Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


O TSXG dálle un mes á Xunta para cumprir as sentenzas do decreto e Feijóo di que xa o fai
Praza Pública
David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Consulta o auto do TSXG


Á Xustiza non lle serve a 'flexibilidade' da Xunta. O Goberno galego decidiu non recorrer as sentenzas que ilegalizaron parte do denominado decreto do plurilingüismo e presentou unha "versión mellorada" do texto supostamente adaptada á legalidade. Sobre o papel, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo atendeu as esixencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pero este non considera o mesmo. Iso é, cando menos, o que estipula nun auto emitido a raíz do recurso contencioso administrativo interposto pola CIG-Ensino e A Mesa pola Normalización Lingüística: a Xunta ten o prazo "improrrogable" dun mes para cumprir coas súas obrigas.

Nomeadamente, o alto tribunal sinala que xa pasaron máis de dous meses dende que ditaminou a ilegalidade parcial do decreto e non lle "consta" que a sentenza fose "executada totalmente". Isto quere dicir que os maxistrados non teñen constancia de que a Consellería de Educación renunciase a condicionar o reparto de materias entre idiomas ao resultado dunha enquisa entre as familias do alumnado nin que eliminase a suposta liberdade de que nenos e nenas falen o idioma que consideren oportuno con independencia da lingua na que se imparta a materia. Visto o panorama, o TSXG dispón a "execución forzosa" do ditame.

Neste contexto, a Xunta aínda ten un prazo de cinco días para impugnar, pola vía do recurso de reposición, un auto no que ademais é advertida das posibles consecuencias de seguir obviando a sentenza. "Poderanse adoptar as medidas necesarias para lograr" a "efectividade" da anulación dos artigos do decreto, subliñan, xunto á advertencia de que se "poderán impoñer multas coercitivas de 150 a 1.500 euros ás autoridades, funcionarios ou axentes, sen prexuízo doutras responsabilidades patrimoniais ás que haxa lugar". Do mesmo xeito, o Tribunal resérvase a potestade de "deducir o oportuno testemuño de particulares para esisxir a responsabilidade que puidera corresponder", derivada da actuación de Educación.

Feijóo insiste no seu "respecto" á Xustiza, pero tamén na enquisa
Apenas unha hora despois de que A Mesa e a CIG Ensino desen a coñecer en rolda de prensa o novo ditame xudicial o propio Feijóo valorábao ante os xornalistas ao remate da reunión semanal do seu Goberno. Na liña do acontecido tras anteriores varapaus xudiciais o presidente declárase "absolutamente respectuoso co Estado de Dereito e a Xustiza". "Aceptamos as sentenzas, aceptamos os autos e as decisións xudiciais" e por iso a Consellería de Educación "mirará ese auto e adecuará, conforme ao que nese auto se concrete, unha vez asesorados coa Asesoría Xurídica". Porén, o xefe do Executivo teima en non renunciar á súa enquisa: "o que entendemos que di é que esa enquisa non pode ser vinculante" e dende a Xunta "simplemente preguntamos".

Mentres dende San Caetano Feijóo raia a tentación de equiparar a súa enquisa coa situación política catalá, toda vez que lle parece "unha singularidade" que se poña en cuestión "preguntar o que opinan" as familias "cando noutras comunidade se está discutindo se teñen dereito a rachar coa Constitución", as entidades impulsoras do recurso, ademais de manifestar "alegría pola resposta" do TSXG, instan, en verbas de Carlos Callón, a que a Xunta "non persista na súa actuación chulescamente ilegal e canallescamente incívica. "Levamos anos lembrándolle que ten que cumprir coa súa obriga de defender a noso idioma" e el, censura, segue a "rir da Xustiza".

"Estamos ante un conselleiro de Educación que incumpre sistematicamente as resolucións xudiciais", agrega Anxo Louzao, da CIG Ensino, quen insta a Jesús Vázquez a abandonar a actitude de "desacato e insubmisión permanente". O TSXG, di, "declarou ilegal o decreto nos seus aspectos máis fundamentais, vímonos obrigados a recorrer para que a Consellería acatase" e agora, unha vez "constatado que non cumpre", a Xustiza "obriga a facelo" de novo. En conclusión, di Louzao, o que cómpre é "derrogar xa" o decreto plurilingüe.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-09-2013 21:35
# Ligazón permanente a este artigo
A RAG rescata os estudos de toponimia de Nicandro Ares
A obra, editada pola Academia en dous volumes, reúne 178 textos publicados polo erudito lucense entre 1964 e o 2011.

LUÍS POUSA - redacción / la voz 19 de septiembre de 2013


A toponimia non é unha disciplina antiga. Non se cultivou na Península ata finais do século XIX. Foi Cataluña a pioneira nuns estudos filolóxicos que agardarían ata os anos vinte e a erudición de Menéndez Pidal no caso do castelán. En Galicia o pioneiro foi Abelardo Moralejo, que en 1952 publicou o primeiro artigo sobre esta materia na que tería como discípulo logo ao seu fillo Juan José. Lembrouno onte, no salón de actos da Real Academia Galega, Antón Santamarina, na presentación do segundo volume dos estudos de toponimia de Nicandro Ares, que por motivos de saúde non puido asistir a un acto no que participaron tamén o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o académico Ramón Lorenzo, que subliñaron o labor «fundamental» desenvolvido polo pai Ares neste terreo.
Esta recopilación de textos foi editada por Santamarina, que reuniu 178 artigos publicados por Nicandro Ares en 15 cabeceiras diferentes (desde xornais ata boletíns e cadernos especializados) entre 1964 e o 2011, e nos que, segundo apuntou Santamarina, o autor combina a erudición cun «estilo agradable de ler e unha pinga de humor».
Os dous volumes recollen desde os primeiros traballos de Ares, centrados na arqueoloxía da súa Santa Eulalia de Bóveda natal, ata estudos etnográficos «nos que sempre hai unha pegada toponímica que elucidar», explicou Santamarina.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-09-2013 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
Petición de colaboración
7 Setembro


Saúdos compañeir@s.
Sodes neofalantes coma min?
Estou a facer un ensaio sobre neofalantes ou, como diría con máis propiedade un amigo meu, "falantes conscientes neofalantes".
O traballo consiste en entrevistas persoais ou, no seu defecto, nun cuestionario vía correo electrónico.
Trato de coñecer as poderosas e íntimas motivacións que vos levaron a dar tal difícil paso: falar galego partindo desde... o castelán materno, con todas as dificultades e batallas que iso implicou.
Non estou moi práctico nisto das redes sociais, así que vos deixo o meu correo electrónico por se quixerades contactar:
suevo007@yahoo.es (o .es débese a que cando me dei de alta no correo non coñecía outra posibilidade... non vaiades pensar...)
Outra posibilidade é que me facilitarades o voso.

Moi obrigado.

Un agarimoso saúdo.
Manuel Anxo
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-09-2013 11:18
# Ligazón permanente a este artigo
Francisco Rodríguez: O comportamento lingüístico de Rosalía de Castro
SERMOS GALIZA


Imos entrar no problema do uso oral do galego por Rosalía e mesmo do escrito en actividades non literarias. A algúns pódelles parecer inexplicábel se non se atende ás circunstancias concretas da nosa sociedade entón, á determinación do pasado histórico e á perspectiva ou vontade organizada ou non da súa superación, así como ás novas determinacións e condicionantes nos comportamentos lingüísticos derivados das nova realidade do Estado capitalista e centralista. No uso literario, Rosalía superou todos os condicionantes diglósicos. A súa obra en galego non está marcada, de forma inexorábel nin cualitativa, pois non detectamos diglosia temática, nin de estruturas ou xéneros, nin de rexistros.

As limitacións son só cuantitativas, determinadas pola necesidade e posibilidade de vender no mercado editorial e no xornalístico e pola vontade de exercer como escritora profesional, alén de pola evolución e acollida do seu proxecto de restauración dunha literatura nacional en lingua galega. Non se ten valorado na súa xusta dimensión o feito de Cantares gallegos ser tan compacto e homoxéneo no uso do idioma, que até as notas a rodapé están en galego, como o é Follas Novas, a non ser o alleo prólogo de compromiso de Castelar. Mais cal era o seu comportamento lingüístico persoal dentro da familia e nas súas relacións e actividades sociais? A súa lingua materna, como ela a denomina nas “Dúas palabras da autora...”, era sen dúbida algunha o galego, a lingua dominante, coloquial e informalmente, aínda da maioría dos señores dos pazos como o de Arretén, vinculados a unha contorna campesiña, oralmente unilingüe en galego na primeira metade do século XIX. Na súa infancia, malia a progresiva e intencionada educación formal e escrita en castelán, a meniña Rosalía vivía impregnada do galego, a lingua coloquial dominante. Desde logo, teñamos claro que non podería ter escrito nin Cantares Gallegos nin Follas Novas, de non ter sido así, pois demostran unha interiorización do idioma popular, coloquial e dialectal. Non é un idioma de laboratorio nin imitado de literatura escrita. Ela mesma confesouno no prólogo de Cantares gallegos: “por esto, inda achándome débil en forzas e n´habendo deprendido en máis escola que a dos nosos probes aldeáns, guiada sólo por aquelas palabras cariñosas e aqueles xiros nunca olvidados que tan dosemente resoaron nos meus oídos desde a cuna e que foron recollidos polo meu corasón como herencia propia, atrevínme a escribir estos cantares”. É o galego das terras do Sar, cos españolismos inevitábeis, algúns seguramente introducidos á hora da impresión polos linotipistas, pois trasladaban dun manuscrito a letra impresa uns textos nunha lingua que non era a habitual, tendo como norma abafante e exclusiva a do castelán Era consciente de que estaba a empregar un idioma carente de gramática e de dicionario, sen normas escritas . A. Marsal (Galicia, 4, 1888) referíndose a Rosalía, comenta: “No desconocía las deficiencias gramaticales y la carencia de estudio y cultivo del idioma de su país la dulcísima e inimitable poetisa Rosalía de Castro de Murguía, y así lo consignó al final de la introducción a sus bellísimos Cantares gallegos”. Porén era a nosa lingua, repite tres veces ao longo do ensaio introdutorio a Follas Novas. Temos, pois, a consideración individual e a colectiva do galego como idioma propio, natural.

Perante unha nova fase do dominio e a asimilación lingüística

Agora ben, nas condicións económicas, sociais, políticas e culturais, educativas, ideolóxicas e psíquicas daquel tempo, o proceso asimilador era extensivo e intensivo na fidalguía rural e en todas as clases pequeno burguesas e burguesas de vilas e cidades; funcionaba como síntoma e aspiración real e tamén aparente de ascenso social. Se a xeración da nai de Rosalía, aínda estando condicionada por unha diglosia oral/escrita, formal/informal, interlocutor e ambiente, podía desenvolver maioritariamente a súa vida cotiá en galego, na xeración de Rosalía os ambientes e os interlocutores, os aparatos administrativos e educativos, alén das perspectivas de ascenso e integración social, con afastamento do galego, como símbolo dun endogrupo desprezado, foron máis influentes, agravándose os comportamentos diglósicos e os procesos de asimilación ao castelán. Para mudar esta tendencia, mesmo nas minorías máis concienciadas, ás que sen dúbida pertencía Rosalía, apostando por unha tendencia inversa, de uso do galego para todo tipo de comunicacións, as formais tamén, para todas as situacións, ambientes e interlocutores dentro do país, necesitábase contar cunha organización colectiva que avogase por unha oficialidade do idioma, polo recoñecemento oficial de prácticas e aspiracións dun grupo significativo e con conciencia da necesidade de mudanzas neste sentido. Tal conciencia práctica non foi posíbel naquel momento. Houbo que esperar a que aparecesen organizacións tendencialmente nacionalistas ou claramente nacionalistas para o galego aspirar á escola, á tribuna, ao púlpito, aparecer mesmo nas comunicacións interpersoais, nunha palabra, a pasar da súa dignificación e uso literario á pretensión práctica de restauración para todos os usos sociais.

Non ten o menor sentido estrañarse até o pasmo, e menos o usar como pretexto para xustificar comportamentos lingüísticos hoxe incoherentes, o feito de Rosalía falar máis en castelán que en galego co seu esposo e coas súas fillas e fillo e, por suposto, con todos os interlocutores que falasen castelán. Nas condicións ambientais e nas tendenciais en que Rosalía viviu, o emprego popular do galego era abafante, polo que non se vivía como urxencia a restauración dos seus usos para todo, mesmo por parte de quen o facía no terreo artístico ou literario, con clara vontade de vertebrar unha opinión pública a favor do país e do prestixio do idioma. Sen dúbida foi esta unha limitación que, andando o tempo, se revelou como unha inconsecuencia e un fracaso para a toma de conciencia do país e a súa cohesión. Con todo, hai que manter certa cautela e non facermos xuízos contundentes e absolutos sobre as prácticas e as intencións rosalianas neste aspecto. Por exemplo, coñecemos que Rosalía escribe unha carta pública en galego, á Xunta Directiva da Sociedade de Naturales de Galicia en la Habana. Sabemos que provocou a que, posibelmente, sexa unha das poucas cartas íntimas, interpersoais, no noso idioma por aqueles anos, a do Chantre da Catedral de Salamanca. Resulta lóxica para a mentalidade rosaliana unha petición a outros para escribiren unha carta en galego e non corresponder nesa lingua? Por desgraza non contamos co groso das cartas que Rosalía escribiu e recibiu. Non podemos facer xuízos certos canto á potencial e real base empírica, non podemos coñecela como se debera. Constatamos limitacións prácticas da súa conduta lingüística oral, totalmente acordes cos tempos. Porén, tamén temos evidencias do seu sentido crítico sobre a asimilación, o mimetismo lingüístico e o desprezo polo galego en todas as clases sociais, como unha deformación e unha caricatura indigna. Pola cabeza de Rosalía pasaba, seguramente, todo o que nós podemos pensar e sentir hoxe sobre o noso idioma e os seus dereitos, mais a distorsión entre conciencia posíbel e conciencia práctica existía entón tamén, aínda que, posibelmente, estivera máis amortecida pois a tarefa, o obxectivo prioritario, era prestixiar, dignificar e defender o pobo galego e a súa lingua dotándoo de literatura escrita e de historia. O primeiro dos obxectivos pasaba todo atrevemento nun momento en que a tendencia hexemónica era a aceptación da globalización española como garantía de progreso. Aliás, isto non quere dicir que Rosalía se limitase a unha identificación mística da nacionalidade galega cunha idea platónica da lingua, senón que era concreta, material e realista. É mágoa descoñecermos as relacións de Rosalía coa xente popular, que sen dúbida se daba con frecuencia e con intencionalidade, moitas veces, creativa, pois a súa concepción da tradición era unha concepción viva. A este respecto ela mesma infórmanos ao pé da “Alborada” de Cantares Gallegos que “foi o meu deseio de que saíse nun todo arregrada á música”. Non se limitaba a un concepto literario, senón que tiña moito de existencial, embora resultase entón menos urxida a predisposición ao emprego oral e escrito do galego en todas as funcións e circunstancias. Desde logo, é precisamente na segunda metade do século XIX, cando na Galiza se comeza a ouvir con certa frecuencia un idioma que non é o propio. As preguntas xa son inevitábeis: non vale con limitarse á concepción de que o idioma é algo natural que teñen todas as persoas como as pernas, en expresión de Eric Hosbawm (2012). Non en balde os primeiros debates públicos, reflectidos na prensa, sobre o problema do idioma, a pertinencia ou non do seu mantemento como vehículo de comunicación social e aspiración a certos usos formais, orixínanse neste momento. Mais parece que resultaría un fenómeno inexplicábel o feito de se comezar a romper o dominio e a subordinación lingüística nos sectores sociais alfabetizados en castelán e con cultura formal e escrita nese idioma, sen que a lingua nacional e marcadamente popular aspirase a ser lingua literaria, escrita.

Conciencia da realidade e limitacións prácticas

A grandes riscos tiña razón Emilia Pardo Bazán (1888) cando afirmaba que, no caso do galego, como do provenzal, non o falaban os que o escribían. Porén, baixando a unha realidade máis matizada e relativa, no caso galego, non era así. Semellante absoluta aseveración agocha diferentes e variados comportamentos lingüísticos, nos que un factor determinante é as características do interlocutor, en primeiro lugar, se é ou non falante popular do galego -lémbrese que entón aínda masivo-, o grao de coñecemento, proximidade e a intención da comunicación dos interlocutores, así como o grao de formalidade. A remodelación do dominio do español na Galiza da segunda metade do século XIX, como modernidade, civilización e cultura, contando con todo o peso do aparato burocrático do novo Estado centralista e capitalista, e coas condicións do mercado ao seu favor, aumentou a súa incidencia espacial e social, cun impacto, tamén oral, do que non gozara até entón. Aínda así moi lonxe do que ten hoxe. Non podemos comparar, facendo xuízos de valor, os comportamentos individuais orais e escritos da intelectualidade ou dos escritores galegos e en galego daquela época cos de hoxe. Hai urxencias prácticas nas conciencias hoxe que superan o feito de o galego ser unha lingua escrita e de cultura. A restauración de usos sociais aparece como necesidade , pois xa non existe unha masa campesiña potente depositaria natural do idioma.

Podemos discutir sobre por que non se intentou unha introdución política, nas circunstancias do pobo labrego e mariñeiro desa época, por parte desta intelectualidade protonacionalista. Malia a nosa historia social e política, concretamente nesta etapa, non estar nada ben estudada, este pobo labrego e mariñeiro si reaxiu e protestou contra contribucións, foros, quintas, fames e distintas opresións. Unha parte da obra de Rosalía é, en certa maneira, retrato desta opresión, e mesmo revelación da rebeldía latente, máis ninguén, con capacidade e orientación política galega, a canalizou. Está claro que se comezou a facer xa moi entrado o século XX. A incapacidade para se producir este contacto ou fusión social e política entre base popular campesiña e minoría dirixente intelectual ten a ver, sen ser o único factor, cun fenómeno constante e secular, que no século XIX medra en magnitude e incidencia social, a contribución galega á burocracia do Estado, á política, e a predisposición/necesidade a procurar fóra o triunfo na literatura, na arte, no xornalismo ou calquera actividade formal culta. Esta drenaxe ou externalización constante ten contribuído á incapacidade resultante para se produciren eclosións socio-políticas internas prendidas ou vinculadas a unha idea de país. Rosalía, moito máis que Murguía, tivo clara a necesidade do retorno e intentou, dentro das súas capacidades e posibilidades, cumprir un papel para lograr a conexión entre minorías cultas e masa popular campesiña, intentando convencer aquelas das potencialidades e calidades desta. Podemos valorar o que representaba esta masa campesiña, desde a mirada dun home do século XX, que seguramente sería compartida por Rosalía de Castro: “E coido tamén que Galicia perdeu, infelizmente, unha inmensa parte da súa riqueza psicolóxica coa desaparición ou trituración daquel mundo rural, economicamente subdesenvolvido e certamente precisado de progreso, pero que acubillaba recursos humanos que poderían ser aproveitados e non o foron” (Pérez-Barreiro Nolla, 2013)

Desde logo non podemos menosprezar o peso que unha educación formal, literaria, a través do emprego do castelán por escrito e oralmente nesta función, e a posterior adicación profesional á literatura, nun marco editorial e cultural español, deberon ter nos usos pragmáticos dos dous idiomas por Rosalía de Castro. A súa formación intelectual en castelán e a súa inmersión exclusiva en literatura escrita, orixinal ou traducida, nesta lingua, ademais do francés, en menor medida, tivo que producir a interiorización do idioma dominante e de cultura cun alto nivel de competencia, rico e rechamante polo seu estraño arrecendo literario, sen pedantaría, inevitabelmente con sotaque galego. Nunha palabra, as consecuencias desta formación non podían deixar de ser transcendentes no uso oral nunha persoa que, como todas as da súa clase, así como as da pequena burguesía burocrática, mercantil e industrial, estaban sendo atinxidas por un proceso de asimilación, tamén oral, ao español, impulsado por todos os instrumentos do Estado centralista.

O seu curmán José de la Hermida: unha versión ofuscada polos prexuízos ideolóxicos

Dito isto, non é veraz nin críbel aceitar versións sobre o comportamento lingüístico oral rosaliano que están embafadas xustamente polo seu absolutismo, por non teren presente, mesmo acreditando na súa honestidade, a variabilidade de usos segundo os interlocutores, os ambientes e as funcións, alén de os prexuízos ideolóxicos xogaren na percepción da conduta lingüística, un papel non secundario. Así, o seu curmán, Jose de la Hermida, tan anticlerical e republicano como cosmopolita e españolista, escribía, vinte e catro anos máis tarde de morta Rosalía, nun artigo contra o nacionalismo galego e contra o catalán: “Rosalía de Castro no hablaba apenas la lengua en que escribió Cantares gallegos y Follas novas, y nunca pensaba con ella, según le oí asegurar más de una vez; su acento era perfectamente madrileño” (El Motín, 25, 2, 1909). O uso do adverbio apenas é revelador: quere dicir que algunhas veces o falaba. Seguramente non con el, por certo tan xeneroso como colonizado na súa visión do pobo galego. É difícil de acreditar nunha versión tan nesgada e parcial. Ten unha certa base empírica, pero fica tamén en media verdade ou en tendenciosidade interesada. Podemos albiscar que é así por outras análises e xuízos que fai. Afirma que na Coruña, Ferrol, Vigo e Pontevedra, en 1909, a burguesía non falaba case nunca galego, é dicir, falábao nalgunhas ocasións. En contraste, en Compostela e Lugo empregábase invariabelmente o castelán na chamada boa sociedade, isto é, sempre segundo as súas palabras, o galego estaba excluído (ibidem). É imposíbel que, nesta altura, o que el denomina burguesía coruñesa, ferrolá, viguesa ou pontevedresa se distinguise da de Lugo ou Compostela no sentido que el o fai. O galego entón como hoxe estaba, en todos os casos, expulsado da denominada boa sociedade. Por outra parte, nalgunhas ocasións aínda falaban galego algúns segmentos desta clase social en calquera das cidades devanditas. Non se lle pode dar crédito, a non ser todo máis como síntomas ou tendencias, ás súas afirmacións tan absolutas, porque, ademais, alén dunha xenreira desmesurada contra Murguía, a quen denomina “Mesías del nacionalismo gallego (...) en el cual la sangre euskara domina por completo a la otra” (ibidem), a súa españolía ofúscao: “Sí; la región del Poniente seguirá siendo digna de haber sido la madre de la mil veces gloriosa unidad hispana, de haber sido la cuna de María Pita, de haber sido el último baluarte de España en las últimas guerras continentales americanas en la persona del legendario Rodil, y de haber contribuído poderosamente a vencer el fuerista carlismo en todas las ocasiones que lanzó sus hordas al campo” (ibidem).

Na súa descualificación de Murguía chega a aseverar: “me consta que este señor hablaba castellano hasta con las gentes del campo” (ibidem), evidenciando así que resultaba este comportamento unha anormalidade case monstruosa. Pois ben, o seu propio retrato tendencioso e ideoloxicamente ofuscado pode servirnos para intuír as tendencias, os problemas, e matizar e albiscar comportamentos, alén de termos certezas absolutas. Non deixa de ter importancia que, mesmo segundo un fidalgo de pazo tamén ruinoso, démoslle ou non crédito ás súas palabras sobre o comportamento lingüístico de Murguía, o normal era falar cos labregos en galego. Porén, o problema fundamental estaba en que a de la Hermida non lle gustaba nada a intencionalidade patriótica de Murguía, co que non simpatizaba humanamente, nin tampouco a de Rosalia, malia considerala unha ilustre e digna señora, de ideoloxía socialista e librepensadora. Sabía do que falaba, porén, cando establecía un parangón entre Rosalía de Castro e Burns, nestes termos: “En nuestros días, a Burns, que era el Rosalía de Castro de Escocia, nada debieron producirle sus versos, cuanto para poder vivir estrechamente tenía que destripar terrones con su arado” (El Motín, 15, 9, 1910). Como tamén sabía do que falaba, cando nos dá a coñecer como figuraba Rosalía “en mi obra inédita Gallegos notables del librepensamiento” (El Motín, 4, 8, 1900), evidenciando o substrato referencial, especialmente, a influencia de poemas de Follas Novas, e a alta estimación que lle merecía: “Pidiendo esta elevada mujer el beneficio de la muerte voluntaria para los que la existencia es una serie no interrumpida de torturas; autorizando a los que han pedido justicia inútilmente al cielo y a la tierra para realizarla por el propio esfuerzo; rebelándose con altivez contra lo injusto del perdurable castigo; afligiéndose hasta el llanto por las universales desventuras, y en especial por las que tiene más próximas; y loando en el diapasón sublime la positiva labor científica y a sus impulsadores ¿tendrá algo que ver con el ideal cristiano, que impíamente condena a vivir al que lentamente agoniza en medio de los más crueles sufrimientos; que difiere el cumplimiento de la justicia para un mundo extrasensible; que revela su inextinguible rencor con la espantosa creación del infierno; que divide los hombres en réprobos y en elegidos, y que se declara contra el profano saber por conducto de su más venerable representación histórica? ¿Y habrá algo de común entre la que da nombre a este tan modesto esbozo y la Iglesia Católica, poniendo aquella a su clero en situación repulsiva, enalteciendo la memoria de un héroe protestante en sentidos y admirables versos que consagra a una amiga, inglesa, fervorosa creyente de Reforma, y dedicando la mejor glosa de los Cantares Gallegos a Roberto Robert?¿No pudiera decirse de esta inspirada mujer que, guiada por rumbos positivamente opuestos al cristianismo, ha dedicado lo más noble de su poética musa a encarnar con lo ciertamente humano? Si la grandilocuencia de estos hechos no diera inquebrantable firmeza a Rosalía Castro en este lugar, habría la razón crítico empírica desaparecido del mundo de la verdadera cultura” (ibidem).

Podemos discutir a opinión sobre o carácter filosoficamente antitético do pensamento rosaliano co cristianismo. O acordo é absoluto de nos referir á Igrexa Católica. E, desde logo, nada hai que obxectar á tese de Rosalía ser unha librepensadora, non estritamente cinxida aos límites dun empirismo positivista. O fidalgo da Torre de Lestrove non se atreve a formular sospeitas ou dúbidas respecto da mentalidade e o compromiso patriótico de Rosalía. Porén, condena e discrepa da súa, para el, limitación intelectual e comunicativa por empeñarse en escribir en galego, parecéndolle excéntrico e monstruoso que malgastase “sus tan humanas ternuras, que merecían universal resonancia, en un círculo de límites estrechos”. Sentía fobia por “Las lenguas regionales”, como titula outro seu artigo en Las Dominicales del Libre Pensamiento (1,3, 1900), contra o bispo catalán Morgades, onde sentencia: “Sólo al que asó la manteca puede ocurrírsele escribir o hablar en gallego, vasco, etc, en la tierra donde se escribió ese Quijote que admiran aún más los extraños que los propios”. Rosalía rachou coa diglosia cualitativa no terreo da arte, da literatura, da cultura. Na concepción do que debían ser os usos lingüísticos sociais foi tamén algo máis que a expresión das tendencias e liñas dominantes no seu tempo, se ben a súa translación práctica necesitaba dun proxecto colectivo que non callou entón.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 08-09-2013 11:34
# Ligazón permanente a este artigo
Desestiman un recurso contra unha multa que alegaba que o sinal estaba "só en galego"
Redacción | @prazapublica


Que un sinal de prohibido aparcar estea rotulado unicamente en galego non exime do cumprimento desta indicación nin do, chegado o caso, pago da multa correspondente se se cometeu unha infracción. Así o deixa claro unha sentenza, moi rotunda, do xulgado contencioso-administrativo número 1 de Ourense.

En febreiro de 2013 un condutor, G.M.R.I., foi multado con 200 euros por ter estacionado o seu vehículo nunha zona limitada a carga e descarga. Porén, o infractor, malia recoñecer que efectivamente aparcara nese lugar na hora na que non estaba permitido facelo, recorreu a sanción alegando que o sinal se podía ler unicamente en galego e baseándose en que no artigo 56 da Lei de tráfico e no Regulamento xeral de circulación, afírmase que as indicacións escritas incluídas nos paneis de sinalización das vías públicas deben figurar en todo caso no idioma castelán. Ademais, facía referencia a varias sentenzas que, en situacións semellantes, lles deron a razón aos infractores, coma a que se fallou hai uns meses en Pontevedra.

Daquela a xuíza recoñeceu que era "dificilmente crible" que o demandante non entendese o sinal, pero mesmo así fallou ao seu favor. Non foi o caso en Ourense. O Concello destacou que o infractor é galego, nacido en Ourense, cidade na que reside dende hai máis de quince anos, e que ademais da indicacións textual: "Laborábeis: de 07:00 h a 13:00 h e de 15:30 h a 18:30 h. Sábados: de 07:00 h a 11:30 h. Agás carga e descarga", a prohibición de estacionamento reflectíase noutro sinal horizontal complementario –liña amarela na calzada-, "linguaxe gráfica universal de obrigado coñecemento para todos os condutores".

O xuíz indicou que só "dende posicións absolutas ou maximalistas" se pode interpretar que o feito de que un sinal de tráfico non estea en castelán pode eximir do cumprimento das súas indicacións. A sentenza acepta que o regulamento de Tráfico indica que os sinais deben rotularse en castelán, pero considera que o feito de que estivese só en galego é un "defecto de forma", e "como tal vicio formal só determinará a anulabilidade cando o acto careza dos requisitos formais indispensables para alcanza-lo seu fin ou dea lugar á indefensión dos interesados".

A sentenza tamén lembra que o texto estaba acompañado "do símbolo internacional de prohibido estacionamento (círculo vermello sobre fondo azul escuro con dúas liñas cruzadas tamén vermellas)", que os límites horarios estaban escritos con números, e que "a indicación laborábeis, que se traduce en castelán por laborables, resulta intelixible incluso para un foráneo que nunca antes tivese estado en Galicia". Engade que "a última frase do rótulo agás carga e descarga refírese a unha excepción da prohibición, facilmente deducible no contexto do sinal, excepción que non afecta ao recorrente".

O xuíz tamén lembra que o infractor "leva anos que leva conducindo en Ourense" e que o propio recorrente recoñeceu "que cursou e superou a materia de galego na súa etapa formativa, e que entende o galego falado, aínda que se expresa habitualmente en castelán". Con todo isto, sinala que "queda clara a súa responsabilidade pola simple inobservancia da restrición de estacionamento".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 05-09-2013 09:52
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta quere un novo consenso sobre o galego
Valentín García aposta por "abrir un novo clima de diálogo" con todos os grupos e asociacións. A oposición pide cambios sustanciais e mesmo a retirada do decreto.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/09/2013


"Sería necesario abrir un novo clima de diálogo en favor do galego". Con estas verbas, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, avogou este mércores na Cámara galega por comprometer a todos os partidos políticos e asociacións en defensa do idioma para chegar a un novo consenso en materia lingüística.

Precisamente, a base deste novo acordo estaría en tentar limar as grandes diferencias xurdidas no famoso decreto do plurilingüísmo do Goberno Feijóo, algúns de cuxos artigos foron retirados por sentenza xudicial.

Precisamente, sobre esta norma recaeron oito sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. "Por iso se realizaron axustes que permiten falar dun texto mellorado na súa aplicación", aclarou.

"Equilibrios"

"Sempre buscamos o equilibro na aprendizaxe", indicou García sobre un decreto, recalcou, "que contempla un equilibro entre o galego e o castelán", así como a incorporación dunha terceira lingua. "A consulta aos pais é a modo de enquisa para saber cal é a lingua materna do neno", xustificou ante as críticas dos grupos de oposición sobre esta lei.

Por iso, na súa comparecencia na Comisión de Educación e Cultura para abordar as actuacións en materia de ensino da lingua galega para o curso 2013-2014, insistiu en recuperar "un clima de consenso lingüístico" para iniciar un novo camiño no eido educativo recoñecendo que houbo "discrepancias" sobre o decreto.

En todo caso, para que este consenso sexa efectivo, os grupos da oposición reclamaron un cambio substancial nese decreto ou mesmo a súa retirada total para comezar de cero.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 05-09-2013 09:51
# Ligazón permanente a este artigo
O PP de Feijóo transita da teoría da imposición á da 'paz lingüística'
Praza Pública

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Na lingua, as cousas claras". En outubro de 2008 Alberto Núñez Feijóo, daquela como líder da oposición en Galicia, deitaba no seu blog reflexións sobre a política lingüística da coalición de PSdeG e BNG e, xunto a elas, prometía derrogar o decreto 124/2007, que garantía un "mínimo" do 50% do ensino en galego. Feijóo aseguraba "poder dicir sen medo" que "en Galicia temos enriba da mesa un conflito lingüístico sen precedentes, creado dende o propio Goberno". Cumpría "desideoloxizar", "despolitizar", "recuperar o consenso", volver ao "equilibrio". Estas e outras consignas foron axitadas polos conservadores nos primeiros meses de 2009, nos que marcharon a carón da asociación Galicia Bilingüe polas rúas de Compostela, compartindo pancarta e consignas contra a "imposición" coa líder do partido UPyD, Rosa Díez. Catro anos despois o panorama é ben distinto.

O curso escolar que está a piques de comezar será o primeiro tras as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que ilegalizan parte do denominado decreto do plurilingüismo, no que xa non poden ser aplicados algúns dos preceptos estrela do candidato Feijóo, tales como que o alumnado poida ignorar o idioma no que se imparte cada materia á hora de expresarse na aula ou responder a un exame. Así e todo, o debate e o rebumbio políticos en torno a este recorte normativo non é, nin de lonxe, o que acompañou os primeiros compases do retorno conservador a San Caetano. Nin sequera despois de que saíse á luz que aquela contrarreforma foi apoiada en datos que non se correspondían coa realidade.

Como informou Praza Pública, mentres Feijóo, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o daquela secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, se prodigaban en declaracións sobre "imposición" e "desequilibrio", a propia Xunta sabía que o galego era xa o irmán pobre do ensino en Galicia. No "inicio" da "vixencia" da actual normativa, admitía o Goberno nunha resposta parlamentaria de hai poucos meses, o escenario era xa "moi desfavorable para a lingua propia", partindo dunha "situación de uso minoritario do galego polo alumnado na xeneralidade dos centros galegos", "especialmente nas provincias atlánticas". No caso das cidades "poderíase dicir" que ese uso é "escaso", admite Política Lingüística, agora con Valentín García á fronte.

Neste contexto, tampouco o presidente amosa agora especial interese en alimentar o lume lingüístico. Coas fotos de Marcial Dorado atrancando o camiño para desembarcar na política estatal Feijóo esfórzase, cando é preguntado ao respecto, en debuxar unha caste de pax lingüística en Galicia lograda polo seu gabinete. "En Galicia non hai un problema lingüístico", afirmaba o pasado decembro, pouco despois de tomar posesión como titular da Xunta por segunda vez. Contradicindo o seu propio argumentario de poucos anos atrás Feijóo mantén agora que "os políticos estamos para resolver os problemas" e as leas a conta do idioma son unha cuestión "máis política e ideolóxica" que real. En todo caso, sentenza, en Galicia hai "equilibrio" entre galego e castelán pero non só agora: "isto veu funcionando así durante 30 anos". Este discurso é tamén o realizado por Feijóo nos foros mediáticos máis á dereita, os mesmos nos que en 2009 prometía a fin da "imposición".

O encaixe do decreto nas sentenzas do TSXG
Ao longo destes anos non foron poucos os ofrecementos recibidos na Xunta para procurar un pacto lingüístico. Tanto a oposición parlamentaria -cando estaba formada por PSdeG e BNG e agora tamén con AGE- como as principais institucións culturais e lingüísticas do país, así como os sindicatos educativos, instaron o Goberno a elaborar unha nova política lingüística que parta do último punto de consenso parlamentario, isto é, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), aprobado por unanimidade no ano 2004 e reducido en 2009 polo conselleiro Jesús Vázquez a un "remuíño de ideas". Tamén as tres universidades galegas se ofreceron a Educación, como adiantou este diario, para reformular o decreto plurilingüe baseándose no PXNL e na Lei de Normalización. Pero a Xunta segue a avanzar en solitario.

Así as cousas, o secretario de Política Lingüística acude este mércores ao Parlamento a presentar as "instrucións" coas que pretende encaixar o decreto gobernamental nos ditames xudiciais. A falta de coñecer a letra pequena todo semella indicar que o Executivo optará por unha caste de laissez faire lingüístico tentando, ao mesmo tempo, que se poida aplicar a efectos prácticos a parte da súa política que a lei non avala. Non en van, o propio presidente da avanzou que esa orde estipulará que as polémicas enquisas ás familias non van ser vinculantes -sobre o papel-, pero que as respostas que emanen delas si van servir para condicionar o reparto de materias entre idiomas.



Valentín García proclama o "consenso" ante unha oposición "abraiada"

"Estamos abraiados". "Tómanos por parvos e parvas". "Os xestos de boa vontade foron inútiles". Son algunhas das respostas que os grupos da oposición ofreceron á comparecencia do secretario xeral de Política, Valentín García, este mércores no Parlamento. García acudiu á Cámara a presentar a instrución coa que o Goberno tenta encaixar o seu decreto plurilingüe nas sentenzas do TSXG, se ben o alto cargo da Consellería de Educación desenvolveu unha intervención na que, efectos prácticos, tentou dar por feito un novo "consenso" en torno ao idioma e, nomeadamente, en torno á súa presenza nas aulas.

En Galicia hai "un novo clima de consenso" derivado dun "novo compromiso adquirido" por parte do Goberno, que manifesta un "desexo de nova colaboración" entre forzas políticas sobre a lingua, di García. Segundo o secretario xeral as sentenzas "permiten falar dun texto mellorado" do decreto, que agora se "adapta totalmente" á legalidade. Pero ese teórico consenso comeza a crebar cando o responsable de Política Lingüística lembra que o Goberno non renuncia á polémica consulta ás familias para determinar a lingua "materna" en ensino infantil. Pero non é unha "enquisa", senón "unha pregunta". Se non se fai "como facemos?", pregúntase, "mándannos un telegrama, adiviñámolo?"

Mentres o secretario xeral insiste en que "o panorama non é tan negro" como o pinta a oposición o resto de grupos desbota consenso ningún mentres o Executivo teime en manter o decreto no canto de retornar ao último punto de consenso, isto é, o Plan Xeral de Normalización do ano 2004. "Non necesitamos paripés" nin tampouco "reunións" bilaterais como as mantidas por García cos voceiros de PSdeG e BNG -AGE non acudiu-, di Ana Pontón, do Bloque. Non se precisan mentres a Xunta se manteña na "aplicación unilateral por parte do PP dunha política ditada por Galicia Bilingüe".

Á aproximación a ese tipo de grupúsculos referiuse tamén o socialista Francisco Caamaño, en cuxa opinión o PP é, malia todo, vítima da súa propia estratexia electoral en 2009, da que agora "non sabe como recuar". Nesta liña, Caamaño ironiza coa posibilidade de que o Executivo estea a desenvolver a "estratexia de Sotomayor, con i grego", xa que "en troques de estar orgullosos da nosa lingua" permanecen nunha "forma de enterramento" do idioma chamada "bilingüismo cordial". Na mesma liña, dende AGE Xabier Ron lémbralle a García que "a lingua minorizada e en risco non é o castelán", senón o galego e por iso "o punto de partida é unha situación de desequilibrio" que o ensino debe corrixir.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 05-09-2013 09:50
# Ligazón permanente a este artigo
Asterix volverá falar galego da man de Xerais

Praza blogs - Quadriños

Imaxe promocional de Didier Conrad


Unha boa nova para os afeccionados galegos á banda deseñada. Hai uns días Xerais daba a coñecer o seu plan editorial para os meses de setembro e outubro e nel anunciaba a próxima publicación en galego do novo álbum de Asterix, que levará por título Asterix e os pictos. A nova aventura dos irredutibles galos chegará ás librarías de Galicia o vindeiro 24 de outubro, a data sinalada internacionalmente para a saída do álbum, tanto na súa versión orixinal en francés coma traducido a máis de vinte idiomas. A versión en galego correrá a cargo de Xavier Senín e Isabel Soto, que tamén se ocuparon da tradución para o castelán que editará Salvat-Bruño.
A aposta de Xerais por Asterix chega nun punto de inflexión na historia da cabeceira, xa que Asterix e os pictos será a primeira aventura dos personaxes na que non participa ningún dos seus creadores. Lembremos que tras a morte do escritor René Goscinny en 1977, o debuxante Albert Uderzo asumiu en solitario a elaboración das aventuras dos galos ata que o pasado 2011 anunciou a súa retirada. O propio Uderzo foi quen seleccionou os que serán os continuadores da serie, o guionista Jean-Yves Ferri e o debuxante Didier Conrad. Sen ser primeiras figuras, ambos son autores veteranos e con carreiras consolidadas. Ferri é coñecido sobre todo polas súas colaboracións co debuxante Manu Larcenet en series como Le retour à la terre ou Le sens de la vis; pola súa banda, Conrad debe a súa sona a dúas series desenvolvidas co guionista Yann, Les innommables e Tigresse blanche. A continuación das aventuras de Asterix por autores novos ten sido acollida con esperanza por un sector importante dos seus seguidores, moi descontentos co traballo de Uderzo nos últimos anos. Axiña poderemos comprobar se o labor de Ferri e Conrad responde ás expectativas creadas.
Mais a aposta de Xerais por Asterix non se limita a este álbum, xa que Manuel Bragado confirma que a editora viguesa asumirá a edición en galego de todos os novos títulos posteriores a este ao tempo que anuncia que en 2014 comezarán a reeditarse os primeiros álbums da serie realizados por Uderzo e Goscinny. Os primeiros títulos en ver a luz serán Astérix o Galo e Asterix e a fouciña de ouro, cuxa saída está prevista para o mes de marzo.
Tamén para 2014 está prevista a publicación por Xerais de varios títulos de produción propia: Dragoneta, a terceira entrega da serie Marcopola de Jacobo Fernández Serrano, o novo libro de Xosé Tomás, así como dúas obras inicialmente previstas para este 2013, o agardado Baixo a sombra das pedras flotantes de Kiko Da Silva e a novela gráfica na que levan tempo traballando Diego Ameixeiras e Juan Carlos Abraldes.
Eduardo Maroño
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 05-09-2013 09:46
# Ligazón permanente a este artigo
Especial Revenidas
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 05-09-2013 09:44
# Ligazón permanente a este artigo
Uxía: As fadas que te faden
Comentarios (0) - Categoría: Para os máis pequenos - Publicado o 05-09-2013 09:42
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3 [4]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal