Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Foro Mugardos de Lingua e Sociedade



Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 29-09-2010 20:57
# Ligazón permanente a este artigo
A política lingüística da Xunta de 2003 a 2008 conseguiu frear a gran caída de galegofalantes
Un informe científico bota por terra as teses que argumentou a Xunta para impoñer o seu decreto do plurilingüismo

galicia hoxe - MARÉ . SANTIAGO


O informe do Consello subliña que nos últimos anos se logrou frear a perda de galegofalantes entre os máis novos
O informe do Consello subliña que nos últimos anos se logrou frear a perda de galegofalantes entre os máis novos

Non pode dicirse que a política lingüística desenvolvida pola Xunta entre o 2003 e o 2008 fose un éxito rotundo pero logrou frear a vertixinosa caída de galegofalantes, prestixiou o uso do idioma propio e, sobre todo, serviu para aumentar os falantes bilingües. Os datos despréndese dun informe que publica o Consello da Cultura Galega (CCG) en vésperas dos Encontros de Normalización Lingüística, que hoxe comezan na Facultade de Xornalismo, en Compostela.

O informe supón un duro revés científico ás teses que defende a Xunta de Galicia para aplicar o seu polémico decreto plurilingüístico, xa que, lonxe de proporcionar un conflito, a política lingüística do bipartito alentou os galegofalantes e ampliou o bilingüismo.

O texto é unha panorámica básica da evolución sociolingüística de Galicia a través de varios parámetros, como a lingua habitual, a lingua inicial ou materna e as competencias lingüísticas. Tamén se ofrecen datos sobre o uso do galego en ámbitos determinados: o escolar, o familiar, social e laboral, así como os medios de comunicación e internet.

Para tracexar esa panorámica, cruzáronse os datos de tres fontes primordiais de información: o Mapa Sociolingüístico de 1992 -elaborado pola Real Academia Galega (RAG)-, e as enquisas de condicións de vida das familias do 2003 e do 2008, elaboradas polo Instituto Galego de Estatística.

Segundo o informe, as persoas que falan galego actualmente son o 58,8% da poboación. Entre 1992 e 2008, os bilingües con predominio do galego e os galegofalantes monolingües descenderon en pouco menos dun 10%. Unha evolución contraria á porcentaxe de monolingües en castelán, que se estabilizaron en niveis próximos ao 19% desde 2003. Porén, en 1992, eran castelanfalantes só o 10,6%. Un dos datos significativos é que existe un maior grao de castelanización canto menor é a idade do individuo, aínda que se rexistra unha desaceleración na perda de falantes de galego.

O informe rompe tamén o dogma de que a substitución do galego polo castelán se acomete nas grandes cidades: ao parecer, nos últimos anos, a substitución concéntrase de forma case exclusiva nos concellos pequenos, mentres que nas cidadaes se detivo practicamente no último lustro.

Os datos indican tamén unha evolución decrecente do galego e do castelán como lingua materna única, gañando peso os que aprenden as dúas linguas na casa cando son nenos. O galego, con todo, segue a ser, segundo todas as fontes, a lingua materna da maioría da poboación. En 2008, máis de 600.000 galegos aprenderon as dúas linguas na casa, o dobre que en 1992.

Ao mesmo tempo, a lingua inicial por idades amosa tamén unha contención na perda de falantes iniciais de galego e mesmo unha recuperación nalgúns treitos de idade. O dato máis positivo sería o crecemento absoluto de falantes iniciais de galego no último treito de idade respecto de 1992. O resto de tendencias apuntan cara a unha certa contención, augurando unha certa estabilidade ou punto crítico, segundo a interpretación. Este fenómeno non acontecía en 1992, onde as tendencias eran claramente diverxentes xa que o galego como lingua inicial semellaba que ía desaparecer.

Dende 1992 produciuse unha caída do castelán como lingua inicial en todos os hábitats en termos moi similares ao galego. A excepción sería a pequena subida do galego entre 2003 e 2008 nas cidades. O avance da inclusión do galego nas familias concéntrase na adquisición deste a través de prácticas bilingües, comprendendo aumentos de entre o 70% (concellos pequenos) e do 120% (cidades) no período.

A escola, clave na aprendizaxe

No informe, analizáronse os ámbitos de adquisición da lingua das persoas cunha boa capacidade e comprobouse "o importante peso que ten a escola e outros ámbitos de adquisición externos á familia e a súa evolución positiva. Se poñemos en relación estes datos cos de lingua inicial e usos lingüísticos na familia, podemos concluír que a escola é un ámbito de adquisición do galego oral determinante".

Outro ámbito que gaña peso é o laboral. A porcentaxe de persoas de 30 a 49 anos que declara ter adquirido a competencia oral no traballo pasou do 6% en 2003 a case o 11% en 2008. O perfil deste colectivo, apúntase no informe, "é interesante, dado que se trata principalmente de nacidos en Galicia que traballan en actividades de servizos e na empresa privada, pero hai unha proporción maior que no total da mostra de traballadores públicos cuxos ingresos son altos. As competencias lingüísticas en galego deste grupo son moi boas e existe unha pequena tendencia a que utilicen o galego como lingua habitual".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-09-2010 10:48
# Ligazón permanente a este artigo
De 25 a 35 anos, a xeración máis castelanizada da historia
O documento aclara que a escola é “determinante” para aprender galego, especialmente nas cidades.

xornal.com - M. P.23/09/2010 - 01:42 h.



A xeración de mozos que agora teñen entre 25 e 35 anos é “a máis castelanizada” da historia de Galicia, tal e como aclara o informe do Consello da Cultura Galega (CCG) feito público onte e no que se analiza a evolución do galego. O estudo, que compara o Mapa Sociolingüístico de 1992 da Real Academia Galega e a enquisa de condicións de vida das familias de 2003 e 2008 do Instituto Galego de Estatística, deixa claro que este “maior grao de castelanización” acontece nas idades máis temperás.

O informe Datos básicos sobre a evolución do galego aclara tamén a importancia da escola para a adquisición dunha competencia oral en lingua propia. Así, conclúe “con seguridade” que os centros educativos xogan un papel “determinante” á hora de aprender a falar o idioma, xa que a súa importancia incrementou do 29,7% de 2003 ao 40% de 2008. “A capacidade para falar aumenta constantemente ata que os suxeitos teñen 15 anos, momento no que remata o ensino secundario obrigatorio”, explica.

A importancia dos colexios –nos que a presenza do galego xa minguou desde 2008 por mor do decreto– adquire “un peso específico maior” nos municipios de máis de 20.000 habitantes e nas cidades, onde 
“unha de cada catro persoas declaran aprender o idioma na escola”.

O informe tamén repara en que “máis do 60% das persoas que estudan en Galicia o fan maioritariamente en galego (46,65%) ou sempre en galego (14,3%)”, uns datos que chegan ata o penúltimo ano do goberno bipartito na Xunta. “Canto máis grande é o concello, maior é o crecemento do uso do galego na escola”, aclara.

No entanto, e tal e como manifesta o CCG, o galego segue a ter un “forte vínculo co territorio”, xa que mentres en poboacións con máis de 50.000 habitantes os galegofalantes acadan o 29%, nas localidades menores a porcentaxe sobe ao 71%.

O idioma propio, xa que logo, segue a ser “a lingua materna da maioría da poboación” no país, onde as persoas que utilizan o galego son o 58,8%. Mentres, os bilingües habituais representan, desde 1992 até a actualidade, “máis ou menos a metade”, mentres que os monolingües en galego descenden (-13,1%) e se estabiliza en castelán (+1,2%).

O CCG destaca tamén que entre 1992 e o 2008 as persoas bilingües que usan máis o galego que o castelán e as que só falan galego descenderon conxuntamente algo menos dun 10%, en favor de quen dan prioridade ao castelán sobre o galego e os que só falan castelán.

Ademais, a poboación bilingüe de Galicia que dá predominio á lingua autóctona sobre o castelán aumentou un 8,9% entre o 2003 e o 2008. Outro dato positivo para o galego é o incremento do seu uso no ámbito laboral.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-09-2010 10:47
# Ligazón permanente a este artigo
Diego Taboada: Unha “Pax lingüística”
xornal,com - 20-09-2010 12:51

Os poderes públicos deberían regular os usos lingüísticos no espazo público, mais sen enganarse por falsas simetrías que non existen. Entre castelán e galego non existe unha convivencia, nin simétrica, nin harmónica. Máis ben é unha convivencia caracterizada pola disonancia que, como ben saben os músicos, e segundo as regras da armonía, a disonancia é un intervalo desagradable ao oído.

A “pax lingüística” instaurada neste país é unha pax demasiado asimétrica, segundo as leis da simetría. Demasiado inharmónica e disonante, segundo as leis da harmonía, e demasiado ilóxica, segundo as regras da lóxica informal que, como ben saben filósofos e científicos honestos, adícase ao estudo dos procesos para obter conclusións a partir de información dada.

Imaxínense agora vostedes que o 80% –como mínimo– da información que lles chega aos cidadáns sobre cuestións legais e sociolingüísticas sexa fornecida por verdadeiros idiotas, e que eses idiotas teñan, ademais, unha relación íntima ou contractual cos propietarios de editoriais e medios de in-comunicación nacionais. As conclusións que pode sacar un, certamente, non poden ser moi atinadas. E se a iso lle engadimos o apoliticismo imperante e o populismo intelectual que permite a calquera productor de odio opinar sobre X sen rigor formal ou empírico, a cousa empeora.

Utilizo a palabra idiota, por certo, na súa semántica orixinaria, cando os gregos facían referencia ao cidadán “privado e egoísta” que non se preocupa dos asuntos públicos –se alguén se dá por aludido, perfecto: esa é a miña intención. Porque precisamente, con este espírito de caverna é como se está a debater o tema da lingua: con privacidade, sectarismo e egoísmo. E así nos vai, claro, tendo en conta que o affaire lingüístico permanente no que vivimos tense que encarar precisamente co espírito contrario: con espírito aberto, comunitario e altruísta, evitando racismos recíprocos.

Guste ou non guste, neste país, coma no resto do mundo, as nosas familias son lingüística e culturalmente mixtas. Guste ou non guste, as fronteiras que existen na convivencia lingüística e intercultural planetaria, non son fronteiras físicas, senón fronteiras mentais impostas polo speech do poder. E, guste ou non guste, levamos xa moito tempo facendo o ridículo con este tema, deixando de lado debates e loitas clave coma o desmantelamento progresivo do noso frouxo sistema de benestar e a persistencia dun modelo socio-económico ecolóxicamente inviable.

Dicía Henry Miller que a jodienda é o lirismo do pobo, que foder é aspirar a entrar no outro, mais que o artista non sae xamais de si mesmo. Pode ser; neste país xa hai moita jodienda co tema da lingua: políticos, xornalistas, intelectuais e mesmo artistas están constantemente intentando interiorizar en nós mesmos a súa retórica amable, apelando a determinado xeito de ser, estar ou falar sobre o conflicto linguístico. Hai moito de relación chauvinista, paternal e posesiva na interiorización desta retórica que, facendo uso do chamado poder brando intenta convencer unha minoría de que as formas están por riba das verdades: No way, my darling.

As formas non serven de nada coa mentira como aliada. Porque a verdade –concreta– é, sinxelamente que o decreto do plurilingüismo fai fraco favor ao plurilingüismo, relegando a lingua galega a unha posición de marxinalidade e guetto. Verdade –concreta–é, tamén, que a legalidade de tal decreto é ilegal e inxusta. Verdade –concreta– é, si, que este decreto é un acto de incívica imposición. E verdade –concreta– é, por suposto, que o uso da desobediencia civil por parte dos profesores que fan obxección de conciencia a este decreto, é moralmente lexítimo. Punto, e seguido...
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 20-09-2010 21:51
# Ligazón permanente a este artigo
Teatro con G, actividades deste trimestre.
En Teatro con G, aínda quedan actividades por realizar para este trimestre.
Os centros que queirades participar tedes que chamar ao teléfono:
981 94 42 20



Velaí, de novo o cartaz, para que vos sirva de recordatorio


Teatro g 2010
View more documents from cenlf.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 18-09-2010 09:21
# Ligazón permanente a este artigo
CONVOCATORIA DE ASEMBLEA XERAL
DÍA: XOVES, 30 DE setembro DE 2010

HORA: 18,30 HH.

LUGAR : IES CONCEPCIÓN ARENAL


Orde do día


1/ Aprobación das contas do ano 2009

2/ Orzamentos do 2010.

3/ Cinema en Galego .

4/Centenario Carvalho Calero

5/ Rolda de intervencións

Ferrol a 16 de setembro de 2010
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 16-09-2010 10:17
# Ligazón permanente a este artigo
As ‘listas negras’ de Galicia Bilingüe
Solicita á Xunta que abra dilixencias informativas contra estes colectivos a prol da lingua nos centros.

M. P. - O XORNAL - 15/09/2010 - 14:02 h.


Galicia Bilingüe regresa. A asociación contraria á normalización da lingua galega remitiu un informe á Xunta no que se denuncia a “politización” dos equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL) dos centros educativos, aos que acusa de mostrar “sen ningún reparo” os seus “obxectivos ideolóxicos” nos blogs e webs.

Segundo explicou onte a responsable deste colectivo, Gloria Lago, no informe recóllense numerosos exemplos desa teórica politización. Así, apuntou que nesas webs se publican manifestos, información de actos e campañas de diferentes asociacións vinculadas a determinados partidos políticos.

Do mesmo xeito, Galicia Bilingüe denunciou que en moitas desas páxinas se “difama e insulta” a quen defenden a “liberdade de elección de lingua”, e mesmo se pide a dimisión de distintos cargos públicos. “Todo iso faise contando coa participación directa de alumnos, e entre proclamas e imaxes de carácter nacionalista”, asegura a asociación contraria á normalización.

Fronte a estas actuacións, mostraron a súa sorpresa, xa que, segundo eles, a Consellería de Educación “respondeu premiando algúns blogs ou webs que máis destacan polo seu carácter político”. Gloria Lago non dubidou incluso en dar nomes e apelidos de membros da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística (Cendl) que, ao seu parecer, traballan en centros onde se realizan algunhas desas páxinas de internet.

Ademais, no comunicado, escrito só en castelán, o polémico colectivo fala de “ideoloxización nacionalista” e “adoutrinamento no ensino”. “En ningunha outra democracia con máis dunha lingua oficial se 
adoutrina os rapaces deste xeito nos colexios”, asegura.

Por outra banda, Galica Bilingüe adivirte de que a Cendl ten carácter privado. A organización que preside Gloria Lago lamentou que a Xunta non cumpra o seu papel de coordinar os equipos de normalización e dinamización lingüística. Así, pedironlle á Inspección Educativa que pescude que equipos actúan baixo o amparo da Cendl, e que abran dilixencias informativas para saber se houbo equipos de centros públicos que transferisen diñeiro ou material a esa plataforma.

Do mesmo xeito, pide que se investigue se funcionarios públicos responsables dos equipos puideron incorrer en falta disciplinaria por participar nas webs ou permitir o seu contido. En ton ameazante, Galicia Bilingüe advirte de que se a Xunta “non resolve o tema no prazo establecido ou de forma insatisfactoria”, poderían ir aos tribunais.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-09-2010 10:13
# Ligazón permanente a este artigo
O 40% dos pais de infantil das cidades piden galego
STEG cre que se trata dun aviso á Xunta.

XORNAL.COM - 15/09/2010 - 18:39 h.

O 40 por cento dos pais con fillos escolarizados en centros de infantil e primaria das sete grandes cidades de Galicia avogan por que sexan educados en galego, segundo os datos dun estudo realizado por STEG.

Do estudo nace das consulta aos centros naquelas contornas que "sofren maior perda de falantes" de galego, co fin de saber os resultados da pregunta sobre a lingua materna ás familias.

Por provincias, na Coruña e Ourense o 41 por cento dos proxenitores avogan polo galego, o 42 por cento en Lugo e un 25 por cento no caso de Pontevedra. En contraposición, o sindicato lamenta que "case o 90 por cento" das materias impartiranse "en castelán".

"O resultado, aínda que non pode ser considerado como o mellor posible, é unha advertencia para esta Consellería e a actual política educativa da Xunta", sinalan, tras criticar "a mal formulación da pregunta" xunto con "a prohibición das aulas de inmersión lingüística".

Así, STEG considera que a lingua das materias establézase a partir do plan lingüístico "atendendo a criterios científicos" e non a unha pregunta "que só pretende aproveitar os prexuízos lingüísticos históricos" que prevalecen en parte da sociedade.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-09-2010 10:12
# Ligazón permanente a este artigo
Mestres desorientados
A aplicación do Decreto do Plurilingüismo está a levar o malestar aos centros de ensino ·· A tres días de que comecen as clases en Secundaria, moitos non aprobaron o proxecto lingüístico

VANESA OLIVEIRA - galicia hoxe. SANTIAGO


A aplicación do Decreto do Plurilingüismo nos centros de ensino está a levar o malestar e a desorientación aos claustros dos profesores. A só tres días para que comecen as clases en Secundaria o vindeiro venres, moitos institutos aínda non teñen aprobado o seu proxecto lingüístico debido ás dificultades para repartir galego e castelán de xeito equitativo entre as materias optativas e debido, tamén, á falta dunha solución por parte de Educación.

Un deles é o IES Terra de Melide. O seu consello escolar rexeitou, a final de curso, o proxecto lingüístico presentado pola dirección do centro. Malia que a Consellería de Educación foi informada desta situación, a directora do instituto, Margarita Quintela, asegura que "está á espera" de que a Consellería lle comunique algo antes do venres. Unha tarefa complicada xa que o decreto non indica a quen lle corresponde decidir como actuar ante a negativa do consello escolar á proposta lingüística do centro.

Para Xosé Cabido, portavoz do Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galicia (STEG), "hai moita desinformación nos centros que non saben que pasa cando non hai acordo entre os profesores. O único ao que os poden obrigar (dende Educación) é a repartiren os horarios que lles corresponden ás materias en galego e en castelán e despois, que cada quen busque a vida como poida".

Na mesma situación se atopa o claustro do IES As Bizocas do Grove, que en xuño se declarou incompetente para realizar a repartición de materias entre galego e castelán e trasladoulle a Educación a súa resolución para que a Consellería asignase os idiomas. "Por agora, o proxecto lingüístico está sen aprobar. Temos un claustro o venres e a ver que pasa entón", apuntan dende o centro. Neste caso, un inspector de Educación mesmo os chegou a ameazar con anos de suspensión da función pública se non chegaban a un acordo. "Agora xa non está este inspector, pero a pelota volve estar no noso tellado. Parece que o que se nos quere transmitir é que cada un faga o que queira", consideran fontes do instituto que prefiren ocultar a súa identidade.

A mesma situación de malestar e parálise existe no IES Aquis Celenis de Caldas de Reis que decidiu adiar até este mes, tras o último prazo de matrícula, a aprobación do proxecto lingüístico.

"É imposible, sobre o papel, chegar á repartición do 50%"

A coordinadora do equipo de normalización do centro, Ana Rial, dubida que poidan ter a súa proposta de repartición de galego e castelán antes de que arrinque este "complicado" curso escolar. "Non imos ter os horarios até o xoves, así que vai ser moi difícil", comenta. Ademais, os profesores decidiron que van pasarlles un escrito ós diferentes departamentos do centro para que decidan en que lingua prefiren impartir as súas materias. "A nosa intención é cumprir o decreto, pero non imos ser capaces porque é imposible, xa só sobre o papel, chegar á repartición do 50%. Ademais será un proxecto lingüístico só para este ano, non para catro anos como se indica no decreto, porque varía o profesorado e o número de estudantes", indica.

De feito, para este curso, a comisión de escolarización decidiu o pasado día 9 que o IES Aquis Celenis de Caldas de Reis ía ter dúas aulas de Primeiro da ESO, en lugar de só unha, ante a elevada demanda de alumnos. "Un curso máis implica máis profesorado e variar a repartición das linguas nas materias así que todo se tivo que atrasar", explica Ana Rial.

Ademais, este instituto fíxolle chegar á Consellería de Educación unha batería de preguntas con dúbidas sobre o decreto e a súa aplicación que non foron contestadas. En definitiva, ao seu ver, esta situación está a crear "malestar nos centros e situacións moi desagradables entre os profesores que nos temos que ver cada día. Para nós é un tempo perdido porque estamos deixando de atender outras cuestións importantes e facemos esforzos inútiles que, por riba, están a crear mal ambiente".

Pola súa parte, o director do IES Terra do Xallas de Santa Comba, Paulo Rendo, comenta que acaban de aprobar o proxecto lingüístico do centro pero despois de crear "malestar no profesorado". Ante a falta de tempo para decidir en que lingua tiñan que mercar os libros de texto os pais, decidiron que a maioría das materias se van impartir sen libros de texto. Na súa opinión, "é imposible establecer un equilibrio formal na repartición. Pretendelo é descoñecer como se organizan os centros, nos que varía moito a combinación de materias optativas en Secundaria e os itinerarios de Bacharelato. Non era o momento dun decreto así", considera.

DENDE O IES A BASELLA (VILANOVA DE AROUSA)

Emilio Ínsua: "Non imos achandar nin con sancións"

O IES A Basella de Vilanova de Arousa aprobou en xuño o proxecto lingüístico, co seu consecuente repartición de materias en galego e castelán ao 50%. Pero, previamente a que debatera o claustro de profesores, un grupo de 23 mestres (dos 50 que dan clases neste centro) elaborou un documento no que dicían que ían continuar dando as súas clases en galego. Segundo explica un dos profesores do instituto de ensino secundario, Emilio Ínsua, o texto inclúe "consideracións sobre a lexislación que o decreto non respecta, os anos que levamos elaborando libros de texto en galego, material proscrito en determinadas materias durante moito tempo". Este documento presentárono ao claustro do centro, que, malia todo, repartiu as linguas ao 50% acatando o decreto. "Foi surrealista porque para facelo non se empregaron criterios pedagóxicos senón un puro repartimento matemático", apunta Ínsua.

A dirección do centro comunicoulles aos profesores que decidiron seguir dando as súas clases na súa lingua que "non ía facer de vixilante e escoitar detrás das portas a ver quen daba as clases nun ou noutro idioma, igual que non o fixo cando se aplicou o anterior decreto". Este grupo de profesores non recibiu ningunha orde de Educación. "As declaracións dos últimos días lévannos a estar máis convencidos de que cumprimos o espírito das leis que protexen as linguas", apunta Ínsua. Con todo, están á expectativa do que poida suceder. "Estamos dispostos ó custo laboral ou á sanción administrativa que poidamos ter. Creo que a Xunta tivo oportunidades de repensar o asunto e debería volver facelo. Pensan, por soberbia ou prepotencia que imos achandar e non é así", asegura.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 15-09-2010 17:19
# Ligazón permanente a este artigo
"A paz dos cemiterios?"
O Tribunal Superior de Xustiza terá que dirimir esta semana se suspende o Decreto por considerar probado que a norma supón un "dano irreparable" para a educación dos nenos galegos

VANESA OLIVEIRA - GALICIA HOXE . SANTIAGO


O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) terá que dirimir esta semana se toma medidas cautelares contra o Decreto do Plurilingüismo. A Mesa pola Normalización Lingüística -ademais de presentar un recurso para frear o texto- solicitoulles á sala do contencioso-administrativo que declare a suspensión da polémica norma. Para iso, o tribunal terá que considerar xustificado que "a norma supón un dano irreparable" para a educación dos nenos galegos, un extremo que a asociación argumentou cos informes das tres Universidades galegas.

O presidente da Mesa, Carlos Callón cre que "é difícil que un tribunal conceda" este tipo de medidas cautelares pero "a gravidade da situación" levou á asociación a pedir que se adopten medidas urxentes debido á entrada en vigor do Decreto neste curso académico 2010-2011 -que en Secundaria arrinca este venres- e que a sentenza do Tribunal podería demorarse até dous anos. "Os tres informes das Universidades galegas consideran que o dano é irreparable para os estudantes xa que de que lles servirá aos nenos que o texto se paralice dentro de dous ou tres anos se agora non reciben a formación que lles corresponde en galego?", explica Carlos Callón.

Nin Presidencia nin Educación saben do "pacto pola lingua"

Nin Presidencia nin Educación teñen constancia, segundo confirmaron fontes de ambos gabinetes a este xornal, de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo vaia levar en breve ao Parlamento galego o seu "pacto pola lingua" que anunciara o pasado 17 de maio ante a Real Academia Galega. Un pacto que, con todo, non suporía modificacións no Decreto do Plurilingüismo, e que, en todo caso, o xefe do Executivo galego lles presentará ao PSdeG e BNG logo de constatar como se está a recibir o seu polémico Decreto nas aulas.

O presidente da Mesa cualificou a proposta de pacto pola paz lingüística de "propagandística". "Cal paz lingüística? A paz dos cemiterios? A paz do galego como idioma morto? Se quere consenso para matar o noso idioma, non o vai ter".

Para Callón, "o consenso xa existiu, está plasmado en documentos como o Plan xeral de normalización da lingua galega, e foi Núñez Feijóo quen o rompeu unilateralmente e quen segue a crispar coas súas políticas contra o noso idioma, da cal é a máis significativa o mal chamado decreto do plurilingüismo".

DATOS

"A desobediencia está en Feijóo"

Callón destacou que "a desobediencia ás leis non está nos profesores e nas profesoras que continúen a impartir as aulas en galego, senón na actitude prepotente de Núñez Feijóo, quen promulga un decreto a sabendas de que conculca leis superiores e de que conta cun rexeitamento unánime nas comunidades educativas". "Non aplicar o decretazo é cumprir a Lei", sintetizou. Referíase así á decisión do grupo Profes co Galego de seguir a dar as súas clases en galego.
AS ANÁLISES

"Non garante a aplicación da LOE"

Nun comunicado ante o comezo do curso 2010-1011, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), incide en que coa aplicación do decreto, na maioría dos colexios "non se vai acadar o 50% de materias impartidas en galego e vai haber alumnado que nin sequera recibirá o terzo que lle tocaría nos centros plurilingües". Os profesores que forman parte da Coordinadora consideran que mesmo "non se garante a competencia lingüística en galego do alumnado tal e como determina a Lei Orgánica de Educación."

6,6 millóns contra o idioma

Callón considera "vergoñento" o gasto realizado por Feijóo en medidas contra o galego, que "segundo cifras oficiais" ascenden a 6,6 millóns de euros. Entra no cómputo os 40.000 euros do cambio das Galescolas, os 160.995 da consulta ás familias en 2009, os 1,2 millóns de euros que vai custar a campaña do Decreto e os 5,2 millóns que custa a destrución dos libros de texto de primaria e secundaria que desbotan por estar en galego.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-09-2010 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal