Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Henrique Costas: 'O galego en Cáceres está máis vivo que en Vigo'
A Nosa Terra


M. Obelleiro . De hoxe ao venres, teñen lugar as xornadas 'Lingua e diversidade. Val do Ellas: a lingua que nos une' neste recanto noroccidental de Cáceres. O catedrático de Filoloxía Galega e director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Henrique Costas, é un dos organizadores deste congreso no que participarán máis de 300 estudantes de Galiza e de Estremadura. O estudoso da Fala debulla nesta entrevista algunhas claves do 'galego reencontrado' que se fala en Cáceres.

En que consisten as xornadas?

Trátase dun encontro entre alumnos e alumnas de tres institutos galegos e do instituto do Val das Ellas, o IESO Val do Xálima, que, auspiciado pola Unesco, promoverá unha rede de traballo en patrimonio inmaterial común. Consiste en pór en común a lingua e a toponimia. O obxectivo principal pasa por fortalecer o contacto entre os falantes de galego de Galiza e os falantes de galego de Valverde, As Ellas e San Martín de Trebello. O 98 por cento dos 5.000 habitantes destes lugares fala galego. No Val das Ellas só a alcaldesa de Valverde e o seu pai, algúns gardas civís e algúns mestres que veñen de fóra –mesmo algún galego– son castelanfalantes.

Como reaccionan os estudantes de Galiza cando ven que os estremeños falan galego?

Con estrañeza e con sorpresa. No patio, os estudantes do Val das Ellas non dan en castelán ningunha palabra. Mesmo fillos de xente que se atopa alí de paso, por algunha razón laboral, aprenden rapidamente a Fala porque nese lugar é algo natural. O galego está moito máis vivo no Val de Xálima que en Galiza. Non é a primeira vez que algún alumno castelanfalante dos que participa nestas xornadas volve de Cáceres falando en galego.

E como ven os estremeños que o estudantado de Galiza non fale apenas galego?

Veno como algo desagradábel. Alí non se entende por que a xente de Galiza non quere falar galego. Non se entende, como din eles, por que algúns galegos queren ser “madrileños”. Unha vez que veu a Moaña un equipo de fútbol de San Martín de Trebello, o club quedou asustado logo de ver que os futbolistas estremeños falaban galego mentres que os moañeses falaban español.

Que problemas sofre o galego en Cáceres?

Non está protexido e non posúe normalización nin normativización. Até o 2008, o galego do Val de Xálima non foi recoñecida no informe do Consello de Europa sobre a aplicación da Carta das Linguas Minoritarias. A Junta de Extremadura declarouna Ben de Interese Cultural (BIC) no 2001, pero esta medida non supuxo maior protección. Hai uns cursos, o Goberno estremeño introduciu a fala como materia extraescolar –para a que deu diñeiro– e houbo o 100 por cento de alumnos matriculados na lingua. Malia o éxito, a Junta de Extremadura suprimiu no seguinte curso as axudas a esta materia. É unha mágoa que en 15 anos a nivel institucional, polo desleixo da propia Junta, non se evolucionase nada.

Outra das eivas é a calidade lingüística...

O galego nesta zona está moi interferido pola introdución do castelán na escola. E isto apréciase sobre todo no léxico que empregan os rapaces e rapazas. Mentres os adultos din “andoriña”, os nenos e nenas xa din “gulundrina”. O mesmo acontece coa pronominalización de moitos verbos. Pola introdución do castelán din “bebéuseo”, non “bebeuno”. A principal ameaza da fala é a hibridación, non a substitución, como acontece co galego na Galiza.

Cando comezou a estudar a fala?

Cara ao 1991, nunha viaxe a Aveiro. Vin que Portugal se atravesaba en pouco tempo e que o Val das Ellas non quedaba lonxe. Collín o coche e fun comprobar como era a Fala. Hospedeime nun hotel e pasei a noite falando co xerente e prestándolle atención aos paradigmas dos verbos. A partir de entón, topei con persoas que me foron introducindo na fala. Dei con poemas e bandos escritos en galego e mesmo cuns sainetes escritos por unha señora nos anos trinta nos que xa se advirte que a fala é galego. Nun deses sainetes recóllese “temos esta fala tan galega...”

'Benefícianse do turismo lingüístico'

A fala é galego?

É galego, mais non ao mesmo nivel que os dialectos de aquí. Trátase dun bacelo da nosa lingua que despois medrou por libre. É un galego especial, reencontrado, curioso... pero é galego. Malia ter o portugués ao lado, as diferenzas co portugués son abismais. É máis, se un galego entra nun estabelecemento de Valverde, non o identifican como tal. Pensan que será de San Martín ou das Ellas porque falan a mesma lingua, pero con matices diferentes.

E en Cáceres identifican a fala co galego?

Consideran que é a mesma lingua as persoas que tiveron contacto co galego na emigración ou na mili porque así o advirten ao falar. En cambio, a Universidade de Extremadura ve a fala como a terceira póla do galego-portugués, ao que eu lles contesto que, de ser esa póla, sairía directamente do galego. Con todo, non se ve negativa a identificación da Fala co galego, porque son conscientes de que hoxe en día é un motivo económico. No Val das Ellas xurdiron nos últimos anos estabelecementos hoteleiros que responden á demanda do “turismo lingüístico”.

Como ve o futuro do galego en Cáceres?

O futuro pasa por que se aplique a Carta Europea das Linguas Minoritarias, porque no Val das Ellas a Fala non é nin sequera cooficial, malia ser empregada polo 98 por cento da poboación. A Fala non existe no ensino, nin na Xustiza, nin na Administración, nin na toponimia oficial... E iso que os habitantes do Val do Xálima teñen unha conciencia forte, unha conciencia natural, non militante. Desaparecía antes o galego en Vigo que a Fala no Val das Ellas.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 19-08-2011 10:35
# Ligazón permanente a este artigo
Só un 38% da mocidade usa o galego fronte a un 60% o castelán
A Xunta interpreta que a lingua galega afinaza o seu uso entre os mozos, xa que se incrementou a porcentaxe respecto do estudo de 2007.

xornal.com


So un 38,6% da mocidade de Galicia de entre 15 e 29 anos afirma utilizar a lingua galega, segundo se desprende do informe Xuventude Galega 2010, mentres que o 59,9% utiliza o castalán. Así, se reflexa neste estudo que vén de presentar a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar e co que conclúe que a lingua galega afianza o seu uso entre a mocidade, xa que aumentou en case 6 puntos porcentuais a utilización do galego respecto dos usos lingüísticos recollidos nun estudo semellante elaborado en 2007.



Ademais, segundo se desprende dos datos obtidos das enquisas, o uso do galego está sobre todo vinculado á relación cos máis próximos, é dicir no ámbito familiar, mentres que o seu uso se reduce na escrita e nos contactos con descoñecidos.



Polo que respecta ao uso do castelán entre os mozos, a porcentaxe é 5,4 puntos menos que no informe elaborado hai catro anos. Así mesmo, un 0,2% emprega outras linguas, mentres que unha porcentaxe do 1,3% non achegou información.



O informe Xuventude Galega 2010 baséase nun estudo realizado pola Universidade de Santiago de Compostela a partir de 1.200 enquisas presenciais a mozos e a mozas de entre 15 e 29 anos. Este traballo sociolóxico, que se enmarca no plan Xuventude 2013, unha estratexia para a mocidade galega, inclúe unha pregunta relativa á lingua empregada habitualmente en once situacións diferentes da vida cotiá, centradas nas relación cos máis próximos, en diferentes ámbitos sociais, en actividades funcionais diarias tanto orais como escritas e mais en intercambios orais espontáneos.

Usos por ámbitos

Este uso favorable do galego no ámbito familiar por parte do grupo de idade de 15 a 29 anos tamén se constata na Enquisa de condicións de vida das familias galegas 2008 (ECVFG-2008), segundo informa a Xunta. O estudo realizado polo Instituto de Estatística de Galicia (IGE), que inclúe preguntas sobre lingua inicial e habitual, usos lingüísticos, coñecemento das linguas, dinámicas de mantemento e cambio de idioma etc., indica que utiliza sempre o galego ou máis galego ca castelán o 43% dos mozos e mozas dese grupo de idade.

En todo caso, o sector da mocidade, que é o que garante o uso futuro do idioma propio, utiliza menos o galego que a media da poboación. Así, os mozos non acadan, tanto no ámbito familiar, como laboral e o social, os usos lingüísticos galegófonos en xeral que se sitúan no 51,8%, no 48,4% e no 50,7%, respectivamente.

No que respecta ao ámbito laboral, cos compañeiros/as de traballo, co persoal ao cargo, cos superiores e cos clientes, en Galicia utiliza sempre o galego ou máis galego ca castelán o 45,5% da mocidade. Mentres, no ámbito social, o 40,5% dos mozos e das mozas utiliza maioritariamente o galego cos amigos/as, comerciantes, médicos/as, profesorado dos fillos/as, persoal da administración e persoal bancario.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-08-2011 10:30
# Ligazón permanente a este artigo
A Xustiza obriga a Deputación de Pontevedra a facer o BOP en galego
Condena a administración provincial por “non aplicar” a normativa lingüística que esixe usar o idioma propio.

xornal.com



O Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra condena a Deputación provincial “ao exacto cumprimento da ordenanza referida coa íntegra publicación en galego do Boletín Oficial da Provincia (BOP), tanto no referido ao formato (...) como aos textos propios da administración provincial”.

Na sentenza, feita pública a pasada semana, o Xulgado estima o recurso contencioso administrativo presentado polo deputado provincial Gabriel Martínez, que denunciou o “sistemático e continuo incumprimento por parte da Deputación da lexislación vixente en materia lingüística”.

Polo tanto, obriga o organismo a publicar o seu boletín oficial na lingua propia, e non en castelán como fai agora, aínda que a sentenza aínda pode ser recorrida pola institución.



REPROCHES DO XULGADO

O recurso á Xustiza por parte do representante provincial do BNG chegou logo da publicación de varios escritos do BOP en castelán, incluído o seu encabezado, e tamén tras as continuas e insatisfactorias respostas que a Deputación lle proporcionou durante meses sobre este particular.

Por iso, Gabriel Martínez solicitou o cumprimento da lexislación vixente en materia lingüística, tanto o que se refire ao Estatuto de Autonomía, como a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, a Lei de Administración Local de Galicia, a Lei 5/88 de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais ou da propia Ordenanza de normalización lingüística da 
Deputación.

Ante a continuada publicación de boa parte do BOP “unicamente en castelán”, como recorda o denunciante, Gabriel Martínez presentou unha reclamación ao que a Deputación contestou cun recurso de reposición que agora resultou desestimado pola propia Xustiza e despois de algo máis dun ano de reclamacións e contestacións insuficientes.

O organismo que preside o popular Rafael Louzán argumentaba a cooficialidade do idioma castelá e a autonomía local para xustificar a ausencia da lingua propia de Galicia no seu Boletín Oficial, ademais de aludir tamén á pretendida querenza do demandante polo uso exclusivo do galego.

Agora, a sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo recorda que, “en contra do que parece entender a administración demandada, non é certo que a parte recorrente pretenda a publicación integra do Boletín Oficial da Provincia en galego, senón que o que se pretende (...) é que a Deputación dea cumprimento á normativa existente, incluída a que ela mesma 
aprobou”, segundo figura na sentenza, que destaca que a institución non acata a normativa promovida internamente.

SEN CUMPRIR A NORMA

Para a Xustiza, tal e como aclara este texto legal, “a Deputación provincial non está cumprindo as normas de uso do galego, ao non ter en conta nas súas publicacións, e en concreto no BOP, o esixido pola lexislación aplicable, e que desenvolveu ela mesma coas súas normas pero que, no entanto, non leva á práctica”.

Non é a primeira vez que a Deputación de Pontevedra é advertida pola ausencia da lingua galega nas súas publicacións oficiais, pola ausencia do idioma propio de Galicia nunha institución galega. Por algo, por desgraza, xa habitual no país.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 19-08-2011 10:28
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal