Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Ruada en Ferrol - Queremos Galego

Acompañados de música, cantaremos polas rúas a letra desta peza para reindinvicarmos o dereito a vivirmos en galego.

Falemos en galego,
a nosa lingua natural.
Falando en galego
podemos ser normais

Os pobos do mundo
son diversos no falar
Non deben renunciar
á súa lingua orixinal.

Falarmos en galego
significa progresar,
vivirmos nun mundo
acordado entre iguais.

Vivirmos en galego
é un dereito elemental.
Defendámolo sempre:
Queremos ser normais.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 30-09-2009 22:10
# Ligazón permanente a este artigo
Nova entrada nos nosos recomendados
Saúdos!

Grazas pola información que ides mandando periodicamente, deste xeito estamos máis informados e en contacto permanente. Tamén gustaríame informarvos de que dende o curso pasado o equipo de normalización conta cun blog; a dirección é:

nlfernanesquio.blogspot.com

Se o considerades oportuno, podedes incluílo no apartado de "seleccionados" no voso blog;

Grazas

Consuelo
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 30-09-2009 22:06
# Ligazón permanente a este artigo
A película do rato Pérez abriu onte unha nova edición do ciclo “En galego, de película”
Ferrol Martes 29 de Septiembre de 2009

REDACCIÓN Diario de Ferrol> FERROL

Os cines Dúplex acolleron onte a primeira xornada do ciclo de cine “En galego, de película”, promovido desde o departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol coa colaboración da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra. Os primeiros en participar na actividade foron alumnos de Educación Infantil e 1° e 2° ciclo de Primaria de varios centros educativos da cidade, que acudiron ao cine para ver a película “Pérez, o ratiño dos teus soños II”. Dunha duración aproximada de 90 minutos, houbo dous pases do filme, o primeiro ás 9.45 horas e o segundo ás doce.

Esta película proxectarase de novo na xornada de hoxe, tamén en doble sesión e para os mesmos niveis educativos, para xa mañá mércores e o xoves abrir paso ao filme “Un amor por descubrir”. Neste caso, serán os alumnos de 3° ciclo de Primaria e 1° ciclo da ESO. Estes mesmos días máis o venres, os estudantes de 2° ciclo da ESO, Bacharelato e ciclos formativos asistirán ao cine para ver “Pradolongo”, poñendo así fin a unha actividade que pretende contribuír á normalización da lingua galega. Segundo explicou a pasada semana o edil desta área no Concello de Ferrol, Manuel Santiago, na actividade participarán uns 2.200 alumnos de centros educativos de Ferrol e comarca, subliñando que a través desta proposta, ademáis de se divertir, os rapaces poden achegarse a unha das formas de expresión cultural dun pobo.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 29-09-2009 19:26
# Ligazón permanente a este artigo
Javier Losada desafía o seu partido e reclama como oficial o topónimo en castelán da Coruña
GALICIA HOXE

O PSdeG bascula cara á tese do PP

Feijóo levará ó Parlamento galego a cooficialidade de 'La Coruña' se o Concello o pide "oficialmente"
O PSdeG acepta a dobre toponimia da Coruña "se ten consenso" e critica o PP por "abrir un debate de hai 20 anos"

O alcalde da Coruña, Javier Losada, colleu onte por sorpresa o seu propio partido, o PSdeG, ao anunciar que a batalla pola recuperación do nome en castelán da cidade será unha prioridade do seu labor como alcalde. Losada, que goberna en coalición co Bloque Nacionalista Galego (BNG, rompe así as súas máis recentes declaracións sobre a toponimia e a política desenvolvida polos socialistas nos últimos anos, despois de que o ex alcalde coruñés Francisco Vázquez -máximo alentador da polémica toponímica- fose nomeado embaixador de España ante o Vaticano.

Losada, nunha entrevista publicada onte por El País, dálle a razón ao Partido Popular (PP) -que está na oposición no concello- e se enfronta aos seus socios de goberno, nun novo escenario que facilita a liña do presidente galego, Núñez Feijóo, que delegou nunha decisión do concello a posibilidade de modificar a Lei de normalización lingüística para facer compatible a denominación da cidade en castelán coa oficial en galego.

Losada, con todo, ataca o PP por tomarlles "o pelo ós coruñeses. Foron eles os que sacaron a L, os que me perseguiron e me levaron ó xulgado por ese tema. E foron eles os que conseguiron que non puidésemos ter o que eu desexo, e o que desexan os socialistas coruñeses do que son o máximo responsable, que é a oficialidade das dúas formas de chamar a cidade, legalizar o topónimo castelán da nosa cidade", declara a El País.

Losada chega a dicir que "xa hai un acordo plenario do Concello. Teno a Consellería da Presidencia desde 2004. O señor Feijóo só ten que pedirllo e levar unha lei ó Parlamento. Ten maioría absoluta para sacala adiante. Espero que a voten todos".

Porén, o Grupo Socialista no Parlamento galego votará en contra da iniciativa, algo que non lle preocupa ao alcalde: "Non sei [o que farán]. Eu dígolle o que van facer os socialistas coruñeses, e é, se nos dan a oportunidade legal, utilizar os dous nomes da cidade como sempre o expuxemos".

Á pregunta de se a batalla do topónimo vai ser un dos retos da lexislatura, Javier Losada contesta: "Mire vostede, se os señores Negreira e Feijóo son coherentes, non deben tardar nin un minuto en levalo ó Parlamento. O Concello xa dixo como quere que se lle chame á cidade, e o alcalde tamén. Polo tanto, o señor Feijóo ten nas súas mans todas as oportunidades para oficializar os dous topónimos. O PP é o culpable de que A Coruña non se chame La Coruña. Se agora ten cargo de conciencia, pois acto de contrición e penitencia. Eu teño as cousas moi claras e unha traxectoria fóra de toda dúbida neste asunto".
O DATO

Nova fenda nos socialistas

Javier Losada volve sementar de discordia un dos temas que máis mancou ao PSdeG nas últimas décadas: a defensa da lingua galega. Aliñado coas teses do PP, e coas que defendeu cando era o "segundo" de Francisco Vázquez, Losada dispara agora contra a Lei de normalización e faino cando goberna co BNG
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 28-09-2009 23:13
# Ligazón permanente a este artigo
Pachi Vázquez ve "normal" que A Coruña teña topónimo "bilingüe"
RESUCITA O DEBATE

O secretario xeral dos socialistas cre que a corporación herculina debe decidir se se oficializa o nome deturpado da cidade.

Redacción Vieiros - 18:40 28/09/2009



Os concelleiros do PP coruñés xa amosaran nun pleno o seu apoio ao topónimo castelanizado

O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, non vería mal que A Coruña tivese como topónimo oficial tamén a versión deturpada en castelán se hai "consenso" no pleno municipal. Malia isto, criticou o PP por "reabrir un debate de hai 20 anos".

Lembrou que a vixente Lei de Toponimia foi aprobada por un goberno do PPdeG e que "o topónimo actual" o puxeron os populares. Vázquez pronunciouse sobre o tema a raíz dunhas declaracións do alcalde da Coruña, Xavier Losada, que se amosou partidario de "legalizar" o topónimo castelán. En declaracións ao xornal El País, o rexedor lembrou que quen puxera o asunto sobre a mesa fora o voceiro do PPdeG no concello coruñés, Carlos Negreira, "con evidente desautorización" por parte do seu partido.

Manuel Vázquez asegurou que calquera cambio sobre o topónimo "debería ser froito dun consenso cidadán e non dun debate artificial" pero que o PSdeG non tería "ningún problema" en aceptar o nome castelanizado, porque Galiza "ten dúas linguas oficiais" e "ter os topónimos nas dúas sería unha cousa absolutamente normal". En calquera caso, asegurou que o principal problema da Coruña non é "chamarse dun xeito ou doutro".

Despois de afirmar que "entende" tanto a postura do BNG como do PPdeG, Vázquez concluíu que "nós cremos que temos dous topónimos" e apostou por "buscar o consenso nun país bilingüe", aínda que a última palabra teraa a cidadanía da Coruña, a través dos seus representantes políticos. Sobre como se oficializará a versión en castelán, o secretario xeral do PSdeG pasoulle a bóla ao PPdeG, que foi o que "oficializou o topónimo A Coruña".

Reacción do BNG
O voceiro do Grupo Parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, contrapuxo a actitude do PSdeG, que por unha banda apoiará a manifestación do 18 de outubro a favor da lingua galega co feito de que o alcalde da Coruña apoie a forma con 'L'.

Aymerich advertiu de que "o señor Losada sabe que iso suporía romper o consenso" en materia lingüística e preguntouse se haberá un pacto entre socialistas e populares sobre o topónimo, como o houbo "co Consello de Contas ou como se está a ver coa Lei do Solo". O voceiro nacionalista lembrou que o acordo entre o PSdeG e o BNG no Concello da Coruña estabelece un "compromiso coa legalidade lingüística".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 28-09-2009 23:04
# Ligazón permanente a este artigo
Manifestación en Compostela (18-X-2009)

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 27-09-2009 19:27
# Ligazón permanente a este artigo
Cea - Hoamenaxe

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 26-09-2009 11:01
# Ligazón permanente a este artigo
Axudas a proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino
Carta enviada aos centros polo Secretario Xeral de Política Lingüística.


Señor/a director/a:

Ante o elevado número de consultas formuladas polos centros educativos sobre a
data na que se convocarán as axudas a proxectos de fomento do uso do galego
nos centros de ensino público e privado, comunícolle que a convocatoria do curso
académico 2009-2010 non se poderá realizar de maneira inmediata. Está previsto
que a súa publicación se efectúe a comezos do vindeiro ano.

Para a súa inclusión na programación xeral anual, os coordinadores e
coordinadoras dos equipos de normalización e dinamización lingüística poderán
elaborar o proxecto de dinamización lingüística en termos semellantes aos
recollidos nas últimas convocatorias, xa que, a do presente curso académico
manterá, en liñas xerais, os mesmos criterios de elaboración e avaliación dos
proxectos.

Agradézolle que difunda o contido desta circular entre os membros da comunidade
educativa e, moi especialmente, entre os membros do equipo de normalización e
dinamización lingüística, principais promotores e redactores dos proxectos de
fomento do uso do galego que anualmente veñen concorrendo a estas axudas
públicas para contribuír ao seu financiamento.
Reciba un cordial saúdo.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2009

Anxo M. Lorenzo Suárez
Secretario xeral de Política Lingüística
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 25-09-2009 13:29
# Ligazón permanente a este artigo
Ramón Villares subscribe as críticas á Xunta do presidente da Real Academia
Todo o que di o presidente da Real Academia Galega representa o sentir xeral dos académicos, afirmou.

BNG: "O PP intoxica para autoacomplexar os galegos"

Redacción Vieiros - 17:00 16/09/2009

O presidente do Consello da Cultura Galega(CCG), Ramón Villares, subscribe as críticasque hai uns días lanzou Xosé Ramón Barreiro á política lingüística que desenvolve o Goberno. Villares sinalou que, como membro da Real Academia Galega (RAG), “todo o que di o presidente representa o sentir xeral dos académicos” e salientou que “a controversia política non é positiva para a lingua”.

Villares situou a súa opinión á marxe do seu cargo como presidente do CCG, ao indicar que o Consello é unha institución con “composición, competencias e dinámica diferentes” ás da RAG. Lembrou que un dos mandatos fundacionais do CCG “é preservar os valores culturais do pobo galego”, polo que apostou por “analizar con firmeza a situación das linguas e nomeadamente do galego".

As declaracións fíxoas este mércores na presentación dun seminario e unhas xornadas sobre a lingua. Ramón Villares non descartou a posibilidade de que o Consello da Cultura faga unha declaración en defensa do galego, pero aclarou que non a faría o presidente, senón o plenario. Villares fixo un chamamento a axentes políticos e institucións a retirar a lingua do debate “curtopracista” da política. “Nin eu, nin os aquí presentes, serán capaces de retiralo. Terán que ser os actores políticos e os partidos”.

Seminario e xornadas

O Consello da Cultura Galega organizará entre decembro deste ano e xuño do vindeiro un seminario sobre “Lingua, sociedade e política en Galiza”. O seminario desenvolverase en catro sesións que versarán sobre a situación sociolingüística actual; os modelos posíbeis de oficialidade e de regulación lingüística no sistema educativo; a situación nos medios de comunicación e no ámbito socioeconómico e os modelos de convivencia para o futuro.

O 22 e 23 de febreiro celebraranse unhas Xornadas de Análise sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias. Relatores como Eduardo Ruiz Vieytez, Gwyn Parry, Robert Dunbar, Anna Pla, Elizabeth Craig, Iñaki Lasagabaster e Antoni Milian analizarán o papel da Carta Europea en sectores como o ensino, a xustiza, a comunicación, a cultura, as actividades socioeconómicas e os intercambios transfronteirizos.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 16-09-2009 22:59
# Ligazón permanente a este artigo
A CIUG pasa do galego
Este é un correo electrónico da Comisión InterUniversitaria de Galicia enviado aos centros para a súa remisión a todos os seminarios.
Como vedes ... resolveron dun prumazo o problema do bilingüismo.

En vista de las sucesivas consultas de los centros con respecto a que no encontraban el nuevo link con la documentación de las materias del nuevo bachillerato Loe, hemos incluído en la página de "Area de centros" pinchando Grupos de Traballo en la columna de la izquierda del todo un nuevo link en negrita "Bachillerato LOE".

Por favor en el caso de que no lo encuentren pónganse en contacto con la CiUG 981-528080 (María).


Atentamente


Comentarios (2) - Categoría: Campañas - Publicado o 15-09-2009 18:37
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal