Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


«Cantares Gallegos», de Rosalía de Castro, xa ten edición en ruso
A edición forma parte da Antoloxía da literatura galega, publicada polo Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo.

UXÍA LÓPEZ - Padrón / La Voz 27 de septiembre de 2013


A tradución a distintas linguas da obra Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, continúa no ano no que se conmemora o 150 anos da súa publicación, e faino cunha edición en ruso, presentada onte na Casa Museo de A Matanza, en Padrón, coincidindo co Día Europeo das Linguas.
A edición forma parte do Tomo XVIII da Antoloxía da literatura galega, publicada polo Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo, que dirixe Elena Zernova, presente no acto de onte, xunto co presidente da Fundación rosaliana, Anxo Angueira; o académico Manuel González; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, en representación da Consellería de Cultura e Educación.
Anxo Angueira foi o primeiro en intervir para sinalar que a profesora Elena Zernova entrou na literatura galega grazas a autora do Sar e engadiu que as «relacións históricas entre a cultura rusa e a galega son longas e dilatadas». O presidente da Fundación Rosalía tamén agradeceu á Consellería de Cultura o seu apoio para lograr ter a edición en ruso de Cantares Gallegos.
Pola súa banda, o académico e catedrático Manuel González lembrou como foi o proceso de introdución da lingua galega no país ruso, primeiro a través de cursos e, neste senso, falou de que a profesora é «un luxo» para os galegos, por ter a idea de iniciar unha antoloxía da literatura galega na que se enmarca a edición en ruso de Cantares Gallegos. Manuel González precisou, ademais, que Elena Zernova acaba de publicar, nunha das principais editoriais de Rusia, unha antoloxía da poesía galega, que a profesora mostrou xa no acto de onte.
O presidente da Real Academia Galega falou, no que foi a súa primeira intervención na Casa-Museo de Rosalía dende que está no cargo, de que a tradución ao ruso de Cantares Gallegos «é moi importante para nós porque supón a proxección da literatura galega nun espazo, o da literatura rusa, inmenso non so cualitativamente, senón tamén cuantitativamente». Ademais, dixo, «traducir ao ruso non é calquera cousa» nun país, engadiu, no que a tradución é unha profesión «moi coidada».
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-09-2013 13:20
# Ligazón permanente a este artigo
Clases de galego no Bierzo: sen recursos e con alumnos reagrupados
Praza Pública - Miguel Pardo - @depunteirolo


A Junta de Castela e León atopou a fórmula para evitar a eliminación das clases de lingua galega que desde hai anos imparte en Bacharelato o instituto Bergidum Flavium de Cacabelos, no Bierzo, logo de anunciar a un día do comezo de curso a supresión da materia optativa neste centro, un dos catro de Secundaria acollido ao programa de inmersión lingüística na comarca e o único desta localidade. A opción que a Administración dá agora ás familias afectadas é manter a materia, pero sen achegarlle recursos.

A solución, tal e como denuncian fontes do consello escolar do centro consultadas por Praza, é que os alumnos de primeiro e segundo de Bacharelato matriculados en galego se agrupen nunha única clase, aproveitando así as horas "que lle sobran" ao profesor que imparte galego no instituto. Así llelo expresou a Consejería de Educación aos afectados a través dun comunicado remitido á dirección, no que presumía de "respectar o seu dereito a recibir aulas de galego" malia manter a ausencia dos docentes necesario para impartilas.

Pero o consello escolar -que mantivo unha xuntanza o pasado luns- non acepta a proposta. "Iso non se pode facer porque o único que pretenden é aforrar cartos xuntando os rapaces de diferentes cursos nunha mesma clase, reducindo a calidade da educación e privando os alumnos do seu dereito real a estudar galego en condicións", aseguran membros do consello escolar, que manifestará a súa postura á Junta de Castela e León, pero que tamén informará á Xunta da actual situación da lingua galega no Bierzo. Segundo os afectados, o Goberno galego "ten que enterarse" do que consideran "un incumprimento" do convenio de colaboración asinado hai anos entre ambas as dúas administracións.

A cooperación entre as dúas comunidades en materia lingüística comezou no ano 2001 e foi ampliada en 2006 coa sinatura do Protocolo Xeral de Colaboración entre as autonomías. Pouco despois, Alberto Núñez Feijóo e o presidente da Junta, Juan Vicente Herrera, asinaron outro protocolo que "abría unha nova etapa de cooperación entre as dúas comunidades" e que culminou coa incorporación da comunidade castelá-leonesa á eurorrexión que formaban Galicia e norte de Portugal. Nos diferentes convenios, os dous gobernos ratificaban a promoción do galego nos territorios galego falantes de fóra do país.

Agora, as familias afectadas pola supresión ou falta de recursos das materias de lingua galega denuncian que a Junta "obvie un convenio que nunca dependeu nin tan sequera do número de alumnos que solicitasen aulas en galego, xa que foi incluso respectado cun só estudante". A asociación de nais e pais de alumnos do Bergidum Flavium de Cacabelos tamén prevé recorrer á Xunta para que "se entere" dos atrancos que o galego sofre na súa comarca, ademais de ter previsto convocar mobilizacións.

O anuncio da supresión da materia de galego chegou ao centro cando os rapaces xa estaban matriculados e cos libros e material necesario para o curso pagado. O caso é aínda máis grave para os alumnos, xa que cursar e aprobar as materias de galego no Bacharelato é a única opción para obter o Celga III, obxectivo que moitos deles se marcaran logo de obter o Celga II tras o seu paso por Secundaria. "Seica agora se precisaba un profesor máis e non llelo queren poñer; non sei se o fan por recortar ou por cargarse o galego", denunciaba unha das afectadas.

A supresión destas materias optativas supón, xa que logo, que se corte no último chanzo o proceso de aprendizaxe de galego que os rapaces levan a cabo xa desde os seus estudos nos máis de dez centros de Infantil e Primaria que tamén imparten clases de lingua galega en Vilafranca do Bierzo, Ponferrada ou Cacabelos. Son uns 1.000 alumnos os que acoden a clases de lingua galega grazas ao programa conxunto que promoven a Xunta e a Junta no Bierzo occidental.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 25-09-2013 11:41
# Ligazón permanente a este artigo
O PPdeG rexeita tramitar unha lei do BNG para normalizar a lingua: está "fóra do consenso"
CLIMA DE CRISPACIÓN NO PARLAMENTO

AGE reproba o trato da Xunta ao galego e o PSdeG acusa os populares de "prender lume" ao acordo lingüístico "para gañar unhas eleccións"

GALICIA HOXE - SANTIAGO. EUROPA PRESS


Os votos dos deputados do PPdeG serviron este martes para rexeitar a toma en consideración dunha proposición de lei do BNG sobre normalización lingística co argumento de que "é unha mala lei, que nace fóra do consenso e que pon en perigo calquera acordo futuro ao redor da lingua". AGE e PSDEG si eran partidarios de tramitar esta norma na Cámara e coincidiron co BNG en criticar o trato da Xunta ó galego.
No seu defensa da iniciativa, que, entre outros extremos, aspiraba a garantir que "como mínimo" o 50 por cento da docencia fose en galego en Educación Primaria, ESO, Bacharelato e ciclos formativos, a deputada do BNG Ana Pontón reivindicou a necesidade de impulsar esta lei e advertiu ós populares que a lingua non precisa de "palabras de amor", senón de "feitos concretos que demostren que ese amor é real".
Así mesmo, do mesmo xeito que fixo o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, ao comezo da sesión, insistiu en que os nacionalistas emprenderán accións xudiciais contra o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, se non rectifica "as inxuriosas declaracións" realizadas nunha entrevista publicada por 'O País', na que asegurou que quen se opón ó decreto do plurilingismo "non son demócratas".
Neste escenario, a parlamentaria instou ó conselleiro a aclarar se considera que institucións como a Real Academia Galega (RAG) ou asociacións como A Mesa pola Normalización Lingística "están fóra da democracia". Ó tempo, subliñou que a súa actitude supón "un insulto" e que é "indigno dun membro do Goberno galego" pronunciarse como o fixo Jesús Vázquez.
"Non é ningún chiste", advertiu Pontón, antes de subliñar que tampouco o son declaracións como as realizadas polos alcaldes de Baralla (Lugo) e Beade (Ourense), ambos do PP e xustificando, no primeiro caso, a represión da ditadura, e no segundo, definíndose como franquista. Manifestouno en relación á afirmación do titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen advertiu ó rexedor de Beade que "os chistes e a política non son compatibles".

"FÓRA DO CONSENSO"
Na mesma liña que a deputada do BNG se ha pronunciado o parlamentario de AGE Xabier Ron, quen anunciou o apoio do seu grupo á toma en consideración da lei do BNG e criticou a xestión lingística da Xunta, así como o deputado socialista Francisco Caamaño, quen acusou ó PP de "prender lume ó consenso" instalado en Galicia sobre a lingua coa lei e o plan de normalización lingística.
"Prendéronlle lume porque había que gañar unhas eleccións e aproveitar o vendaval da dereita que viña de Madrid, e xa non souberon controlar o que ardía", lamentou Caamaño, antes de chamar ós populares a acceder "a aproveitar a oportunidade" que, á súa entender, supuña a tramitación da norma impulsada polos nacionalistas.
Os populares rexeitaron esta opción e o deputado popular Agustín Baamonde asegurou que o seu grupo non acepta esta norma porque "é unha mala lei que crearía máis problemas dos que solucionaría". "É unha lei de confrontación, que ten o perigo de colocar á lingua no centro do debate político e dinamita a pedra angular de todos os acordos alcanzados", aseverou o parlamentario do PPdeG.
Dito isto e sen pronunciarse sobre as palabras do conselleiro sobre o decreto do plurilingismo de forma explícita, Baamonde manifestou que "oxalá todos fosen tan respectuosos cos tribunais e a convivencia como o é o PP". "Di que a lingua non precisa palabras de amor, o que non necesita son palabras de odio e de rancor; é un elemento de unión e non somos nós os que falamos de prenderlle lume", advertiu á oposición.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 25-09-2013 11:35
# Ligazón permanente a este artigo
A derradeira lección do profesor Gómez Segade
O profesor Xosé A. Gómez Segade xubílase da docencia universitaria . O próximo día 27 do mes que andamos, cando as badaladas da catedral compostelá anuncien as doce da mañá, entrará no salón artesonada de Fonseca para impartir a súa derradeira lección como catedrático da Facultade de Dereito. Ese día terá moita máis audiencia, porque amais dos alumnos acudirán outros discípulos que desde 1984 tiveron a sorte de formárense na súa cátedra de dereito mercantil.

Por Xosé Glez. - Galicia Confidencial | Redondela | 22/09/2013


Mais esta non será a derradeira lección do mestre, porque os os galegos sabemos que non todo o último é derradeiro. Seguirá exercendo o seu maxisterio aquí e fóra das nosas lindes onde ten acadado notable prestixio internacional; un prestixio que na nosa Terra institucións como a Real Academia Galega, da que debería ser académico hai tempo, non souberon valorar.

Recentemente foi homenaxeado pola Irmandade Xurídica Galega, da que foi fundador. Naquela sesión ateigada de xuristas, os máis deles ex-alumnos seus, o profesor Anxo Tato fixo unha acendida e xusta louva do profesor Segade. Recordou que xa na década dos anos sesenta, cando a informática estaba ben lonxe do coñecemento popular, el escribira un artigo sobre a protección xurídica do software. Ou salientar que o seu paso por instancias internacionais xurídicas nas que desempeñou cargos relevantes o teñen convertido nun referente do Dereito a escala internacional.

A pedagoxía do seu nacionalismo militante nas aulas fixo que moitísimas fornadas de alumnos sexan hoxe sobranceiros xuristas que hoxe exercen coherentemente a súa actividade profesional en lingua galega nos bufetes, docencia e xudicatura. Pola autenticidade do seu exemplo, proximidade e bondade é respectado, admirado e querido por todos eles. Nun medio tal hostil para a lingua galega como foi a Facultade de Dereito, o profesor Gómez Segade non se arredou polo tufo dese ambiente e impartíu as súas clases maxistrais en lingua galega. Esta práctica nunca supuxo para o profesor ningún problema na comunicación cos seus alumnos. Prestixíou a nosa lingua e demostrou sobradamente que o noso idioma é apto para ensinar Dereito.

Do mesmo pensar foi Lois Tobio, o brillante diplomático e galeguista, cando no curso 1930-31 impartíu un curso de historia do Dereito en lingua galega. Así o conta nas súas memorias: “Debutei como profesor na facultade de Dereito impartindo un curso de historia do dereito galego que dei na nosa lingua, pois xa non había pexas para o emprego dela porque estabamos na República. Tan contentos quedaron os alumnos, que cando rematei entregáronme como homenaxe un pergameo”. Esta actitude, con seren probados galeguistas, non a tiveran Salvador Cabeza de León, que fora presidente do Seminario de Estudos Galegos, nin Lois Porteira Garea, ambos os dous profesores da Facultade.

Mágoa que os claustrais das tres facultades de dereito, agás media ducia de profesores excepcionais, non secunden os exemplos de Lois Tobio e o do profesor Gómez Segade, máis dilatado no tempo, que debera ser o referente do galeguismo xurídico para os futuros alumnos do centro. E non hai mellor maneira para perpetuar a memoria do seu galeguismo universitario ca constitución na Facultade do Seminario Xurídico “Gómez Segade” dirixido polos profesores e discípulos do mestre, pensado para a galeguización integral dos futuros licenciados en dereito.

A derradeira lección do profesor Gómez Segade na aula magna de Fonseca lembraranos aqueloutra impartida por don Ramón Otero Pedrayo co gallo da súa xubilación tan concorrida que moitos non puideron acceder á aula.
Xosé Glez.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 23-09-2013 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
CONVOCATORIA DE ASEMBLEA XERAL
DÍA: Xoves, 26 de Setembro 2013

HORA 18:30 en 1ª convocatoria
19:00 en 2ª convocatoria

LUGAR: IES CONCEPCIÓN ARENAL

ORDE DO DÍA


1- Lectura e aprobación da acta da reunión anterior.
2- Recitado de poesía do 30 de outubro
3- Programación de actividades para o ano 2014
4- Rolda de intervencións

Ferrol a 20 de setembro de 2013
A Secretaria: Carmen Cuesta


COORDENADORA EQUIPAS NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Comentarios (0) - Categoría: Convocatorias - Publicado o 22-09-2013 12:39
# Ligazón permanente a este artigo
O TSXG rexeita agora anular a consulta aos pais "ao non ser vinculante"
Praza pública


Que si, que non. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeita anular a enquisa enviada pola Xunta aos centros de ensino preguntándolles ás familias pola súa lingua materna, idéntica á que remitía nos cursos pasados e que foi invalidada polo tribunal, xa que no cuestionario non "se indica que teña carácter vinculante" ou "determinante" para fixar o idioma de aprendizaxe, segundo publica Europa Press. A axencia recolle un auto do 13 de setembro con respecto a un incidente de execución de sentenza planteado por Queremos Galego.

Un auto previo do TSXG, do 2 de setembro, indicáballe á Xunta que tiña un prazo "improrrogable" dun mes para cumprir coas sentenzas do pasado ano, que prohibiron a realización de consultas vinculantes ás familias. Neste auto o alto tribunal sinalaba que xa pasaron máis de dous meses dende que ditaminou a ilegalidade parcial do decreto e non lle "consta" que a sentenza fose "executada totalmente". Inmediatamente a Consellería de Educación presentou un recurso de reposición contra esta decisión auto do TSXG. Neste texto a Xunta defende que o fallo está acatado, polo que lle solicita ao tribunal que aclare se hai algunha cuestión que non se cumpre. O Goberno galego argumenta ademais que a enquisa remitida "é un simple acto administrativo e como tal sen forza para substituír ou enervar un regulamento".

"Seguiremos facendo as consultas, pero non producen efectos legais porque a sentenza o impiden, pero será determinante para que nós adoptemos unha decisión ou outra", anticipaba Feijoo en marzo

Na enquisa remitida pola Consellaría aos centros as nais, pais ou titores deben "facer constar" que a "lingua materna do meu fillo ou filla" é galego, castelán ou "outra" que se especifique -principal novidade a respecto do inquérito anterior. O establecemento dunha casilla para marcar no sobre de matrícula a lingua do ensino foi unha das promesas estrela de Alberto Núñez Feijóo na súa primeira campaña electoral autonómica, a mesma na que destacados dirixentes do PP galego saíron á rúa unha semana antes do inicio da carreira ás urnas para apoiar a manifestación da asociación Galicia Bilingüe. O pasado mes de marzo, anuladas as consultas vinculantes, o propio Alberto Núñez Feijóo amosábase convencido de que "a sentenza non impide" realizar a sondaxe, senón que "sexa obrigatoria no seu resultado". "Seguiremos facendo as consultas, pero non producen efectos legais porque a sentenza o impiden, pero será determinante para que nós adoptemos unha decisión ou outra", anticipaba daquela.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-09-2013 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Ramón Freixeiro Mato: “O galego necesita estabilidade na norma e dentro dela avanzarmos na aproximación ao portugués”
12:30 h. Domingo, 22 de Setembro do 2013 Sermos Galiza



Coa monumental Estilística da lingua galega (Edicións Xerais), o profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato elabora unha ferramenta única que ofrece, ordanados e sistematizados, os valores expresivos do galego,a súa riqueza para a construción literaria.

O libro presentouse esta quinta feira na libraría Pedreira de Santiago coa presenza de Goretti Sanmartín, Xosé Manuel Sánchez Rei e Manuel Bragado xunto co autor.

Cunha das traxectorias máis prestixiosas no estudo da nosa lingua, Freixeiro Mato é autor, entre outras moitas obras, da Gramática da Lingua Galega (2006) en catro volumes ou de Lingua de calidade (2009).

-Vostede fala da dificultade de construír unha lingua literaria a través dun idioma desprestixiado, cal é o proceso?

Non é o mesmo ao dunha lingua normalizada, cun estándar estabelecido. No noso caso houbo que construír unha lingua literaria contemporánea desde a que existía nas clases populares, sen norma fixada e sen instrumentos e ferramentas que os escritores adoitan ter na súa mesa. Que nesa circunstancia fosen publicando libros de calidade artística e lingüística é un esforzo de grande valor. Na análise da lingua literaria teremos de discernir o que é auténtico galego, xa que existen moitas interferencias do castelán que eran inevitábeis.

-A súa estilística recorre tamén á literatura popular e, dalgunha maneira, na súa traxectoria apreciase a querenza por autores que beberon na lingua do pobo. Que valor lle engade á elaboración da estilística?

No falar da xente ou nos cantares populares hai unha riqueza extraordinaria de recursos. A literatura culta traballa especificamente cos recursos, procurando construír unha obra artística e extrema o seu aproveitamento, mais eses recursos están tamén na fala. Os mellores autores beberon da lingua popular para construír a súa obra literaria. É a fonte básica, aínda que haxa que saber distinguir o que é auténtico galego das interferencias.

-A literatura galega tivo como fonte esencial esa lingua popular?

Na obra de Rosalía de Castro está o máis auténtico que ten o galego, que é a lingua popularmente falada, en que ela se inspirou. Aí están todos os recursos expresivos do idioma porque tivo a grande virtude de os facer aflorar desde unha lingua considerada vulgar e propia de ignorantes. Tamén citaría a Manuel García Barros, mestre e labrego, que facía gala da defensa da lingua popular, como Crecente Vega ou Manuel María, todos escritores que beberon desa fonte limpa da fala e que construíron textos dos que nos podemos gabar. Unha literatura galega desvinculada da lingua popular caería no artificio e sería un calco da lingua de interferencia, do castelán; trataríase de galego con alma castelá, en tanto que bebendo da lingua popular atopamos o máis xenuíno.

-Para a elaboración da Estilística estudou textos de 186 autores e autoras, pódese concluír que o galego é unha lingua literariamente potente?

Todas as linguas son potencialmente válidas para a literatura, o que acontece é que unhas constrúen unha literatura poderosa e outras non. No caso do galego durante trescentos anos case nin tivemos literatura polas circunstancias sociopolíticas e sociolingüísticas. En xeral, o galego demostrou unha potencialidade expresiva na literatura moi grande. Podemos presumir de termos unha rica literatura e un galego literario traballosamente construído que está a desembocar nun modelo de grande calidade. Isto é consecuencia de que a lingua foi adaptada para a literatura.

-O seu traballo está chamado a ser unha ferramenta para quen queira escribir literariamente en galego?

Pode ser unha ferramenta porque se recollen boa parte dos recursos que ten a lingua. Non coñezo no español, portugués e, en xeral, nas linguas romances, outra tan ampla, que estude todos os aspectos da lingua. Pretendo facer aflorar a potencialidade que ten o idioma, no plano morfolóxico, gráfico, fonético... en todo aquilo de que se poida tirar rendibilidade estilística. Os escritores e escritoras van atopar moitos recursos expresivos en que non repararan.

-Tamén neste libro está a súa preocupación pola calidade da lingua.

Trinta anos despois da Lei de Normalización non nos podemos conformar con dicir que o importante é falar. Temos que dar o paso e empregar un galego de calidade porque un galego deturpado vai ser un galego castelanizado que non ten futuro. Iriamos cara á confluencia co español e estariamos a pór en perigo o propio idioma. Escribir e falar en galego auténtico transmite prestixio ao idioma, é dicir, sería unha ferramenta para a normalización. Como se vai prestixiar a lingua se un presidente da Xunta, un conselleiro ou un académico falan de maneira que mesmo contradí as normas que eles aprobaron? Denota un desleixo co idioma que resta credibilidade e eficacia normalizadora. O galego só se poderá normalizar se a xente ten a sensación de que a lingua está definida e os falantes a usan con corrección, sobre todo os que teñen responsabilidade pública.

"Como se vai prestixiar a lingua se un presidente da Xunta, un conselleiro ou un académico falan de maneira que mesmo contradí as normas que eles aprobaron?"

-Como valora a decisión de Vítor Vaqueiro, Teresa Moure ou Séchu Sende de abandonar a normativa despois dunha longa traxectoria de escrita?

Son tres persoas que admiro no plano persoal e tamén do punto de vista literario e da calidade de lingua. O seu posicionamento paréceme respectábel e sei que a súa é unha decisión a contracorrente que non lles vai dar beneficios persoais. Escribir en portugués para min é escribir en galego e por tanto acho lexítima a súa opción; porén, considero que neste momento o prioritario é afortalarmos un modelo de galego digno e auténtico, de calidade. Defendo que son preferíbeis decisións colectivas, nomeadamente por parte de persoas que, coma min, se senten comprometidas cos acordos de 2003 que, aliás, aínda non se consolidaron. Estes inclúen poucas mais significativas mudanzas que marcan por onde se debe camiñar na estandarización do galego. Outra cousa sería que a RAG recuase, entón as entidades deberiamos pensar colectivamente outra saída. Acho que o galego necesita unha estabilidade na norma e dentro dela avanzarmos na aproximación ao portugués. Podemos ir nese camiño seguindo o marco normativo, pois canto máis auténtico for o galego máis se parecerá ao portugués, como dixo Dieste. Só así parece posíbel a confluencia. O ideal é que ese camiño se vaia andando sen trasladar á sociedade conflitos que redundarían no desprestixio do galego. Sobre o galego penden moitas ameazas e os pasos deben ser medidos.

(A entrevista completa saiu publicada no semanario Sermos Galiza o 17 de maio de 2013 )
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 22-09-2013 12:29
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta non vai entrar pola vía do consenso -o retorno ao Plano de Normalización Lingüística, que lle demandan CIG ensino e a Mesa- e pleitea agora contra o TSXG.
Domingo, 22 de Setembro do 2013 Sermos Galiza


O Goberno galego mantén unha atitude de insubmisión frente ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que nun auto recente emprazaba á Consellaría a, nun prazo improrrogábel dun mes, aplicar escrupulosamente as sentenzas sobre o decreto do plurilingüismo.

As resolucións que non está a cumprir o Goberno galego son as que atinxen á anulación da enquisa entre os pais para escolleren a lingua de escolarización dos seus fillos -esa é unha competencia dos poderes públicos, sinala o TSXG- e a supresión do suposto direito do alunado a empregar na aula a súa lingua de preferencia -os poderes públicos están lexitimados para demandar os alunos que se expresen nun determinado idioma, para demostrar o seu dominio e coñecimento.

CIG ensino e a Mesa, nunha conferencia de imprensa realizada a quinta feira, demandaron onte a Xunta que derrogase o decreto e que se reintegrase á vía do consenso lingüístico que o PP rachou unilateralmente ao chegar Feijóo a Monte Pío en 2009.

Feijóo non está polo labor e, no canto de acatar a sentenza, presenta agora un recurso. Continúa así a guerra xudicial contra resolucións xurídicas que anulan os aspectos chave do coñecido como decreto do plurilingüismo, a primeira norma legal ditada por un Executivo galego que resulta nun retroceso cuantitativo e cualitativo da presenza da lingua galega nas aulas.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-09-2013 12:27
# Ligazón permanente a este artigo
Un condutor valenciano que se negou a falar en español coa Garda Civil, condenado a prisión.
Sermos Galiza

Foi absolvido en primeira instancia, mas, após un recurso do fiscal, a Audiencia acaba de revogar a sentenza. Nun control rutinario da garda civil, en Almassora (provincia de Castelló), Carles Mateu Blay, catalán-falante, fora retido durante 3 horas por dous axentes por se negar a falarlles en español.


De acordo coa información que publica Vilaweb, Carles Mateu Blay foi condenado a 6 meses de prisión baixo o cargo de desobediencia á autoridade, con pena aparellada de retirada do carnet de conducir por espazo dun ano e un día.

En primeira instancia, Mateu gañou o xuízo, mais o fiscal recorreu e a Audiencia Provincial acabou por o condenar. Mentres, a denuncia que o conductor apresentou contra os gardas civís por "denuncias falsas" foi arquivada. En declaracións a VilaWeb, Mateu afirmou: "É unha situación surrealista, pasei de ser a vítima a ser o delincuente".

Os dous gardas civís conminaron a Carles Mateu a falarlles en español. El negouse, alegando os seus dereitos lingüísticos. A Audiencia estima que non, que non o fixo por salvagardar os seus dereitos, senón como unha estratexia para gañar tempo antes de se submeter ao control de alcoholemia. Realmente surrealista. O control deu negativo. Mateu xulga esta interpretación da Audiencia como "sinxelamente inacreditábel".

O xuíz de primeira instancia deu a razón a Mateu despois de escoitar o testemuño dun garda civil que negou as acusacións vertidas polos seus compañeiros contra o condutor.

Os feitos

A historia decorreu un 21 de decembro do pasado ano, nun control rotineiro á saída de Almassora, provincia de Castelló, após as 17 horas. Mateu foi parado por unha patrulla da garda civil para un control de alcoholemia. El ía recoller un seu fillo á escola.

"Decateime de que lles proía que eu lles falase en valenciano e non cambiase de lingua. Mais non me imaxinaba que puidese acabar así. De feito, podo dicer que me retiraron o carnet de conducir por ter falado en valenciano. É escandaloso e intolerábel", di.

O condutor relata que desde ese momento os gardas civís se dedicaron a o vexar. Retivérono durante 3 horas. Cando chegou a casa, di, fíxoo "con tres denuncias falsas que suman mil euros e, curiosamente, doce puntos do carnet de conducir".

Mentres estivo retido, e segundo o seu testemuño, aturou millenta insultos e mesmo máis dun empurrón. Obrigárono a agardar dentro do coche até a chegada do axente responsábel dos atestados. Cando este se personou no lugar, a parella que o retivera liscou. Este terceiro garda civil é o que prestou testemuño a favor do cidadán valenciano no xuízo realizado en primeira instancia.

As denuncias interpostas polos dous gardas civís contra Mateu foron por, pretensamente, non levar o cinto de seguranza, non usar o chaleque reflectante e negarse a se submeter ao control de alcoholemia. "Caeume o mundo enriba. Era todo falso!! Díxenllo ao axente responsábel dos atestados e el contestoume que non dependía del, mas viu que eu levaba o chaleque posto e loxicamente o resultado das probas".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 22-09-2013 12:25
# Ligazón permanente a este artigo
Actividades pendentes para outubro
Recordade que para o mes de outubro aínda quedan dúas actividades do Teatro con G:

15 de outubro - Frankenstein
30 de outubro - Recitado de Poesía




Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 19-09-2013 21:55
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3] [4]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal