Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web





O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Expertos de Euskadi, Cataluña e Galicia reflexionan sobre a normalización lingüística
GALICIA HOXE - SANTIAGO. EP


Un grupo de expertos en socioloxía, intervención, participación e comunicación de Cataluña, Madrid, El Salvador, Euskadi e Galicia participará desde este mércores e ata o venres no IX Curso de verán 'Traballando en lingua', que reflexionará sobre a procura dunha maior implicación e participación no proceso social de normalización lingüística.

O curso celébrase no Forum Carballo, na Coruña, e está organizado pola Universidade da Coruña, a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL), a Xunta e o propio concello de Carballo.

Neste foro, diversos representantes de asociacións, entidades, colectivos sociais e xuvenís e de servizos e equipos de normalización abordarán diferentes temáticas sobre este proceso social baixo epígrafes como a importancia da democracia implicativa, experiencias de implicación desde a base ou desde entidades, a participación na dinamización en Euskal Herria ou as potencialidades do 'xogo serio' para a implicación nos diversos proxectos.

O obxectivo principal será a reflexión sobre o papel central e a participación e o traballo colaborativo nos procesos de cambio social e diversas formas de buscar apoio e implicación na dinamización lingüística.

Entre os expertos que acudirán a Carballo desde este mércores estarán a arquitecta salvadoreña Alicia Tenze da Rede Cimas, que falará sobre métodos e estratexias de implicación, ou Xavier Campos, que falará do proxecto Sonda Norte de Ribadeo.

Outros conferenciantes serán Txerra Rodríguez, técnico da cooperativa vasca Emun, a consultora catalá en xestión pública e participación cidadá, Marta Martorell, ou o coach madrileño Carlos Martínez, entre outros.

A inauguración, que será este mércores ás 10.30 horas, contará coa presenza do rexedor local de Carballo, Evencio Ferrero, a subdirectora xeral de Política Lingüística, Concepción García Vaamonde, o presidente de CTNL, Nel Vidal, e o catedrático de Filoloxía Galega Xosé Ramon Freixeiro.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-07-2013 22:02
# Ligazón permanente a este artigo
A Asociación de Medios en Galego presentouse aos catro Grupos Parlamentares
Redacción Praza Pública | @prazapublica


A recentemente constituida Asociación de Medios en Galego mantivo este martes 16 de xullo o seu primeiro contacto cos 4 grupos parlamentares galegos. Varios membros da entidade tiveron reunións no Parlamento Galego con representantes do PSdG, BNG, AGE e PP, ademais doutra cita co Colexio de Xornalistas.

A entidade presentou as súas liñas estratéxicas de actuación. Unhas propostas que sempre van encamiñadas ao mantemento, promoción e dignificación da lingua galega, á súa presencia nos medios, así como a profesionalización do sector. A organización propón establecer un marco de relacións entre institucións e medios que abranga tres lexislaturas. Así mesmo, avanzou a súa intención de comezar a traballar consensuadamente na creación dunha Lei de Publicidade Institucional, unha vez que o actual Decreto rexe dende o ano 1999, cando a realidade mediática do país era singularmente diferente.

A resposta dos diferentes grupos foi positiva. A primeira reunión celebrouse co PSdG. Pablo García, Abel Losada e Manel Gallego escoitaron as súas propostas e trasladaron a súa receptividade e disposición a facer de “altofalante” no Parlamento. Pola súa banda, Xesús Ron e Ramón Vázquez, de AGE, foron tamén receptivos coas suxestións. Por parte do BNG, foron Monste Prado e Francisco Jorquera os que escoitaron aos voceiros da entidade e amosaron a súa “plena disposición a apoiar”. Mentres que Pedro Puy, Marta Rodríguez Arias e José Manuel Agra amosaron a intención do Grupo Parlamentario Popular a analizar as proposicións da Asociación.

Se ben a Asociación de Medios en Galego segue en proceso de crecemento, a día de hoxe está formada por 15 medios (Galicia Confidencial, Tempos Novos, Novas da Galicia, Radiofusión, rede de emisoras municipais galegas, Praza Pública, Valmiñor.info, Quepasanacosta.com, xornal dixital da Costa da Morte, Certo, Xornal da Barbanza, Compas da Costa, revista dixital da Costa da Morte, Sermos Galiza, Cadernos de Comunicación e Análise, Terra Chá Xa, A Voz de Vilalba, Cronica 3, xornal dixital da Mariña Lucense e A Nova Peneira).
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 17-07-2013 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
“É unha mágoa que un cómic no que puxemos tantas ganas estea nun limbo editorial
Praza Pública

© culturagalega.org


Nunha entrevista recente, David Rubín referíase a Uxío Novoneyra: A voz herdada, coma a súa obra “fantasma”. O álbum, froito da colaboración entre Rubín e o guionista Kike Benlloch, foi publicado pola Xunta de Galicia en 2010, ano no que o Día das Letras Galegas estaba dedicado ao poeta do Courel. O feito de non contar cunha distribución comercial limitou a difusión da obra, sendo hoxe un título escasamente coñecido tanto dentro coma fóra de Galicia. Nas seguintes liñas os autores conversan sobre como foi o proceso de elaboración da obra e o que aconteceu coa súa posterior distribución. Ambos amósanse moi satisfeitos co seu traballo e non descartan unha futura reedición.

Como xurdiu a idea de facer un cómic centrado na figura de Uxío Novoneyra?

David Rubín (DR): O proxecto de facer un cómic sobre Novoneyra foi da Xunta. Propuxéronmo a min e a varios autores máis. Avisei a Kike e convideino a traballar xuntos nisto, xa que me apetecía volver colaborar con el. Preparamos un dossier coa proposta do álbum e enviámolo no prazo marcado. Pouco despois dixéronnos que a nosa proposta era a que ía adiante e puxémonos a traballar no álbum.

Como foi o reparto de tarefas entre vós?

DR: Cando lle propuxen que colaboraramos, Kike presentoume dúas ou tres propostas argumentais para pór en marcha o proxecto e eu elixín esta.

Kike Benlloch (KB): Eu fixen o guión e David todo o aparato gráfico, desde deseño de personaxes, composición de pranchas, deseño a lapis, tinta, cor, maqueta. Non sei se houbo algún detalle argumental no que David contribuíu, penso que maiormente non. Igual que no sentido contrario, non sei, talvez nun par de páxinas eu lle fixen un bosquexo a David porque tiña claro algún efecto que quería na montaxe de páxina. Mais estes cruzamentos, que noutros traballos son frecuentes, aquí foron escasos. Digamos que A voz herdada é un caso bastante paradigmático de guión dun autor e deseño doutro.

Canto tempo levou o proceso completo de creación?

DR: Pola miña parte, o que foi debuxar, entintar e colorear o álbum foi cousa dun mes ou mes e medio, pero o tempo total foi duns tres ou catro meses máis ou menos, xa que Kike tivo que documentarse moito para escribir o guión.

KB: En e-mails foron máis de oitocentos cruzados entre os dous!


A voz herdada afástase claramente dos esquemas típicos das obras de divulgación. É máis unha ficción que unha biografía.

DR: Cando lle propuxen a Kike a colaboración deixei ben claro que non me interesaba facer un cómic divulgativo ao uso, non estaba interesado en contar en forma de cómic a vida e a obra de Novoneyra. Hai outros cómics xa dese estilo que me parecen un coñazo, porque cargan as tintas na mensaxe, e non na forma de abordar esa mensaxe, de presentala ao lector, de facela atractiva. Por iso me parece brillante a idea de centrar o eixo da historia non en Uxío Novoneyra, senón nun personaxe ficticio, inventado por nós, a quen a obra e a persoa de Novoneyra o acompañan e o fan medrar ao longo da súa vida. No fondo o protagonista é un reflexo do lector do cómic, fai que se identifique con el e co seu xeito de entender e achegarse a obra de Novoneyra e, por tanto, dálle maior transcendencia ao propio Uxío Novoneyra e á súa obra. Moita máis, penso eu, que se simplemente nos limitaramos a contar en viñetas a biografía de Uxío.

A vosa elección permitiuvos ademais introducir outros argumentos.

KB: Eu, persoalmente, alén do autor e da obra, quería falar dunha época. A figura do lector permíteme manter unha distancia prudencial cun personaxe real moi recente e que non me atrevo a ponderar en termos literarios. Sei que Novoneyra fixo un traballo que me parece notable, mais alén do que expertos poidan dicir sobre el e a súa obra, principalmente poética, interésame Novoneyra como un creador do seu tempo, que fai unha migración poderosa do rural ao urbano e da aldea ao universal no contexto dunha posguerra, dunha ditadura e dunha apertura desta última posteriormente. Porque Novoneyra, cando adopta determinadas formas artísticas, ten as raíces moi profundas, nun sentido moi primario, moi real, moi físico e sensorial, chantadas nese contexto da súa infancia. E o percorrido vital e persoal que desenvolve despois toma carices políticos, universalistas e humanistas, mais a esencia está nese rapaz da montaña que tivo unha sensibilidade especial para se espremer a través dos versos. Entón eu o que penso á hora de escribir a historia é concibir un personaxe máis novo ca el, mais que ten, desde o anonimato, unha traxectoria con certos puntos de confluencia e sobre todo, que se ve acompañado polo traballo do poeta nun período de cambio centrado cronoloxicamente nos 60-70-80. Se pensas no teu literato preferido, nun director de cine ou nunha novela que che fixo chorar, esas creadoras e creadores adoitan acompañarte, se non toda a vida, en treitos considerables. Interesábame a figura do lector porque facer unha biografía ao uso podía implicar invadir un terreo que eu quería respectar escrupulosamente, que era o da familia de Novoneyra e o contorno que o estimaba. Mais principalmente, permitíame a min pórme na pel do protagonista e pensar como alguén dunha extracción dalgún xeito semellante á miña pode representar a través da arte estados de ánimo e sentimentos cos que me identifico e explorar un período temporal que lle tocou vivir na realidade aos nosos pais.

A Xunta decidiu distribuír a obra gratuitamente no canto de darlle saída comercial. Foi algo pactado de antemán ou decidiuse con posterioridade?

DR: Foi con posterioridade. Descubrímolo cando, coa obra rematada, eu estaba pechando a maqueta das capas do libro e dinme conta de que non me facilitaran o pvp para incluílo impreso na contracapa. Escribín á persoa da Xunta que facía de interlocutor con nós durante o proceso de creación e díxome que non facía falta, que a edición sería non venal, non era para pór á venda e non chegaría a librarías, senón que se distribuiría gratuitamente en feiras do libro, colexios, institutos e bibliotecas. A Kike e a min non nos pareceu ben. Criamos que, xa que era una tiraxe de 5000 exemplares, polo menos mil poderían ir destinados a librarías con prezo, aínda que fose simbólico, xa que dese modo o público afeito ás nosas obras, o que frecuenta as librerías, podería adquirilo. Ademais penso que é un libro que funcionaría ben en libraría, co cal os libreiros tamén se beneficiarían e o libro cobraría, en xeral, maior relevancia. De feito, Kike e máis eu ata lle propuxemos á Xunta renunciar aos nosos royalties das vendas do libro se con iso se conseguía que unha parte da tiraxe se distribuíse en librarías, pero nin así.

Entendedes que o feito de non poñerse á venda prexudicou a difusión da obra?

DR: O que máis nos importaba era que a obra chegara a xente, que a xente a lera... Pero máis adiante descubrimos con sorpresa que ese ano, nas feiras do libro, na caseta onde en teoría a obra tiña que estar exposta e repartirse de balde á xente, estaba escondida en caixas baixo o mostrador, e á xente que ía a preguntar por ela dicíaselle que non lla podían dar. Os que a conseguiron dese modo, despois de moito insistir, dábanllela pero de mala gana. E logo, durante anos posteriores, fiquei estupefacto cada vez que ía dar unha conferencia a algún centro escolar de Galicia e vía que non só non tiñan A voz herdada na biblioteca, senón que os encargados da mesma incluso descoñecían a existencia do libro. Tamén, meses despois da saída do libro, chegáronnos a Kike e mais a min moitos e-mails de profesores de centros escolares galegos preguntándonos cómo podían facer para conseguir o libro para as súas bibliotecas... Non se ía distribuír por todos os centros escolares de Galicia? Kike e máis eu decidimos facilitarlles a algúns deses centros exemplares dos que acostuman darche de cortesía cada vez que sae un libro teu. Non sei se a mala distribución que tivo o libro se debeu a desleixo, a intereses ocultos ou a que precisaban eses exemplares para a biblioteca pantasma que teñen na Cidade da Cultura. Pero é unha verdadeira mágoa que un cómic no que Kike e máis eu puxemos tantas ganas e bo facer estea, a día de hoxe, nunha especie de limbo editorial, cando outros tebeos nosos se contan en miles polas súas boas vendas e repercusión. Non o entendo.

KB: Eu entendo que por parte da Administración non había un compromiso explícito de darlle unha saída comercial á obra. A clave que se manexaba era distinta e non me parece mal. As edicións institucionais teñen vantaxes e inconvenientes... Podo lamentar determinados aspectos e entendo a frustración que a David lle pode provocar, mais ás veces hai condicionantes dos que ti non te dás conta desde o outro lado da barreira. A distribución comercial implica facturar, escoller distribuidora, etc. Pode haber mil motivos polos que non se opta por esa saída. O que teño é a sensación de que respecto do que se falou explicitamente, o departamento cumpriu. Malia eivas menores, teño un bo recordo de todo o proceso e nada que me impedise volver facer un traballo en condicións semellantes. O que se propuxo contractualmente cumpriuse. A obra saíu ben, a impresión tamén... Respectouse a integridade do noso traballo artístico. Entendo a perspectiva de David, o que pasa é que eu penso en todo canto saíu ben, e o conxunto considéroo tan positivo que chego a desculpar isto.

Atopades necesarios o proxectos promovidos institucionalmente coma este?

KB: Acho que si, ten que habelos, por que non? Os proxectos institucionais débense xulgar pola mesma vara que os que non o son. O traballo ou é bo ou non, mais non vexo motivo para que só o sector privado poda promulgar creación artística.

DR: Eu penso que promover dende os gobernos e as institucións proxectos culturais coma estes é bo sempre e cando logo se distribúa ben e se lle dea a coñecer á xente, que non foi o caso da nosa obra. Proxectos coma este fanse con cartos públicos, pagámolos todos e todas e a xente ten dereito a gozar do que se fai co diñeiro dos seus impostos.


E non pode verse limitada nalgún caso a liberdade creativa?

DR: A nós polo menos non nos limitou en nada. Fixemos o tebeo que queriamos facer e así se editou. O problema non radicou na produción da obra, senón na distribución unha vez rematado o traballo.

KB: Limítase quen a si mesmo se autocensura ou quen, no caso oposto, se ve abocado a aceptar presións externas. Felizmente no noso caso nin unha cousa nin a outra, todo foi perfecto porque nada da carga ideolóxica que a figura real retratada levaba consigo foi un problema. Non penso que haxa unha fórmula ideal para estes traballos, realmente tes que ver caso por caso. Nós os dous non somos autores mercenarios. Podes chamarnos e encomendarnos un labor profesional, até aí de acordo, mais nunca fariamos intencionadamente nada que fose contra a nosa liberdade creativa nin contra os nosos principios, nin nada que fose unha vergonza en termos de calidade. Penso que o que tes que facer cando tes unha encomenda así é pensar como farías ti isto se non houbese detrás unha institución. Claro que axustas a narración ao pensar que franxa de idade poden ler a obra, en que coordenadas como as educativas se pode empregar o traballo. Claro que non procuras os ángulos mais ferintes dos feitos ou persoas retratados... Mais hai unha honestidade con aquilo que tes que contar que é irrenunciable. Se non, mellor non o fagas.


Os dous parecedes moi satisfeitos con esta obra.

KB: Ao falarmos deste traballo penso en termos de produto artístico e digo "saíu exactamente como o tiña pensado". É o que mais me importa... Pensemos na perspectiva maior, a min a Xunta brindoume a posibilidade de contar unha historia que toca uns paus moi sensibles para min persoalmente e permitiume facer un álbum con David, algo co que non conto con volver facer. Abordei este álbum pensando que quería facer algo bo, o mellor que puidese dar de min. Pensei que este libro ía levar a miña sinatura na tapa, que tiña que ser algo do que me sentise satisfeito e orgulloso, lésese en Galiza ou na China, fose nun contexto escolar, académico ou deitado na praia, sendo a semana das Letras ou sendo o outro extremo do ano. Pensei que debía un respecto a Novoneyra e ás persoas anónimas que acompañaron o seu tempo, a era que abordamos. Cando fago un cómic longo cun artista estou tomando un anaco do que levo dentro e o estou poñéndoo dentro do libro. Ás veces será unha "road movie", outras a historia dun tatuador, un relato da emigración... e outras a vida dun poeta. Mais se ollo para estes títulos pasados os anos e aínda me transmiten e me vexo reflectido neles, a min é o que me vale. Foi unha ocasión felicísima e aínda que fose capítulo fechado e non se puidese reeditar (que penso que si se poderá, xa que os propietarios da obra somos David e máis eu) non cargaría as tintas no aspecto da distribución... Se o futuro nos depara unha vida ulterior da obra, pois xenial, mais céntrome en contar o que representou para min en termos de guionista e de autor de banda deseñada.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-07-2013 16:36
# Ligazón permanente a este artigo
Galicia reivindica a Rosalía aos 128 anos do seu pasamento
A Casa Museo de Padrón acolleu o acto de homenaxe á escritora

UXÍA LÓPEZ - Padrón / La Voz 16 de julio de 2013

No acto recitáronse os poemas gañadores do premio de poesía promovido por Ámbito Cultural. MERCE ARES


Cunha «tarde de palabras e música» Galicia conmemorou onte en Padrón o 128 cabodano de Rosalía de Castro nun acto na Casa Museo da Matanza, na que viviu os últimos anos da súa vida, e no que non se lembrou a súa perda senón a «permanencia da súa altísima obra; do seu pensamento feminista; do seu compromiso con Galicia e coas clases máis desfavorecidas», segundo se dixo nas diversas intervencións.
Coa presenza de personalidades da cultura e da política autonómica e local, xunto con cidadáns de a pe, o acto serviu, ademais, para presentar o primeiro Premio Escolar Rosalía de Castro e os poemas gañadores desta edición, que foron recitados polas súas autoras. Sobre este premio falou José Manuel Blanco Aldariz, director de comunicación e relacións externas de El Corte Inglés en Galicia (que o promove a través de Ámbito Cultural), quen apostou pola permanencia do certame no futuro para «acadar o obxectivo deste ano: destapar a creatividade dos mozos galegos» inspirada en Rosalía de Castro.
Pola súa banda, a profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro falou da vixencia de Cantares Gallegos e asegurou que «a mensaxe de fondo» da obra rosaliana «non caducou e é ampliable ao mundo actual». Como era de agardar, o acto na horta da Casa Museo da Matanza tivo tempo para, da man do académico Xosé Luís Axeitos, celebrar a recente descuberta en Vigo (cualificada como «todo un fito») dun exemplar único da primeira edición de Cantares Gallegos.
Para rematar, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, quixo explicar ao numeroso público presente o que fixo a entidade no último ano, que cualificou como «intenso, de moita dedicación e traballo», e tamén os plans para o futuro inmediato.
Entre eles, falou do «empeño por continuar as obras na Casa Museo da Matanza e levar adiante un proxecto de renovación museográfica».
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 16-07-2013 11:52
# Ligazón permanente a este artigo
A Irmandade que levou o galego ao xuízo do Prestige
Redacción prazapublica



Malia que semella que debería ser tratado con normalidade, os feitos revelan que non o é tanto. O macroxuízo pola catástrofe da Prestige rematou esta semana e quedou visto para sentenza máis de dez anos despois de que a marea negra cubrise as costas galegas. Nikolaos Argyropoulos, xefe de máquinas do buque, aproveitou a quenda de última palabra para pedir "perdón" a Galicia polos danos causados. Ao tempo, a defensa do ex director xeral da Mariña Mercante e outro dos acusados, José Luis López Sors, presentou as súas conclusións para xustificar o afastamento do barco ante o risco de "afundimento inminente" do petroleiro e asegando que achegalo á beiras podería ter tido peores consecuencias. Fíxoo a letrada Consuelo Castro, xefa territorial en Galicia da Avogacía do Estado, e fíxoo en galego.

A avogada empregou a lingua propia -ao igual que outros letrados durante o xuízo celebrado na Coruña- malia que López Sors pedira a interpretación simultánea durante as súas comparecencias alegando que non entendía correctamente o galego. E solicitárao malia ser nado en Ferrol e exercer boa parte da súa carreira profesional en Galicia. Interveu con auriculares e chegou a pedir que lle subisen o volume por non comprender ben as intervencións da acusación, unha polémica que foi vista por moitos como un intento de desviar a atención ou incluso de provocar.

Respondeu, xa que logo, López Sors en castelán e logo de interpretación simultánea ás preguntas doutro letrado, o de Nunca Máis, que tamén interveu en lingua galega durante o xuízo do Prestige. Pedro Trepat foi un dos que empregou o idioma propio durante un macroxuízo no que tamén se puido escoitar o galego de boca doutros letrados como Xosé Avelino Ochoa, Alejandro Martín e Miguel A. Fernández. Todos eles compartían unha insignia na súa toga, na que se representa un dolmen, o símbolo da Irmandade Xurídica Galega.

Constituída o 21 de xuño 2008 logo dun acto en Celanova, esta Irmandade aglutina máis de vinte xuristas (entre maxistrados, xuíces, fiscais e avogados), así como funcionarios xudiciais. Todos eles partidarios e defensores do uso da lingua galega na súa actividade profesional e continuadores dunha tradición que comezaran Sebastián Martínez Risco, Roberto González Pastoriza, Ramón Carballal Pernas, Valentín Paz Andrade, Lois Peña Novo ou Arturo Noguerol, que forman parte dunha ampla nómina de funcionarios xudiciais e avogados que quixeron restablecer o uso da lingua galega nas instancias xudiciais, continuando cunha tradición interrompida durante séculos, cortada de raíz co golpe de estado fascista de 1936 e que logo continuarían Daniel García Ramos, Orencio Pérez González, Xosé Luís Albés López, Xosé Xoán Barreiro Prado, Fernando Leiceaga, Luciano Varela Castro ou os fiscais Benito Montero Prego, Xoán Horro González e Carlos Varela García.

Agora, son varios os funcionarios xudiciais que comparten a toga da Irmandade Xurídica Galega e defenden o uso da lingua propia do país nun ámbito, o xudicial, onde o idioma está tan esquecido e minorizado. Incluso nun macroxuízo como o do Prestige, centrado basicamente en Galicia e en protagonistas galegos, o galego non foi maioritario. Pero si foi importante grazas á naturalidade (e tamén compromiso) destes avogados que locen un dolmen como insignia.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 15-07-2013 10:18
# Ligazón permanente a este artigo
Localizada unha foto inédita de Rosalía de Castro e un exemplar de 'Cantares Gallegos' cun autógrafo da poeta


Tamén apareceu unha carta de Fernán Caballero.

GALICIA HOXE - SANTIAGO. EP | 13.07.2013


O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, anunciou este venres o achado dun exemplar único da primeira edición do libro 'Cantares Gallegos', que inclúe unha fotografía inédita da poeta, un autógrafo e unha carta de Fernán Caballero á autora.

Esta peza, de "extraordinario valor", será exposta dentro da mostra 'Non principio foi ou verso. Rosalía de Castro', que organiza a Fundación Barrié de Vigo en colaboración coa Fundación Rosalía.

De feito, a localización deste libro foi posible grazas á propia mostra, dado que un dos asistentes se decatou ao visitala da importancia dun libro da súa propia biblioteca.

Tras o peche desta exposición, o 15 de setembro, o exemplar será exposto na Casa-Museo de Rosalía, despois de acometer as obras de adecuación museográfica previstas para finais deste ano. Tanto a adquisición do libro como a súa instalación na exposición foron financiadas pola Fundación Barrié.

DOCUMENTOS LOCALIZADOS

Fernán Caballero é o pseudónimo da escritora española Cecilia Böhl de Faber, a quen Rosalía dedica Cantares Gallegos. No libro agora atopado hai unha transcrición da carta de agradecemento de Fernán Caballero a esta dedicatoria, copiada por Ramón Segade.

Pola súa banda, a fotografía incluída no libro, descoñecida ata o momento, mostra a Rosalía en torno ao ano 1863, data de publicación de Cantares Gallegos.

Segundo recordou a Fundación Rosalía, hai "moi poucos poemas autografiados" de Rosalía, e o localizado neste exemplar é o único de Cantares. En concreto, trátase dos 16 primeiros versos do poema inicial do libro, asinados por ela mesma probablemente como un regalo para o propietario.

Segundo un estudio de Anxo Angueira, é "moi probable" que o propietario inicial do libro fose Ramón Segade Campoamor, un escritor e novelista galego amigo da infancia de Manuel Murguía e que tiña estreita relación con Rosalía.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 14-07-2013 11:36
# Ligazón permanente a este artigo
A Mesa denuncia que UNED obriga nos exames a dicir que 'Carballino' ou 'Arteijo' son formas correctas
SERMOS GALIZA


A Mesa denunciou que os manuais da Universidade a Distancia aconsellan aos xornalistas “non respectaren a toponimia legal, argumentando que estas formas só se deben usar nos ámbitos oficiais”

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de facer públicas as queixas recibidas por parte de alumnado da UNED que viu “con abraio” como nos manuais e nos exames da materia 'Comunicación Oral y Escrita en Lengua Española II' recollíase unha listaxe de topónimos galegos nos que as formas xenuinas e oficiais “eran marcadas como incorrectas e se prescribía a súa substitución polas formas deturpadas en español”.

Segundo denuncia A Mesa, tanto nos exercicios como nos exames da materia, o alumnado vese obrigado a corrixir Ourense por *Orense, Arteixo por *Arteijo, Poio por *Poyo, O Carballiño por *Carballino ou Ponteareas por *Puenteareas, que son as formas sinaladas como 'correctas' no manual.

“Absurdo”

Alén diso, A Mesa denuncia que nese manual “dase a entender” que só as administracións deben respectar a legalidade no que aos topónimos se refire, diferenciando entre “uso oficial” e “uso xeral”: “Tan absurdo es oponerse a un uso aprobado por ley como pretender que tal uso se extienda por sistema a los ámbitos no oficiales”, sinalan neste libro da UNED, para despois criticar os medios de comunicación que respectan a legalidade.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 10-07-2013 09:23
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal