Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


Valedor de prexuízos
La Voz de Galicia
TRIBUNA : Francisco Rodríguez
Jueves 30 de agosto de 2007

O novo valedor do pobo estreouse cunhas declaracións que exemplifican, con naturalidade descarnada, tópicos e prexuízos a respecto do galego, característicos de boa parte do Poder Xudicial.

A situación do galego non é unha cuestión que arrastremos do franquismo, como pretende Benigno López. O galego vén sufrindo un devalar progresivo de desuso como lingua oral, notoriamente desde mediados do século XIX, incluída a incisiva etapa franquista. Ao non posuír o estatus de oficialidade até a actual democracia, foi sempre lingua excluída, hoxe con graves limitacións e hostilidades. A aparente renuncia ao idioma como un acto de vontade individual non pode agachar a orixe deste comportamento, os determinismos subxacentes. O comportamento lingüístico individual é inexplicábel sen a consideración subordinada do galego ao castelán, corolario doutro tipo de dominio. A política lingüística ten que impulsar mecanismos para a ruptura deste dominio, enmadeixado de moi concretos poderes (económicos, culturais, político-institucionais?).

Causa estupor que se poida considerar imposición o ensino do galego como materia normal no noso sistema educativo. ¿Que pensará logo o valedor da legalidade que obriga ao seu uso como lingua vehicular dalgunhas materias? ¿Descoñece ou desaproba que as matemáticas e a historia podan impartirse en lingua galega? ¿Ignora que a literatura está nunha lingua concreta e, xa que logo, que existe a literatura galega? Vehiculizar en galego coñecementos é un acto de normalidade para o idioma. A normalidade leva parella a consideración de materia académica para a historia, as matemáticas, o castelán, o galego ou a informática, alén dos gustos puntuais do alumnado. Cabe debater sobre cómo mellorar o ensino do galego, das matemáticas ou da historia en galego, para gañar galegofalantes e mozos e mozas desexosos de deprender. ¿O dereito dos galegofalantes a seren atendidos na súa lingua nos servizos públicos da Galiza é posíbel se os funcionarios, incluída a Xustiza, non teñen a obriga de coñecela e usala na atención ao público? Hai que falar de dereitos, de ruptura da subordinación. Non de imposicións. Estamos moi lonxe de conseguir a normalidade en moitos ámbitos. Quen padece continuas imposicións e desprezos é quen aspira a vivir na Galiza falando galego.

Lamentabelmente o valedor expresou unha actitude denominada, na sociolingüística, «compensatoria ou ideal» a respecto da lingua propia. Xa se sabe, é «materna, fermosa, musical». Debe ficar como unha reliquia á que se di amar, manténdoa axeitadamente confinada. Xa me dirán cómo se pode falar unha lingua con «naturalidade e fluidez», se non se lle permite acceder a ámbitos de uso dos que está excluída, para todos os temas e todas as funcións. Despois de 30 anos de democracia e máis de 25 de autonomía, ¿hai que dar máis tempo ao tempo para actuar e reaccionar oficialmente a favor do galego? Ningunha lingua subsiste se non é un instrumento social útil, plenamente aceitado polos poderes públicos. O valedor é un poder público, electo polo Parlamento galego para defender elementais dereitos humanos. Alén dos seus prexuízos e tópicos, debe ser quen de obxectivar o seu papel e a situación lingüística na que vivimos. Levamos séculos de sufrimento.
Comentarios (1) - Categoría: Opinión - Publicado o 31-08-2007 21:26
# Ligazón permanente a este artigo
O valor engadido do galego
Vieiros 09:30 21/08/2007
Xosé Manuel Figueiras

É posible que a moitos galeg@s lle pareza inaudito, unha broma, propaganda, ou algo así. Pero como cada día, grazas ó idioma galego. E non son mestre nin nada parecido. O meu oficio é contactar, reunirme e falar con clientes en toda Latino América, Portugal e o estado español.

Á marxe de vivir do galego sen ser mestre, teño que dicir tamén que reúno outra típica condición de galego: son emigrante. Hoxe as capacitacións intelectuais, a información coa que contamos, o apoio ó emigrado na súa traxectoria por parte dos seus, e a concepción do mundo e as súas posibilidades, melloraron. Todo é un reto e non se trata simplemente de subsistir. Non obstante iso non evita que os mozos sigamos a cumprir co noso rol de bos galegos emigrantes, ata o punto de que ser galego e emigrante é case falar de sinónimos.

Pero fuxamos do tema colateral da emigración crónica para centrarnos nas oportunidades que se nos ofrecen na globalización, só polo feito de ser galegos. Grazas ó maior acceso á cultura e á información co que hoxe contamos, deberiamos ser máis conscientes das posibilidades e instrumentos cos que contamos á hora de apostar polo noso benaventurado futuro individual e colectivo, e ver o rol que xogamos como país e identidade no mundo.

A nivel persoal, logo de cinco anos no estranxeiro traballando e estudando, tocoume a lotería, e tiven ocasión de traballar con contratos temporais dous anos en Galiza, tamén como parte do meu período de formación humana. Acabado este tempo decidín marchar para Gran Bretaña, despois de seis meses de busca de emprego, onde vin agromar nunha semana o que no estado español nunca veu a luz nos seis meses anteriores.

Era necesario un empregado que falara idiomas. Pero curiosamente non se requirían capacidades lingüísticas nin de francés, nin de italiano, ruso, chino, nin nada parecido. Paradoxalmente no intre de maior apoxeo do debate sobre qué lingua estranxeira aprender nas escolas galegas... 3 multinacionais desexaban un empregado que falase básicamente portugués e castelán. O atractivo do mercado latinoamericano imponse no Reino Unido. Eu, realmente nunca aprendín portugués, senón que falo literalmente galego. Por descontado os entrevistadores non sabían o que é ser galego. Pero non hai nada que recriminarlles ós foráneos, tendo en conta que a metade do pobo galego tampouco está ó día nesa materia.

Nunha desas entrevistas de traballo a directora, unha italiana moi correcta intentou impresionarme: "agora continuaremos en portugués con Francisco, un compañeiro luxemburgués que fala sete idiomas..."

Francisco, nacido en Luxemburgo, era galego. De pais betanceiros, estaba encargado de escoitar e de responderlle ós clientes portugueses e brasileiros en galego (nin de lonxe se achegaba ó sotaque lisboeta), e ós europeos maioritariamente en francés. A nosa conversa foi vibrante e saímonos do guión para falar das nosas vidas persoais por uns instantes. Probablemente ós galegos que ensinan ós seus fill@s a desprenderse do seu para adoptar o alleo en función de maiores expectativas de progreso isto non lle interese, non obstante eu puiden acceder a este cargo co tope salarial ofertado nun país estranxeiro. E finalmente rexeiteino. Porqué? Porque gracias ao galego apareceu outra oportunidade mellor nese mesmo día, que non me será doado de esquecer, e co mesmo "leitmotiv".

Ben sei que amosarlle un caso real coma este a uns individuos, que en realidade non queren ver, pode ser unha tarefa frustrante e mal encamiñada. Pero tamén son consciente de que en moitas ocasións nos demandamos porqué Galiza non ten un maior progreso. E agora podemos entender unha das razóns que inflúen neste proceso. Nin valoramos o que temos, nin confiamos en nós mesmos, e iso ten que mudar.

Claro está que existen persoas xordas e programadas para negar a evidencia nunha actitude suicida sobre da que hai que reflexionar alén dos complexos. Tampouco é de esquecer a influencia perniciosa e fornecedora de prexuízos que recibimos dos medios de comunicación estatais e tamén dun sistema educativo fechado, teimudo e españolizado, que ignora e minimiza intencionadamente os beneficios e as potencialidades de tódalas culturas que non sexan a "oficial", e que son cualificadas de inútiles pola propaganda.

Pero unha vez que cada galego ten a posibilidade de ser consciente e crítico coa realidade, ten acceso á información, á formación, e á cultura, non existen escusas nin barreiras para non reflexionar e adoptar un posicionamento lóxico sobre a nosa conducta e actitude respecto do aprecio á propia identidade, a cultura galega e a súa lingua, amais dos seus beneficios e potencialidades. E non esquezan que eu xa como grazas ó galego, convídoo a que vostede o faga tamén, se o desexa.
Comentarios (2) - Categoría: Opinión - Publicado o 22-08-2007 17:45
# Ligazón permanente a este artigo
Polémica lingüística na Benemérita


A Unión de Gardas Civís de Galicia sae en defensa do galego. A UGC afirma nun comunicado que "non entende o profundo odio que desata a nosa lingua noutros colectivos", e din sentirse "orgullosos" dela xa que "forma parte da nosa cultura, da nosa historia".

A UFGCS (Unión Federal de Gardas Civís, de ámbito estatal) teima en promover a "desobediencia" ao uso do galego

Redacción Vieiros - 11:00 14/08/2007


A UGC-Galicia carga contra os que amosan unha "nostalxia preconstitucional intolerábel"
A Unión de Gardas Civís de Galicia (UGC-Galicia) fixo público un comunicado este luns onde realiza unha defensa da lingua do país, e carga contra os colectivos que amosan unha "nostalxia preconstitucional intolerábel", en clara referencia -aínda que sen citala- á Unión Federal de Gardas Civís (UFGCS).

"Non entendemos que move a persoas que descoñecen a realidade galega a intentar dividir aos galegos, cun problema inexistente. É opinar sen coñecementos, é ignorancia, sementar odio onde non hai. Nin haberá", sinalan.

"Ideas fascistas contra o galego"
Advirten de que "a Garda Civil debe extremar as precaucións para evitar que no seu seo ingresen persoas que non teñen acomodo na democracia", e recoméndalles que "abandonen a súa belixerancia reaccionaria, as súas ideas fascistas contra o galego".

Respecto á petición do BNG de que os cidadáns poidan realizar os seus trámites coa Garda Civil en galego, UGC-Galicia afirma que "por respecto a este pobo, para moitos o noso pobo, esiximos que os trámites de recollida de denuncias, etc., estean nas dúas linguas".

Comunicado íntegro da UGC-Galicia:

A NOSA LINGUA

Galicia, 13 de agosto de 2007. A Unión de Gardas Civís de Galicia (UGC-Galicia) non entende o profundo odio que desata a nosa lingua noutros colectivos. Opinar alegremente descoñecendo a nosa realidade social, cultural e histórica leva irremediablemente a grandes erros, como este. Esa ignorancia é o caldo de cultivo ideal para chegar ás afirmacións destes días en contra dun pobo que sempre foi tolerante co resto das culturas.

Os gardas civís, ante todo, son cidadáns. Os que son galegos, son totalmente bilingües. Todos eles utilizan calquera das dúas linguas para expresarse. Uns exprésanse en castelán pero a maioría exprésase preferentemente en galego, lingua materna, incluso entre eles, traballando ou usando as transmisións. Os que no son galegos sempre mostraron un profundo respecto aos galegofalantes, e estes últimos responderon de xeito idéntico. Por iso moitos gardas civís que no son galegos decidiron converter Galicia no lugar onde establecer a súa residencia definitiva.

A lingua galega nunca motivou friccións, nin se vinculou a ideoloxías políticas. Se detrás de cada galegofalante houbese unha ideoloxía política concreta, os partidos estatais nunca terían opcións de goberno en Galicia. Afirmar que un galegofalante, por ese feito, é independentista é tan aberrante como chamar fascista a quen fala en castelán. A lingua galega únenos e non nos separa, non nos marxina. Iso demostra que non sexa un arma entre cidadáns. Galicia é o único territorio peninsular cunha poboación total e absolutamente bilingüe. Intentar extrapolar problemáticas doutros territorios nun grave erro.

UGC-Galicia non entende como algunhas persoas intentan que xurda una crise, un problema onde non hai tal. Os gardas civís galegos, como o resto dos cidadáns, sentímonos orgullosos da nosa lingua. Forma parte da nosa cultura, da nosa historia. Por iso non entendemos que move a persoas que descoñecen a realidade galega a intentar dividir aos galegos, cun problema inexistente. É opinar sen coñecementos, é ignorancia, sementar odio onde non hai. Nin haberá. Só pretenden provocar unha colisión entre os gardas civís e o resto da nosa poboación. Seguen a cometer o erro de pensar que a nosa profesión vincúlanos con ideoloxías políticas concretas.

As posturas reaccionarias que vimos percibindo nestas persoas demostran que é moi necesaria a reeducación dalgúns Gardas Civís. Estes días volvemos ver un episodio de nostalxia preconstitucional intolerable. Ideas trasnoitadas. Será morriña dos tempos nos que nos perseguían aos galegofalantes? A Garda Civil debe extremar as precaucións para evitar que no seu seo ingresen persoas que non teñen acomodo na democracia.

Desde esta asociación, a única rexistrada na Xunta de Galicia, podemos asegurar que ningunha política reaccionaria contra a nosa lingua terá acollida entre os gardas civís de Galicia. No seu día o ex ministro Bono ordenounos falar só en castelán e negámonos respondéndolle a súa orde en galego.

Seguiremos servindo ao noso pobo, atendéndoo na lingua que desexe, ben en castelán ou en galego, respectando por igual a falantes dunha ou doutra e dando deste xeito un servizo adecuado a cidadanía, como ven sendo. Non esquezamos o devandito: a inmensa maioría dos gardas civís de Galicia son galegos. Absolutamente todos eles son bilingües. Repetimos: TODOS. Os gardas civís que no son galegos xa deron mostras suficientes de respecto aos galegofalantes. O seu traballo é dunha calidade incuestionable.

Por respecto a este pobo, para moitos o noso pobo, esiximos que os trámites de recollida de denuncias, etc., estean nas dúas linguas. (Artigos 3.1 pero tamén o 3.2 da Constitución e o 5 do noso Estatuto) O contrario sería un grave menosprezo, unha indignidade, unha intolerable marxinación aos cidadáns. E todos eles pagan para ter un servizo policial de calidade que non pode ser mellor en función da súa lingua.

UGC-Galicia recomenda a estas persoas que abandonen a súa belixerancia reaccionaria, as súas ideas fascistas contra o galego. Deben reconsiderar a súa postura, respectar a Constitución, entender o significado da fermosa palabra “tolerancia” e “respecto” polos demais. Opinen sobre Galicia e a súa lingua (a románica máis vella da península que falamos dende máis dun milenio) pero fágano con coñecementos previos. En Euskadi e en Cataluña talvez non haxa moitos bilingües. Aquí somos a inmensa maioría.

Comentarios (2) - Categoría: Opinión - Publicado o 18-08-2007 23:52
# Ligazón permanente a este artigo
Valer para Valedor
GALICIA HOXE
ANXO TARRÍO VARELA
de letras e de signos
Valer para Valedor


Agora resulta que hai uns días o recentemente nomeado Valedor do Pobo, fixo unhas desafortunadas declaracións acerca do uso da lingua galega na xudicatura e no ensino, ao afirmar que pode ser "perigosa" á hora de xulgar nun acto xudicial e inducir ao "odio" no caso de un estudante suspender a materia de galego.

Eu non sei de ningunha lingua que sexa "perigosa" en si mesma, agás no caso de que se faga un uso dela para escarnecer o interlocutor, e nese caso calquera lingua é perigosa, pois todas teñen abondos recursos de escarnio e maldicir que poden mover á violencia verbal e mesmo física. Un bo exemplo son as palabras de Benigno López, pronunciadas en castelán contra a lingua galega. Pronunciadas en castelán, repito, unha lingua, a castelá, moi apreciada por este cronista, que por algo se doutorou cunha tese sobre a novelísticas de Pérez Galdós.

Tampouco non coñezo ningún exemplo de xenreira contra a lingua do seu país por parte de estudantes ingleses, franceses, nicaraguanos, castelán, cataláns, chineses, etc., por térenlle suspendido os seus profesores a materia das gramáticas correspondentes. E nisto hai por parte do Valedor un prexuízo agochado, segundo o cal o mellor galego é o que falan os falantes de sempre, cos seus castelanismos, vulgarismos e demais trazos incultos, e que, polo tanto, deberían ser aprobados de antemán na materia curricular de Lingua Galega (nisto, o noso Valedor equipárase a aquel portugués que se se asombraba de que todos os nenos de Francia, dende a máis tenra infancia, soubesen falar francés). Gordo erro, pois a lingua culta de calquera país dista sempre moito da realidade falada. Unha realidade que cómpre respectar porque é a que permite a comunicación cotiá nunha vecindade non moi sabia en cuestións filolóxicas e literarias, pero que non abonda para a expresión culta, como lle ocorre a calquera lingua.

Abra os oídos o noso Valedor e déase unha volta polas terras de Castela ou de León ou de Andalucía, a ver que castelán escoita falar. Ou por Gales, Escocia ou Inglaterra, a ver que inglés se fala. Eu pódolle asegurar que oín cousas que apenas se poderían identificar como castelán ou inglés, e moito menos como comportamentos lingüísticos paradigmáticos, simplemente porque quen emitiu esas frases non pasou polas aulas, ou tendo pasado por elas utiliza rexistros diferentes segundo a situación e o contexto nos que teña que se desenvolver.

Fala o Valedor do galego como "una lengua tremendamente hermosa", tópico moi desafortunado que mesmo utilizou Rosalía pero que axudou a marxinar a lingua propia de Galicia. As linguas non son fermosas nin feas, simplemente depende do rexistro que se pulse. Aplicarlle sistematicamente o adxectivo "fermosa" é como dicir das mulleres que son o "belo sexo" e o "sexo débil", ou dos negros que son unha raza só axeitada para o deporte ou o "jazz" ou o "soul". En calquera caso, trátase de encasular o obxecto de definición para inmobilizalo ideolóxica e politicamente, subilo a unha peana, ou, como ocorre co traxe "regional", quitarlle o pó un par de veces ao ano e levalo en procesión ou de romaría.

Non nos valen, señor Valedor, as súas razóns. E mire de valernos de verdade diante dos que quererían facer da lingua galega un instrumento folclórico de vitrina museística para amosarlles aos turistas. E pense que a lingua é como o pan de cada día. Non o estrague.
Comentarios (1) - Categoría: Opinión - Publicado o 10-08-2007 11:12
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal