Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Ikea lanza o seu primeiro catálogo en lingua galega
Trátase da publicación comercial de maior tiraxe no mundo, con 197 millóns de exemplares


xornal.com

Ikea comezou a distribuír onte o seu primeiro catálogo en galego, que estará dispoñible na súa tenda da Coruña a partir do próximo 15 de setembro, cumprindo así co seu compromiso de “valorar” a lingua propia de Galicia, tal e como adiantou Xornal. Dos 600.000 exemplares do catálogo do ano 2011 que repartirá a multinacional sueca en Galicia, 33.000 estarán integramente en galego. Esta iniciativa súmase ao desenvolvemento da páxina web da tenda que a compañía abriu recentemente na Coruña , que por motivos técnicos está escrita completamente na lingua de Castelao.

Aínda que Ikea puxo a disposición dos seus clientes galegos a revista antiga escrita só en castelán durante un mes, isto debeuse a que a publicación ten unha vixencia dun ano e a anterior veu a luz en setembro do ano pasado. Agora, os que o desexen poderán contar cun exemplar en galego dos produtos da empresa, que xa se edita na Península Ibérica en todas as linguas oficiais do Estado: galego, castelán, éuscaro e catalán. Ademais, a firma tamén edita a revista en inglés para as súas tendas de Murcia e Málaga. Todas as edicións están dispoñibles en versión dixital na páxina webwww.ikea.es.

Este novo catálogo do xigante do moble e a decoración de baixo custo conta cunha tiraxe de 9,2 millóns en todo o país, que chega de forma gratuíta ao 80% dos fogares da área de influencia das súas 13 tendas españolas. Trátase da publicación comercial de maior tiraxe no mundo, xa que se imprimirán 197 millóns de exemplares, que se distribuirán en 41 países nun total de 29 idiomas. Nesta nova edición de 2011, a revista conta con 376 páxinas, nas que se inclúen 2.000 dos máis de 10.000 produtos que conforman a oferta da entidade.

Por outra banda, fontes da empresa sinalaron que Ikea ofrecerá na publicación “un nivel medio de prezos un 1% inferior aos do ano anterior”, ao atopármonos “nun momento especialmente sensible para os seus clientes”, precisaron as mesmas fontes. Así, a compañía “mantén o seu compromiso de redución de prezos” que estableceu desde a súa chegada á Península Ibérica hai 15 anos.

Ademais, en consonancia con esa política, Ikea baixoulle o prezo “a 220 dos seus artigos máis vendidos”, salientou a empresa nun comunicado.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 28-08-2010 12:35
# Ligazón permanente a este artigo
A rede privada de galescolas abrirá en 2011 co apoio de 1.900 persoas
RODRI SUÁREZ - xornal.com - 20/08/2010 - 00:31 h.


As protestas contra o decreto do galego da Xunta –que estará en vigor a partir deste curso que comeza en setembro– dan un paso adiante para converterse en alternativas reais dentro das aulas. A comisión impulsora da asociación Galiza co Galego conta xa con 1.900 persoas dispostas a poñer cartos do seu peto para constituír unha rede privada de centros de ensino en lingua propia, que nun principio estaría especialmente adicada ás escolas infantís cen por cen en galego, o que significaría –dende o ámbito privado– algo semellante ás galescolas do bipartito que o PP cambiou de nome para denominar galiñas azuis e que agora utilizarán o idioma maioritario dos pais, o que pode deixar sen opcións a un ensino en galego a unha importante parte da poboación, sobre todo nos ámbitos urbanos.
A futura asociación suma 1.900 apoios, todos elos baixo a premisa de abonar anualmente unha cantidade entre os cen e os douscentos euros. Dende Galiza co Galego consideran que a rede se podería poñer en marcha con arredor de 300.000 euros, o que sería posible coas actuais condicións sempre que cada un dos apoios aportase uns 160 euros, algo que dentro da comisión consideran factible e que fai pensar que a idea xa sería unha realidade sobre maio do próximo ano. “En teoría, no curso 2011-2012 poderían estar a funcionar os primeiros centros da rede de ensino en galego, algo que sabemos que é unha necesidade na situación actual e que moitos pais demandan”, asegura Francisco Limiar López, un dos promotores da asociación. “Hai que dar este tipo de pasos, a reivindicación está moi ben pero temos que engadirlle a acción directa, nos niveis dos que estamos a falar, obviamente, e dunha forma incluínte, non excluínte por moito que digan dende Galicia Bilingüe e a súa contorna”, engade.
Limiar e a comisión da que forma parte xa mantiveron reunións nos últimos meses con diversas asociacións de pais, traballadores de normalización lingüística, sindicatos ou asociacións culturais para presentar o seu proxecto e sumar apoios. O seu obxectivo é alcanzar as tres mil persoas dispostas a participar activamente na iniciativa e para elo manteñen unha campaña de presentacións por toda Galicia que o martes estará en Compostela.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 20-08-2010 10:52
# Ligazón permanente a este artigo
O TSXG admite a trámite o recurso da Mesa contra o decreto da lingua
Agora espera o pronunciamiento sobre a suspensión da aplicación do decreto como medida cautelar.

XORNAL.COM07/08/2010 - 17:24 h.


A Mesa pola Normalización Lingüística informou de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) comunicou a admisión a trámite do recurso que a asociación presentou contra o chamado decreto do plurilingüismo, que regula o uso do galego no ensino.

Nun comunicado, a organización que preside Carlos Callón indicou que recibiu a comunicación de que o recurso está admitido a trámite e agora espera o pronunciamiento do TSXG sobre a suspensión da aplicación do decreto como medida cautelar.

Callón sinalou que confía en que a resolución do Tribunal sexa "áxil", pois se fose necesario esperar dous anos a que dite sentenza e non se toma durante ese tempo unha medida cautelar, "poderíase causar un enorme dano á formación lingüística dos estudantes". Ao fío diso, denunciou que "este decretazo vulnera punto por punto tratados internacionais de dereitos lingüísticos", polo que avanza que A Mesa manterá os actos de protesta.

O recurso da asociación fundaméntase en informes elaborados especificamente para este caso polas tres univesidades galegas, indicou, e neles destácase que a aplicación do decreto pode causar un dano "irreparable ou de difícil reparación" na formación do alumnado.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 15-08-2010 11:49
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal