Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Os vellos dobarristas nunca morren


Picando sobre a opción menú, na esquina inferior dereita da ventá do vídeo, poderás escoller outros vídeos de Andrés Dobarro.
Comentarios (0) - Categoría: Música galega e vídeos - Publicado o 29-09-2007 20:54
# Ligazón permanente a este artigo
Día Europeo das Linguas
Vieros - 26/09/2007

Un día para reclamar a oficialidade plena das linguas


Este día foi ideado polo Consello de Europa para celebrar a diversidade lingüística europea e o plurilingüismo. Mais hoxe en día, segundo denuncia o BNG, a lingua galega aínda non é lingua oficial no Parlamento Europeo.

"As competencias lingüísticas axudan as persoas a comprender e respectar os outros", afirmou Terry Davis, secretario xeral do Consello de Europa ao asignar ao 26 de setembro o nome oficial de Día Europeo das Linguas.

Aínda que Europa é un dos continentes con menor diversidade lingüística do mundo, hai máis de 40 millóns de europeos que falan cada día unha lingua non oficial do Estado en que viven. É en teoría a UE, como institución supranacional, a máis políglota do planeta.

O galego, unha "variante de tamaño medio" en Europa
O galego forma parte da diversidade lingüística española e europea; é a lingua propia de Galiza e é cooficial xunto co castelán. O seu número de falantes habituais, 2,7 millóns, convértena nunha variedade de tamaño medio no ámbito europeo, segundo datos achegados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Aínda coa pouca diversidade lingüística de Europa, comparada con outros continentes, que se falen unha chea de linguas no mesmo lugar é unha realidade que contemplamos a cotío, en todos os estados de UE. En Europa só se falan o 3% das linguas do mundo, mais a Unión Europea ten 23 linguas oficiais, o que a converte na institución que máis linguas fala no mundo. Mais, segundo admiten dende Política Lingüística, hai un certo grao de xerarquización nos diferentes organismos administrativos comunitarios, de tal xeito que non se falan as 23 linguas en todos eles.

Denuncian que non está garantido o emprego do galego na UE
Dende Política Lingüística consideran que a nosa lingua se atopa entre as linguas europeas rexionais e minoritarias cunha maior vitalidade social e institucional, mais segundo din dende o BNG, coincidindo coa data de hoxe, no Parlamento Europeo aínda non se cumpre a posibilidade de empregar o galego.

O BNG salienta que na Mesa do Parlamento Europeo impídeselles aos eurodeputados e eurodeputadas o emprego do galego, do catalán e do éuscaro, amparándose na cooficialidade destas linguas coa do castelán, lingua do estado español. Por isto reclaman a oficialidade plena, lembrando que se está a incumprir a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias do Consello de Europa.

Para celebrar o Día Europeo das Linguas, poñemos aquí un vídeo sobre a nosa propia, titulado Mirando da lingua, gañador ex aequo dun certame entre centros de ensino secundario:
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-09-2007 10:42
# Ligazón permanente a este artigo
Nomeada nova directiva da asociación
Na reunión celebrada o mércores, 26 de setembro, forono nomeados os novos cargos directivos, quedando repartidos do seguinte xeito:

PRESIDENTA: CARMELA LOUREIRO MONTERO ...... IES FERNANDO ESQUÍO - NEDA

VICEPRESIDENTE: MIGUEL ANXO ROMERO ...... IES DE BARALLOBRE - FENE

SECRETARIA: Mª ISABEL FACHEL FREIRE ...... IES MARQUÉS DE SUANZES - FERROL

TESOUREIRA: LUISA PITA RUBIDO ...... IES DE CANIDO - FERROL
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 27-09-2007 10:35
# Ligazón permanente a este artigo
Mil alumnos de galego en Bierzo e Sanabria
GZnación / Redacción / 24 Set 07


Neste comezo de curso, hai preto de 1.000 alumnos que cursarán estudos de lingua galega no Bierzo e en Sanabria. Este último territorio limítrofe incorporouse por primeira vez este ano ao programa para o ensino da lingua e cultura galegas, que se imparte no centro de ensino público Tuela-Bibey de Lubián.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, a directora xeral de Innovación e Ordenación Educativa, Marisé Pérez Mariño, e o director xeral de Planificación e Ordenación Educativa, da Consejería de Educación de Castela e León, Emilio Gutiérrez Fernández, reuníronse en San Caetano para analizar o cumprimento do Protocolo xeral de colaboración dos gobernos galego e de Castela e León, para a promoción da lingua galega nos territorios limítrofes.

Ao abeiro do protocolo de colaboración entre as dúas administracións, por primeira vez neste curso académico é novidade tamén a incorporación de estudos de lingua galega ao bacharelato, onde se poderá cursar como materia optativa, especificamente deseñada para esta etapa. A Secretaría Xeral de Política Lingüística recoñeceralles a competencia lingüística, correspondente ao nivel Celga 3, aos alumnos que superen esta nova materia de bacharelato. Ademais, os gobernos galegos e castelán-leonés van impulsar a estadía en Galicia dos alumnos que teñen a lingua e a cultura galegas nos seus plans de estudo para consolidar a súa aprendizaxe.

O Programa para a promoción do idioma galego en Castela e León desenvólvese nestes momentos en 13 centros de educación infantil e primaria, no que están inscritos 803 rapaces. No que se refire á educación secundaria, hai 91 alumnos que forman parte deste programa de ensino. A oferta na comunidade de Castela e León complétase con formación para adultos, a través da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, na que 96 persoas seguen os estudos de galego.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 25-09-2007 11:22
# Ligazón permanente a este artigo
Mesa e a CIG-ensino fan público un manifesto conxunto en apoio ao decreto de normalización lingüística no ensino
[GZnación / Redacción / 24 Set 07]


A Mesa pola Normalización Lingüística, en colaboración co sindicato CIG-Ensino, elaboraron un manifesto de apoio ao novo decreto de normalización lingüística, co que animan á comunidade escolar en xeral e ao profesorado en particular a facer cumprir a normativa durante o presente curso.

Trátase dun documento elaborado co respaldo de colectivos como a Confederación de Asociacións de Pais de Alumnos Públicas, os sindicatos que representan ao 90% do profesorado, precisan desde A Mesa, a Federación de Centros Católicos de Galicia e organizacións estudantís.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, pronunciou unha conferencia sobre este decreto, na xornada inaugural da XIX Semana do Ensino que se celebra en Pontevedra, organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Callón destacou que se trata dunha normativa que beneficia a todo o mundo e non prexudica a ninguén polo feito de que os mozos terminen a súa educación con iguais competencias comunicativas en galego e castelán.

Callón recordou que o decreto é froito de importantes consensos tanto no Congreso como o Parlamento galego; tamén apelou ao último Censo de Poboación e Vivenda segundo o cal, engadiu Carlos Callón, un 20% dos mozos que están terminando a ESO son analfabetos funcionais en galego. Neste sentido, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística argumentou que cando se están incumprindo principios básicos da escolarización fan falta medidas correctoras como este decreto.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 24-09-2007 21:52
# Ligazón permanente a este artigo
CONVOCATORIA DE REUNIÓN 1-2007/08
DÍA: MÉRCORES, 26 DE SETEMBRO DE 2007
HORA: 19,00 HH.
LUGAR: IES CONCEPCIÓN ARENAL

Orde do día:
1- Aprobación, se proceder, da acta da sesión anterior.
2- Elección da nova xunta directiva:
Presidente/a
Vicepresidente/a
Secretario/a
Tesoureiro
3- Planificación das actividades a realizar durante o presente curso académico 2007-2008.
4- Rolda de intervencións.

Ferrol a 19 de setembro de 2007.


A Secretaria (en funcións):
CARME RODRÍGUEZ TIZÓN

Comentarios (0) - Categoría: Convocatorias - Publicado o 20-09-2007 09:04
# Ligazón permanente a este artigo
Recomendados
Dádelle un repaso á sección de recomendados, vimos de incorporar dous novos enderezos:

O Avisador Filintista

e

Todo Toxos

Saúdos
Comentarios (1) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 18-09-2007 10:05
# Ligazón permanente a este artigo
Os camiños de ferro, apostar polo futuro

Por C. Rañolas / Diario de Ferrol

Pensar que o sistema actual de transporte, baseado no coche, é o futuro, non é sostíbel. Nin as nosas vilas están preparadas para soportar un aumento xeométrico, onde moitas familias xa dispoñen de máis de un coche; nin as estradas son quen xa de dixerir os numerosos vehículos e adiantan síntomas claros de estaren a punto do colapso, nin a economía pode seguir aguantando o gasto no petróleo. E por suposto non é sostibel ecolóxicamente tanta producción de dióxido de carbono -mais do 23%- que prexudica ao medio ambiente e a saúde das persoas. Xa a finais do século XIX os rexionalistas galegos ergueron a súa voz para reivindicar os camiños de ferro para o noso país, e as palabras de Curros Enríquez bricaron por todos os seus recunchos cando a locomotora chegou a Ourense "Por onde ela pasa / Fecunda os terreos/ Espértans' os homes, / Frolecen os eidos. Nestes inicios de século polo que parece, máis unha vez, a chegada do AVE a Galiza está programada para cando esta nova tecnoloxía xa estea satisfacendo as necesidades económicas de todas nacións e rexións do Estado Español...

O reivindicar os camiños de ferro na comarca de Ferrolterra non é novo, pero non por iso a sociedade civil debe permanecer por máis tempo en silencio: o ferrocarril chegou a Ferrol, cando xa percorría co seu trouleo os distintos territorios do Estado Español. Pero o urxente para Ferrolterra, polo que se refire a unha infraestrutura fundamental para a súa intercomunicación e vertebración como comarca, sería o dispoñer de un tren de cercanías que puxese a disposición dos habitantes da comarca un medio de achegarse a Ferrol en menos de vinte minutos ou intercomunicar Coruña e Ferrol, por debaixo de unha hora (sen esquecérmonos dunha comarca emerxente como a da Mariña luguesa).

Os trens de cercanías dende hai moito tempo están a xogar dentro das economías máis desenvolvidas un papel fundamental por ser un transporte áxil, limpo e que, por riba, tira das estradas e das cidades moreas de coches supoñendo un aforro individual a máis de un aforro colectivo en enerxías e reducindo os dióxidos de carbono en beneficio da nosa saúde e da loita contra o cambio climático. Velaí a importancia deste medio de transporte : económica, social e ecolóxica.

O tren de cercanías, xa que logo, debe ser unha prioridade para os todos os políticos de Ferrolterra se queremos unha comarca vertebrada e non unha comarca virtual. Esta reivindicación debe ser tomada como unha cuestión de Estado por aqueles que desempeñan cargos de responsabilidade e decisión na nosa comarca. Aqueles que non o asuman van ter moi difícil explicarllo á cidadanía.

Chegou o momento dunha frente común para negociar con quen teñen en Madrid as responsabilidades sobre o tema.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 14-09-2007 17:32
# Ligazón permanente a este artigo
Galegos, Cataláns e Vascos denuncian perante o Consello de Europa que o Estado vulnera dereitos lingüísticos
O Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Behatokia e o Observatori de la Llengua afirman que non se está a cumprir a Carta Europea das Linguas.

Redacción Vieiros - 17:10 13/09/2007

Representantes das tres entidades reuníronse este xoves en Madrid cunha delegación do Comité de Expertos do Consello de Europa encargado de avaliar o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas. O Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Behatokia e o Observatori de la Llengua denunciaron a "nula iniciativa" do Estado Español de cara a que se cumpran as directrices da Carta.

A comitiva galega estivo representada por Alba Nogueira e Carlos Callón, que só salientaron como pasos positivos o novo decreto do ensino e a posta en marcha das galescolas. Porén, lembraron que xa en 2005, o Consello de Europa propuxo unha serie de medidas para normalizar os tres idiomas na xustiza. Dous anos despois as medidas tomadas son escasas xa que se precisan cambios normativos na lexislación estatal que regula a capacitación dos maxistrados, melloras nas ferramentas informáticas e medidas que eviten as dilacións que sofren os procesos nos que se quere empregar o galego.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 13-09-2007 23:40
# Ligazón permanente a este artigo
O Comité de Expertos do Consello de Europa velará para que o sistema educativo de Galiza sexa "esencialmente en galego"
Carlos Callón denuncia que "o PP carece de proxecto sobre o ensino das linguas"

[GZnación / Redacción / 11 Set 07]

A Mesa pola Normalización Lingüística reclamou hoxe o dereito de que o sistema educativo de Galiza sexa "esencialmente en Galego", nun encontro mantido entre o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, promovido pola asociación, e o Comité de Expertos do Consello de Europa, encargado de avaliar o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.

Nesta xuntanza o Observatorio achegou información sobre as vulneracións da Carta que continúan existindo en Galiza e sinalou a responsabilidade do Goberno central, da Xunta de Galiza e dos gobernos autonómicos de Asturias, Estremadura e Castela e León nas vulneracións detectadas. De igual xeito, tamén louvaron as Galescolas, promovidas pola Vicepresidencia da Xunta e consideraron no "camiño do cumprimento da Carta Europea" o novo decreto de promoción do galego no ensino aprobado pola Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.

Para poder ampliar as informacións achegadas na entrevista de hoxe, o Observatorio de Dereitos Lingüísticos volverá reunirse co Comité de Expertos, representado pola súa vicepresidenta Vesna Crnic-Grotic (Croacia) e polos delegados Alberto López Basaguren (Euskadi) e Dieter Kolonovits (Austria), dentro de dous días, e en próximas semanas achegaralles un relatorio sobre o nivel de aplicación deste tratado internacional en Galiza en cada un dos seus artigos.

A Carta Europea das Linguas foi aprobada no Estado por unanimidade durante a presidencia de Aznar

O presidente da Mesa, Carlos Callón, recordou que "este tratado internacional, que forma parte do ordenamento xurídico do Estado español tal e como estabelece a Constitución, foi aprobado por unanimidade durante a presidencia de José María Aznar". Para Callón, "é crispar e procurar a confrontación cidadá primeiro aprobar tratados internacionais como este e despois dicir que chega a apocalipse porque un 50% do ensino poida ser en galego".

Ademais, o presidente da asociación en defensa do galego, criticou que o PP defendese no Parlamento galego "o modelo vasco de ensino para Galiza", en lugar de apostar por unha "sociedade cohesionada, onde todo o alumnado finalice a educación tendo boas competencias comunicativas nas dúas linguas oficiais, para o cal é necesario que o galego teña un apoio especial, tal e como sinalaron varias sentenzas do Tribunal Constitucional". Callón afirmou tamén que "o PP carece de proxecto sobre o ensino das linguas" e afirma que "segundo o día que se pregunte, responden que defenden unha cousa ou outra".

Consellaría de educación e secretaria xeral de Política Lingüística

Nesta reunión, o Comité de Expertos interesouse tamén por coñecer da man da conselleira de Educación e da secretaría xeral de Política Lingüística o deseño e as características da Comisión Interdepartamental para a Normalización Lingüística, que coordina o departamento dirixido por Marisol López; así como o novo decreto que regula a promoción do galego no sistema educativo. Tamén se interesaron pola entrada en vigor dos novos Certificados de Lingua Galega (Celga), cos que se adapta a lingua ao Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas.

Sánchez Piñón subliñou que o novo decreto que regula a promoción do galego no sistema educativo supón "un afondamento" no desenvolvemento da Lei de Normalización e explicou que en virtude do mesmo, o profesorado usará na clase a lingua materna predominante entre o alumnado.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 12-09-2007 10:53
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal