Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra


LEGA: lecer galego (e en galego) promovido por GalegoLab
A plataforma busca levar o galego a aquelas áreas onde a súa presenza é escasa nun momento onde se debate nos medios dixitais galegos sobre a pertinencia de establecermos uns límites -autoimpostos- para o uso e promoción do galego. Xogos, fitness ou astronomía son algunhas das ofertas dispoñibles para todas as idades.

Por Paco Gallego | Santiago de Compostela | 30/07/2012


A polémica xurdida pola imaxe do cartel do Festigal 2012 ou a aparición da nosa revista-sección GC Tendencias están a aflorar diferentes visións á hora de normalizarmos o noso idioma e promover socialmente a cultura desenvolvida nel dende os propios sectores comprometidos coa lingua. Son visións que agochan actitudes, e son actitudes que descargan, asemade, a responsabilidade do fracaso normalizador galego en quen dirixiu décadas as institucións públicas galegas, esquecendo que os momentos de maior rexeitamento social á lingua apareceron baixo outras forzas políticas responsables de poñerlle o camiño moi doado a quen quería forzar pasos regresivos insólitos neste proceso.

Por unha banda, existe un sector protagonista en moitas iniciativas populares -ou parlamentarias- de promoción do galego que entende que existen límites de tipo cultural (relacionados coa orixe allea do xénero ou disciplina artística en cuestión) ou lingüístico-sectorial (relativo á oportunidade ou non de expresarmos en galego cuestións relativas á moda, por exemplo, ou a empresas e marcas galegas con denominación en español).

Pola outra, existen iniciativas de tipo práctico que introducen o galego en aquelas áreas, disciplinas ou temáticas onde está excluído ou o seu uso é residual. GC Tendencias é unha delas. LEGA, Lecer Galego, de GalegoLab, outra delas.

A fins do mes de xuño presentouse de forma oficial LEGA (Lecer galego), un proxecto de GalegoLab que pon a disposición da sociedade galega recursos lúdicos dixitais naquelas áreas onde a presenza do galego sexa baixa ou escasa, xerando estes contidos baixo licenzas libres maioritariamente que permitan a súa libre distribución e uso.

A presentación correu a cargo de Cani Martínez, Carlos Ares e Xoán Antón Pérez Lema, membros da directiva de GalegoLab e Xabier Seixo, encargado de desenvolver LEGA. Pódese acceder á plataforma no enderezo http://lega.galegolab.com/

A web de LEGA divídese en catro apartados principais: ludoteca, discoteca, filmoteca e discoteca. Neste último pódese descargar de xeito totalmente gratuíto Galegogym, un cd de música galega, en Creative Commons, para facer fitness en galego, que contou coa colaboración de artistas como GalegoZ, Zimmer 103 e Projecto Mourente. Este é o enlace de descarga directa.

A ludoteca está, polo de agora, adicada ós máis pequenos e pequenas, que poden xogar, na nosa lingua, a Frozen Bubble e Childsplay.

Pola súa banda, a filmoteca permite o visionado de Sintel, unha curtametraxe de animación desenvolvida pola fundación Blender. Esta conta a historia dunha adolescente chamada Sintel que percorre o mundo na busca dun dragón chamado Scales, ó que coñecera cando este era pequeno. Scales é capturado por outro dragón, e Sintel comeza a súa busca, que a leva a percorrer o mundo na súa procura.

Asemade, está xa accesible a páxina web Astronomía básica, un recurso de astronomía orientado a todas aquelas persoas que se queiran iniciar na astronomía. O proxecto consta de material dixital de astronomía, unha guía de astronomía básica e un dvd do sistema operativo Ubuntu en galego -que inclúe ademais unha guía de uso-, totalmente funcional para usos xenéricos, e modificado de tal xeito que se engaden tanto programas de astronomía en galego de mapas e atlas celestes (Stellarium e Cellestia). Está completamente en galego (o software, navegador web, procesador de textos, reprodutor de vídeo e audio…) e cabe tamén destacar que se pode executar sen instalar.

Astronomía básica levouse a cabo en colaboración con Astronomía na Beirarrúa, un proxecto nacido dentro da Universidade de Santiago de Compostela e que ao longo destes últimos anos leva traballando para achegar a astronomía dun xeito lúdico e participativo.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 30-07-2012 22:20
# Ligazón permanente a este artigo
Doutora do SERGAS esixe a familiares dun moribundo que non falen en galego
“No te tengo por qué entender y me tienes que hablar en castellano”, exixiu a doutora cando realizaba a atención no domicilio do paciente, en Oleiros. A Mesa reclama “unha investigación a fondo e medidas disciplinarias” e responsabiliza a Núñez Feijóo desta “maré de discriminacións contra o galego na Administración autonómica”.

Por Galicia Confidencial | | 26/07/2012


Segundo denunciaron perante A Mesa e a Xunta os familiares dun ancián recentemente falecido, unha doutora do servizo de emerxencias do SERGAS en Oleiros pediu aos familiares do moribundo que non lle falasen en gaelgo. “No te tengo por qué entender y me tienes que hablar en castellano” dixo segundo os denunciantes.

A Mesa reclama que o SERGAS responda a esta denuncia cunha “investigación a fondo e as medidas disciplinarias correspondentes” xa que se trata dunha “discriminación moi grave, non só no plano lingüístico, pois prodúcese nunha situación de especial vulnerabilidade”. Ademais, a maior asociación cultural do país responsabiliza directamente ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de que haxa unha “maré de discriminacións contra o galego na Administración autonómica”, froito das “reiteradas mensaxes galegófobas do goberno”.

Velaquí o escrito de denuncia que entregou un familiar afectado perante a Xunta:

Quero presentar unha queixa contra a actuación dunha médico do servizo de urxencias sanitarias do Sergas por uns feitos producidos o día 29 de xuño de 2012 (a médico anotou o día 26/06/12). Segundo o parte que lles adxunto chámase Isabel Álvarez. Previamente a asinar este, negouse a se identificar por nome ou número de empregada.

O suceso tivo lugar [...] no concello de Oleiros. Esta vivenda é propiedade do meu tío materno e a súa muller. Meu avó materno, que é o paciente identificado na “HISTORIA CLÍNICA DE EMERGENCIAS”, estaba a convulsionar e todo indicaba que ía morrer en breve. Con 89 anos, padecía un cancro de páncreas con metástase en fígado e ril esquerdo, e en sucesivas consultas de emerxencias no CHUAC polas complicacións da súa enfermidade, xa nos informaran reiteradas veces de que estaba en fase terminal.

Tras solicitar asistencia médica, presentáronse a médico identificada como “Isabel Álvarez” e dous homes, supoño que enfermeiros ou técnicos sanitarios. Recibinos eu mesmo e indiqueilles que meu avó estaba a morrer. Os tres entraron no domicilio e no cuarto en que el se atopaba. Na casa tamén estaban presentes meus pais e meus tíos. A médico comezou a dicir “sí, se está muriendo” e fíxenlle xestos para que falase en voz baixa, posto que tan só uns minutos antes meu avó dera sinais de ser quen de entender o que se lle dicía. Ela dixo “no escucha”, pero saíu fóra do cuarto e preguntou que medicación tomaba. Eu indiqueille que o máis relevante seguramente fosen uns parches dun derivado da morfina que nos deran para tratarlle a dor, e miña tía foi buscar os papeis onde tiña anotados o resto de medicamentos, que agás outro sedante en forma de comprimido, non tiñan relación co cancro. Ela dixo que se a situación se alongaba podía darlle algo máis para non prolongar o sofremento.

A médico dirixiuse a min novamente para me preguntar cando dera sinais de ter dificultades para respirar, e cando comecei a respostar cortoume dicindo “Hábleme en castellano”, ao que eu respostei “Como?”, sinxelamente porque non o agardaba. Ela respostou “Que si me puede hablar en castellano”. A miña resposta foi: “Non, e en todo caso sería eu quen lle podería pedir que me atendese en galego, pero non é o intre de falar diso”. Ela reaccionou erguendo a voz e dicindo de xeito chulesco “Mira, es que no te tengo por qué entender y me tienes que hablar en castellano porque no soy gallega”. Eu resposteille dicindo que eu falaba como me daba a gana, que se traballaba aquí tiña que saber galego –posto que teño entendido que se esixe cando menos un certificado do CELGA para traballar no SERGAS–, e pedíndolle o seu nome ou número de identificación para pór unha queixa contra ela. A súa resposta foi dirixirse aos meus tíos e dicirlles case berrando: “Saquen a esta persona de aquí”. A resposta da miña tía foi que non me podían sacar de alí porque estaba na miña casa. Eu deille as costas, para evitar unha discusión absurda que puidese chegar a prexudicar a meu avó e achegueime á entrada do cuarto onde el seguía a afogar. Meus pais e tíos amosáronlle o listado de medicamentos que tomaba, mentres ela non lles facía caso e dicía “Debe estar muy nervioso, ¿no?” e outras cousas semellantes en vez de atender a situación. En minutos, meu avó morreu, antes de que se lle subministrase nada.

Considero que o feito de que unha empregada pública do Servizo Galego de Saúde esixa que empregue o castelán é unha vulneración moi seria dos meus dereitos lingüísticos. Coido que non foi honesta ao dicir que non entendía, pero tanto se realmente é así como se actuou por fanatismo ou odio contra o galego penso que non debería estar a traballar no SERGAS. O que si deixou moi claro é que estaba máis que disposta a aproveitar unha situación tráxica para tentar imporse, chegando ao extremo de pretender que se me afastase do leito de morte do meu avó.

Solicito a apertura dun expediente disciplinario contra esta persoa e que se lle apliquen as sancións que correspondan, posto que as circunstancias fan que a maiores dun ataque grave aos meus dereitos ligüísticos tamén se poida falar de danos morais graves. Podo presentar testemuñas do acontecido e querería ser informado das medidas adoptadas.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 27-07-2012 15:48
# Ligazón permanente a este artigo
A Xustiza frea á 'Mesa por la Libertad Lingüística'
prazapública

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A comezos de 2008 o decreto da Xunta que establecía un "mínimo" do 50% de materias escolares en lingua galega daba os seus primeiros pasos. Canda el iniciaban tamén a súa actividade pública pequenos grupos opostos ás medidas de normalización da lingua galega. Con denominacións diversas, como Tan gallego como el gallego, Vigueses por la libertad, Galicia Bilingüe ou Mesa por la Libertad Lingüística, tentaron, con desigual éxito, situar na opinión pública e na axenda dos medios de comunicación un suposto conflito derivado da "imposición do galego" e da ausencia de "liberdade", no país en xeral e no ensino en particular. As proclamas destes grupos centráronse inicialmente en internet, se ben co tempo exploraron tamén a vía da mobilización da rúa, que só alcanzaría unha relativa repercusión o 8 de febreiro de 2009, dúas semanas antes do inicio da campaña electoral galega, cando Galicia Bilingüe se manifestou en Compostela acompañada por diversos cargos do PPdeG e pola líder de UPyD, Rosa Díez.

Os convocantes denunciaban unha suposta "prohibición do español"

Xusto un ano antes, o 8 de febreiro de 2008, a autodenominada Mesa por la Libertad Lingüística organizou outra mobilización outra protesta, neste caso na Coruña e coincidindo tamén cun período previo a unhas eleccións, as xerais do 14 de marzo dese ano. Baixo o lema Por la libertad lingüística. No a la imposición animaban a concentrarse no Obelisco, no centro da cidade, chamando a aproveitar a "oportunidade electoral" para non "resignarse á asimilación nacionalista", nunha convocatoria na que denunciaban unha suposta "lingucracia", réxime caracterizado, sempre segundo este colectivo, pola "prohibición do español nas aulas" ou o intento de "convencer" os escolares "de que o seu país non existe". Con este rechamante argumentario uns setenta partidarios deste grupo acudiron á cita e, á mesma hora, algo máis de cen persoas concentráronse no mesmo lugar coreando consignas como "na Galiza, en galego". Ese encontro foi o xermolo dun proceso xudicial que vén de rematar, en forma de sobresemento e, polo tanto, de freo aos representantes da Mesa por la Libertad.

Tras un intercambio de berros e asubíos, unha ducia de axentes da Policía Nacional presentes no acto decidiron intervir cargando contra os segundos concentrados por non estar a súa protesta previamente autorizada. Segundo recolleu o propio atestado policial, os incidentes no lugar non foron a máis. Pero pouco despois a devandita Mesa por la libertad interpuxo unha denuncia contra os "vociferantes", a quen atribuíu "disciplina" e "organización", en contraste coa "liberdade anárquica" que, aseguraban, tiñan os seus partidarios. Entre acusacións de "permisividade" dirixidas á propia Policía, o texto da denuncia, a cuxo contido puido acceder Praza Pública, culminaba atribuíndolles aos concentrados un delito de "manifestación ilegal".
Imputacións a membros de colectivos culturais e políticos

Das vinte e cinco persoas imputadas, só dez estiveran no lugar dos feitos

Esta denuncia supuxo o punto de arranque dun proceso polo que comezaron a ser citados, en calidade de imputados, representantes dun amplo abano de colectivos culturais e políticos con presenza na Coruña. No caso concreto dun deles, Briga, esta cita derivou nunha sucesión de oficios e requisitorias por diversos puntos do Estado, co conseguinte gasto para a Administración de Xustiza. Neste contexto, a nómina de imputados chegou a sumar vinte e cinco persoas, das cales só dez estiveran presentes no lugar dos feitos. Contra eles abriuse un xuízo oral por un presunto delito contra os dereitos fundamentais, procedemento que foi, sen éxito, obxecto de recurso. Mentres isto acontecía, a causa seguiu a engordar, chegando a estar composta por máis de 1.000 folios preparados para chegar aos xulgados do penal, onde se dirimiría se os supostos implicados cometeran un delito contra o dereito de manifestación. A acusación particular reclamaba penas de prisión de ata tres anos.

"O incidente foi solventado cunha actuación policial, resulta innecesario facelo transcender (...) á orde penal", din os maxistrados

Pero, ao contrario dos recursos, o que si chegou a bo porto foi unha impugnación perante a Audiencia Provincial da Coruña, que o pasado 29 de maio optou polo sobresemento. Nun auto a cuxo texto puido ter acceso este diario os maxistrados expoñen que "estamos ante un caso de contramanifestación que non necesariamente ten que ser sancionado penalmente, na medida en que o que se reflicte é unha situación de tensión entre os dous grupos", con "episodios que superaron o ámbito normal de comportamento" pero que "non chegaron a conformar a especialidade coactiva" que derivaría en delito, xa que para ese tipo penal cómpre "intensidade física ou psíquica que exteriorice unha vontade de impedir ou perturbar o exercicio do dereito" de manifestación. Ese "límite", sinalan, non o "alcanza a concentración paralela con eslogans, música e pancartas". A situación, abondan, pode ser "resolta", como aśi foi, "pola vía da inmediata actuación gobernativa", isto é, coa presenza policial.

Á marxe doutras cuestións, como as "intencións" de cadaquén, o mesmo auto considera que "non consta a individualización de actos de violencia ou intimidación", nunha reflexión que mesmo censura, en certo xeito, a actuación da xuíza que instruíu o caso -nun dos seus autos atribuía os feitos a "algún dos partícipes" na concentración-. "Dende o momento en que o incidente, que existiu, foi solventado cunha actuación policial, resulta innecesario, por excesivo, facelo transcender da esfera da pura orde pública á penal", conclúe. Así as cousas, o proceso xudicial alimentado dende a Mesa por la Libertad vén de ficar freado, cun sobresemento contra o que non cabe recurso. Só segue adiante outra causa paralela contra un dos participantes na contramanifestación que, presuntamente, agrediu a un membro do PP que acudira á cita da Mesa, pero noutro punto da cidade e unha vez disoltas as dúas protestas.
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 05-07-2012 22:15
# Ligazón permanente a este artigo
O galego will survive
Unha montaxe audiovisual do IES de Chapela, en Redondela, acada case 15.000 visitas nunha semana ao longo de 57 paises (desde Canadá ata Madagascar ou desde Xapón ata Nicaragua). Así se fixo e así quedou...Videos no interior.

Por Galicia Confidencial | Redondela | 04/07/2012


O Lipbub 'Eu Falarei', no que participaron os estudantes e a comunidade educativa do IES de Chapela está resultando todo un éxito. Logo dunha semana na rede, o vídeo foi xa visto por case 15.000 persoas de todo o mundo.

O día 5 de xuño de 2012, a comunidade educativa do IES de Chapela gravou, despois dun longo proceso que comezou co inicio do curso escolar, o LIPDUB EU FALAREI. É unha montaxe con música do "I will survive" de Gloria Gaynor, e cunha letra escrita polo EDLG de Chapela.

"Defensa" da lingua

O seu obxectivo; "un canto de amor en defensa da Lingua Galega, mais tamén é unha denuncia da situación que vive un idioma que esmorece lentamente vendo recortada a súa presenza nos medios de comunicación ou na propia escola, e que día a día perde falantes entre a xente nova", segundo comentan os propios autores.

Na gravación implicáronse activamente máis de 400 persoas entre as que están 120 actrices e actores e 29 cantantes. "Todos eles son alumnado, profesorado, persoal non docente, pais e nais, veciñas e veciños de Chapela, que quixeron neste LIPDUB dar alento a unha lingua, a galega, que hoxe e no futuro... precisa de nós.".



Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 05-07-2012 22:09
# Ligazón permanente a este artigo
A cooperativa de ensino popular ponse "ao servizo da sociedade" para a creación da rede de escolas infantís
Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


“Unha pata máis no banco” da futura rede privada de escolas infantís en galego. Este sábado vense de constituír en Compostela a Cooperativa de Ensino Popular Avoaescola (CEPA), un primeiro paso, pero decisivo, para a materialización no vindeiro curso “dun proxecto educativo laico, pluralista, democrático, en valores e de calidade, en calquera punto onde a cidadanía o demande”.

Tras a celebración da asembleea extraordinaria de Galiza co Galego (GcG), comisión promotora do proxecto, tivo lugar a constitución da CEPA, unha cooperativa que, en palabras do presidente de GcG, Francisco López, supón a posta en marcha “dunha ferramenta que se pon ao servizo e en mans da sociedade, dos mestres, dos educadores e dos pais e nais” co obxectivo de conformar no futuro unha rede de ensino que garanta tamén unha educación vehicular en galego, algo que xa facilitaban as galescolas durante o bipartito pero que quedou imposibilitado co novo Executivo do PP, logo da súa substitución pola rede da Galiña Azul, que non asegura o ensino da lingua propia do país nas idades máis temperás.

A cooperativa "posibilita" a pais e educadores a conformación dunha escola

Ante preto de 30 persoas, e logo de debater o proxecto económico e social “para unha escola en galego inclusiva” e constituír a CEPA, súbese un chanzo máis na construción dun proxecto que naceu hai xa tempo co compromiso de apoio -tamén económico- de máis de 3.000 persoas a Galiza co Galego (GcG), unha asociación que conta xa cun modelo educativo marco elaborado en colaboración coa a AS-PG e Nova Escola Galega, ademais do apoio de sindicatos educativos ou da Unión das Cooperativas de Ensino.

Constitúese así unha ferramenta que “fará posible que, naqueles lugares onde haxa a demanda de escola por parte das familias ou educadores se poida facer”, explica Francisco López, presidente de GcG, que aclara que o obxectivo da Cooperativa Avoescola é “posibilitar” a creación de escolas para que logo “os seus impulsores poidan constituír a súa cooperativa independente” e que en rede con outras fortalezan e expandan o proxecto”.

As achegas económicas chegan dos socios numerarios, e á vez socios da cooperativa, que crean un fondo de escola que garantirá a viabilidade dos centros de ensino asociados. “A cooperativa será a facedora da escola e a creadora de dinámicas de traballo, así como da contratación de mestres e persoal educativo”, engade. “O capital económico conseguirase na medida na que o capital humano responda”, insiste López, que advirte que xa hai un fondo creado.

“A cooperativa será a facedora da escola e a creadora de dinámicas de traballo, así como da contratación de mestres e persoal educativo”

“As escolas que vai ter este proxecto dependen da iniciativa social, da iniciativa popular. O único que ten que ter a xente é decidirse e autoorganizarse”, engade o presidente de GcG, que insiste en que o proxecto é “o impulsor” dunhas escolas que dependen tamén da implicación da xente que aposte por un ensino "en galego, laico, pluralista e democrático”
Comentarios (0) - Categoría: 00-Xeral - Publicado o 02-07-2012 13:09
# Ligazón permanente a este artigo
Caderno da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra








clocks for websitecontadores web


anuncia o portal na túa web




O meu perfil
cequipnormalizacion@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal