Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


O totalitarismo non é so unha característica política, tamén o hai sobre a cultura
[GZnación / Eva Fuentes / 6 Ago 08]


Nun descanso na preparación do seu novo libro, o escritor Manuel Rivas e un dos promotores do 'Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego' explícanos a súa visión sobre o panorama lingüístico actual.

- Cales son os motivos que fixeron que asinase este Manifesto?
- Xa apoiei un primeiro manifesto que se fixo dende a Federación de Asociacións de Escritores, porque me parece que dos peores silenzos que pode haber é o 'saber calado'. O que motivou todo isto, dunha maneira máis inmediata que ese Manifiesto, é algo máis que un texto. Tan importante como o texto é a campaña que o acompaña, que responde a unha estratexia programada e nela danse a man a ignorancia e unha certa mala educación. É unha desconsideración ás persoas que falan outras linguas e ás propias linguas. Hai unha situación descompensada, de inxustiza. O que me produce sorpresa e magoa é que haxa intelectuais e escritores que se presten a esta operación. Resulta bastante dramático para a cultura que se produzan tomas de posición supremacistas, dende o abuso.

- O 'Manifiesto' foi promovido por intelectuais pero, cre que hai unha man política ou mediática detrás?
- As cousas están meridianamente claras. Non teño porque dubidar de que as persoas que suscriben inicialmente o texto pensen iso e non estean pensando nunha operación política. Non o sei, nin me vou poñer a investigalo. Máis ben, os que fan de inquisidores son os que están nese campo, teñen un espírito inquisidor con respecto das outras linguas. O que é evidente é todo o resto: como vai acompañado das cabeceiras na prensa de dereitas e conservadora e o asumen dous partidos: o principal da dereita e outro que aspira a ser o novo 'lerrouxismo', a introducirse con este tipo de bandeiras ultranacionalistas, o partido de Rosa Díez.

- Os manifestos non teñen validez legal, pero cre que poden servir para xerar debate ou para lograr reaccións políticas?
- Si, debeu haber máis reaccións e xa dende o principio, porque non se pode minusvalorar a potencia da campaña. Hai que diferenciar que un grupo de persoas escriban algo de todo o operativo que rodea iso. Estou seguro de que hai moitas persoas asinantes, que ao mellor nin o leron no seu conxunto, incluso houbo casos de retirada pública e notoria. Hai persoas que se fixeran un análise máis pausada, ao mellor non prestarían o seu nome. Isto pode ter uns obxectivos a curtos prazo de manter a tensión política, de buscar unha uniformación cultural. Pero o resultado final é o que pode condicionar a formación da xente corrente, porque vai acompañado de moito bombardeo informativo. É moi importante que haxa unha resposta, porque isto vai para moito tempo.

- Porque cre que saltou toda esta polémica nos últimos tempos?
- Seguramente houbo xente dende a Transición que tivo reaccións, mesmo persoas "cultas" que reaccionaban con disgusto. O totalitarismo non é so unha característica política, senón que tamén o hai sobre a cultura. Hai xente que pensa que a pluralidade é un problema é non unha riqueza. Ninguén hoxe no mundo con certo prestixio se atreve a propiciar o uniformismo cultural. Aquí vivimos nun contexto un pouco específico. Hai xente que leva anos intentando unha balcanización, falando neses termos, de crear unha situación de enfrontamento, de caos, de apocalipse, que propiciaría solucións de 'man dura'. Esa visión uniformadora de España inquisidora pode estar incómoda, mais eu creo que hai un sentido común maioritario e hai que cultivalo, porque estas campañas poden facer moito dano e despois reconducir a situación custa moito traballo. Estas palabras sementan odio, receios, mesmo levan a posturas absurdas dende o punto de vista humano que é rexeitar o coñecemento de linguas. Fálase de liberdade, pero parece que o que demandan é a liberdade de non saber. Non sei dende que intelixencia se pode reclamar que é un dereito dos país negarlle o saber a un fillo. Isto é un episodio dramático na historia da cultura e merece unha reflexión de canto hai que facer.

- O galego vai saír fortalecido ou debilitado?
- Xa me gustaría pensar que isto vai ter un efecto 'boomerang' que espertara na xente unha reacción de agarimo polo seu, de orgullo. De todos xeitos, non participo dunha idea apocalíptica sobre o futuro do galego. Comprendo posicións de dor, xa que se fai un debuxo da realidade do mundo ao revés. Comprendo a dor, a carraxe, e mesmo o arrepío, ante isto, pero as cousas hai que tratar de velas nunha dimensión diacrónica. Por como transcorre o pensar do mundo, nós non somos un anacronismo, formamos parte do espazo do futuro. Ter unha lingua propia será visto cada vez con máis simpatía pola maioría da sociedade galega. Ese é un proceso, ás veces, desesperadamente lento.

- No manifesto apélase ao "compromiso das institucións". Como valora a reacción da Xunta?
- Preocúpame principalmente o que poida facer o partido da oposición, porque ten moita implantación na sociedade. Tiña a esperanza de que non se sumaran a estas posicións minoritarias, sectarias e tan inxustas. Dá a impresión de que están caendo nesa posición dunha minoría radical. A Xunta, nestes últimos tempos, fronte a esta ofensiva, está mantendo o tipo. Valoro positivamente en conxunto a posición da Xunta. Son nestas situacións especiais, límites, cando moita xente pode ceder e, polo de agora, vexo que a Xunta está a ter unha posición correcta. Chámame a atención o silencio doutras institucións máis culturais, que son fundamentais, como trabes da cultura galega.

- Refírese a institucións como a RAG...
- Estou pensado na Academia, no Consello da Cultura Galega... Coido que son nestas situacións cando realmente hai que responder. Non digo que haxa que facer outro manifesto, pero hai moi bos informes sobre a realidade lingüística e estas institucións poderían poñelos en primeiro plano e ter un papel moi activo, non só na propia Galiza, senón ir á capital do Estado, aos medios que máis se significan con esta campaña. Se alguén ten posibilidade de acceso, son estas institucións.
Comentarios (0) - Categoría: Opinión - Publicado o 09-08-2008 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
Asterix falará galego
As Mocidades da Mesa pola Normalización Lingüística anunciaron que a próxima entrega das aventuras dos héroes galos editarase finalmente en galego, tras unha campaña de varios anos e unha importante resposta do público á iniciativa. A edición chegará as rúas en outono, e será un especial que conmemora o 50 aniversario da tira

O número aniversario da saga sairá no outono nunha edición que sería distribuída no estado xunto coa española e a catalá
O número aniversario da saga sairá no outono nunha edición que sería distribuída no estado xunto coa española e a catalá
As Mocidades da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) anunciaron que o próximo álbum de Asterix e Obelix, que sairá no outono con motivo do 50 aniversario dos personaxes, farao tamén en galego, ademais de castelán e catalán.

A Mesa lembra nun comunicado as xestións realizadas dentro dunha campaña que se iniciou en 2005 para que a editora, Salvat Bruño, trasladase á lingua de Rosalía as aventuras dos dous guerreiros galos que crearon Goscinny e Uderzo.

Tras sinalar que é a primeira vez en varios anos que Asterix e Obelix van falar en galego, o responsable da sección da MNL, Fran Rei, critica no escrito que "a Secretaría Xeral de Política Lingüística nin tan sequera levantase o teléfono para falar coa editora". Ao respecto deste feito, o coordinador das Mocidades afirma que esta secretaría que depende "de Emilio Pérez Touriño, só serve para propaganda e autobombo, mais nunca existe nin intervén cando a lingua galega está discriminada".

A Mesa considera que se trata dunha "excepcional noticia" e agradece que a editora atendese os milleiros de cartas e correos electrónicos recibidos nos últimos anos doutras tantas persoas que demandan a publicación en galego. Dende a Mesa salientaron a resposta da xente neste eido xa que se poideron conseguir "milleiros de adhesións individuais e colectivas, moi especialmente entre a poboación escolar".
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 09-08-2008 21:56
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal