeiro máis relevante de Galicia, estivera dando unha conferencia nunhas datas tan ilusionantes para o noso pobo galego. Ilusións de progreso estouradas a sangue e lume polas “hordas franquistas”.
Teo Cardalda F.
|
|
|
|
|
|
|
|
| ARTIGOS DA HISTORIA LOCAL E HISTORIA DE GALICIA |
|
| O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|